guÍa do alumnado - consellería de cultura, … na noite estrelecida (1926) cuestións: 1....

45
1 GUÍA DO ALUMNADO 2º DE BACHARELATO LITERATURA GALEGA DO S. XX MATERIAS OPTATIVAS Xunta de Galicia Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Instituto de Ensino Secundario (IES) San Clemente Rúa San Clemente S/N 15705 Santiago de Compostela Teléfonos: 981 580496, 981 580366 Fax: 981 572190 Correo Electrónico: [email protected]

Upload: doanhuong

Post on 04-Oct-2018

222 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

1

GUÍA DO ALUMNADO

2º DE BACHARELATO

LITERATURA GALEGA DO S. XX

MATERIAS OPTATIVAS

Xunta de Galicia Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Instituto de Ensino Secundario (IES) San Clemente

Rúa San Clemente S/N 15705 Santiago de Compostela

Teléfonos: 981 580496, 981 580366 Fax: 981 572190

Correo Electrónico: [email protected]

2

O contido desta guía baséase no texto de: L. Bernárdez, Carlos e outros: Literatura Galega século XX, A Nosa Terra. A guía, para a adaptación á Educación a Distancia, foi elaborada por: Xosé Luís González Ucha e Alfonso Rey López. A MATERIA

Esta é unha materia optativa. O que vén a ela vai traballar moito. É necesario, pois, estar disposto a traballar moito e a ler. Se así se fai, non debe haber fracaso nesta materia. Aquí vense a aprender tanto en metodoloxía (procedementos), como en actitudes, como en coñecementos. O LIBRO DE TEXTO: Literatura Galega século XX, L Bernárdez, Carlos e outros. Edicións A Nosa Terra. ISBN: 84-95350-33-5

ÍNDICE

UNIDADE I:O segundo renacemento: a xeración das Irmandades. UNIDADE II: O grupo Nós. UNIDADE III: A “Nova xeración galega”. UNIDADE IV: A literatura galega entre a guerra e o exilio. UNIDADE V: “Galaxia” e a recuperación cultural de posguerra. UNIDADE VI: Poesía e teatro de posguerra. UNIDADE VII: A xeración dos 50. UNIDADE VIII: Tendencias da literatura galega actual (I). Poesía e ensaio. UNIDADE IX: Tendencias da literatura galega actual (II). Narrativa e teatro.

DISTRIBUCIÓN

1º TRIMESTRE: Unidades 1 a 3 inclusive. 2º TRIMESTRE: Unidades 4 a 6 inclusive. 3º TRIMESTRE: Unidades 7 a 9 inclusive.

MÉTODO O método teórico-práctico seguirá estes pasos:

O alumno desenrola un tema na casa. O alumno expón o seu tema, seleccionando dúbidas para consultar ao titor. O alumno realiza os exercicios propostos na casa. O alumno, que confeccionou o tema, autoavalíase, contestando os exercicios de avaliación propostos en cada unidade.

MATERIAL

O alumno debe dispoñer do seguinte material: Libro de texto. Guía do alumno. Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.

Dicionario galego. Calquera.

3

LECTURAS

A esmorga, E. Blanco Amor. Primeira avaliación Os escuros soños de Clío, Carlos Casares. Segunda avaliación Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro.Terceira avaliación O alumno deberá contestar obrigatoriamente a pregunta de control de lectura do libro

respectivo para cada avaliación, que se formulará como primeira cuestión e será unha condición necesaria para corrixir o resto do exame. ACTITUDE

O alumno debe abordar esta materia coa disposición e gañas de aprender que lle son propias a quen se está formando e informando. Por iso consideraremos básicos valores como o traballo e o esforzo.

O alumno debe estar en contacto e colaborar co titor e, a ser posible, con outros compañeiros. Por iso consideraremos tamén como básicos outros valores: solidariedade, respecto… etc.

ACTIVIDADES: Actividades para enviar ao titor:. Estas actividades poden variar, sendo o propio titor quen selecciona e determina as máis adecuadas en cada caso. Cada unidade, é dicir cada 15 días, poderás remitilas ao titor. Actividades de autoavaliación: Ao remata-lo estudo de cada unidade deberás contestar a estas actividades formuladas na guía. O Solucionario recollido na presente Guía permitirache a autoavaliación. CRITERIOS DE AVALIACIÓN E ACTIVIDADES

*Establecer Relacións entre unha obra representativa dun autor, ou dunha época co contexto sociocultural no que se produciu.

*Interpretar textos e obras literarias tendo en conta a estrutura da forma literaria á que

pertence e a técnica empregada. Facer unha análise métrica e comentar os recursos máis salientables, tendo en conta o tipo de texto. ACTIVIDADES E PROCESO DE AVALIACIÓN PRIMEIRA AVALIACIÓN UNIDADE I: O segundo Renacemento: a xeración das Irmandades (páxinas 9-41 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a) Establecer relacións entre unha obra de Cabanillas ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Cabanillas ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada.

4

c) Explicar os aspectos máis importantes da literatura da época das Irmandades e de Cabanillas e outros autores da época e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1.-Explica que eran as Irmandades da Fala. 1.2.-Fai un cadro sinóptico da produción literaria da época das Irmandades: Lírica, narrativa e teatro.

2.- Actividades de autoavaliación:

TEXTO 1:

Nun nimbo lumioso surde o bardo adivino, envolveito en brancuras recendentes de liño, ollos gazos, prefundos, longa barba frorida, cingue a frente coas hedras da coroa druida e na man, que reloce como un lirio bendito, ten a fouce de ouro do litúrxico rito; a fouce segadora da mandragora, ao raio de feitizo e de agoiro dos luares de Maio.

É Merlín o profeta, o celta ármoricán, dos silfos e das lumias ollado por irmán, sabidor dos encantos e os máxicos conxuros, das virtudes das herbas e dos fados escuros, que nos eraros dos bosques e os baixíos costeiros deprendéu o diviño lenguaxe dos luceiros; o bardo das edades, o da segreda cencia que a terra fixo súa, impóndolle obedencia ás ágoas da riada, aos rochedos do cume, ás nubes da tormenta, á ardentía do lume.

CABANILLAS: Na Noite estrelecida (1926)

Cuestións: 1. Aproximación ao texto 2. Contido 3. Forma: 3.1. Métrica 3.2. Recursos estilísticos TEXTO 2:

"En col da morte de Bieito.

Documento fiducial topado non se sabe no fondo de que gaveta" Foi perto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ao probé Bieito. (D'os catro portadores d'o cadaleito eu era un). Sentino ou foi aprensión miña? Destonces non podería

5

asegural-o. ¡Foi un rebulir tan maino!... Como a incansable puvulla que rila, rila n'a noite, rila de entón n'o meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir. Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e pol-o tanto —comprendede, escoitade— pol-o tanto non podía, non debía dicir nada.

Maxinade n'un intre que eu dixera: "o Bieito vai vivo". Todal-as testas alpeces d'os velliños que portaban cirios ergueríanse n'un bobalicón aglayo. Todol-os picaros que viñan estendendo a palma baixo o pingotear d'a cera, virían en remuíño ao redor meu. Apiñocoríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por todol-os beizos un marmular sobrecolleito, insólito: —O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo... Truncaríase en seco a marcha fúnebre que plañía n'os bronces d'a charanga. O planto d'a nai e d'as hirmáns calaría como gaita apuñalada. Y-eu sería o gran revelador, o salvador, sarteo de todol-os asombros e de todal-as gratitudes. Y-o sol n'a miña face cobraría unha importanza imprevista. ¡Ah! E si destonces ao ser aberto o cadaleito a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magno asombro viraríase macabro e incomensurábel ridículo. Toda a arelante gratitude d'a nai e d'as hirmáns, tornaríase rabia de defraudación. O martelo espetando de novo a caixa tería un son sinistro e único n'a tarde estantía Comprendedes? Por eso non dixen nada.

Houbo un intre en que pol-a face d'un d'os compañeiros de fúnebre carga, pasou a insinuación livián d'un sobresouto, como si el houbera sentido tamén o velaíño boligar. Mais non foi máis que un lampo. Inmediatamente ficou sereo. E non dixen nada.

Houbo un intre en que casi me decidín. Dirixínme ao d'a miña banda e acobexando a pregunta c'unha surrisa de retrouso insinuei: —E si o Bieito fora vivo?― O outro rieu picaramente como quen dí: “que ocurrenzas temos", y-eu amplifiquei adrede a miña falsa surrisa de retrouso.

Tamén estiven a punto de decil-o n'o camposanto, cando xa pousáramos a caixa e o crego requeneaba. "Cando o crego acabe", pensei. Mais o crego acabou e a caixa desceu n'a coba sen que eu poidera dicir nada.

Cando o pirmeiro cadullo de terra vicado por un neno petou dentro d'a coba n'as táboas d'o ataude, rubíronme hastra a gorxa as verbas salvadoras...Estiveron a punto de saír. Mais destonces acudeu novamente ao meu maxín a casi seguranza d'o tremendo ridículo, d'a rabia d'a familia defraudada si o Bieito se topaba morto e ben morto. Endemais o decil-o tan tarde acrecía desorbitadamente o ausurdo. Como xustificaba o non habel-o dito denantes? E non dixen nada...

Todo o día, meus amigos, andiven tolo de remorsos. Vía ao probe Bieito grafiñando as táboas n'ese espanto ausoluto, mais alá de todo consolo e de toda conformidade, d'os enterrados en vida. Chegoume a parecer que todos lían n'os meus ollos adormiñados e lonxanos a ousesión d'o delito.

E ala pol-a alta noite —n'o puden evitar— funme camiño d'o camposanto, ca solapa subida, pegado os muros.

Cheguei. Non tiven que brincar valo porque non o había.

Arrecadeime cautamente ao lugar aínda removido d'o sepelio. Deiteime n'o chan e pousei a ourella. ¡O que ouvín xioume o sangue! N'o seo da terra unhas uñas desesperadas rabuñaban n'as táboas. Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho... Mireino... E nada mais. Pol-o

6

camiño que pasa a rentes d'o camposanto sentín pasadas e romor de fala. Viña xente. Destonces si que sería ausurda, inxustificábel a miña presenza.

Iba a decir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo? E fuxín c'a solapa subida, pegándome aos muros.

A lúa era chea y-os cans latricaban lonxe.

RAFAEL DIESTE: Dos arquivos do trasno (1926)

1. Localiza algún recurso no texto. 2. Localiza algún apelo e indica a súa función. 3. Segundo as teorías de Dieste sobre o conto, onde debe concentrarse a forza do relato e por que? 4. Recursos que acentúan ese estoupido final. UNIDADE II: O grupo Nós (páxinas 57-88 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a) Establecer relacións entre unha obra de Pedrayo, Castelao ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Pedrayo, Castelao ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da literatura da Xeración Nós e de Pedrayo, Castelao e outros autores da mesma xeración e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1.Explica que era a Xeración Nós. 1.2. Fai un cadro sinóptico da produción literaria da Xeración Nós: Lírica, narrativa e teatro.

2.- Actividades de autoavaliación: TEXTO 3: “Os monumentos navegaban como navíos de alto bordo ideal no arquipélago clase media, da cidade administrativa e militar. Polo serán, despois dunha pequena sesta atopou unha praza sen carácter. Presidía un moderno edificio gótico de ebanistería. Pasaba un grande coengo. Cara de labrego castelán ben mantido, de infladas fazulas redondas, rasurado duramente, todo poliédrico na súa forte e pequena estatura. Rexo, dogmático, home de letras. Orgullo imperial. Lembroulle unha testa de frade que el vira nos ornamentos do sepulcro de Ordoño II na catedral de León. (...)

Escribindo á nai, tivo unha punxente sensación de lonxanía poñendo no sobre: Galicia...”Estarei doente da ridícula saudade? Aínda teño moito que refacer en min”.

RAMÓN OTERO PEDRAYO: Arredor de si (1930)

Cuestións:

7

1. Aproximación ao texto. 2. Contido. 3. Forma.

TEXTO 4:

Vou contarvos un conto triste.

A pouco de casar doña Micaela comenzou a facer camisiñas; mais a súa ilusión abateuse de súpeto e con bágoas nos ollos meteu nun frasco de augardente o froito merado dos seus amores.

