os orzamentos xerais do estado 2009 e a sÚa … · os datos do cadro número 1 refírense aos...

18
sindicato nacional de ccoo de galicia gabinete técnico económico 1 DOCUMENTOS OS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO 2009 E A SÚA REPERCUSIÓN EN GALICIA gabinete técnico de cc oo de galicia – área económica n.º 124 / outubro de 2008

Upload: others

Post on 01-Mar-2020

6 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

sindicato nacional de ccoo de galicia

gabinete técnico económico 1

DOCUMENTOS

OS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO 2009

E A SÚA REPERCUSIÓN EN GALICIA

gabinete técnico de cc oo de galicia – área económica

n.º 124 / outubro de 2008

© Documento do Gabinete Técnico do S. N. de CC OO de Galicia

N.º 124 / Outubro de 2008

Elaboración:

GABINETE TÉCNICO ÁREA ECONÓMICA DO S. N. DE CC OO DE GALICIA

gabinete técnico económico 3

ÍNDICE

1. O INVESTIMENTO TERRITORIALIZADO ............................................................. 5

2. O FERROCARRIL NOS ORZAMENTOS DE 2009 ................................................. 11

3. AS INFRAESTRUTURAS DE ESTRADAS ............................................................. 15

4. CONCLUSIÓNS............................................................................................... 16

gabinete técnico económico 5

1. O INVESTIMENTO TERRITORIALIZADO

A distribución territorial do investimento público reflicte o papel reequilibrador do Estado e diferénciase dos investimentos reais recollidos no capítulo VI do orzamento en que o investimento rexionalizado é o que se pode imputar a unha soa comunidade autónoma, pois financia investimentos destinados exclusivamente ao seu ámbito xeográfico.

Os datos do cadro número 1 refírense aos orzamentos iniciais, inclúen o conxunto de sociedades e organismos públicos con presenza en Galicia e exprésanse en millóns de euros.

Cadro nº. 1: INVESTIMENTO REXIONALIZABLE

INVESTIMENTO

REXIONALIZABLE 2009 2008 DIFERENZA

Galicia 2.003 1.942 3,1 %

España 24.438 24.405 0,1 %

% Galicia/España 8,2 % 8,0 %

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En millóns de euros.

Segundo a información recollida no cadro, concluímos que o investimento público rexionalizable para o conxunto do estado medra: de 24.405 millóns de euros en 2008 pasa a 24.438 en 2009; é dicir, experimenta un incremento do 0,1 %.

Neste contexto, o investimento rexionalizable para Galicia aumenta un 3,1 % no ano 2009, xa que pasa de 1.942 millóns de euros a 2.003 millóns de euros. Isto implica que Galicia percibe un 8,2 % do orzamento rexionalizado total, porcentaxe que nos sitúa por riba do actual peso poboacional de Galicia con respecto ao estado (6 %).

Os datos reflicten que o crecemento do investimento rexionalizable para Galicia (3,1 %) é superior en tres puntos ao incremento medio para todas as autonomías (0,1 %). Cómpre, polo tanto, facer unha

documento 124

6 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

análise da evolución do investimento nas diferentes Comunidades Autónomas para comprobar onde se localizan os maiores incrementos de investimentos:

Cadro nº 2: CRECEMENTO RELATIVO DO INVESTIMENTO REXIONALIZABLE

2009

Andalucía 0,4 %

Cataluña 2,1 %

Castela e León 11,1 %

Madrid – 7,2 %

Comunidade Valenciana – 2,2 %

GALICIA 3,1 %

Castela-A Mancha 5,5 %

Aragón – 11,7 %

Asturias – 1,8 %

Murcia – 3,5 %

Estremadura 7,7 %

Canarias – 13,7 %

País Vasco 8,9 %

Cantabria – 4,1 %

Baleares 3,7 %

Navarra 30,5 %

A Rioxa –9,0 %

TOTAL 0,1 %

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009.

