poemas celso emilio ferreiro

25
CELSO EMILIO FERREIRO (1912-1979) SELECCIÓN DE POEMAS VIAXE AO PAÍS DOS ANANOS, 1968 CONTRA A GUERRA DE VIETNAM DIGO VIETNAM E BASTA Digo bomba de fósforo. Apenas digo nada. Digo lombriga e larva de carne podrecida. Digo nenos de napalm, terror de noite e selva, fedor de cidade e cloaca. Fame, suor, aldraxe, pugas de aceiro, antropofaxia. Digo guerra bestial, tremor de terra, crime, lume, lava, estoupido, verdugo e mortandade en masa. Digo gas abafante. Apenas digo nada. Digo yanqui invasor,

Upload: carmen-gomez

Post on 30-Mar-2016

282 views

Category:

Documents


7 download

DESCRIPTION

POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO IES LAGOA DE ANTELA

TRANSCRIPT

Page 1: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

CCEELLSSOO EEMMIILLIIOO FFEERRRREEIIRROO ((11991122--11997799))

SELECCIÓN DE POEMAS

VIAXE AO PAÍS DOS ANANOS, 1968

CONTRA A GUERRA DE VIETNAM

DIGO VIETNAM E BASTA

Digo bomba de fósforo.

Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva

de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,

terror de noite e selva,

fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,

pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,

tremor de terra, crime, lume, lava,

estoupido, verdugo

e mortandade en masa.

Digo gas abafante.

Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,

Page 2: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,

esterco bursátil, palanca,

Presidente, gadoupa,

chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,

mineral, trampa,

lobo, caimán, polaris, cóbrega,

miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.

Digo Viet Nam i está xa dito todo

cunha soia palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,

digo Viet Nam e basta.

CEMITERIO PRIVADO, 1973

O PROFETA

Pouco antes de morrer

Díxolle ó pobo:

Deus che dea ira,

Que pacencia tes de abondo.

Page 3: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

O IDEALISTA

Eiquí xaz un home

Que loitou, soio con ideas,

Contra a sordideza,

A tecnolatría,

O maquinismo,

A compulsión,

A razón utilitaria

I a polución abafante.

Morréu de fame.

O SOÑO SULAGADO, 1991

Mensaxe dende o silenzo

Ti ben sabes, amigo, o gran segredo

dise tempo que pasa e que nos moe

cun rodicio de sombras,

sin mañá e sin onte.

Nas nosas maus de lama nada queda,

todo se nos desfai, todo nos foxe

coma o vento que brúa,

como a iauga que corre.

Non somos máis que cousas

con diferentes nomes:

Page 4: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

Camiño, verme, folla,

estrela, arbre, home.

Cousas

que o tempo ha de pór podre.

E mentras tanto

de ningures para lonxe,

igual que toupas imos cegamente

furando o longo túnel dunha noite

que endexamais ten fin; sempre furando

sin máis norte que a morte.

Preguntas e preguntas e preguntas,

decote a pregutar. Ninguén responde.

EU EN TI

Eu xa te busquei

cando o mundo era unha pedra intaita.

Cando as cousas buscaban os seus nomes,

eu xa te buscaba.

Eu xa te procurei

no comezo dos mares e das chairas.

Cando Dios procuraba compañía

eu xa te procuraba.

Eu xa te chamei

cando soio a voz do vento soaba.

Cando o silenzo chamaba polas verbas,

Page 5: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

eu xa te chamaba.

Eu xa te namorei

cando o amor era unha folla branca.

Cando a lúa namoraba as outas cumes,

eu xa te namoraba.

Sempre,

dende a neve dos tempos,

eu, na túa ialma.

ONDE O MUNDO SE CHAMA CELANOVA, 1975

Todo o meu ser está leigado a terra,

sábeme a terra todo na memoria,

terra o camiño, terra a miña historia,

terra esta voz que no deserto berra.

Celso Emilio Ferreiro

A PALABRA

A realidá esiste

porque esiste a palabra.

Si non sabes decir longa é a noite

tampouco saberás que esiste a alba.

Para ser libre o home

ten que saber decir creo na espranza.

Page 6: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

A MORTE E A TERRA

Quero morrer eiquí (cando me chegue a hora da viaxe que me agarda).

Eiquí niste silencio de pompas arroladas,

niste vento que dorme nos piñeiros un profundo sono de arelanzas.