Doña Micaela escribiu nun papeliño: Adolfo, 12 de Maio de 1887. Pegou o papeliño no frasco e dispois de bicalo tristemente gardouno no armario das sabáns de liño.

Non vos riades, porque o conto é triste. Aínda no decorreran catro meses e doña Micaela comenzou a traballar novamente nas

camisiñas. A boa fidalga regalábase cavilando no herdeiro que xa estaba en camiño do mundo, e por segunda vez doña Micaela ollou murchas as súas ilusións de nai, e con fonda tristura meteu en augardente o novo froito merado dos seus amores.

Doña Micaela escribiu: Rosa, 7 de Xaneiro de 1888. Pegou o papeliño no frasco e moi amargurada gardouna no armario das sabáns de liño.

Non vos riades, porque o conto é triste. A probe señora chorou tres veces máis e meteu noutros tantos frascos de augardente un Pedro,

un Ramón e unha Alicia. Non vos riades. A boa fidalga decatouse de que non aloumiñaría endexamais un fillo verdadeiro e, cos seus

grandes azos maternos, adicou a vida enteira ao coidado garimoso dos frascos de augardente. ¡Triste vida!

Non, non vos riades, porque o caso é triste. Cando unha fanada ilusión cumplía anos doña Micaela remudáballe o augardente. Tódolos días

bicaba os frascos e arrombaba os laciños de seda que cinguían as vincas dos frascos de Rosa e de Alicia.

A boa fidalga chegou a vella e tiña criadas de tanto ben que andaban coas chaves dos armarios e gobernaban a casa.

Un día chegou diante de doña Micaela unha das criadas. Viña tan cortada que non podía falar; mais a probe muller tirou consigo e pouco a pouco foi connfesando entre saloucos:

-¡Perdón, miña ama! ¡Ai, que desgracia, señora! O señorito Adolfo caeume das mans e rompeuse.

E no intre doña Micaela esmoreceuse para sempre.

ALFONSO R. CASTELAO: Cousas (1926).

Cuestións: 1.- Título e interpretación. Estrutura do texto: forma e contido. 2.- Análise do tipo de prosa utilizada nel. 3.- Por que o narrador di tantas veces “non, non vos riades, porque o caso é triste”? 4.- Xustificar que é unha “cousa” de Castelao. 5.- Significado e sinónimos das palabras ou expresións en negriña.

8

Unidade III: A “nova xeración galega” (páxinas 107-132 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Amado Carballo, Manuel Antonio, Rafael Dieste ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Amado Carballo, Manuel Antonio, Rafael Dieste ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da literatura da “nova xeración galega” e de Amado Carballo, Manuel Antonio, Rafael Dieste e outros autores da mesma xeración e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1. Explica que era a “nova xeración galega”. 1.2. Fai un cadro sinóptico da produción literaria da “nova xeración galega”: Lírica, narrativa e teatro.

2.- Actividades de autoavaliación: TEXTO 5:

DESCOBERTA

Quen fechou esta noite a fenestra azul do Mar?

Este Mar fuxitivo de tódalas riveiras

Náufrago do neboeiro que desviou o rumbo dos puntos cardinaes

Ficaron as gavetas

tres singladuras a sotavento Desourentáronse os arroaces

intrusos e impunes

Hoxe ninguén da ca relinga pra aferrar os panos do horizonte

E este serán tampouco engaiolarémo-lo Sol

O sol era un paxaro triste

que se pousaba no penol.

MANUEL ANTONIO: De catro a catro (1928).

Cuestións: 1. Aproximación ao texto

9

2. Contido 3. Forma TEXTO 6:

INTENCIÓNS

Encheremol-as velas c'a luz náufraga d'a madrugada

Pendurando en dous puntos cardinaes a randeeira esguía d'o pailebote branco C'as suas mans loiras acenan mil adeuses as estrelas

Inventaremos frustradas descobertas a barlovento d'os horizontes pra acelerar os abolidos corazóns

d'os nosos veleiros defraudados

Halaremos pol-o chicote d'un meridián innumerado

N-a illa anónima de cada singladura esculcaremos o remorso d'a cidade

Ela noitámbula desfollará como unha margarida prostibularia a Rosa d'os Ventos d'o noso corazón

Encadearemos adeuses d'escuma

pra todal-as prayas perdidas Xuntaremos cuadernos en branco

d'a novela errante d'o vento. Pescaremos n-a rede d'os atlas

ronseles de Simbad

E cazaremol-a vela sobre o torso rebelde d'as tormentas pra trincar a escota d'unha ilusión.

MANUEL ANTONIO: De catro a catro (1928)

Cuestións: 1. Pon en relación a viaxe coa estrutura do poema. 2. Comproba que tempo se emprega ao comezo de cada estrofa. Que sentido global ten a viaxe no poemario?

10

3. Recursos máis empregados. A que movementos poéticos remiten estes recursos? 4. Símbolos no poemario 5. No nivel léxico-semántico, que mundo referencial predomina?

TEXTO7:

GÁNDARA N-aquel biduído dos bidos louzanos o páxaro Sol non pía seus raios e morre de amor.

N-aquel biduído dos lanzales bidos o páxaro Sol non criba seus píos e morre de amor.

Non criba seus ritmos, non pousa seus raios e albean de frío os albres delgados e morren de amor.

Non ceiba seus raios, non tece seus fíos e albres e mámoas albean de frío ca poldra que morre no mato cativo.

FERMÍN BOUZA BREY: Nao senlleira (1933).

Cuestións: 1. Explica o neotrobadorismo neste texto. 2. Xustifica no texto algún recurso trobadoresco empregado. 3. Con que movemento se emparenta o emprego de personificacións? 4. Comenta a substitución do refrán por un verso no último dístico.

TEXTO 8:

Esfinxe. Berce e cova da distanza. Agulleiro de camiños Dúbida pedrificada:

¡Si prá lúa, maina lúa, o meu vieiro guiaras!

Rosa dos ventos. Cimiterio das pegadas. ¡Ai, eco si eu tamén multipricara!

MANUEL LUIS ACUÑA: Fírgoas (1933)

11

Cuestións:

1. Que describe o texto? Identifica as equivalencias das imaxes empregadas con estes dous referentes. 2. Estamos en presenza dalgún proceso vangardista? 3. Que posibles asociacións pode facer o lector da palabra "Esfinxe" neste contexto? 4. En que momento aparece explícito o "eu lírico"? SEGUNDA AVALIACIÓN Unidade IV: A Literatura Galega entre a guerra e o exilio (páxinas 149-174 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Ramón de Valenzuela, Antón Alonso Ríos, Silvio Santiago, Lorenzo Varela, Luís Seoane ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Ramón de Valenzuela, Antón Alonso Ríos, Silvio Santiago, Lorenzo Varela, Luís Seoane ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da literatura galega entre a guerra e o exilio e de Ramón de Valenzuela, Antón Alonso Ríos, Silvio Santiago, Lorenzo Varela, Luís Seoane e outros autores da mesma xeración e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor 1.1. Describe brevemente a situación de Galicia nos primeiros anos do franquismo e o panorama cultural da diáspora galega. 1.2. Fai un cadro sinóptico da produción literaria no exilio: Lírica, narrativa e teatro.

2.- Actividades de autoavaliación TEXTO 9:

EMIGRANTE

Quen son eu, quen me trouxo, quen me ten de levar? Lonxe quedou o muíño, tamén lonxe o piñeiral. Quen é o veciño meu, o polaco que chora ardentes bágoas, ese loiro rapaz que non vai ao traballo porque di que o mencer ten veneno de serpe? Quen son eu, quen me trouxo? E quen me levará deste inferno das moedas ao ceo da caridá?

12

¡Meu muíño de pan! ¡Meu piñeiral! ¡Meu lar!

LORENZO VARELA: Lonxe (1954).

Cuestións: 1. Tema do texto e xustificación. En que outros libros e autores do exilio percibimos estas mesmas preocupacións? 2. Que sentido teñen neste contexto que o "mencer ten veneno de serpe" e que vive nun "inferno das moedas"? 3. Na poesía do exilio, Que tipo de protagonista predomina?, É este un exemplo desta concepción? 4. Localiza algúns recursos no texto. UNIDADE V: “Galaxia” e a recuperación cultural de posguerra (páxinas 191-210 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da narrativa galega de posguerra e de Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1. Describe brevemente a situación de resistencia cultural no interior nos primeiros anos do franquismo. 1.2. Enumera as liñas temáticas da narrativa de posguerra nesta época 1.3. Fai un cadro sinóptico da produción narrativa de posguerra.

2.- Actividades de autoavaliación: TEXTO 10

A VOADORA DE SERANTES Estaba Manuuel Páramo botándolle un feixe de herba ás vacas, e a muller apoleirando as galiñas, á caída dunha serán de verán, cando delambos ouviron un asubío mesmo derriba das súas cabezas. Miraron para o ceo, a ver de onde viña aquelo, que pasaba de asubío a trono, e viron pasar voando, nunha banqueta, á señora María de Fontes, que era conocida pola Voadora de Serantes, aínda que ninguén sabía de onde viñera o apodo. Pro ben sabía que era acertado, que a señora María voaba. Manuel e a súa muller correron a darlle o parte aos vecinos de deloutra banda do río. O señor Bastían de Cosme, liando despacio un cigarro, comentou:

—¡Non sabía que fose meiga!

13

E non lle deu importancia ao asunto, recomendándolle a Manuel e maila muller que calasen o conto e non se metesen na vida de nadie.

—Cadaquén gaña a vida como pode, sentenciou. Pro ao día seguinte, o señor Bastían chamou a Manuel Páramo, e díxolle que aquela noite despertara soñando coa señora María de Fontes, e que se lembrara de que a tal morrera facía polo menos tres anos, e que vindo el no Castromil, cruzárase co xente que viña do cabodano. Estando falando do asunto Bastían e Manuel, escoitouse outra vez o asobío mui forte, que durou ben os seus cinco minutos.

—¡Esa tola seica quer levar os nosos tellados!, dixo o señor Bastían. A verdade foi que non deixou nin unha soia mazá nos mazaeiros. O señor Bastían foi visitar a un amigo, que era fogueteiro e chamábanlle O Gaiteiro de Vedra, e encarregoulle catro bombas de palenque, as máis potentes que fixera nunca. O señor Bastían e Manuel Páramo montaron garda coas bombas na man e a mecha presta, agardando a que pasase voando María de Fontes, sentada na súa banqueta. Choveu catro días seguidos, e logo escampou, e veu un día fermoso e soleado.

—¡De hoxe non pasa!, dixo o señor Bastían. E así foi. Eran as seis dadas cando se escoitou o asubío de cando en vez interrumpido por uns tronos xordos, que metían medo. María de Fontes viña polo aer, como a primeira vez que a vira Manuel Páramo, sentada na súa banqueta. O señor Bastián soplou no cigarro de a carto e prendeu lume na mecha das bombas de palenque, unha tras outra. Foron catro enormes estampidos seguidos que deberon escoitarse no Ferrol. Ouviuse un grande berro, e medio minuto despois caeron diante de Bastían e Manuel e as súas asustadas mulleres, unha zapatilla colorada e dous pesos amadeos. Ben mirada a zapatilla, resultou que estaba chea de plumas de corvo. Bastían e Manuel decidiron enterrar a zapatilla no monte, e repartir o capital. Pro aqués pesos amadeos estaban enmeigados. Pola noite, saían de onde os tiñan gardados o señor Bastían e mais Manuel Páramo, e andaban polo aer, petando contra as paredes, ou chinchándose a eles mesmos nas lousas das cociñas. Na casa de Bastían romperon un espello, e na de Manuel Páramo seis copas que había no aparador e que lle tocaran nunha rifa, en Ordes. Despois da noite de farra, os dous pesos volvían mui humildes ao lugar onde os pousaran os seus novos donos.

—¡Hai que cambíalos!, dixo Bastían. E foron delambos veciños a Betanzos e almorzaron ben, con remate de café e copa, pro ao ir pagar, o taberneiro deuse conta de que aqués dous pesos eran falsos, e enmourecían canto máis os miraba. Foi unha vergoña para Bastían e Manuel, os caes tiveron que contar a historia ao brigada da Garda Civil. Este pediulles aos dous amigos que lle regalaran os pesos falsos, que non lles servían pra nada, e ademais quitábaos de disgustos como aquel. Pro ao día seguinte, cando o brigada devandito llos amosou ao cobrador de contribucións, resultou que eran legais. Somentes se facían os falsos cando os querían cambiar.