Os datos do cadro 2 reflicten que Galicia é a sétima comunidade en porcentaxe de crecemento dos investimentos. O maior incremento rexístrao Navarra cunha porcentaxe do 31 % seguida de Castela e León (11 %), País Vasco (9 %) e Estremadura (8 %). No extremo contrario, o orzamento diminúe para oito comunidades, entre elas atópanse Canarias e Aragón cun descenso do 14 % e 12 %, respectivamente.

gabinete técnico económico 7

Nunha primeira avaliación, todo parece indicar que a distribución dos fondos ten un marcado carácter electoral onde se prima ás Comunidades Autónomas onde ten máis posibilidades de manterse ou gobernar o partido do Goberno e penaliza ás de menos posibilidades de rendibilizar os investimentos.

Neste contexto, resulta de interese analizar o peso de cada Comunidade Autónoma no conxunto dos investimentos rexionalizables previstos para o ano 2009:

Cadro n.º 3: INVESTIMENTO REXIONALIZADO POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS

2009 %

Andalucía 4.362 17,8 %

Cataluña 3.701 15,1 %

Castela e León 2.431 9,9 %

Madrid 2.427 9,9 %

Comunidade Valenciana 2.295 9,4 %

GALICIA 2.003 8,2 %

Castela-A Mancha 1.346 5,5 %

Aragón 1.060 4,3 %

Asturias 1.000 4,1 %

Murcia 792 3,2 %

Estremadura 731 3,0 %

Canarias 571 2,3 %

País Vasco 541 2,2 %

Cantabria 417 1,7 %

Baleares 281 1,1 %

Navarra 197 0,8 %

A Rioxa 171 0,7 %

TOTAL 24.438 100 %

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En millóns de euros.

documento 124

8 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

Malia o esforzo investidor do Goberno central en Galicia, as cinco Comunidades Autónomas que no ano 2008 percibían máis investimento rexionalizado que en Galicia seguen sendo as mesmas en 2009.

Sen contar Madrid (que centraliza o aparato administrativo do Estado) ou Andalucía e Cataluña (cuxa poboación triplícase á galega), observamos que comunidades autónomas como Castela e León, cun peso de poboación menor ca Galicia, perciben un 21 % máis de recursos. Non obstante, debemos recordar aquí que a porcentaxe asignada a Andalucía responde á porcentaxe de investimento (en función da súa achega á poboación española) reflectida no seu novo Estatuto de Autonomía e que a de Cataluña (en función da súa achega ao PIB) queda por baixo.

Da comparación do investimento rexionalizado coa poboación de cada Comunidade Autónoma, obtemos o investimento per cápita en euros, que é un indicador máis aproximado ao esforzo investidor do Estado en cada Comunidade Autónoma. No cadro número 4 recollemos a evolución do investimento per cápita por comunidades autónomas:

Cadro nº 4: INVESTIMENTO PER CÁPITA

2009 ÍNDICE 100

Castela e León 952 179

Asturias 927 175

Aragón 800 151

GALICIA 720 136

Cantabria 717 135

Estremadura 667 126

Castela-A Mancha 660 124

Murcia 556 105

A Rioxa 538 101

Andalucía 533 101

TOTAL 531 100

gabinete técnico económico 9

2009 ÍNDICE 100

Cataluña 503 95

Comunidade Valenciana 457 86

Madrid 388 73

Navarra 318 60

Canarias 276 52

Baleares 262 49

País Vasco 251 47

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En euros.

Para completar a nosa análise dos investimentos do Estado en Galicia para o ano 2009, estudamos a evolución dos orzamentos dos diferentes ministerios. Neste caso falamos só dos investimentos dos ministerios, non dos de organismos ou sociedades dependentes deles.

Cadro n.º 5: O INVESTIMENTO POR MINISTERIOS

2009 LEI 2008 DIF. ABSOLUTA DIF. RELATIVA

Fomento 618 653 – 35 – 5,4 %

Medio Ambiente 200 203 – 3 – 1,5 %

Defensa 23 45 – 22 – 48,9 %

Economía e Facenda 10 14 – 4 – 28,6 %

Restantes ministerios 15 24 — —

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En millóns de euros.

Como se pode comprobar no cadro, só dous ministerios teñen partidas orzamentarias de contía significativa: o de Fomento e o de Medio Ambiente.

