06 viaxemusical
Post on 20-Jul-2015
346 Views
Preview:
TRANSCRIPT
06_ Unha viaxe musical
Sabemos que a lírica xorde como apoio a unha instrumentalización, aínda que só
conservamos as partituras dunhas poucas cantigas medievais (das cinco cantigas de
Martín Códax ou das Cantigas de Santa María de Afonso X). Tamén é rico e de gran
vitalidade o folclore de Nadal (panxoliñas, aninovos e reis) que se mantiveron cantadas
con acompañamento de gaita, tamboril, pandeiro e cunchas desde o século XV até finais
do século XIX.
A lírica inclúe as obras nas que un autor expresa o seu mundo de sentimentos.
A propia palabra lírica remite tamén á orixe do xénero en composicións escritas en Grecia
para seren cantadas con lira.
PROXECTO DE ESCRITURA: folleto músico-informativo
Como proxecto de escritura nesta viaxe, debedes facer un folleto informativo en formato
tríptico a dobre páxina para dar a coñecer os poemas musicados de Manuel Curros
Enríquez. No folleto debemos indicar cando menos:
a. Introdución relación poesía música.
b. Escritores e escritoras musicados.
c. Poemas e grupos que musicaron a Manuel Curros Enríquez.
d. Breves comentarios sobre os grupos e os poemas
e. Difusión destes poemas con acceso gratuíto: nas fonotecas, en internet e
por outras canles.
f. Dúas ou tres imaxes que ilustren o folleto.
Lembrade seguir as normas de redacción dun texto mais desta volta nun formato novo.
O poema “Cántiga” que acabamos de ler de Curros é, con seguridade, un dos textos da
nosa poesía que máis se chegou a popularizar, grazas a que foi musicado e versionado
por moitos intérpretes e grupos.
Por parellas, investigade que poemas de Manuel Curros Enríquez foron máis
adaptados musicalmente.
Buscade cales aparecen na fonoteca do voso centro de ensino ou do voso
Concello. Informádevos sobre o sistema de préstamo na fonoteca.
Localizade en internet as referencias musicais que atopades sobre Curros.
Escollede dous poemas dos que aparecen musicados. Lédeos en voz alta e
despois escoitade as diferentes versións que atopastes. Que recursos literarios
foron adaptados para as composicións musicais?
De músicos e músicas
No XIX, o símbolo da nosa tradición musical eran os gaiteiros. Á súa figura dedicoulle
Curros un poema:
O GUEITEIRO
«Sempre pol-a vila entraba
Con aquel de señorío.»
(Rosalía Castro)
Dendes do Lérez lixeiro
ás veigas que o Miño esmalta,
non houbo no mundo enteiro
máis arrogante gueiteiro
que o gueiteiro de PENALTA.
Sempre retorcendo o bozo,
erguida sempre a cabeza,
daba de miralo gozo.
Era un mociño... ¡que mozo!
Era unha peza... ¡qué peza!
Despois do tempo pasado
pasado pra non volver,
com' on profeta ispirado,
inda mo parece ver
na festa do San Trocado.
Calzón curto, alta monteira,
verde faixa, albo chaleque
i o pano na faltriqueira,
sempre na gaita parleira
levaba dourado fleque.
Non houbo home máis cumprido
no mundo, de banda a banda,
nin rapaz máis espilido,
con máis riqueza vestido,
nin de condición máis branda.
Prás festas e romarías
chamado, tódolos días
topábase donde queira,
anque por certas porfías
solo tocaba a muiñeira.
Pois, como poucos teimado
cando unha venta lle pega,
xura que, pró seu agrado,
non se ten inda enventado
música como a gallega.
Neno era eu cando el vivía,
mais non o podo esquecer.
¡O que el na gaita sabía!
¡O que el cos dedos podía
naquel punteiro faguer!
Cando nas festas maores
era esperado o gueiteiro,
botábanlle as nenas frores,
ledas copras os cantores,
foguetes o fugueteiro.
Tras del, en longa riola,
da gaita o compás levando
con infernal bataiola,
iban correndo e choutando
os rapaciños da escola.
Nunca se puido avriguar.
véndolla repinicar,
por qué, o son da gaita ouíndo,
cantos bailaban sorrindo,
acababan por chorar.
Pero cando el no turreiro,
cal na trébede a Sibila,
pegaba o pio primeiro,
daban ó vento o sombreiro
tódolos mozos da vila.
Comenzado o baile entón,
cousa era pra adimirar
aquel sembrante bulrón,
aquel aire picarón
i aquel modo de mirar...