ALVARO CUNQUEIRO: Os outros feirantes (1979).

Cuestións: 1. Analiza a estrutura deste conto 2. Que planos interveñen neste relato? e, Que elementos deses planos debemos destacar? 3. Sinala os elementos realistas e humorísticos que identifiques no conto. 4. Que representa a Voadora de Serantes?: Finalidade. TEXTO 11:

14

Cando chegaron o Quintín e os seus homes, atoparon unha mesta moitedume de homes, inmóvel, enchendo o adral, e greas de mulleres e rapaces no limiar das portas da eirexa. O lugar, o día de festa, as roupas de gardar e os panos rechamantes e ledos das mulleres, dábanlle a aquélo un aer de romaxe múo i estantío.

Os xendarmes, co tenientiño ao frente, fixeron algúns algareos e trotes dos cabalos arrincando faíscas coas ferraduras nas lousas do grande adro do Mosteiro.

Como a xente non se movía nin somellaba porlle moita atención aos alardes, o tenientiño sacóu o sable e todos sacaron os sables, e puxéronse en posición e quedaron quedos como si os foran retratar; e uns “americanos” do lugar de Coirós, que estaban axaxando na cima da torre con carís de rexouba, puxéronse a aplausar. O tenientiño fíxolle aceno ao cornetín, e o toque de atención rachóu o cristaíño aer de xunio. Todo moi propio e cabal, como un ledo e vello xogo de rapaces.

Agardaron outro pouco e como ninguén se movía, os xendarmes co tenientiño ao frente, meteron os cabalos entre o xentío pro ninguén abalóu e deixáronse caír sentados.

Entón o Quntín Amor e a súa xente, fóronse dando un arrodeo i entraron por unha porta do costado, pro resultóu que dentro da eirexa había outros homes e fixéronos saír pola porta aos arrepuxóns.

Sin máis toques de cornetín, os cabalos galloparon por enriba da xente; logo recuaron, sempre co tenientiño a carón; botaron pé a terra e fixeron dúas descargas..............

BLANCO AMOR: Xente ao lonxe (1972).

Cuestións: 1.- Características xerais das novelas galegas de Blanco Amor. 2.- Os narradores en “Xente ao lonxe”. 3.- Tema do fragmento. 4.- O realismo en “Xente ao lonxe”. 5.- Cita outras obras galegas de Blanco Amor. 6.- Significado e sinónimos das palabras en negriña.

Unidade VI: Poesía e teatro de posguerra (páxinas 237-262 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da poesía e teatro de posguerra e de Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e outros autores da mesma xeración e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1. Explica brevemente as características da poesía e o teatro de posguerra. 1.2. Fai un cadro sinóptico da produción lírica e dramática de posguerra.

15

2.- Actividades de autoavaliación: TEXTO 12:

FORASTEIRO Pra o poeta e amigo Carballo Calero

"Canto terror levamos os homes". Só estás, nista cidade coa que non tes soñado endexamais. Relembras os teus sinos, cuios sons fuxiron xa dos teus ouvidos. Paseias lentamente e con ninguén podes trocar o teu sorriso. Ollas pra ise edificio sen nais nas fiestras. Tes medo aos arrabás. Ti sabes que alí as bandeiras están abatidas i esfarrapadas. Coñeces que esiste unha hora solitaria coreada por un silenzo de morte. Ti sabes que todos os días hai un home morto que ninguén coñece aínda, en cuia ollada derradeira ficou unha praza valeira descoñecida pra il.

LUÍS PIMENTEL: Sombra do aire na herba (1959).

Cuestións: 1. Tema do poema: Imaxes de destrución 2. Cal é o contraste que se manifesta no texto? Identifica algunha imaxe que o indique. 3. Comenta o final do poema. 4. Fala do protagonista e fai unha caracterización dos obxectos.

16

TEXTO 13:

INVERNO Chove, chove na casa do probe e no meu corazón tamén chove. Dor da mau encallecida, dor da xente aterecida de frío polos camiños. Dor dos vellos e meniños. Dor dos homes desherdados e dos que están alfraxados. Mágoa da ferida allea. Dor dos que están na cadea, dos que sofren a inxustiza e viven baixo a cobiza. Mágoa e loito por tanto pranto que escoito. No meu peito, asulagado, soturno, fondo, calado, un río de amor se move. Chove, chove na casa do probe e no meu corazón tamén chove.

CELSO EMILIO FERREIRO: Longa noite de pedra (1962).

Cuestións:

1.- Contido. 2.- Forma.

TEXTO 14:

A POESÍA É VERDADE

Un procura a verdade por tódolos camiños, baixo as pedras, nas raigames escuras das olladas, máis ala das escumas i os solpores. Busco a verdade en ti, rexa poesía dos homes que labouran, tacto real das cousas que están e son, anque ninguén as vexa. Home total,

17

que vas e vés sin sombra polas rúas e tes a túa verdade nos curutos do mundo, no profundo da historia, na esperiencia dun día calisquera, e non ves os paxaros nin as nubes nin as lonxíncoas maus do vento dondo que acariñan o mundo dende sempre. Investiga a verdade do teu tempo i alcontrarás a túa poesía.

CELSO EMILIO FERREIRO: Longo noite de pedra (1962).

Cuestións:

1. Onde aparece o “Ti” lírico por primeira vez? 2. Estruturación do contido, que idea conforma o desenvolvemento do poema? 3. Segundo este poema, como concibe Celso Emilio a poesía?. Recolle os fragmentos nos que se expresa esta identificación. 4. Compara a idea poética de Celso Emilio coa de Álvaro Cunqueiro: fixa a túa posición, que non ten por que coincidir necesariamente con ningún deles. Ata que punto podían estar mediatizadas as ideas de ambos polo ambiente político da Ditadura nos anos 50? TEXTO 15:

RECOÑECIMENTO DE HAROLD GODWINSON Unha noite de cinza caíu sobor da terra, as linternas andaban soias por entre os mortos e nas feridas do máis ferido de todos Edith Swanehals poñía a luz violeta dos seus ollos por si aquel era Harold fillo de Godwin que ela amara tanto. E aquel mesmo era a boca pola que saía un fío de sangue pousada na boca terrea dunha toupeira.

Viña de lonxe o canto da mar. Edith sentouse a carón do morto e cun fio branco que tirou dos seus soñares comezou a tecer un pequeno pano pra tapar os ollos do Rei.

Escoitábase a mar, e mailas follas secas do bosque arremuiñando nos camiños entre os outeiros. A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer perto do morto, e cando saía a lúa misturou fíos azues da luz da viaxeira cos seus —as agullas iban e viñan en silencio as mans movéndose coma quen anaina un neno asegurándose de que aquel morto era Harold o mirar violeta de Edith adentrábase máis e máis nas escuras feridas,

18

recoñecendo o sangue do amante, e maila morte. Así foi que Edith xa estaba cega cando lle preguntaron quen entre aquelas sesenta ducias de mortos era Harold —este, dixo sinalando, a tentas, que facía cantar os reiseñores nas noites de verán cando me bicaba e me decía —Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos pro ti máis lentamente.

ALVARO CUNQUEIRO: Herba aquí ou acolá (1980). Cuestións: 1. Tema do poema. Liga esta información ao fermosísimo final, coa voz de Edith e a súa memoria amorosa. 2. Fala da estética culturalista do autor e doutros poetas galegos na mesma liña. 3. Identifica os elementos sobre os que reflexiona o autor no poema. 4. "A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer/ perto do morto, e cando saía a lúa/ misturou fíos azues da luz da viaxeira cos seus". Comenta a imaxe. TEXTO 16:

PENÉLOPE

Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove. Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mol coma unha uva. Pro ti envólveste en sabas de mil anos, i en sonos volves a escoitar a chuva. Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, Xesús María!, e toda cousa ha de pagar seu desmo. Desorballando os prados coma sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO: Nimbos (1961).

Cuestións: 1. Como está presente Galicia no poema?

19

2. É un poema social? Xustifica a túa resposta. Pon en relación a percepción de Galiza co tempo histórico de elaboración do poema na posguerra. 3. Con quen se identifica Galicia? Que referentes temáticos ligan Galicia coa muller de Ulises? 4. Localiza recorrencias no texto e analiza a temporalidade verbal. TEXTO 17:

LUÍR. PALPAR. TOCAR A ROCHA ARDENTE Luír. Palpar. Tocar a rocha ardente e o negro mar das tercas teimosías. Combarse no solar teito dos días. Vivir. Sentir tan milagreiramente. Ser unha ínfima parte. Un reverente latexo na lustral melancolía. Algo que estrala na cadea fría de anos pesando que un final presente. Seguir sendo unha voz que canta e crama. Arder na infinitude desta chama que ascende por os séculos e as rosas. Subir. Subir mais alto. Máis enriba. Arder nestas fogueiras prodixiosas... Onda da eterna luz. Da lume viva.

PURA VÁZQUEZ: Orballa en tempo lento (1995).

Cuestións: 1. Na poesía desta autora, a experiencia vital asóciase aos ciclos naturais. Localiza no texto algúns destes elementos. 2. Como se presenta no texto o paso do tempo?. Localiza este elemento. 3. Analiza o final do poema. 4. O poema organízase sobre dous termos: sinálaos e indica tamén as recorrencias léxicas asociadas a estes conceptos. 5. Localiza imaxes ligadas á permanencia da vida. Como cre a voz poética que pode realizarse ese ideal de permanencia?

TEXTO 18: AGORA CONTEMPLAMOS A MAR DE VIGO

(A Eduardo)

Amei a mar de Vigo. Amei a luz que modifica a doctrina dos astros a total curvatura que dá unidade ás formas cando a badía nace cada mañá

20

e ti agardabas. Foi o móvil primeiro. Amei o espacio único cando decrece a chuvia pola banda da Guía e a mar indefinida —paráfrasis celeste— pode entregar a luz. Amei o reino onde as aves inician unha curva melódica para morrer de amor nos outonos diáfanos do norde. Amei os días indecisos. Había un río inmóvil. Aínda ausencia implacable escribía nunha letra miuda a nosa historia e pechamos nun códice as derradeiras páxinas do amor. Opera omnia. Agora contemplamos a mar de Vigo xuntos. Vemos caer a noite nun equilibrio ingrávido e escoitamos a última sinfonía do crepúsculo nas avenidas interiores dun xardín en penumbra. Ben sei que ficarei neste sosego para sempre. Mentres cruzamos pórticos transparentes pontes iluminadas espacios sucesivos chegan coma mensaxe as horas extinguidas no axioma da existencia. Ben sei que ficarei neste sosego inda despois da morte

LUZ POZO GARZA: Códice calixtino (1986).

Cuestións: 1. Sinala dous conceptos emparellados no texto. Dentro das correntes poéticas xurdidas tras a guerra, onde situarías a obra de Luz Pozo tendo en conta este poema? 2. O contacto coa natureza leva ao éxtase. Procura no poema exemplos deste éxtase. 3. Sinala os elementos máis simbólicos do texto e a súa relación co significado global do poema. 4. Fíxate no temporalidade verbal da primeira e segunda parte do poema. Que se expresa con esa variación? O amor é unha vía de coñecemento como na poesía mística. Procura exemplos literarios deste concepto.

TEXTO 19:

ESCENA VII O coro entra. Arrodea a parellu real. Coma un enxamio de vésporas fungadoras. GERDA: Teño que falarche, Hamlet. Quererás agora ser rei de Dinamarca? Poderei eu asistirte co meu consello? Cando o teu pai, cando teus pais ían de guerra, eu dicía desde o trono si ou non.