O maior volume de investimentos corresponde ao Ministerio de Fomento con 618 millóns de euros, que gaña protagonismo nas contas públicas: pasa de aglutinar o 69 % do esforzo investidor do Estado en Galicia en 2008 ao 71 % en 2009, aínda que experimenta o maior descenso en valores absolutos. O Ministerio de Medio Ambiente, malia ser o segundo ministerio por volume de recursos, experimenta

documento 124

10 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

unha redución do 1,5 % respecto ao ano precedente: pasando de 203 millóns de euros en 2008 a 200 millóns de euros en 2009.

O Ministerio de Defensa é o terceiro por orzamento, e diminúe a súa contía en comparación co exercicio 2008 nun 49 %, ata alcanzar a cifra de 23 millóns de euros en 2009 influído basicamente polo espectacular descenso dos recursos destinados ao financiamento do Buque proxección estratéxica LLX e as Fragatas F- 100.

Os investimentos dos restantes ministerios non son significativos en termos de recursos achegados, e destínanse basicamente a financiar os gastos de funcionamento dos servizos da Administración do Estado en Galicia.

Resumindo, o investimento do Estado medra en Galicia máis que a media de todas as Comunidades Autónomas e sube o investimento per cápita.

A conclusión é clara: o forte incremento do investimento público destinado a Galicia nos últimos anos prodúcese polo baixo nivel de investimentos nos exercicios anteriores, que situaban a Galicia nos últimos lugares por volume de recursos achegados polo Goberno central. Por iso calquera esforzo investidor, comparado con estas cantidades, resulta significativo en termos relativos, non tanto en valores absolutos ou con relación á poboación de cada territorio.

Compre matizar aquí que, como veremos no capítulo dedicado ao ferrocarril, estamos falando de orzamentos iniciais e non do realmente executado. Por todo isto, consideramos que o importante investimento rexionalizable previsto para 2009 en Galicia non contribuirá a diminuír o déficit histórico de infraestruturas nin actuará como estímulo da actividade económica no actual contexto de crise económica mundial.

gabinete técnico económico 11

2. O FERROCARRIL NOS ORZAMENTOS DE 2009

Para aproximarnos ao tratamento que se lle dá ao transporte ferroviario en Galicia nos orzamentos do 2009, manexamos unha dobre perspectiva: primeiro a cuantitativa, para coñecer e avaliar a contía do investimento previsto polo Goberno para executar en Galicia, e despois unha cualitativa para saber canto, como, onde e a que prioridades se destina.

Antes de iniciarmos a nosa análise, convén lembrar tres cousas:

1. Galicia representa en termos de poboación o 6 % do total de España.

2. Dada a complexa orografía galega, o custo de construción dunha infraestrutura ferroviaria é meirande aquí ca noutras comunidades autónomas, polo que, ao ser maior o custo por quilómetro, cómpre tamén un maior esforzo investidor para acadar unha dotación ferroviaria do mesmo nivel.

3. Historicamente, o investimento en Galicia foi practicamente nulo, o que provocou que a rede ferroviaria galega estea entre as peores de España, sen quilómetros de dobre vía, cunha baixa porcentaxe de tramos electrificados, moitos pasos a nivel, curvas de radio reducido e outras graves carencias que sitúan a velocidade do ferrocarril en medias propias da primeira metade do século XX.

As cifras recollidas no Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado, que inclúen as do Ministerio de Fomento e outros entes e empresas públicas, son as seguintes:

Cadro n.º 6: INVESTIMENTO EN FERROCARRIL

ORGANISMO 2009 2008

D. Xeral de Ferrocarrís 298.008 281.603

ADIF 2.611 4.937

FEVE 3.653 3.365

SEITTSA 604.783 428.482

TOTAIS 909.055 718.387

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En miles de euros.

documento 124

12 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

O conxunto dos investimentos previstos polo Ministerio, o ADIF, FEVE e SEITTSA para o ano 2009 é de 909 millóns de euros, fronte a un investimento previsto no 2008 de 718 millóns de euros. Isto significa que o investimento ferroviario programado para Galicia en 2009 medra un 27 % en termos nominais.

