ambientación - diocese tui-vigo · 2020. 4. 11. · noso pai todos: noso pai que estás no ceo;...

13

Upload: others

Post on 03-Feb-2021

3 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

  • Ambientación

    Na mañá do Domingo de Pascua celebramos con máis gozo e esperanza a

    resurrección do noso Señor Xesucristo.

    Adornamos unha sala ou o comedor con flores ou con cartolinas de cores, con

    motivos que expresen alegría: chocolates, doces ou gominolas.

    Saúdo

    Guía: (mentres se fai o sinal da cruz)

    No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.

    Todos: Amén.

    Introdución

    Guía:

    FELIZ PASCUA!

    Hoxe celebramos a festa da resurrección do Señor. Facémolo en familia pero

    estamos unidos a toda a Igrexa que conmemora o día glorioso no que Cristo

    triunfou sobre a morte.

    Naquel día, o primeiro da semana, o corazón das mulleres e dos discípulos

    experimentaron a ledicia de atoparse con Xesús. Ese encontro co Resucitado

    cambiou as súas vidas; desde ese momento fixéronse testemuñas da

    Resurrección. E o seu testemuño chega ata nós.

    Neste tempo que nos toca vivir, onde parece que a enfermidade nos vence

    e a morte nos amedrenta, a Resurrección lémbranos que a Vida triunfou sobre a

    morte, o Ben sobre o mal e a Esperanza sobre o derrotismo.

    Imos rezar por todas as persoas, de maneira particular polas que máis están

    sufrindo, para que nesta Pascua a súa tristura se transforme en gozo.

    ALELUIA. O SEÑOR RESUCITOU!

    Cantamos o Aleluia, un canto gozoso propio do tempo pascual.

    Se non sabemos ningún Aleluia podemos buscar algún en internet:

    https://www.youtube.com/watch?v=rypwRcb2MHs

    https://www.youtube.com/watch?v=Fow46aUr-8k

    https://www.youtube.com/watch?v=rypwRcb2MHshttps://www.youtube.com/watch?v=Fow46aUr-8k

  • Lectura

    Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana, e aparecéuselle

    en primeiro lugar a María Magdalena. Ela fóillelo dicir aos compañeiros del,

    que estaban chorosos e tristeiros. Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo

    e que ela o vira, non llo creron.

    Despois disto, aparecéuselles, en figura diferente, a dous que ían de

    camiño a un lugar. Estes fóronllelo contar tamén ós demais, pero nin a eles

    os creron.

    Por último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa,

    botándolles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón, por non

    creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos. E díxolles:

    - «Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.

    Quen crea e se bautice, salvarase».

    Lector: Palabra do Señor.

    Todos: Gloria a Ti Señor Xesús.

    Comentario

    Nos relatos da resurrección percibimos como nas mulleres, nos discípulos e nos

    apóstolos se opera unha transformación: a tristura dá paso á alegría, o medo á

    valentía, a desesperanza á ilusión.

    Cristo vive e eles acadan nova vida en Cristo. Desde ese momento a súa existencia

    muda de maneira radical.

    E esa transformación gozosa exprésase nun berro esperanzado: ALELUIA.

    Tamén nós, neste tempo estamos chamados a berrar “Aleluia”. Fronte ao silencio,

    ao temor, ao desánimo, á incerteza ou á desconfianza, os crentes berramos con

    gozo ALELUIA.

    Podemos ler as preguntas 36, 37 e 38 do catecismo Xesús é o Señor (páx. 142)

    Tamén podemos ver este vídeo:

    https://www.youtube.com/watch?v=7um7PXQ5Xd0

    Credo

    Acendemos unha vela, signo da Luz de Cristo resucitado, mentres cantamos una

    canción que faga referencia á luz que é Cristo:

    A Cristo cantamos: https://www.youtube.com/watch?v=tam6d8Jv8_0

    Enciende una luz: https://www.youtube.com/watch?v=iONwSv0oGSg

    https://www.youtube.com/watch?v=7um7PXQ5Xd0https://www.youtube.com/watch?v=tam6d8Jv8_0https://www.youtube.com/watch?v=iONwSv0oGSg

  • Guía:

    O Credo é o núcleo da nosa fe, da fe da Igrexa.