21

Serás rei, Hamlet. Dubidas? Non hai guerra nas fronteiras, as arcas están cheas de ouro. Podes mercalo todo, podes mercar amigos e inimigos. Moito ouro, Hamlet. Os Hardrada derradeiros foron moi avaricentos. Dígocho en confianza. O ouro está todo amoedado, e agora haberá que mandalo oura vez á ceca, e que fagan un trinque novo co teu perfil: "Hamlet, pola gracia de Deus" Ponlle a man nas mans que Hamlet ten xuntas, coma se pregase. ¡Ergue, meu neno, esta testa pensativa! ¡Es un fermoso home! Sempre me pareciches moi fermoso. Unha vez tiven ciúmes de Ofelia, que che bicaba as mans, estas mans. En que pensas, que non me escoitas? HAMLET: Señora nai: dous asasinos ficamos sós na escena. Preguntóme se isto é o desenlace. Se eu seguise falando, preguntando, poderías contestar? Quizais metín, en xordas e longas horas, longas coma noites de inverno, preguntas en demasía nos meus petos. O coro, señora, podería ser testigo de que pregunto cun puñal na man á Raíña de Dinamarca que é o seu corazón, que foron o seu corpo e o seu leito. ¡Can doadamente se morre, miña señora! Agora é Hamlet que colle as mans da nai. Non querería asustarte, inocente pomba. ¡Non estou bébedo, nin sequera orgulloso! Gústame a túa compaña. Es unha muller alegre e conservas toda a túa fermosura. Será porque te amaron tanto? Segues usando leite de corza contra as enrugas, miña nai? GERDA: Hamlet, en verdade vivimos tan lonxe un do outro todos estes tempos, que somos máis un home e unha muller calquera que un fillo e unha nai. Nas sagas que nos cantaban de nenos, a min e a meus irmáns e irmás, as nais tiñan dereito aos fíllos entre nós, as estirpes reais, maritalmente. HAMLET: Señora serenísima, graciosa princesa, cingo co meu brazo o teu van. Agardemos a Poloño no xardín. Non virá ata que non remate as contas da la. Nunca se sabe, que un rei novo pode debutar comprobando as sumas. ¡Ese perfume que levades é un perfume de verán! Vai ben coa vosa idade. GERDA: Non ousaría pensar en ser dona de ti, Hamlet, se non me atopases fermosa, máis que nin- gunha. HAMLET: Sódelo moito. Quen non se namoraría de vós? GERDA: Pensando no que é e no que non é, e no que pode e non pode ser, deixando ir e vi-lo pensamento tal como vai na tona da auga o tecedor do río, preferiría ser dona de ti por amor, Hamlet, que pola forza do dereito antergo, aínda que costumes foran citados e exemplos de vellas vodas reais. HAMLET: Teño falado cos xuristas sobre esas vodas. Os romanos chámanlle a iso incesto. Hai nacións que coidan que un incesto fai que se espanten as estrelas, e abra a coda da terra deixando ve-las chamas interiores. GERDA: Eu escoiteille dicir a miña nai que era unha a xeito de escolleita sagra. ¡Ouh, xa sei que eran outros os deuses que rexían! Avanzan lentamente cara á porta que dá ao xardín. Gardarei un ano de loito e outro de alivio. Irasme facer compañía? ¡Teño medo a envellecer soa e sen músicas na miña cámara! HAMLET: Señora, non vos deixarei envellecer. Todo o que precisedes para non envellecer, eu volo darei, de carne e de alma. Unha flor tan amada debe chegar ao Xuício Final en todo o seu esplendor. ¡Axudareivos! ¡Sosegados aloumiños na carne case que propia! Sangues alleos, señora, non deben vir a entorpece-lo noso sino.

22

GERDA (Coa man dereita erguéndolle o rostro polo bico, apartándolle o cabelo da fronte, pousando ámbalas mans no peito de Hamlet): ¡Es moi fermoso, Hamlet! HAMLET: Señora, non miredes así para min. ¡Vénseme o sangue á cara! GERDA: Dixéronme que non coñecías muller, non si? HAMLET: Ata agora mesmo. ¡Xúroche que dixeron verdade! GERDA (A Raíña aprétase contra Hamlet, arrodea cos seus brazos o fillo, entrecruza os dedos de ámbalas mans na caluga de Hamlet): Escoitando as sagas antergas, pensaches algunha vez que eu pedería elixir un día, que podería pedirche ter un fillo de teu? Gústache a calor que dou? HAMLET (Sen arredarse da nai levando a pouco a man ata chegar ao empuño do longo puñal que leva ao cinto): ¡Teño que pecha-los ollos para poder dicirche que non! ¡Aínda non, señora! GERDA: ¡Deixarei sempre a porta entreaberta! HAMLET: ¡Aínda non, ña nai! Temos que pensar. Hai cousas que xa deixaron de usarse en Dinamarca. Quizais xa as xentes danesas non se lembren de cando a nai casaba co fillo, a irmá meirande co neno pequeno que criara. GERDA: Ámbolos dous vimos de avós nacidos de parellas nupcias. HAMLET: Si, e eu sempre me acomodei, señora, ás cortesías establecidas. ¡Cumpridor puntual dos costumes! Pero, hai outros baixos no meu corazón, e outras naos afondando. Hai outro pensamento que treme aí mesmo onde as túas mans aloumiñan miña caluga. Un pensamento que non sei se brota, ou se xa madurou, e vaise muchando. Unha voz sobe ata o meu corazón, un mandado imprevisto, frío coma o xelo mesmo, e luminoso coma o sol. GERDA: Cal, meu fillo? Hamlet chega coa man ao puñal, desenvaina, e rápido crava no ventre que o levou. HAMLET: ¡Este, señora miña! Non mandaches matar por ser fiel? Non me mandaches matar por ser fiel? A Raíña sóltase de Hamlet, esbara polo seu corpo ata caer no chan. Entra Poloño. Caída no chan, fala. GERDA: ¡E nunca lles tiven medo aos pequenos falcóns! ¡E non che tiña medo, Hamlet, fillo, amor! ESCENA VIII A Raíña está morta. O coro afástase de Hamlet. Algúns descobren o cadáver de Halmar, erguendo o tapiz para mirarlle o rostro. Outros fan o pranto arredor da Raíña. CORO: ¡Tapade o rostro con ámbalas mans, xentes de Dinamarca! ¡Abride as uchas e sacade os panos de loito! ¡Que alguén corra e chame aos máis vellos, e digan se se lembran de mortandade semellante e tan súpeta! ¡Hamlet, Rei e Señor noso, pon panos de liño nas rendas! ¡Hamlet, pon panos perfumados con menta! ¡Hamlet, es Rei! ¡Te-la xusticia dos reis antigos! ¡Hamlet, fuches moi mirado con túa nai! ¡Pensa en comer algo, Hamlet! ¡Os que ficamos aquí témonos que coidar! ¡Non marráche-lo golpe! HAMLET: ¡Unxido está o voso rei con sangue propio!

ALVARO CUNQUEIRO: O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959)

(fragmento) 1. A quen representa o coro? Por que está presente na escena VII? Participa nela dalgunha forma? 2. Que é un pranto? Desde cando está presente na literatura galega? Existe na literatura popular? 3. Infórmate sobre a figura de Orestes. Que teñen en común Hamlet e Orestes? Sabes quen era Edipo? Que é o "complexo de Edipo"? o Hamlet de Cunqueiro ten complexo de Edipo?

23

4. Sinala elementos que rompen o ton tráxico, Que función teñen eses elementos?

TERCEIRA AVALIACIÓN Unidade VII: A Xeración dos 50 (páxinas 275-301 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Uxío Novoneyra, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da poesía e teatro de posguerra e de Uxío Novoneyra, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas e outros autores da mesma xeración e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1. Explica brevemente as características da xeración dos 50. 1.2. En que consiste a renovación da linguaxe poética destes anos? 1.3. Que é a “Nova Narrativa”?. 1.3. Fai un cadro sinóptico da produción literaria da xeración dos 50: Lírica e narrativa.

2.- Actividades de autoavaliación: TEXTO 20: Podería chamar agora por Kerouac porque entre os dous hai un río de tristísimo outono pro contemplar as criaturas preciosas —xa sabedes: pérolas, ouro, cando non cristal lucente e mármore— de Bembo e miro atentamente o máis estéril —xema, libro, lámpada- que denote as propias bases ou pes de barro do meu verbo e agoire fremosamente a cousa a cousa a cousa formal

24

e inerte na que me vou erixindo coidadosa e artificiosa mente podería chamar agora por Kerouac ou mocedade perdida porque antre os dous escoa o río da morte.

XOSE LUIS MÉNDEZ FERRÍN: Con pólvora e magnolias (1976).

Cuestións: 1. Investiga sobre os dous escritores que se citan no texto. 2. Que pode representar neste texto o símbolo do río? 3. Analiza o final do poema, a volta a Kerouac que semella indicar? 4. Que representa o poema? TEXTO 21:

VIETNAM CANTO (1969) CUMES CUMES CUMES CUMES COM'ESTES ECOEN UNHA VEZ POR CADA MORTE VIETNAMMMMMMMMMMM VIETNAMMMMMMVIETNAMMMMMMMMMMM VIETNAMMMMMMMMMMM metan na casa a verba na cociña na mesa na cama xa está e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaar hastr'o berro que te acusa USAUSAUSAUSAUSAUSA un morto dous mortos tres / trinta mortos trescentos / tres mil mortos OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos tódalas os se volven ceros 0000000000000000000000 baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón do monzón na lúa do TEIT dá vergonza vivir dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA cándo remata un pobo? un pobo nace sempre non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca

25

seino por vós pobo como o meu GALICIA pequeniña sola cousa de todos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos morios mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos mortos

mortos mortos mortos caindo polos teletipos lúas de LI PO afondadas pra que a lus seña a A de

L1BERTÁAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAA

ouh canto de vós pequeno que non son de esta paz morta

noitenoite partir esta n / o / i /t / e en anacos que en cada un só quepia un home en pé entran nas cidades do SUL ESTE lonxe e xa todas son a aldeiña dó lado HUE SAIGON DANANG con irmaos e parentes meus galegos de a diario mais que nono esqueceron como nolo esquecemos tanto que ás veces perto chaman home e ollamos por quén

non son eu tamén quen eiquí quedo que estou matando eilí luxando GALICIA como se luxan KANSAS NEW JERSEY CALIFORNIA COLORADO IOWA nomes tan limpos?

perdón por esta paz PAZ en carteles xunto a COCACOLA PAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZ

26

pra tapar tanto tanto muro

valeiráronnolos nomes mais inda indainda pobo podo decir o teu con forza inda se pode decir o teu nome dos que alá cain podemos deles temos de novo nome: h o m e p o b o / MARÍA MARINO dinamiteira da FALA / h o m e – p o b o h o m e - p o b o

aquil por siglos foi un pobo como é o rneu

o meu por anos foi un pobo como é aquil

IRMANDIÑOS DE GALICIA V1ETCONG entre miña mai ANA amor iles entre iles amor ANA ti

tres estudantes en LUGO sin os nomes enVIGO MÉNDEZ FERRÍN co'il e vós MARÍA MARINO CHE bágoas 1967

non eu sei que cantar non é igoal perdón tamén por iste tempo cas palabras anque sinceiras tein tarde polos lados e puntos suspensivos calcados do refrixerador dun cañón ..........................................

o canto parou sin rematar

1968

UXÍO NOVONEYRA: Do Courel a Compostela (1988).

Cuestións: 1. Temática do texto. 2. A influencia das vangardas de principio de século neste texto. Relaciona a forma gráfica co contido. 3. Recursos máis importantes e exemplos. 4. Que cres que poden suxerir as maiúsculas coas que comeza o poema? TEXTO 22: Recorda o mar amigo que a ti vén amada o interminábel curvo rabo en celo sempre ás voltas

27

sempre a bater as ondas conta as pemas das costas desexando a praia. Na aguación dos teus ollos hai un plancton que me alimenta os peixes da esperanza. Eu non preciso o negro dos petróleos que anda a manchar sorríos portos abras. Para navegar máis ceibe que me dean ese negror con lúas dos teus ollos. Ese misterio fondo é quen me chama E se te toco coma un vento e se entro a conquistar o articulado enteiro da nova lei que en min es abrazada se moumeas perdida conectada ás vagas que veñen e te furan baixo o pubis, brincas tamén co chocoleo de onda en onda en ansia. Recorda as mans marullos que a ti tenden lombas tremor de gran bandeira nas túas dunas coxas no peito os teus outeiros e a túa furna acougo do mar que irremediábel te procura amada. Na aguación dos teus ollos hai un vieiro que entre estrelas me leva a outra galaxia.

BERNARDINO GRAÑA: Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1981).