Quero morrer eiquí cos ollos postos no fumegar das tellas,

na borralla do tempo, frente a frente de min,

aberta a ialma aos latexos das horas,

nunha tarde ateigada de arpas.

Van e veñen as nubes viaxeiras,

as anduriñas pasan.

O pandeiro da chuvia repenica unha maina melodía de outono,

que no roncón do río se acompasa.

Quero morrer eiquí. Ser sementado nesta miña bisbarra.

Finar eiquí o meu cansancio acedo,

pousar eiquí pra sempre as miñas azas.

Page 7: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

AMOR Á MULLER

Cando quero vivir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando semento a espranza.

Digo Moraima

e ponse azul a alba.

Cando quero soñar

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a noite é pechada.

Digo Moraima

e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a anguria me abafa.

Digo Moraima

e ponse a mar en

calma.

Cando quero surrir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a mañá é

crara.

Digo Moraima

e ponse a tarde

mansa.

Cando quero morrer

non digo nada.

E mátame o silencio

de non decir Moraima.

Page 8: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

VALOR DA PALABRA POÉTICA

Perguntoume un literato,

¿qué poesía fas ti?

Eu non fago poesía,

faime a poesía a min.

Como son eu non o sei,

soio sei como non son.

Non son un poeta-ouxeto,

non son un poeta-sport,

non son un poeta-fámulo,

non son un poeta-mol

pra darlle gusto ós burgueses

que andan buscando o folclor.

Que cada poema sexa

un acontecimiento,

algo que está pasando

lonxe ou perto.

Unha canción,

un suceso,

un cartel,

un berro,

e tamén,

por que non,

un beixo.

O mundo do futuro

non nos pertece,

o mundo do pasado

no desván envellece.

O presente me ateño,

a poesía é un arma,

disparemos.

Page 9: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

LONGA NOITE DE PEDRA, 1962

CADRO O GUERNICA DE PICASSO, SOBRE O BOMBARDEO DA CIDADE

Soldado

Xorxe, meu vello amigo, ¿como fuches parar á tropa?

W.H. Auden

1

Tiña os ollos azules poboados de preguntas sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba cos segadores cantando na serán, ao comenzo do solpor, cando a noite empeza a ser mociña. Non comprendía os termos honorábeles, nin as palabras encheitas de solemne soberbia, nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia que se coidaban importantes

Page 10: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

porque os seus devanceiros chegaron a señores a forza de prostituírse, axionllarse e podrecerse. Ouvía falar dos deberes co estado soberano, das sacras instituciós, do orde, da groria e lembrábase axiña do carballo que había na porta do seu casal, alá na outa montaña, perto dun río que fungaba un laio monocorde de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo do traxe esfarrapado do escolante loiro que un día fora á guerra e non voltara; e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes e das anduriñas que pasaban voando cara o sul. Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas coma cativas patrias ou pulsos latexantes. Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques e interpretaba o profundo vento que xeme na noite. Decía con dozura as súas verbas antigas e dempois calaba pra escoitar o silencio do mundo, dilatado e inmenso coma unha chaira. Abría as maus labregas, que agora empuñaban un fusil, e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.

2

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte

Page 11: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

fitou o resprandor dunha cidá en chamas semellante a un remoto mencer amarelo. De enriba baixou un rumor de treboada, un xordo bruído de río enrabexado, coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe. Oubeou un can nos arrabaldos, e comenzaron os lóstregos. O fume, coma unha palmeira xigantesca abriu os seus brazos ardentes i esparexeu pola bóveda celeste un escuro anuncio de morte. Asubíos e lóstregos. Os paxaros da tarde caíron mortos cal follas de outono. A sireia da fábrica ergueu o seu chifro fendendo en dous anacos o día tépedo, o día húmido e íntimo con sabor de beixo. Lóstregos. (Alcendéuse a bombilla.) Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos no aire estremecido e un retablo de caras esmaceladas, mirando para o cumio, increparon aos dioses. Queimada carne, pernas, pés, ferraduras… Un touro axexante, coma un Minotauro perdido

Page 12: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos, muxía longamente. (Apagóuse a bombilla). Un cincel roto procramou a súa protesta. Un cabalo dislocado, desbocado, agallopóu frenético sobre os cascos de pedra e nitroglicerina. Lóstregos. Fedía a cortello misturado con cloaca e azofre. (Alcendéuse, apagouse a bombilla.) Viuse e non se viu unha paisaxe de brazos, rostros, pernas, dedos, tellas, seos, portas, aramios… Lóstregos e os derradeiros estoupidos. Dempois, nada. Silencio. Un mesto silencio de noite nevada ou de terra erma. Xorxe, meu vello amigo: Ti que estás cos que sofren a historia i en contra dos que a escriben, ¿como fuches parar á tropa? 3 Chegaron ás aforas da cidade cubertos de borralla e de cansancio. O teniente berrou "alto, quén vive"; na inmensa soedá nasceron nardos. O silencio da noite estrelecida

