escolma poética
DESCRIPTION
Escolma de poesía para conmemorar o Día da Poesía 2014TRANSCRIPT
O POEMA
Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e ternura, desángase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxere
mundos posibeis e imposibeis,
suda, cansa, sente sede e fame,
adoece, agoniza.
E nunca morre.
Manuel María
De A Luz Resucitada, 1984
DE PASEO
Aí vén a Caracola,
paso a pasiño;
non a apuren que trae
consigo o fillo.
Ela vai churrusqueira,
vai moi garrida;
leva unha flor moi branca:
a margarida.
O fillo pequerrecho
témelle ó sol
e leva de sombriña
un xirasol
Anisia Miranda
O MEU ARCO DA VELLA
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de cores.
Ten no teito unha tella.
Ten no leito unhas flores.
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de amores.
Feito de bicos semella
e pintura dos solpores.
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de arrolos.
El entra pola xanela
ás veces con algúns choros
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de xogos.
Para taparme as orellas
se estoupan bombas e fogos.
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de risas.
Xoga connosco ás carreiras
empurrado polas brisas.
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de caricias.
Dounas, danmas e repito.
Compartimos as ledicias
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de libros.
Imos con eles ó campo
para que lean os grilos.
Teño un Arco da Vella.
Teño un arco con xiros.
Á dereita, á esquerda,
el guía os nosos navíos.
Lourdes Maceiras
O ARCO DA VELLA
O arco da vella
veu cunha cantiga
roubada da chuvia
e deulla a Mariña.
O arco da vella
trae sete colores
que aprende Mariña
xogando coas flores.
O arco da vella
ve chegar o sol
e vaise amodiño
como un caracol.
Helena Villar Janeiro
ARCO DE VELLA
Arco de vella, arco de vella,
ponnos o ceo limpo e azul.
Arco de vella, riso das nubes,
as sete cores fillas da luz.
A vermella está no viño,
nos beizos e nas cereixas,
nas fazulas dos rapaces
e nas feridas das guerras.
Vive a laranxa no lume,
parte o nome coas laranxas,
tingue o cabelo do sol
cando o sol toca as montañas.
A amarela anda no mel,
no millo e mais no centeo,
no sol e nas bolboretas,
nas follas que tira o vento.
Corre a verde polos prados,
repousa nas matogueiras,
está na pel das mazás,
vive no limo das pedras.
Azul e anil van no mar,
as dúas son mariñeiras.
Azul gusta de voar
e case toca as estrelas.
Violeta anda nas flores
e recende coma elas.
É unha cor moi delgadiña,
case se perde na néboa.
Marica Campo
A brétema
A brétema, ¿tu sabes?, é ceguiña:
os piñeirales pouco a pouco explora,
i anda sempre descalza, e si se espiña,
sangrar, non sangra; pero chorar, chora...
¡Chora copiosamente a pobresiña!,
como chorou Jesús, cal chora a aurora;
i en maus do sol é cada lagrimiña
derramada, unha estrela briladora...
¡Lagrimiñas preciosas!, recollelas
mil veces se me ocurre, pra con elas
facer... (si xa non soño, ¿que eu faría?)
¿Unha sarta me pides? Lograreina,
¡como un rei a quixera pra unha reina!,
como nunca se veu na xoiería.
Antonio Noriega Varela (para a súa filla Cándida)
DE CIDADES
Cando choro,
fágoo sempre sobre os mapas,
para que chova sobre as cidades preferidas.
As cidades dos mapas,
aquelas que se poden percorrer
co perfil perdido da mirada,
e viaxar dunha a outra nun segundo,
abarcalas todas,
ou vivir en todas e en ningunha.
Son as cidades dos mapas,
as urbes sobre as que sempre choro
cando estou desconsolado.
Fran Alonso
DE CIDADES
Os camións entran na cidade
pola estrada principal
abaneando
o seu corpo torpe
de elefantes feridos buscando malembe.
Gústame velos no porto,
ó atardecer,
enchendo de sardiña
os seus estómagos baleiros.
Fran Alonso
DE CIDADES
Cando chega a chuvia
parece de fideos.
Na cidade chove en amarelo,
e cando chove nada se ve.
A min gústame correr baixo a chuvia de fideos,
e sentir como me enchoupan o pelo,
como me mollan os pés de amarelo,
e como saben a canela e azafrán.
E logo gústame marchar para a cama
a soñar co seu sabor ata que sae o sol.
Fran Alonso
DE CIDADES
Na cafetería hai flores
de plástico que medran e se enredan
e soben ata o teito
e forman unha selva
e atravesan a barra
apousentándose nas mesas e gabeando
sobre a caixa rexistradora.
Medran coma xirafas e nunca devoran
os clientes porque son artificiais.
O local chámase Café Tropical.
Fran Alonso
A MALA IDEA
Parte meteorolóxico.
Fóra hai tormenta,
eu por dentro, vivo atormentado.
Estes dous temporais a un tempo
son difíciles de soportar.
Gardo o bañador.
Non é momento de praia.
Fernando Rodríguez Gómez
A MALA IDEA
No coche de linea
vai sentada unha meniña
cólganlle as pernas.
Mira pola ventá
e ve o mundo.
Tampouco ela entende nada.
Fernando Rodríguez Gómez
A MALA IDEA
Para a vellez
terso que facerme cun bastón que me sosteña
unhas zapatillas de esparto e unha barba mal afeitada.
Para a vellez teño que ter
algúns pelos nas orellas
un pantalón que me quede ben frouxo e unha camisa de raias.
Para a vellez teño que lograr unhas mans que digan algo
e gozar da esperanza que agora falta.
Fernando Rodríguez Gómez
A MALA IDEA
Era tan bo fulano
que pasou toda a guerra
matando o tempo
Fernando Rodríguez Gómez
IRMÁUS
Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.
Celso Emilio Ferreiro
MORAIMA
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.
Celso Emilio Ferreiro
BICOS NA VOZ
Dous e dous son catro bicos
Seis e seis son moitos máis
pero a ti, nena fermosa,
Un cento quéroche dar.
Tes uns ollos feiticeiros
que semellan de cristal;
tes uns beizos de mapoula
que sempre quixen bicar.
Cinco e cinco son dez bicos.
Dez e dez son moitos máis.
Pero a ti, nena fermosa,
un millón quéroche dar.
Antonio García Teijeiro
PASENIÑO, PASENIÑO
Da nena que xoga
cos raios do sol
uns din que está tola
e algúns din que non.
Sentada na escuma,
cabelo das ondas,
soterra na area
as finas raiolas.
Con elas colora
estrelas de mar,
caracolas, cunchas,
algas e corais.
E con elas tingue
de bronce os solpores,
de néboa os abrentes,
as nubes, de cores.
O ceo, de fume;
os soños, de azul;
os ríos, de seda;
e os cumes, de luz.
Da nena que xoga
cos raios de sol
uns din que está tola,
¡eu digo que non!
Antonio García Teijeiro