Cuestións: 1. O poema ordénase en dous eixes básicos, indícaos e sinala os elementos léxicos que corresponden a cada un dos polos. 2. Como se manifesta no texto o dinamismo vitalista? 3. Comenta a palabra “ollos”. 4. Compara este poema co xa comentado de Luz Pozo Garza. TEXTO 23:

A CASA AZUL (Homenaxe pequena a Samuel Beckett) Rosa tina vinte anos e non era fremosa nen nada. Movíanselle, moito e nervoso, os ollos grises. Tiña o labre superior fino coma o gume dunha navalla de afeitar. O inferior caíalle, pendíalle, groso, gris, rogoso, coma unha mazá murchada. Vivía na aba da montaña, xustamente ao saír da cidade, no lugar ermo onde erguen o lombo timidamente, coma animais rastreiros, as chouzas dos mendigos. Había un ano que vivía amigada co Portugués. —Portugués, téñoche que decir. Estou en estado O Portugués cala. O Portugués ten un bigode imbécil. O Portugués cuspe por un dente.

28

—Estás en estado. Non é? Rosa treme. Rosa cai coma un arboriño abatido. E il di: —Non fága-las comedias. Cómpre que vaias á Casa Azul. Ela érguese. Rosa vai e érguese. Rosa érguese nun chouto e agarra ao Portugués polas lapelas, descobríndolle o peito peludo, estreito. —Á Casa Azul? Á Casa Azul, Portugués? —E logo por que non? Irás á Casa Azul. É o costume. —Non sei o camiño, —Ti xa sei que che gestaría non ir, e quedarmos coma porcos, dispensando, cos da Casa Azul. —Teño medo. —Iso xa. Non ías ti ter medo? Iso xa. Pero sabes que máis? Tes que ir. E non lle deas voltas. Ademais a Casa Azul é fremosa. Ten dúas torres traslúcidas e a lus entra polas paredes e alí as mulleres son felices. —E ti como é que o sabes? —Pergúntallo ás mulleres do bairro. Dinno todas. —Portugués, escoita unha cousa. No teu pobo tamén van as mulleres á Casa Azul?

—Non. —E logo por que queres que vaia eu? —Porque ti es de eiquí. Ouviches? E eiquí van as mulleres á Casa Azul en canto preñan.

Está? É o costume. —Pero ninguén o manda. Ninguén o manda. Eu teño medo e non vou. Rosa agacha a cabeza, morde o groso labre de abaixo. Chora. Unha raiola de sol ledo, de

mañá, entra por unha regandixa e incide sobre a cama desfeita onde xace o Portugués. Rosa espeta o papo no peito. Logo abre moito os brazos e move os dedos da mao freneticamente e berra:

—Sodes unha presa de cagados... Non hai homes no bairro. Sodes mariolas. Estades todo o día deitados, mentres as vosas mulleres desfán os riles apañando nas colillas. Vivides de señoritos, queréde-lo caldo con sustancia, traballades un día por somana, mallades en nosoutras cando vos peta... E nos calamos. As mulleres a calar. E de cada vez que empreñamos, veña, á Casa Azul, espelirse... Non tedes vergonza. Non sodes homes. E escoita isto: non vou á Casa Azul. Eu rióme do costume.

O Portugués blasfema. Dálle, ademais, unha losqueada á Rosa. Despois ela cai no chao e bárreselle o senso por segunda vez. O portugués cuspe de lado e bícaa nos ollos. Pasa un pouco de tempo e ela esperta.

—Teño que ir, Portugués? —É o costume. —Portugués, e se nós desfíxerámo-lo costume, se o romperamos, se construiramos un

costume novo? —Ti toleas. Imposíbel. As mulleres, ao empreñaren por primeira vez, teñen que ir á Casa

Azul. —Bueno, pois logo vou á Casa Azul. Adeus... —Non tardes moito. E Rosa foise por un camiño ancho e lisiño. Foise polo acostumado camiño da Casa Azul.

XOSÉ L. MÉNDEZ FERRÍN: O crepúsculo e as formígas (1961).

Cuestións: 1. Compara esta narración cun texto de Blanco Amor. Sinala elementos que provocan intriga.

29

2. Analiza o final do conto. Imos facer unha proba: Intenta continuar o conto, sen variar ningún dos datos de partida, unha vez que Rosa chega á Casa Azul. Podemos extraer algunha conclusión da experiencia? 3. Localización espacial. 4. Influencias doutros autores e pegadas da “nova narrativa” no texto.

Unidade VIII: Tendencias da literatura galega actual (I). Poesía e ensaio (páxinas 319-338 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Alfonso Pexegueiro, Pilar Pallarés ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Alfonso Pexegueiro, Pilar Pallarés ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da poesía e teatro de posguerra e de Alfonso Pexegueiro, Pilar Pallarés e outros autores da mesma época e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1. Enumera e caracteriza as tendencias poéticas de fin de século. 1.2. Fai un cadro sinóptico da produción literaria da fin de século: Lírica e ensaio.

2.- Actividades de autoavaliación: TEXTO 24:

DEICA NOSA TERRA Deica nosa terra chegaron as noticias dos paxaros envelenados, seguimos fiando— Foi por Orde Ministerial, nos tellados unha risa de cobra, seguimos fiando— Envelleceron as viñas, boquexaron as veigas, enrugáronse os bocois, seguimos fiando— A radio tiña unha flor de mostaza que desfollabamos con risa de lelos, seguimos fiando— Apareceron carrozas, pulgóns con traxe de noite, perfuma- dos, tivemos envexa, fomos tras botellas de acetileno, cel- mados do rimel das unllas, apestabamos a descotadas e a Boutique Francesa, amén, seguimos fiando—

30

Os merlos tiñan a lingua embranquecida polo brume E as arbres vestiron o oxidado traxe da chuvia morta seguimos fiando—

ALFONSO PEXEGUEIRO: Seraogna (1976).

Cuestións: 1. Identifica a oposición léxica ao longo do poema e analiza o seu rendemento. Analiza o paralelismo 2. Procura exemplos no poema de referencias ao mundo labrego. 3. Analiza a métrica do poema e explica o seu uso. TEXTO 25:

“A dúas adolescentes molladas polas chuvas da primavera”

Saúde neses corpos que levan a frescura destas sombras chuviosas polo céu de maio. A primavera chove en doces águas claras. Nubens de corazón brillante.

Na brancura das fontes de silencioso vento tedes a vosa luz e estrelas húmedas arden nos vosos ollos con íntima alegría. E sorrides ao tempo nas rosadas meixelas oferecendo ao mundo un aceno limpísimo de primeiros amores.

Saúde neses corpos de cabelos mollados por esta lenta chuva entre o voso perfume de poros desexados para bebé-los todos. Baixo os vestidos mornos sodes ondinas ledas que soña este siléncio de lagoa despida. Na vosa pel levades licor de flores nídias, Azúcar namorado nos vosos lábios finos. Que saborosos frutos se inflamarán un dia nos vosos corpos novos de cervas esquisitas. A redondeza suave dos peitos temesiños ten maravilla e gozo de cálice anceiado e que tenro veludo se adiviña en luzada nas vosas coxas doces de brancura pulida.

Saúde fonda e longa a eses húmidos corpos de chuva e primavera, corpos novos e alegres, fermosuras tan vivas, adolescentes corpos para deusas futuras...

sodes puras presenzas para un desexo eterno

31

MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO: Seivas de amor e tránsito (1984).

Cuestións: 1. Lectura comprensiva en voz alta e análise métrica. 2. Recursos máis salientables. 3. Campos semánticos principais e adxectivación. 4. Que aporta a auga, ademais doutros termos simbólicos, á significación do poema? TEXTO 26: No resplandor das horas son o escriva sentado e agardo a que o dia esqueza na miña tabuleta un risco diagonal, o rosto dun efebo, algo de sangue e espécias, o aroma da artemisa, as coxas imantadas dunha muller que danza. Inábil para a vida, transcrevo o que me excede, fixo en trazos esguios o amor e os seus detritus, a contracción das bocas no leito e na batalla, as pupilas dos gatos. Que os deuses me perdoen a renúncia ao caudal da existéncia: deixo escoar as águas entre os dedos e a miña xuventude, e en tanto dilapido os meus minutos reteño outras histórias, acaparo outros corpos e aos seus membros precários dou a forma do eterno. Quizais un día futuro, cando as fauzes do tempo tiveren devorado a miña carne e a dos vermes da miña carne e a xerazón seguinte, alguén descorra o pó da tabuleta e no fulgor extinto dos seus signos me descifre, para saber que eu fun o efebo e a donzela, o elmo do guerreiro, a raíz da artemisa, a sede do felino,

32

o crisantemo.

PILAR PALLARÉS: Livro das devoracións (1996).

Cuestións: 1. Podemos dicir que a autora define, neste texto, a súa posición poética, que disfrace asume para iso? 2. Identifica as palabras que inciden nesa idea. 3. A autora, como a Rosalía de “Follas Novas”, e mediante un esforzo de lirismo, converte as súas experiencias en universais. Percibes como se plasma esta idea no texto? 4. Análise métrica. Unidade IX: Tendencias da literatura galega actual (II). Narrativa e teatro (páxinas 367-410 do libro de texto). Ao rematar o estudo desta unidade deberás ser capaz de: a)Establecer relacións entre unha obra de Carlos Casares, Manuel Rivas ou calquera autor da mesma época co contexto no que se produciu. b) Interpretar textos e obras de Carlos Casares, Manuel Rivas ou calquera autor da mesma época, tendo en conta a estrutura da forma literaria á que pertence e a técnica empregada. c) Explicar os aspectos máis importantes da poesía e teatro de posguerra e de Carlos Casares, Manuel Rivas e outros autores da mesma época e a súa obra. 1.- Actividades para enviar ao titor: 1.1. Características da narrativa e o teatro de fin de século. 1.2. Fai un cadro sinóptico da produción de fin de século: narrativa. E teatro.

2.- Actividades de autoavaliación:

TEXTO 27: Hala, veña, máis lixo. Aaai, cada vez costa máis abaixarse. Levo dicindo isto polo menos trinta anos. Mira para estes do 5° C, catro bolsas de lixo. Pasan dous días sen sacar o lixo e despois veña catro xuntas. Pois el será médico, pero iso é unha porcaría. Veña, para dentro. Xa está cheo o ascensor, vai haber que amplialo como sigan a fabricar lixo. A ver que aínda falta o A e o B. Estes pouquiño lixo fabrican. Claro, tráenche os ovos da aldea e xa non xuntan cartóns, compran o leite de bolsa que é máis económico e non ocupa como as botellas, as patacas tamén veñen da aldea, que ben lles vexo eu subir os seus bos sacos. Así está ela de gorda. El non, que o señor vai xogar ao fubito. Ela queda coa Irenita na casa, preparándolle a cea a el. Ler non len o xornal, non fan coma o do 7° B, o do can e o gato, que le dous xornais cada día. Para darme traballo a min. Cando saca as súas bolsas cheas de papel xa me enche o ascensor o condenado. Parece bastante repunante. Veña. Xa está todo. En marcha, baixando. Que maravilla, viaxar entre a merda toda dos veciños. Habían vir eles algún día a ver se así fabricaban menos lixo. Ei, que che pasa. Parou o condenado. O que me faltaba, xa ando un pouco tarde. Arrinca, ascensor da cona. Nada, non quere. O que me faltaba. Imos timbrar a alarma. A ver se oe alguén. Outra vez. Aínda vai cadrar que tarda en pasar alguén. Menuda, aínda vou acorar aquí co cheiro da porquería toda esta. Puf, que mal cheira. E a bolsa coas cascas de marisco do 6° A. Eles a mariscada, eu a porcallada. Puf, fede. A ver se arrinca. Nada. Alarma outra vez. Ninguén. Non vai pasar ninguén. Vou morrer afogada, vaia porquería. Vai chegar Nano a casa e non estou. A cea sen facer e eu non estou. Pobriño, que vai ser de el o día que eu falte, tan inútil como me saíu. Din que se é culpa miña, que o estraguei eu. Vaia, carallo. Eu coideino coma a un fillo calquera, cama as súas irmás. Pero cando eu falte... E logo vai ti saber con quen se xunta, que esas cousas afectan. Por exemplo, o vello aquel de barbas e gabardina longa que parecía un saio que veu alá atrás preguntar por el. Que pinta de criminal tiña. Eu díxenlle que non sabía, pero paréceme que hoxe o volvín ver rondando polo barrio. Recordoume ao vello Isidro, aquel fillo dunha cadela, Deus me vala. Nano é bo, pero logo veñen as malas compañías e málvase. Eu aínda quería que viñese algún día comigo rezar o rosario. Cando eu falte que Nosa Señora ou

33

Noso Señor miren por el, que ha quedar sen amparo. As irmás daranlle de comer, pero el é delicado, é moi sensible. Din que o malcriei eu. Boh, porque lle dei cariño coma a un fillo. Había vir comigo algunha vez rezar un rosario, pero non hai maneira. Ás veces está el a falar en voz baixa, rosma que rosma, que mesmo parece que está a rezar. ".Que falas, Nano?". "Rezo o rosario, mamá", dime el por me facer rabear. E non é parvo. Ás veces parece listo de máis, o que pasa é que o perde o corazón. Ai, meu Deus, e eu aínda vou morrer aquí no medio da lavadura da xente. A ver se agora. ¡Meca! Menos mal que quixo andar. Por pouco acoro. Hala, para aquí. Déixame saír respirar un pouco. Aaah, que alivio saír de aquí.