Page 13: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

era un longuísimo camiño branco. As cartucheiras ían tintintín, decían tintintín, marcando o paso. Un bisoño decúbito supino miraba para o ceo despiadado, no fusil unha mau, na outra mau un saco. O fillo da súa nai estaba morto, groriosamente morto sobre un charco. Tiña nos ollos vento. Preguntaba cunha ollada azul de animal manso. Xorxe, meu vello, meu eterno amigo, dime no que estás pensando.

Page 14: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

A poesía é verdade

Un procura a verdade

por tódolos camiños, baixo as pedras,

nas raigames escuras das olladas,

máis alá das escumas i os solpores.

Busco a verdade en ti, rexa poesía

dos homes que labouran,

tacto real das cousas

que están e son, anque ninguén as vexa.

Home total,

que vas e vés sin sombra polas rúas

e tes a túa verdade nos curutos

do mundo, no profundo da historia,

na esperencia dun día calisquera,

e non ves os paxaros nin as nubes

nin as lonxíncoas maus do vento dondo

que acariñan o mundo dende sempre.

Investiga a verdade do teu tempo

i alcontrarás a túa poesía.

Page 15: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

SOBRE O SEU ENCERRO NA GUERRA CIVIL

Longa noite de pedra

No meio do caminho tinha uma pedra

tinha uma pedra no meio do caminho

tinha uma pedra

no meio do caminho tinha uma pedra.

CARLOS DRUMMOND DE ANDRADE

O teito é de pedra

De pedra son os muros

i as tebras.

De pedra o chan

i as reixas.

As portas,

as cadeas,

o aire,

as fenestras,

as olladas,

son de pedra.

Os corazós dos homes

que ao lonxe espreitan,

feitos están

tamén

de pedra.

I eu, morrendo

nesta longa noite

de pedra.

Page 16: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

SOBRE A SOLIDARIEDADE ENTRE OPRIMIDOS

IRMAUS

Camiñan ao meu rente moitos homes.

Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero ti, que te alcontras alá lonxe,

máis alá dos desertos e dos lagos,

máis alá das sabanas e das illas,

coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,

si os nosos berros son igoales,

coma un irmau che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e ti negro i eu branco,

si temos semellantes as feridas,

coma un irmau che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,

si os nosos soños son igoales,

coma un irmau che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.

A miña mau che dou,

coma un irmau che falo.

Page 17: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

NA DEFENSA DA LINGUA

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruís e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os valeiros,

non falo pra os estúpidos,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de volvoretas,

Page 18: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño...

SOBRE UNHA LENDA DE CANGAS, MARÍA SOLIÑA FOI CONDENADA POR BRUXA POLA INQUISICIÓN E

CONVERTEUSE NO SÍMBOLO DO POBO OPRIMIDO

MARÍA SOLIÑA

Polos camiños de Cangas

a voz do vento xemía:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

Nos areales de Cangas,

muros de noite se erguían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

As ondas do mar de Cangas

acedos ecos traguían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

As gueivotas sobre Cangas

soños de medo tecían:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas

anda un terror de auga fría:

ai, que soliña quedache,

María Soliña.

Page 19: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

TÍ E MAIS EU

(Non falemos dos bobos

que tódolo adeprenden nos libros.

Non falemos dos parvos

con cara de domingo;

nin dos sapientes memos,

nin dos túzaros listos,

nin do eterno mal gusto

dos probes novos ricos).

Falemos de tí e min

xa que vivimos.

Tí i eu nos ventos

e nos solsticios.

Tí i eu nos bosques

e nos ríos.

Tí i eu, historia

de corpos nidios.

Tí i eu, saudade

de albores íntimos.

Tí i eu sin tempo

polo tempo que imos.

Tí i eu cantando,

chorando e rindo.

Page 20: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

SOBRE A FALTA DE LIBERDADE, A OPRESIÓN

LIBREMENTE

Nós queríamos libremente

comer o pan de cada día. Libremente

mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,

libremente falando, cantando nas orelas

dos ríos que camiñan pra o mar libre.