A análise cualitativa dos investimentos ferroviarios ten como obxecto coñecer a que proxectos se dedican as dotacións orzamentarias. O cadro nº 7 recolle todas as actuacións previstas no Proxecto de Orzamentos para 2009 en materia de ferrocarril:

Cadro n.º 7: ACTUACIÓNS EN MATERIA DE FERROCARRIL

2009 % 2008 %

LAV Ourense-Santiago 290.704 31,98 % 350.950 48,85 %

LAV Olmedo-Zamora-Ourense 250.001 27,50 %

LAV Lubián-Ourense 4.050 0,45 % 18.911 2,63 %

LAV Ourense-Vigo 1.000 0,11 % 500 0,07 %

LAV Ourense-Lugo 250 0,03 % 200 0,03 %

LAV Ponferrada-Monforte 160 0,02 % 100 0,01 %

LAV Lugo-A Coruña 100 0,01 % 100 0,01 %

Mediterráneo-Cantábrico 200 0,03 %

Eixe Atlántico 191.554 21,07 % 154.243 21,47 %

Vigo-Pontevedra 20.000 2,78 %

Vigo-Fronteira Portuguesa 500 0,06 % 2.000 0,28 %

Ferrol-Coruña 528 0,06 % 6.256 0,87 %

BY-PASS en Betanzos 1.500 0,21 %

Instalacións 2.611 0,29 % 4.937 0,69 %

FEVE 3.653 0,40 % 3.365 0,47 %

Obras reposición 70.194 7,72 % 66.065 9,20 %

Actuacións pasos a nivel 38.388 4,22 % 23.608 3,29 %

IVE 48.318 5,32 % 57.684 8,03 %

Actuacións puntuais 3.790 0,42 % 4.514 0,63 %

Modernización 1.884 0,21 % 1.754 0,24 %

gabinete técnico económico 13

2009 % 2008 %

Mellora Seguridade 1.370 0,15 % 1.500 0,21 %

TOTAL 909.055 100,00 % 718.387 100,00 %

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En miles de euros.

No cadro nº 7 reflectimos tanto os proxectos de investimentos como as obras de mantementos tanto da infraestrutura como das instalacións ou o IVE das obras que debe abonar a SEITTSA polas obras que realiza.

A principal liña de actuación en Galicia para o ano 2009 é o tramo de alta velocidade que conecta Santiago coa meseta que absorbe o 60 % de todo o orzamento previsto para o ferrocarril en Galicia. As dotacións previstas para esta actuación aumentan nun 47 % ao pasar de 370 millóns de euros asignados nas contas de 2008 a 555 en 2009.

A obra máis relevante, por volume de recursos, é o tramo de alta velocidade Ourense- Santiago, como parte final do corredor do AVE do Noroeste cunha previsión de gasto de 291 millóns de euros, o 32 % do total. Seguido do tramo Lubián- Ourense, con 254 millóns de euros, que aglutina o 28 % dos investimentos previstos.

Os 291 millóns previstos para a liña Ourense Santiago son inferiores aos 351 asignados nas contas de 2008; é dicir, a cantidade comprometida para o 2009 diminúe respecto ao ano anterior nun 17 % o que, segundo os expertos, indica que xa se tocou o teito do gasto consignado para esta actuación xa que o orzamento é o dobre do necesario pois só se está a executar o 70 % do orzamento. Pola contra, as dotacións destinadas a modificar o tramo Lubián- Ourense para convertelo nun percorrido de alta velocidade, actuación de vital importancia para o acceso alta velocidade a Galicia, pasan dos 19 millóns de euros en 2008 a 254 en 2009. Unha cantidade excesiva da que só se poderá gastar unha cuarta parte debido ao ritmo actual das licitacións que impide, con claridade, cumprir o comprometido prazo do 2012.

A segunda das actuacións previstas, por volume de investimento, é no Eixe Atlántico Tui-Vigo-Pontevedra-Vilagarcía-Santiago-A Coruña-Ferrol que, a pesar de non ser unha liña de alta velocidade, nin polos

documento 124

14 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

parámetros de definición técnica nin pola velocidade para a que está proxectada, é unha actuación estrutural moi importante para o futuro do ferrocarril, cunha vontade articuladora do territorio e, en xeral, amplamente aceptada pola sociedade galega.