SUSO DE TORO: Tic-tac (1993) (fragmento).

Cuestións: 1. Analiza a técnica narrativa empregada e comenta o estilo. 2. Personaxes que interveñen na narración: caracterízaos.

SOLUCIONARIO ÁS ACTIVIDADES DE AUTOAVALIACIÓN TEXTO 1 1. Trátase da presentación de Merlín, na primeira saga (“A espada Escalibor”) de Na noite estrelecida. Pouco antes abre a obra unha descrición da catedral de Caerleón e das súas xentes alí reunidas na noite prodixiosa de Nadal. Neste intre aparece Merlín presentando a espada marabillosa aos seus pés. No seu discurso afirma que Escalibor procede da “nobre Galicia irmán” onde aínda “vive aceso o lume sagro / dos craros días do clan” e profetiza que aquel que consiga arrincala cinguirá a coroa do “céltigo trono”. O novo rei será, como sabemos, Artur. 2. O tema é como indicamos, a aparición e a descrición física e intelectual do sabio Merlín. A estrutura do contido baséase na división estrófica: na primeira estrofa aparece a pintura física de Merlín; na segunda, fálasenos dos seus saberes. Afondando no contido, comprobamos como aparecen algúns dos trazos enunciados cando tratamos esta obra. Falamos do sincretismo que a caracterizaba. A fusión de elementos culturais diversos obsérvanse nesta descrición. Este meigo é:

• bardo adiviño (v. 1) • druída (v. 4) • oficiante Cristián, a súa man reloce “como un lirio bendito” (v, 5) e leva unha fouce “do

litúrxico rito” (v. 6) • celta armoricán (v. 9)

Hai, xa que logo, unha mestura cronolóxica: • época ossiánica (bardo celta), sec III e anteriores • época artúrica (mago Merlín), sec. VI • época medieval (espírito cabaleiresco e de cruzada, máis visible na segunda saga) sec. XII,

aproximadamente.

A mestura cultural resulta, se cadra, máis evidente: o paganismo esotérico (“segreda ciencia”, v. 15) mestúrase co cristianismo (Merlín está “bendito”, oficia “litúrxico rito”, e máis é “profeta” que interpreta a linguaxe “divina” das estrelas). A fantasía con que Cabanillas nos describe a Merlín (irmán de silfos e lumias, sabedor de encantos e esconxuros, astrólogo, etc.) non cadra co rexeitamento das supersticións que fai a relixión cristiá. Sen embargo, o poeta insiste nesta fusión pois o bardo cantor e druída aparece como unha visión divina. En efecto, vémolo xurdir entre a luminosidade (“nun nimbo luminoso” v. 1) e a pureza (“brancuras recendentes de liño” v. 2) propias das aparicións milagrosas.

34

Inclúe ademais a presenza de Galicia (recordemos “a nobre Galicia irmán”) aínda que neste texto non aparece expresa.

En resume: celtismo, espírito cabaleiresco, Materia de Bretaña, cristianismo, profecía e galeguismo (entendido como amor por Galicia e identificación con ela), fóndense enlazando a orixe e o futuro de Galicia. Cabanillas, como Pondal buscou a afirmación da nosa identidade histórica como punto de partida para un esperanzado porvir. 3. Métrica: No texto utiliza o autor versos alexandrinos. Este tipo de verso foi moi utilizado polos poetas modernistas, posto que permitía a ruptura do período sintáctico. Cabanillas non leva adiante sistematicamente esta ruptura, pero si que presenta algún encabalgamento (vv. 7-8). Estes versos ri- man de dous en dous, en pareados consonánticos: -iño (vv. 1 e 2), -ida (vv. 3 e 4), etc. Recursos estilísticos: O comentario sobre o estilo de Cabanillas en Na noite estrelecida radica especialmente no léxico e na sintaxe, nesta quizá en menor medida.

O léxico procura ir acorde cos marabillosos acontecementos narrados. Utiliza o “epíteto épico”, tomado neste caso do Mío Cid: Merlín o da “longa barba frorida” (v. 3). De parecida maneira repite con frecuencia un epíteto con significación relixiosa asociado a un concepto ou obxecto: “lirio bendito” (v. 5). Con este procedemento consegue sublimar os conceptos aos que se refire, como cousa venerable e superior.

A dignidade expresiva refórzase coa utilización de cultismos e cunha sintaxe cargada de subordinadas e realzada polo hipérbato (v. 10, vv. 13-14, etc.). TEXTO 2 1. Hai recursos para suxerir o carácter obsesivo do protagonista. 2. O narrador salfere o seu relato con apelos ("meus amigos", "comprendede", "entendede"...). 3. Dieste ten indicado que un bo conto é aquel no que se concentra toda a forza do relato no final. Esta condición cúmprese en "En col da morte do Bieito". 4. Gradación, reiteración. Intenta dividir o conto en partes, atendendo á súa estrutura interna. TEXTO 3 1. Trátase dun fragmento do capítulo V de Arredor de si. O protagonista, Adrián Solovio, pasea polas rúas de Burgos. O argumento da novela distribúese ata o cap. VII en dous planos espaciais: nos capítulos impares Adrián viaxa por Castela, desexando identificarse cos valores desa terra; nos capítulos pares, o foco narrativo céntrase en Galicia, na familia de Adrián. Despois dunha estada en Madrid e dunha rapidísima viaxe á aldea, continúa o seu percorrido físico e espiritual por Europa: Francia, Alemaña, Bélxica e volta a Galicia. Con este regreso Adrián cerra o círculo que iniciara no primeiro capítulo, posto que atopa as súas raíces no lugar que refugara nun principio. 2. O texto ten como tema a captación da peculiar fasquía da cidade e a morriña da terra.

A estrutura do contido presenta dúas partes claramente diferenciadas: na primeira céntrase na descrición da paisaxe física e humana de Burgos; a segunda, desde o aparte, abandona por un intre o espazo presente (Castela) e lembra o espazo ausente (Galicia).

35

Comprobamos que as descricións se realizan desde unha perspectiva totalmente subxectiva. O

narrador escolle uns cantos trazos do entorno, os que xulga representativos e reflexiona sobre eles.

Así mesmo, vemos como o protagonista segue xirando “Arredor de si” O resultado da viaxe por Castela non é satisfactorio e marcha a Europa. Sempre buscándose noutras terras e rexeitando a súa orixe: “Aínda teño moito que refacer en min”. 3. A estrutura interna da novela está marcada por un movemento circular. O protagonista inicia a viaxe en Galicia e a ela volve despois de trazada unha circunferencia xeográfica. Sen embargo, no interior de certos capítulos existe tamén un movemento pendular (mental, non físico) constituído polas breves alusións a Galicia desde o pensamento de Adrián; por exemplo, cando escribe á nai e sente o ferrollo da saudade. A función deste vaivén radicaría en facer comprensible o progresivo achegamento de Adrián a Galicia.

En canto ao estilo destaca a precisión da frase. Predomina a oración simple con elipse verbal ou ben a coordenada en asíndeto. Coa sintaxe remarca o carácter selectivo e impresionista da descrición. No campo semántico indicar a presenza de comparacións paradóxicas como: “Os monumentos navegaban como navíos de alto bordo...”. TEXTO 4 1. “Desexos maternais que, ao non cumprirse, levan ao esmorecemento”. De acordo con este título podemos dividir formal e significativamente o texto en tres partes: a) “Vou contarvos.........un Pedro, un Ramón e unha Alicia”: Grandes ilusións de Dna. Micaela por ter fillos verdadeiros. b) “A boa fidalga decatouse...........e gobernaban a casa”: Esas ilusións vense frustradas. c) “Un día chegou..........esmoreceuse para sempre”: Como consecuencia a fidalga esmorece, é dicir, perde tódalas ilusións. 2. Prosa poética, xa que nos presenta distintos parágrafos, coma se foran estrofas, enlazados por un estribillo ou refrán. Ritmo rápido e sinxelo. Podemos destacar algúns recursos: Metáforas (“froito merado...”, “fanada ilusión..”..etc.), pleonasmo (“bágoas nos ollos..”), prosopopea (“ollou murchas as súas ilusións”), hipérbole (“adicou a vida enteira...”). 3. É coma un refrán que enlaza os distintos parágrafos do texto. O autor comunícanos que non é o que parece. Pode provocar risa, pero no fondo é algo moi triste. 4. -Narración dunha historia irreal, un conto. -Chea de lirismo e sinxeleza. -Pode ser considerada como un poema en prosa. -Conto triste con intención moralizante. -O final, en canto á estrutura, está moi traballado. 5. Abateuse: decaer, entristecerse, desesperanzarse. Merado: Danado, estragado, perdido. Decorreran: pasaran, transcorreran. Cavilando: pensando, matinando, reflexionando. Murchas: muchas, perdidas. Aloumiñar: agarimar, acariñar. Azos: ánimos, anceios, desexos. Garimoso: amoroso, agarimoso. Cinguían: rodeaban, apertaban. Vincas: bicorollo, pescozo da botella. Saloucos: laios, salaios.

TEXTO 5

36

1. Estamos diante dun dos dezanove poemas compostos por Manuel Antonio durante a súa singradura no paquebote Constantino Candeira. O protagonista da viaxe é un mar no que “enchen e devalan as mareas” do corazón do poeta.

A ausencia dunha orde cronolóxica (os versos recollen impresións illadas) e despreocupación pola progresión do argumento son propias da poesía de vangarda. Non debe, entón, xulgarse o poema desde a visión tradicional. 2. Tema: neste breve poema descríbese o paso das xornadas tristes en que a néboa asolaga todo en pleno océano.

Estruturación: nas tres primeiras estrofas, a néboa baixa na noite e oculta as referencias de orientación; na 4ª e 5ª estrofas, nin sequera a fauna pode axudar ou aliviar aos mariñeiros, que levan tres días de navegación; nas dúas estrofas seguintes, chega un novo día e a brétema non desaparece, non se albisca o horizonte nin tampouco o sol; na derradeira, cérrase o poema cun leve reflexo solar no ceo, que non consegue furar a neboeira. 3. En canto á métrica, salientar a utilización do verso libre, común a gran parte da poesía contemporánea.

No nivel léxico-semántico comprobamos de contado que o campo semántico predominante é o referente ao mundo mariñeiro. Utiliza Manuel Antonio varios tecnicismos como: sotavento, relinga, aferrar, penol...

Ao nivel semántico pertencen tamén os recursos estilísticos fundamentais neste texto: os tropos. Na utilización da imaxe radica o cerne do poema. A imaxe expresa algunha analoxía ou semellanza entre dous conceptos que o poeta identifica; parte dalgunha calidade sensible e busca sempre un efecto inusitado, o abraio ou sorpresa no lector.