Libremente, libremente,

nós queríamos somente

ser libremente homes, ser estrelas,

ser faíscas da grande fogueira do mundo,

ser formigas, paxaros, miniños,

nesta arca de Noé na que bogamos.

Nós queríamos libremente surrir,

falarlle a Dios no vento que pasa

-no longo vento das chairas e dos bosques-

sin temor, sin negruras, sin cadeas,

sin pecado, libremente, libremente,

coma o aire do mencer e das escumas.

Coma o vento.

Mais iste noso amor difícil rompeuse

-vidro de soño fráxil-

nun rochedo de berros

e agora non somos máis que sombras.

O REINO

No tempo aquil

cando os animales falaban,

decir libertá non era triste,

decir verdá era coma un río,

Page 21: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

decir amor,

decir amigo,

era igual que nomear a primavera.

Ninguén sabía dos aldraxes.

Cando os animales falaban

os homes cantaban nos solpores

pombas de luz e xílgaros de soños.

Decir teu e meu non se entendía,

decir espada estaba prohibido,

decir prisión somente era unha verba

sin senso, un aire que mancaba

o corazón da xente.

¿Cando,

cando se perdeu,

iste gran reino?

SOBRE O TERROR, A PERSECUCIÓN, A OPRESIÓN

O CAN DANADO

Igoal que un can danado nos camiños

o terror anda solto polo mundo.

Semella un vento negro que pousase

súas azas de corvo

sobre a frente dos homes temerosos.

Un xelo de invernía en descampado

paraliza os relós, perfura as gorxas

e pon veos de anguria nas palabras.

Un grande telescopio nos vixía

coma un ollo de Cíclope

que sigue os nosos pasos

e fita sin acougo o noso rumbo,

dende tódalas fiestras,

Page 22: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

dende tódalas torres,

dende tódalas voces que nos falan.

A noite é un micrófono impasíbel

que escoita o latexar do noso peito,

coma un escuro espía que espreitase

os nosos pensamentos máis segredos.

Todo se troca en cousa inconfesábel;

detrás de cada esquina unha sospeita,

unha duda detrás de cada sombra,

e medo, medo, medo,

un pozo profundísimo de medo,

espello de auga fría

no que o terror se mira eternamente.

SOBRE A IDENTIDADE

Falaréivos de min

Falaréivos de min anque me doan

as escuras raices dos meus soños.

Celso Emilio me chaman pero eu teño

outros nomes mais irtos apuntados

nun rexistro de ventos polifónicos

cun fondo musical de frauta triste.

Meus nomes sin palabras. Mainamente,

de par en par abertas sempre as portas,

espallándome vou polos caminos

co corazón aceso en cen abrentes,

nas maus a luz, nos ollos margaridas,

e unha piedá de río sin orelas.

Neno que fun e son, pésanme os anos

cangados de minutos e de días,

de beixos e de cárceres. Cadeas,

Page 23: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

lóstregos, vermes, homes en ringleira

baixo a chuvia, isa frol nada no outono.

Lonxana primavera nunca volta,

que nun intre vivín de pedra ou arbre,

canle de Dios que cara ao mar me leva,

xílgaro azur, ronseles do pasado,

feridas coma labres no remorso:

Andando vou, alporizado o corpo

nun latexo sin fin que me agrilóa.

Eisí me chamo eu. En fume escritos

os meus nomes están. Vádeos decindo

cun fondo musical de frauta triste,

de bágoas esbarradas

petándome decote nas pupilas.

Vádeos decindo en verbas pequeniñas

coma coitelos frios pola gorxa.

Non me chame ninguén por outros nomes,

alcumes meus en fírgoas entrevistos,

escura voz dun sono sulagado.

O PASO DO TEMPO

A sombra

Sombra de Prometeo encadeada,

aquil mozo que fun está xa morto.

Busco unha terra limpa. Agora busco

unha patria sin sangue e non a topo.

Lonxana primavera. Escoito voces

na noite estrelecida. Ríos longos.

¿Onde estarás, meu corazón de entonces,

meu dóce corazón que non te alcontro?

Page 24: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO

Pregunto e non contestas, morte negra.

¿Onde se foi aquil vivir gozoso?

Sóio te teño a ti, miña memoria

envolta en señardades e recordos:

unhas pingas de chuvia esbagoando

por un cristal de soños.

Sobre a lama do mundo vou andando.

Gardo loito sin fin por aquil mozo.

Page 25: POEMAS CELSO EMILIO FERREIRO