    Proclamámolo nas celebracións importantes e tamén antes de recibir o

    bautismo ou a confirmación.

    Hoxe profesamos xuntos a fe dicindo: Si, creo.

    Guía:

    Credes en Deus, Pai todopoderoso,

    creador do ceo e máis da terra?

    Todos: Si, creo.

    Guía:

    Credes en Xesucristo, o seu único Fillo,

    noso Señor, que naceu de santa María Virxe,

    morreu e foi sepultado, resucitou de entre os mortos,

    e está sentado á dereita do Pai?

    Todos: Si, creo.

    Guía:

    Credes no Espírito Santo,

    na santa Igrexa católica,

    na comuñón dos Santos,

    no perdón dos pecados

    na resurrección da carne e na vida eterna?

    Todos: Si, creo.

    Guía:

    Esta é a nosa fe, esta é a fe da Igrexa que nos gloriamos de profesar.

    Por Xesucristo nosos Señor.

    Todos: Amén.

  • Oración Universal

    Guía:

    Por medio de Xesucristo, resucitado da morte polo poder do Espírito Santo,

    dirixamos as nosas pregarias a Deus Pai dicindo: Alumea, Señor, a nosa vida.

    Lector: Pola Igrexa, comunidade de esperanza; para que por medio do Papa, dos

    bispos, dos sacerdotes e diáconos, proclame ao mundo o gozo da fe.

    Oremos.

    Todos: Alumea, Señor, a nosa vida.

    Lector: Por todas as persoas bautizadas; para que vivamos con coherencia a fe en

    Cristo Xesús. Oremos.

    Todos: Alumea, Señor, a nosa vida.

    Lector: Polos que se preparan para recibir os sacramentos da iniciación cristiá; para

    que se incorporen plenamente á Igrexa e vivan como fillos amados de

    Deus. Oremos.

    Todos: Alumea, Señor, a nosa vida.

    Lector: Polas nacións do mundo, que neste día de Pascua escoitan unha mensaxe

    de paz; para que por medio dos seus gobernantes promovan o

    desenvolvemento, a concordia e o progreso. Oremos.

    Todos: Alumea, Señor, a nosa vida.

    Lector: Por todas as persoas que sofren a causa da pandemia, por todos os que

    entregan o seu tempo, o seu traballo e o seu esforzo nesta situación tan

    difícil, por todos os que viven respectando o confinamento; para que atopen

    consolo e esperanza nestas festas pascuais. Oremos.

    Todos: Alumea, Señor, a nosa vida.

    Podemos engadir todas aquelas intencións que queiramos presentar ao

    Resucitado para que as encha de Vida.

    Guía:

    Señor, noso Deus,

    ti que, polo poder do Espírito,

    resucitaches a Xesús do reino dos mortos

    escoita a oración que che diriximos.

    Por Xesucristo noso Señor.

    Todos: Amén.

  • Achéganse as letras da palabra ALELUIA para colorear, recortar e pegar

    sobre un fío. Despois pódense colgar da ventá ou do balcón

    manifestando a alegría e o colorido da Pascua de Resurrección.

    Noso Pai

    Todos: Noso Pai que estás no ceo;

    santificado sexa o teu nome,

    veña o teu reino e fágase a túa vontade

    aquí na terra coma no ceo.

    Dános hoxe o noso pan de cada día;

    perdoa as nosas ofensas,

    como tamén perdoamos nós

    a quen nos ten ofendido;

    e non nos deixes caer na tentación,

    mais líbranos do mal.

    Amén.

    Oración final

    Recitamos todos xuntos esta oración. Pódese fotocopiar ou pode o Guía recitar a

    frase e despois repítese.

    Todos:

    Xesús,

    Ti es máis forte que a morte.

    Coa Igrexa proclamamos:

    “Este é o día no que o Señor actuou,

    alegrémonos Nel e relouquemos” Aleluia!

    Xesús,

    Ti estás sempre con nós

    cando estamos reunidos no teu nome,

    cando participamos na mesa da Palabra e da Eucaristía,

    cando amamos e servimos aos nosos irmáns.

    Ti estás sempre con nós. Aleluia!