Os 191,5 millóns de euros previstos para esta actuación —que representan un lixeiro incremento respecto dos 154 millóns de 2008— supoñen unha contía inferior ao que se pode e se debe investir nesta infraestrutura. Se temos en conta que seguen sen asignarse recursos as conexións entre Ferrol e Coruña e a de Vigo con Porriño e que ao prazo de execución da obra hai que sumarlle o das instalacións de seguridade, electrificación e probas, que aínda non están previstas, podemos concluír que a posta en funcionamento efectiva do Eixe Atlántico será tamén máis alá do 2012.

Non podemos deixar de reiterar que a quinta “obra” en materia de ferrocarril por volume de “investimento” prevista nos PXE 2009 é o IVE

aboado polas obras que executa a SEITTSA, cantidade que non debera cuantificarse como investimento pois non vai incrementar o stock de capital senón que minora os recursos destinados á mellora do ferrocarril.

Outras actuacións como a nova liña de alta velocidade polo Cantábrico —unindo Ferrol e Bilbao a través de Asturias e Cantabria—, o peche da rede interior da alta velocidade en Galicia —unindo Lugo coa Coruña e Ourense— e a unión de Monforte con Ponferrada mediante a alta velocidade, non teñen cabida neste proxecto de orzamento pois as cantidades que se consignan son irrisorias ou nin tan sequera existen.

En resumo, nin a dotación orzamentaria prevista para o ano 2009 nin os baixos graos de execución van permitir que se cumpran os compromisos dos Gobernos Central e Autonómico en materia de infraestruturas ferroviarias.

gabinete técnico económico 15

3. AS INFRAESTRUTURAS DE ESTRADAS

Outras das análises máis relevantes para Galicia sobre as contas públicas do 2009 é a que serve para comprobar as contías que os Orzamentos Xerais do Estado recollen para as infraestruturas de estradas dados o noso déficit histórico tanto de comunicacións interiores coma de conexións co resto do Estado.

No cadro 8 tomamos como referencia as actuacións máis relevantes en termos de investimento económico e agrupamos as obras de pequena contía.

Cadro n.º 8: ACTUACIÓNS EN MATERIA DE ESTRADAS

2009 % 2008 %

Obras de reposición 144.935 40,42 % 169.619 43,87 %

Autovía do Cantábrico (A8) 86.017 23,99 % 87.378 22,60 %

Autovía Santiago-Lugo (A54) 32.017 8,93 % 5.285 1,37 %

Autovía Verín-fronteira portuguesa 22.473 6,27 % 14.981 3,87 %

Autovía Lugo-Ourense (A56) 2.760 0,77 % 2.643 0,68 %

Autovía do Noroeste (A6) 1.386 0,39 % 6.513 1,68 %

Autovía Pontevedra conexión A52 (A57) 4.011 1,12 % 900 0,23 %

Autovía Ponferrada-Ourense (A76) 255 0,07 % 680 0,18 %

Autovía das Rías Baixas (A52) 100 0,03 % 400 0,10 %

Autopista do Atlántico (AP9) 20 0,01 % 200 0,05 %

Autovía Monforte-Chantada (A72) 50 0,01 % 200 0,05 %

Circunvalación Coruña 39.780 11,09 % 33.733 8,72 %

Circunvalación Santiago 3.137 0,87 %

Acceso Porto Vilagarcía 6.000 1,67 % 9.712 2,51 %

Acceso Porto Ferrol 3.493 0,97 % 34.473 8,92 %

Acceso Porto exterior Coruña 50 0,01 % 20 0,01 %

Convenio Concello Santiago 5.407 1,51 % 14.000 3,62 %

IVE 5.768 1,61 % 2.538 0,66 %

Obras diversas 896 0,25 % 3.388 0,88 %

TOTAL 358.555 100 386.663 100

FONTE: Elaboración propia sobre datos do Proxecto de Orzamentos 2009. En miles de euros.

documento 124

16 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

O primeiro dato a sinalar é que o orzamento previsto para 2009 é de 358,5 millóns de euros cando en 2008 era de 386,6 millóns de euros; é dicir, as dotacións previstas para estradas diminúen un 7 % en termos nominais.

En segundo lugar, cómpre destacar que de cada 100 euros do orzamento para estradas destínanse 40 a obras de mantemento ou reposición deixando unhas contas insignificantes para impulsar as grandes vías que deben estruturar o territorio galego.