O mar aparece reducido a unha fiestra de cristal azul. A liña do horizonte pódese “atar” fortemente cunha corda. O sol, sendo un “paxaro triste", permite ser “engaiolado”. Analizando as relacións entre os formantes destas imaxes, comprobamos que case todos eles manteñen certo contacto co real. Por exemplo, a superficie azulada do mar evoca o cristal desa ventá á que se refire Manuel Antonio. Para a boa navegación, os mariñeiros controlan e dominan o horizonte, tal como fan coas propias velas do barco. Desde este mesmo pailebote, que eles senten como gaiola, non poderán acaparar (“engaiolar”) o disfrute do sol. Este só se dexergará esvaído (“triste”) por riba das vergas coma se estivese, cal paxaro, pousado nelas.

O emprego da prosopopea, imprescindible para os hilozoístas, resalta no texto; o mar “fuxitivo” das ribeiras, “naufraga” na neboeira: os arroaces, “intrusos e impunes”; o sol, “paxaro triste”, tamén se animaliza.

De todo o dito concluímos que o contacto co real e o influxo doutros ismos afastan a Manuel Antonio do Creacionismo puro e encádrano nunha vía poética orixinal.

TEXTO 6 1. Verifica como a viaxe é sentida como experiencia, viaxe a un mundo novo que se vai abrir a nós.

37

2. Comproba como ao comezo de cada estrofa se emprega o futuro (encheremos, inventaremos, halaremos...). O poeta desde terra expresa os desexos e esperanzas que a travesía provoca, o verso "trincar a escota dunha ilusión" sintetiza esta idea. 3. Repara na xustaposición de imaxes, na identificación analóxica que provoca a sorpresa “randeeira esguía do pailebote branco", o emprego de prosopopeas ("estrelas acenan"). Creacionismo, hilozoísmo. 4. Observa a presenza da maioría dos símbolos que xogan un papel importante no poemario (pailebote, vento, ronsel....) 5. O mundo mariñeiro. TEXTO 7 1. É un dos máis claros exemplos de neotrobadorismo de Bouza Brey. Emprega unha combinación de dístico con refrán e utiliza o paralelismo. Observa e compara cos poemas medievais, nos que se utilizan esquemas semellantes. 2. As variacións realízanse a través da inversión e da substitución sinonímica “bidos louzanos”/”lanzales bidos” e da utilización de termos derivados en forma equivalente ao recurso trobadoresco do mordobre “pía”/”píos”. Compara con cantigas de amigo ou de amor nas que se usen recursos semellantes. 3. Pero Bouza emprega unha imaxinería moderna. Pénsese nas personificacións, o “sol-paxaro” pía “os albres delgados” albean de frío. Hilozoísmo. 4. No derradeiro dístico, substitúese o refrán por un verso “ca poldra que morre no mato cativo” de maior efectividade na conclusión do poema. A estrutura paralelística e o grao de monotonía que as reiteracións poden orixinar reforzan o contido poético de desolación.

TEXTO 8 1. O texto presenta a descrición sentimental dun elemento característico da nosa paisaxe rural, isto é, un peto de ánimas. O tema central advírtese na exposición subxectiva do momento, ao modo dunha instantánea fotográfica, filtrada emotivamente, dun cruceiro co seu peto de ánimas. 2. Unha realidade proveniente do ámbito relixioso popular —o peto de ánimas— sométese a un proceso que actúa a través dunha sucesión intencionada de imaxes moi elaboradas de carácter esencializador. Compara este fenómeno co "Poema pra queimar na festa de Amado Carballo". 3. As imaxes que o poeta ofrece preséntanse deliberadamente espidas de calquera ornamentación retórica ou adxectivación redundante, de maneira que se procura erguer unha construción visual, austera e reflexiva que se incorpore como un elemento fundamental e encaixe á perfección na significación total e visionaria do poema. 4. A imaxe conduce a un fundamento intelectual —non se trata dunha imaxe tradicional—, subxacendo unha construción reflexiva ao tempo que emotiva: a "dúbida" remite necesariamente á introdución do "eu lírico". TEXTO 9

38

1. Un dos temas da poesía do exilio é a ausencia da Terra e a saudade que provoca o desterro. A emigración é o tema deste texto, o emigrante anónimo, vítima dunha historia dirixida por outros, o protagonista aparece cheo de confusión, desnortado e medroso e cunha fonda saudade das vivencias e a terra deixadas alén-mar. 2. Pero tamén, como é característico na poesía do noso autor, este home non é un simple alienado, senón que é consciente da súa situación. Dáse conta que vive nun mundo competitivo, onde non importan os sentimentos, senón o diñeiro. 3. Na poesía do exilio predomina o protagonismo colectivo e o heroe anónimo. Poetas como Luís Seoane ou Lorenzo Varela, manifestan así unha concepción histórica e ideolóxica de base marxista, que fai do pobo protagonista e non as grandes figuras. 4. A poesía de Lorenzo Varela formalmente caracterízase polo ritmo de intención popularista, aliteracións constantes e introdución de rimas interiores. É unha poesía moi rica en recursos estilísticos, entre eles son moi frecuentes as recorrencias. TEXTO 10 1. A estrutura deste conto está dividida en secuencias, de maneira que se establecen relacións causais duns acontecementos con outros. 2. Como vimos, unha das características da obra de Cunqueiro é o entrecruzamento do cotián e o marabilloso. 3. Outra compoñente frecuente é o humor. A pesar do fondo marabilloso dos seus relatos, o escritor bota man dunha chea de estratexias realistas para crear verosimilitude arredor do que narra: descricións detallistas, localizacións reais, referencias a obxectos da vida diaria, etc. 4 O estilo de Cunqueiro toma como modelo a lingua oral. Regresando á estrutura, en realidade "A Voadora de Serantes" está formado por dous contos independentes e encadeados. Se reparas ben, o primeiro é un conto popular infantil con finalidade explicativa ou didáctica; o segundo é unha anécdota baseada en xogos de palabras. TEXTO 11 1. É un dos principais narradores galegos de posguerra. Nas súas novelas galegas describe os baixos fondos da cidade de Auria (Ourense) cunha técnica case naturalista, con preferencia polos aspectos máis crus e fortes da vida. En “Xente ao lonxe” presenta un cadro da vida popular da cidade. Emprega unha lingua popular e unha sintaxe sinxela. 2. O monólogo do protagonista, en 1ª persoa, vese interrompido por interpolacións nas que falan outros personaxes e incluso o propio autor, como sucede neste fragmento no que se utiliza a 3ª persoa observadora. 3. Fala dun feito real: o bispado de Ourense mandou retirar o retablo do mosteiro de Oseira e o pobo opúxose, houbo unha carga policial cun resultado moi negativo. O texto podemos dividilo en tres partes.

39

4. -Describe detallada e minuciosamente. -Trata temas populares. -Recrea literariamente unha época (Ourense a comezos de século). -Non hai idealizacións, senón que se limita a narrar. -Hai localizacións e expón problemas de carácter social. 5. “A esmorga”, “Os biosbardos”, “Farsas para títeres”, “Teatro para a xente”. 6. Utiliza un dicionario para contestar a esta pregunta. TEXTO 12

1. O tema do poema é o terror, que aparece tamén na súa serie "Cunetas", coa que hai que emparentar este texto. A vivencia da guerra está presente aquí rompendo o equilibrio presente noutros poemas seus, o sufrimento destrúe o ideal de harmonía do home co mundo. Observa o estrañamento do personaxe, nun mundo que mostra a súa monstruosidade. 2. O home que pasea pola cidade descoñecida "relembra os seus sinos". O paraíso íntimo equilibrado tan característico da poesía de Pimentel é suxerido polos "sinos". Pero esa lembranza ideal contrasta coa dureza do momento. 3. O poema é sobre todo unha reflexión existencial sobre a alienación. Cando o mal se apropia dos espazos da cidade, converte todo nun ermo, un mundo alleo e hostil. No final do poema, a crueldade da morte é acrecentada polo espazo descoñecido. 4. O protagonista non pode falar con ninguén, os edificios están "sen nais nas fiestras", isto é, sen auténtica vida. O diálogo cos seres e obxectos característicos de Pimentel é aquí impedido. Os obxectos teñen valores simbólicos no poema. TEXTO 13 1. O tema da composición céntrase nos sentimentos de dor e mágoa que ao poeta lle producen os sufrimentos alleos.

A estrutura do contido é circular. O poema ábrese e cérrase coa mesma expresión: “Chove, chove...”. Entre medias, sen embargo, evidénciase unha evolución da visión externa (2ª e 3ª estrofas) á interioridade do poeta (4ª estrofa “No meu peito”...”), que serve de contrapunto.

Como vemos, o contido do poema conecta directamente co espírito de conxunto dos poemas de Longa noite de pedra: denuncia da insolidariedade entre homes, da inxustiza, da opresión, da pobreza e a desigualdade. A sinceridade de Celso Emilio, ese vivir e sufrir os males xunto cos seres afectados, plásmase neste poema cunha emoción impresionante: “No meu peito, sulagado, /soturno, fondo, calado/un río de amor se move”. Celso Emilio foi moito máis alá da crítica ideolóxica que se converteu en moeda de troco do socialrealismo. Na súa paixón, no seu sentir solidario reside precisamente a súa grandeza. 2. En canto á organización métrica, o poema divídese en cinco estrofas. Iníciao e remátao un mesmo pareado formado por dous versos de dez sílabas. Isto enmarca tres estrofas con versos de oito sílabas, agás o primeiro da terceira estrofa que ten cinco. Nestas tres estrofas a rima é consoante e os versos riman a pares, quedando libre o último verso da terceira estrofa para enlazar

40

coa rima de pareado que abre e pecha o poema. Celso Emilio somete este poema a unha cadencia na rima e amosa máis liberdade no desigual número de versos que compoñen as estrofas.

Nos recursos fonéticos destaca a aliteración do verso 14 “Tanto pranto” repetindo a conxunción do /n/ e o /t/. Os fonemas vocálicos máis abundantes son o /o/, /a/, /e/ que contrastan coa ausencia do /u/, /i/.

En canto aos recursos morfolóxicos hai que sinalar as repeticións das palabras: “Chove”, “probe”, “dor” e “mágoa” xunto coa repetición do pareado que abre e pecha o poema. O poeta con estas repeticións quizá pretendera dar a idea dun mundo inxusto e pechado, onde as posibilidades de cambio para mellorar fosen escasas. Coas anáforas dos versos 3, 4, 6, 7, 10 (“dor”) e 9 e 13 (“mágoa”) Celso Emilio remacha os sentimentos que lle produce ese «inverno» espiritual que enxerga no mundo.

A sintaxe presenta trazos da lingua coloquial, mais tamén aproximación ao discurso poético, pois predominan os de nomes e adxectivos sobre os verbos e insístese na estrutura sust + de +...

No léxico non aparecen demasiados elementos de valor lírico. O carácter poético vénlle dado polo emprego dunha combinación de adxectivos que non corresponden ao campo semántico do substantivo, p. ex., “peito, sulagado, soturno, fondo, calado”.