I era de ver con qué trazas,
sin faguer pausas, nin guiños,
nin caso das ameñazas,
furtaba un bico ás rapazas
dos noivos diante os fociños.
Ninguén soubo frolear
do xeito que el froleaba:
verlle a muiñeira botar,
era unha nube mirar
de anxeliños que pasaba.
Xentil, aposto, arrogante,
en cada nota o gueiteiro
ceibaba un limpo diamante,
que logo no redobrante
pulía o tamburileiro.
¿Que Orfeo se lle igualaba,
si mesmo, dentro do fol
que co cóbado apertaba,
parecia que cantaba
escondido un rousiñol?
Músico on tempo e poeta,
algunha fada sacreta
tiña con que comovia,
pois nunca dunha palleta
saíu tan doce harmonía.
Tocaba... e cando tocaba,
o vento que do roncón
polo canuto fungaba,
dixeran que se queixaba
da gallega emigración.
Dixeran que esmorecida
de door a Patria nosa,
azoutada, escarnecida,
chamaba, outra Nai chorosa,
ós filliños da súa vida...
I era verdá. ¡Malpocada!
contra on penedo amarrada,
cravado un puñal no seo,
naquela gaita lembrada
Galicia era un Prometeo.
Un Prometeo cantando
eternas melanconías;
sempre un consolo agardando
e sempre as bágoas chorando
do desdichado Macias.
Por eso, cando a tocar
se puña o gueiteiro lindo,
cantos viñan pra bailar,
se escomenzaban sorrindo,
acababan por chorar.
Por eso, en vilas i aldeas,
por xentes propias i alleas
era aquel home estimado,
e por todos saudado
en camiños e vereas.
Por eso, donde el chegaba
dábanlle citas de amores
as mozas por que el toleaba,
e sempre á mesa xantaba
dos abades e priores.
Que dende o Lérez lixeiro
ás veigas que o Miño esmalta,
non houbo no mundo enteiro
máis arrogante gueiteiro
que o gueiteiro de PENALTA.
Preparade a lectura do poema de xeito individual. Na lectura en voz baixa
fixádevos en todos aqueles elementos que provocan un ruído para o recitado.
Nivel lingüístico
Fixádevos especialmente naquelas cuestións lingüísticas que hoxe
realizariamos de outro.
Hoxe, a conxunción copulativa “e” pronúnciase moi aberta. En moitos
casos, escoitamos dicir esta vogal como un “i” cando a súa
representación debe ser aberta:
o Cal é o motivo polo que Curros emprega esta vogal nos seus
escritos?
o Pensades que esa é a mesma causa pola que a escoitamos
hoxe?
o Para mellorar calquera lingua primeiro debemos ser conscientes
do nivel de aprendizaxe e uso no que estamos. Comentade co
voso profesor posíbeis estratexias para corrixir mellorar a
calidade da vosa lingua. Podedes analizar as diferentes fases da
vosa aprendizaxe lingüística para ver en que nivel estades.
INTERPRETAMOS O NOSO POEMA
Localizade no texto as referencias e comparacións con personaxes da
mitoloxía, literarios... Buscade a información que descoñezades nun
dicionario e na enciclopedia. Para isto tamén podedes botar man da
vosa ficha léxica.
Que atributos ten o Que atributos ten o “gueiteiro de Penalta” no poema
de Curros?
Despois da lectura deste poema, en que consideración pensades tiña a
xente aos gaiteiros?
ORGANIZAMOS A NOSA FONOTECA
Organizamos a nosa fonoteca.
Organiza mentalmente a túa música e a música que escoitas e ves nas
festas, na radio, na prensa, nos centros comercias, nas televisións, nas
webs, en myspaces... Cales son as linguas maioritarias que escoitas?
Que espazo ocupa a música galega ou en galego? Organizade en
grupos de catro as vosas referencias musicais. Elaborade unha listaxe
ao xeito de fichas (como na fonoteca da biblioteca).
Para acompañar o folleto informativo elaborade outro no que deades
conta da música galega e en galego que podedes escoitar hoxe. No
folleto informaremos dunha convocatoria colectiva para realizar varias
audicións durante os recreos nun lugar do patio do centro. Para levar
adiante o voso traballo podedes botan man do folleto informativo que
elaborou o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Don Aurelio de
Cuntis . Se o intentades igual podedes conseguir carteis e material de
difusión dos grupos a través dos correos electrónicos que aparecen na
páxina web dos diferentes grupos.
Podedes facer un compilación daquelas cancións que máis vos gustaron
e editar o voso casete no blog ou na páxina web do centro.
Recursos:
http://del.icio.us/manuelcurrosenriquez/titoriais
http://www.mixwit.com/
top related