A actuación máis relevante, á que se lle destina un orzamento significativo, é a Autovía do Cantábrico (A8) cunha previsión de gasto de 86 millóns de euros, contía que supón o 24 % de todo o orzamento previsto para estradas en Galicia. A seguinte obra por volume de recursos é a circunvalación da Coruña que, con case 40 millóns de euros, aglutina o 11 % do investimento previsto.

Outras actuacións en materia de estradas que absorben unha porcentaxe destacable de investimento previsto son a Autovía Santiago- Lugo (A54) cunha dotación de 32 millóns de euros fronte aos 5 millóns asignados no ano en curso e a Autovía de Verín- Fronteira Portuguesa á que se destinan 22 millóns de euros.

4. CONCLUSIÓNS

1. O proxecto de orzamentos do 2009 recolle a maior cifra de investimento do Estado en Galicia en termos nominais. Os 2.002,53 millóns de euros son a contía máis alta de investimento público percibido e supoñen un incremento do 3,1 % sobre os recursos recollidos no proxecto de orzamentos de 2008.

Este incremento supera a medra da cifra global para España que foi do 0,1 % pero queda relativizado se o comparamos con outras comunidades como Valencia ou Andalucía que reciben cantidades moi superiores.

2. O investimento en Galicia é do 8,2 % do total, cifra superior ao peso demográfico e territorial do noso país no conxunto de España. A

gabinete técnico económico 17

pesar disto, Galicia está no sexto lugar por cifra de investimento entre as diferentes comunidades e mesmo por detrás dalgunha de menor tamaño, como é o caso de Castela e León.

3. Do dito ata aquí vaise deducindo que o Goberno mellorou de xeito significativo os seus orzamentos iniciais con respecto a anos anteriores pero esta melloría prodúcese polo baixo nivel de investimentos nos exercicios anteriores, que situaban a Galicia nos últimos lugares por volume de recursos achegados polo Goberno central. Por iso calquera esforzo investidor, comparado con estas cantidades, resulta significativo en termos relativos, non tanto en valores absolutos ou con relación á poboación de cada territorio.

4. As dotación previstas para o ferrocarril son de 909 millóns de euros, un 26,5 % máis que no ano en curso. A actuación máis importante en termos cuantitativos e cualitativos é o investimento na conexión ferroviaria entre Ourense e Santiago que, unha vez excluído o IVE, conta cunha dotación orzamentaria de 290,7 millóns de euros, contía que supón o dobre do necesario xa que só se está a executar o 70 % do orzamento.

A seguinte actuación por volume de recursos é o tramo Lubián-Ourense con 254 millóns de euros dos que só se poderá gastar unha cuarta parte debido ao ritmo actual das licitacións que impide, con claridade, cumprir o comprometido prazo do 2012.

As contas recollidas para o Eixe Atlántico (191,5 millóns de euros) son insuficientes para o ritmo actual das obras. Se temos en conta que seguen sen asignarse recursos ás conexións entre Ferrol e Coruña e a de Vigo con Porriño e que ao prazo de execución da obra hai que sumarlle o das instalacións de seguridade, electrificación e probas, que aínda non están previstas, podemos concluír que a posta en funcionamento efectiva do Eixe Atlántico será tamén mais alá do 2012.

5. A distribución do investimento demostra que os recursos asignados para estradas non só non medra en 2009 senón que mesmo diminúen en termos nominais. A única dotación orzamentaria significativa é a asignada a Autovía do Cantábrico con 86 millóns de euros mentres que o resto das novas autovías de alta capacidade

documento 124

18 Os orzamentos xerais do estado 2009 e a súa repercu sión en Galicia

perciben partidas case testemuñais, como a autovía de Lugo- Ourense con 2,7 millóns ou as autovías de Pontevedra (A-52) e Monforte-Chantada con 0,10 e 0,05 millóns de euros, respectivamente.

6. Polo tanto, os orzamentos previstos para o 2009 son equilibrados para Galicia, porque lle asignan unha participación superior ao seu peso demográfico, pero se temos en conta o baixo grao de execución dos últimos anos resultan claramente insuficientes para que Galicia poida converxer cos valores medios de España en dotacións de infraestruturas, crecemento económico e nivel de renda.