Dentro dos recursos semánticos cómpre sinalar o emprego de imaxes hiperbólicas como “río de amor” ou “no meu corazón tamén chove” que xuntan un termo marcadamente material (río, chuvia) con outro fondamente espiritual (amor, corazón = ánimo, sentimento). Así mesmo, utiliza a prosopopea: corazón... calado. TEXTO 14 1. Comeza cun ton aparentemente impersoal, reflexivo, ata a función apelativa dos dous últimos versos dirixidos ao "Ti" lírico. 2. Obsérvese a estruturación do contido en tres partes, iniciadas por tres palabras clave, "procura", "busco", "investiga", cada unha nunha persoa. O "Home total" do que fala o poeta ten unha forte carga simbólica, a verdade a través da literatura, que nos fai libres. 3. Este poema pode lerse en relación coa "Autopoética" que defendía Celso Emilio. Define a vontade do autor de concibir unha poesía social, identificando literatura e verdade. 4. Compárese coa "Autopoética" cando afirma que os poetas "teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias da nosa xente" (1955). Tendo en conta a autopoética de Álvaro Cunqueiro desa mesma data e o poema reproducido máis arriba, establece as diferenzas entre as ideas estéticas de ambos autores. Cando menos desde un punto de vista teórico, o socialrealismo de Celso Emilio e a poesía esteticista e metafísica de Cunqueiro representan dous polos opostos no debate sempre vivo sobre a función da arte. TEXTO 15 1. O tema é a morte no ano 1066 do rei saxón Harold Godwinson, a mans de Guillerme de Normandía. Pero Cunqueiro a penas fai referencia aos feitos históricos, optando polos elementos

41

románticos da escena. O poeta fixa a súa atención na antiga amante do rei, Edith, que fora abandonada por este para casar coa viúva do rei de Gales. 2. En orixe o poema é froito dunha viaxe en 1966 aos outeiros de Hastings en Inglaterra. De aí xurdiron unha serie de poemas. "Cantos de Hastings", xénese do noso poema, de estética culturalista. 3. A partir da anécdota culturalista Cunqueiro fai unha emotivo reflexión sobre o amor, a morte e o paso do tempo. A maduración sen presas, a autenticidade humana dotan as elaboracións míticas e históricas de calidez. 4. Cunqueiro recréase na paisaxe posterior á batalla e fai xirar o poema arredor da amante fiel ata a morte. Observa os versos en que representa a fidelidade, "A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer/perto do morto, e cando saía a lúa/misturou fíos azues da luz da viaxeira cos seus". TEXTO 16 1. Galiza é no poema obxecto de presenza histórica pasiva, salienta polo inmobilismo, sometido a un ritmo pendular de avances e retrocesos (inmobilismo ahistórico). 2. Este é un gran poema social, pero non se expresa en claves formais socialrealistas. O destino de Galiza e dos galegos é obxecto dunha emotiva expresión existencial. Observa a diferenza comparándoo con algún poema socialrealista, como os de Celso Emilio Ferreiro. A sangría da emigración aparece como elemento semántico, en canto Galiza continúa a arar a súa herdade con lentos bois e interminables sucos. O poeta expresa a idea dunha Galiza milenaria. 3. A identificación de Galiza con Penélope, a muller de Ulises, remite á idea de frustración da esperanza, da inutilidade da espera. Indaga sobre a figura de Penélope na Odisea. 4. O movemento de vaivén, pendular, caracteriza o poema, concrétase no uso de paralelismos e de recorrencias compostas como "Un paso adiante i outro atrás”, que remiten á idea de repetición. A temporalidade verbal do poema aporta un valor significativo especial á composición. TEXTO 17

1. Neste poema podemos observar o universo da poetisa, un mundo en continua maduración expresado en versos dun clasicismo tinxido de forza sensual e vitalista. Na súa poesía a experiencia vital asóciase aos ciclos naturais, ao fluír das augas, ao florecer das plantas, ás aves, ao corpo en equilibrio idílico co mundo natural. 2. A voz é unha presenza nostálxica, da adolescencia perdida, representada entre unha natureza que xermola e na que o paso das estacións representa a mudanza dentro do eterno constante. A negatividade do paso do tempo agroma pondo unha sombra de escuridade na plenitude. 3. Paira na súa obra unha visión telúrica, ese constante renacer que é esperanza e alento. A referencia ao "luír" constante da vida lembra a teimuda presenza da destrución de todo elemento vivificador. Nesta inacabable tensión, nesta loita dialéctica, malia a escuridade e a dor, a voz poética remata por vencer e con ela o canto vitalista. 4. O poema organízase sobre os termos terra/ceo e a descrición dun movemento ascensional que marca tamén a transformación do eu poético.

42

5. A loita por manter vivo o recendo da natureza, sempre presente na obra de Pura Vázquez, é unha das claves do poema. A vida é manter o verbo aceso, tocar "a rocha ardente". TEXTO 18

1. No poema, intensamente amoroso, "amar" e "saber" están emparellados antes e despois da presenza do ser amado ("e ti agardabas", "Aínda ausencia implacable escribía"). Atinxindo o amor, atínxese o acougo con que enfrontar a morte. 2. A natureza preséntase como ámbito de luz ("cando a badía nace cada mañá", "cando decrece a chuvia...", "...nos outonos diáfanos"), seguramente polo que implica de imaxe renovadora do ciclo vital e tamén de símbolo da sapiencia. Ese contacto coa natureza chega ao éxtase, como na poesía mística, esquecéndose de todo. 3. O poema está cargado de elementos de forte simbolismo, moitos deles xa codificados: mar, río, noite, paxaros, ponte, pórtico, códice, etc, cunha importante dimensión significativa. 4. A paixón deixa paso á contemplación e daquela deriva o sosego que equilibra as forzas contrapostas do amor e da morte, "Vemos caer a noite nun equilibrio ingrávido". Esta dialéctica está presente no poema como na propia vida. Hai unha poética vitalista da plenitude amorosa. O espazo da ría e a dedicatoria son escenario e obxecto amorosos. TEXTO 19 1. Na traxedia grega, o Coro representaba o pobo, ofrecía a perspectiva da maioría sobre as accións dos heroes. 2. Na didascalia da escena VIII o autor indica: Outros fan o pronto arredor da Raíña. 3. Infórmate tamén sobre a morte da nai de Hamlet na obra de Shakespeare e compáraa coa deste fragmento. Salienta-la figura de Orestes na traxedia e na mitoloxía grega. 4. Falamos xa de mitoloxía clásica grega e de mitoloxía literaria (Hamlet, de Shakespeare), mais Gerda fala doutra mitoloxía. Nestas escenas, inmediatamente posteriores á morte do Rei Halmar a mans de Hamlet, asistimos a unha traxedia, mais o autor intercala unha serie de motivos e frases que rompen o ton tráxico. TEXTO 20 1. No poema aparecen dous escritores, Jack Kerouac (1922-1969) e Pietro Bembo (1470-1547), poeta renacentista italiano. A estética beat, vitalista e caótica do primeiro é invocada polo poeta, pero tamén o fai coa requintada expresión de Bembo, sensual e esteticista. Poderiamos relacionar estes elementos co título do libro e co proceso de ruptura estética de mediados dos setenta. 2. O río é un símbolo presente no poema, vello símbolo do camiño cara á morte, que aparece nítido ao final do poema. Tamén representa aquí matices diferentes que ligan o poeta á figura de Kerouac "porque antre os dous hai un río/ de tristísimo outono"

43

3. O poema conclúe coa evocación de Kerouac de novo, unindo os primeiros e os derradeiros versos nunha estrutura pechada. Logo de deixarse engaiolar e gorentarse na contemplación esteticista dos obxectos de Bembo volve a Kerouac. 4. O poema representa unha especie de autopoética que manifesta á perfección as opcións estéticas de ruptura co socialrealismo. Observa que isto se produce en medio dunha tensión emotiva. TEXTO 21 1. Temática política antiimperialista ligada polo poeta á loita nacionalista galega e a elementos íntimos. A denuncia social é reforzada pola utilización de recursos formais vangardistas. Debes remarcar os elementos políticos de diferente procedencia que aparecen no texto. 2. Novoneyra emprega unha técnica de influxo beat, que bebe nas vangardas de principio de século. Explora as posibilidades expresivas do significante, entendido este como elemento gráfico ao servizo do afondamento significativo e expresivo. Da mesma maneira o tratamento espacial, a forma gráfica, debedora do caligrama, está en relación simbólica co contido. 3. No poema predominan as recorrencias, de uso ás veces audaz, paralelismos, reditio, anáfora, etc. A expresión e as reiteracións actúan potenciando ao máximo a expresión da acción, da loita, do movemento incesante da historia. 4. As maiúsculas coas que comeza o poema son un berro que se prolonga nun amplo eco representado por fonemas que se repiten ao final de verso. TEXTO 22

1. Estamos ante unha nova utilización de simboloxía mariñeira, agora para crear un poema cargado de erotismo. O poema ordénase nos eixes masculino/feminino, amante/amada. 2. Dixemos que unha das características da poesía de Bernardino Graña era o seu dinamismo vitalista. O corpo da amada como metáfora do cosmos é moi habitual na poesía do século XX, desde o surrealismo. Sinala as equivalencias que entre ambos elementos se establecen. Se é posible, localiza e le con atención o poema "A unión libre" de André Breton. Poderiamos indicar similitudes e tamén diferenzas. 3. O motivo dos ollos é xa clásico. Rastrexa o seu simbolismo e a súa presenza na poesía amorosa occidental desde os trobadores. 4. O poema xa comentado de Luz Pozo Garza é tamén de temática amorosa, sen embargo non mostran a mesma vivencia do amor Onde están as diferenzas (ou semellanzas)? TEXTO 23

1. Destacar a modalización narrativa do fragmento. O punto de vista narrativo maniféstase nun estilo ao narrar, que fai moi peculiar o estilo deste relato. A pesar de que aparentemente non ocorre nada ao longo da narración, hai unha longa serie de elementos que provocan intriga e espectativas no lector.

44

2. Pode ser que o conto te defraudase porque acaba e seguimos sen saber que pasa na “Casa Azul”. Esa indeterminación do final, sen embargo, é o que permite percibir o carácter mítico da casa e o dominio que exerce sobre a vida das persoas. 3. O espazo referencial do relato é ambiguo. Fíxate nos indicadores espaciais e, no posible, descríbeos. 4. O autor di na cita inicial que o conto é unha homenaxe a Samuel Beckett; nós podemos engadir que tamén é debedora dos ambientes e personaxes creados por Franz Kafka. Investiga quen foron estes dous escritores, as características das súas obras e en que se poden semellar os seus mundos aos de Rosa e o Portugués. Ademais dos xa insinuados, tense dito que a "nova narrativa" supuña outra forma de evasionismo, ao non aludir aos problemas concretos da sociedade galega dos anos 50/60. Á vista deste relato, cres que pode sosterse esa opinión sen matices? Que preocupacións sociais poden percibirse? TEXTO 24

1. A loita e a liberación contrapóñense á dominación. A opresión reflectida nos versos oponse a un refrán liberador. Un dos eixes temáticos máis salientables é a presenza de planos de forzas opostas. O territorio mítico do poeta que habita na lembranza e na memoria é acosado polo poder, do que hai referencias no poema. Destacar o funcionamento do paralelismo como recurso construtivo. 2. As referencias ao mundo labrego, "viñas", "veigas", "bocois"..., opóñense de maneira radical ao mundo sofisticado ("rimel") ou ligado ao poder ("Orde Ministerial") que exerce de colonizador. 3. O poema ten un ton de ladaíña, que o refrán reforza. Os feitos que denuncia e a súa transcendencia están na orixe desta estrutura. Repara no fonosimbolismo das consoantes laterais e nasais "fomos tras botellas de acetileno, celmados do rimel das unllas". TEXTO 25

1. Coa lectura do poema en voz alta decataraste da súa musicalidade e coa análise métrica e o ritmo acentual descubrirás parte das súas claves. 2. Merecen especial mención as aliteracións e recorrencias fónicas que contribúen á súa peculiar sonoridade. 3. O poema organízase arredor de tres campos semánticos: corpo/mocidade/auga. Que substantivos formarían parte de cada un deles? É unha celebración da vida e da mocidade. Está cargado dun forte sensualismo que podes percibir nun estudo detido da adxectivación. 4. Investiga o simbolismo da auga a través da historia da poesía. Están presentes no texto catro termos de grande rendemento simbólico nas cantigas de amigo medievais: cerva, cabelos, fonte e vento. Investiga que poetas medievais empregaron estes símbolos e a súa significación. TEXTO 26

1. Estamos ante un texto de autopoética, en que a autora define a súa posición ante a escrita. Asume para iso un disfrace un tanto estraño, o do escriba; o poeta debe dar fe de todo, coma un pequeno Deus, sen omitir nada da realidade e transmitilo para futuras xeracións. Por que o fai?

45

2. Isto provoca a aparición dunha serie léxica de sabor arcaico e reminiscencias orientais. Establécese unha oposición vida/escrita, que fai que “eu” poético adopte unha posición. 3. Aínda que o Livro das devoracións é unha obra intimista, dominada polas sensacións e experiencias do “eu” lírico, neste poema a autora define a súa poesía como un xogo especular eu/os outros/eu, de maneira que as súas experiencias pasan a ser supraindividuais. 4. Aínda que aparentemente o poema está escrito en verso libre, se analizas a métrica descubrirás unha notable regularidade. TEXTO 27 1. Unha das características do estilo de Suso de Toro é a elaboración literaria de rexistros coloquiais. Podes indicar os trazos de coloquialidade que encontres no fragmento. Outra das características é a integración de elementos escatolóxicos (excrementos e sucidades). 2. Coñecemos a dous personaxes a través da narración.