actividades verdegaia 2012

29
verdegaia 2012 resumo de actividades

Upload: xose-antom-gonzalez-seren

Post on 09-Mar-2016

225 views

Category:

Documents


2 download

DESCRIPTION

Actividades Verdegaia 2012

TRANSCRIPT

verdegaia 2012resumo de actividades

xaneiro

roteiro polo Pico SacroO domingo 22 de xaneiro, unhas 50 persoas participaron nunha andaina organizada pola nosa asociación dentro do seu programa anual Vai de Roteiros. Desta volta o roteiro tiña por obxecto o ascenso ao Pico Sacro, nas proximidades de Compostela.

Tras achegármonos a Lestedo en autobús, o grupo ascendeu a pé ata o cumio guiado polas explicacións dun

xeógrafo experto en paisaxe. Neste roteiro tratouse o concepto fundamental de paisaxe cos elementos que o conforman como a paisaxe construída, a vexetación potencial, os elementos condicionantes morfolóxicos e os fenómenos fundamentais que modifican a paisaxe tradicional.

febreiro

Plataforma Galega contra a Incineración e a ReciclaxeO luns 6 de Febreiro, presentouse en rolda de prensa a Plataforma Galega contra a incineración e pola Reciclaxe. A plataforma xunta a todo o movemento ecoloxista galego, tamén Verdegaia, na loita contra a incineración e en favor de alternativas

como a redución, a reciclaxe e a compostaxe. Para recoller a súa actividade creouse o seguinte espazo na rede:

http://galizasenincineracion.wordpress.com/

somos cidade! plataforma pola mobilidade da CoruñaO mércores 8 de febreiro, a Plataforma pola Mobilidade, da que fai parte Verdegaia, levou a cabo unha actividade para reivindicar a necesidade dun transporte eficiente, ecolóxico, xusto e sostible que axude a minimizar os problemas de mobilidade, ruído e contaminación que sofre a cidade da Coruña. O acto consistiu en repartírmonos en grupos e xuntármonos en puntos comúns para subir ás distintas liñas de bus e falar coas cidadás e cidadáns que viaxan neles sobre a necesidade dun transporte público para tod@s e repartir un tríptico con información entre os usuarios interesados.

roteiro pola enseada de San SimónO domingo 26 de febreiro, Verdegaia organizou un roteiro encadrado no noso programa Vai de Roteiros, desta volta pola enseada de San Simón. O grupo saíu da estación de tren de Andrade. O roteiro centrouse en coñecer a zona do final da ría de Vigo e os seus valores ornitolóxicos e patrimoniais, entre os que destacan os restos das antigas salinas de Ulló.

marzo

presentación de alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galiza

A Rede de colectivos A Ría Non Se Vende (formada por 16 colectivos da ría de Vigo, entre elas Verdegaia), presentou en marzo alegacións ó proxecto de Plan Sectorial de Ordenación das Areas Empresariais de Galiza. Apoiou e recolleu a alegación presentada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitando a retirada do parque empresarial Marín-Moaña e da plataforma loxística Marín-Pontevedra e estendeuna, pedindo tamén a exclusión do proxecto de ampliación do parque empresarial Bueu-Castiñeiras. Alegouse a falla de

xustificación dunha demanda real de solo industrial, como teñen recoñecido tanto Xunta como Xestur; que non se tivo en conta a importancia fundamental dos Montes do Morrazo, como espazo natural valioso en si mesmo e como corredor ecolóxico, conectando áreas costeiras como a da Costa da Vela e Cabo Udra cos espazos interiores das terras de Pontevedra; e que o plan está deseñado segundo un modelo de desenvolvemento especulativo e insostible.

visita ás Gándaras de BudiñoEn marzo, membros de Verdegaia realizaron unha visita ás Ribeiras do Louro con técnicos e persoal de gardería da Consellaría de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galiza, técnicos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e persoal da empresa Tragsa. O motivo foi avaliar in situ as zonas nas que se desenrolarán proximamente as obras do Proxecto de Restauración do LIC Gándaras de Budiño, ao que Verdegaia presentou alegacións en xullo de 2011.

VI Asemblea Xeral de VerdegaiaO 10 de marzo, celebramos en Vigo a nosa VI Asemblea Xeral para avaliar o traballo feito e planificar as actividades a desenvolver durante o período 2012-2013, ata a vindeira asemblea. Escolléronse catro liñas de acción prioritarias: Lei de Costas, dereitos sociais, Plano Director de Acuicultura e a base de avións non tripulados de Trasmirás (proxecto que semella abandonado, cando menos temporalmente).

Aproveitouse a ocasión para renovar a Comisión Coordinadora Xeral, que quedou constituída así: Diego R. Vieites (Coordinación Xeral), Miguel Pardellas (Vicecoordinación Xeral), María Ogando (Secretaría Xeral), Nacho Jorganes (Vicesecretaría Xeral), Xián Neto (Tesouraría), Sabela Iglesias (Vicetesouraría), Diego R. Vieites (Biodiversidade), Sabela García (Educación Ambiental), José Cadaveira (Xustiza Social), Tamara Roig (Consumo Responsable).

O domingo 11 á mañá, realizamos un roteiro polos espazos naturais que a Asociación Fontaíña leva restaurando dende 1993.

roteiro pola ZEPA Costa de Ferrolterra-ValdoviñoO domingo 25 de marzo, Verdegaia organizou un novo roteiro encadrado no programa Vai de Roteiros, desta volta pola Costa de Ferrolterra-Valdoviño, con saída dende Ferrol en autobús ata Cedeira, onde comezamos a andaina.

admitida na UE a solicitude para declarar LIC a Serra do GaliñeiroA Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que fai parte Verdegaia, recibiu por aqueles días de marzo a esperanzadora nova de que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitira a trámite a denuncia interposta ante esa Comisión solicitando que a Serra do Galiñeiro fose declarada Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) para pasar a formar parte da Rede Natura 2000 en Galicia. Iso significa que a nosa demanda ten sentido e afortunadamente o procedemento seguiu adiante.

Seguindo esta liña de traballo e ante a actuación da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de deixar fóra da Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, unha vez máis, a Serra do Galiñeiro, a Plataforma pola Protección desta Serra tamén presentou alegacións a este documento.

accións contra os recheos na contorna de San Xurxo (Ferrol)No mes de marzo fixemos alegacións á Proposta de Resolución do expediente sancionador relacionado coas obras de recheo nas inmediacións do Regato de San Xurxo (concello de Ferrol), denunciadas ante o Servizo territorial da Demarcación Norte de Augas de Galicia.

O 6 de xullo presentamos denuncia ante o mesmo organismo e o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia por un novo aterramento efectuado por un particular nas inmediacións dese regato, afectando a un hábitat hidromorfo.

No 22 de outubro presentamos tamén unha denuncia ambiental ante o Servizo de Conservación da Natureza da Coruña polo recheo dunha zona de duna gris en San Xurxo con posíbel afección á zona de ampliación da Rede Natura.

apoio á folga xeral do 29 de marzoA reforma laboral introducida polo goberno do PP, continuación da anterior executada polo goberno do PSOE, contra a que se convocou esta folga xeral, supón a lexitimación xurídica da máis absoluta precariedade no traballo, e con ela, o aumento das desigualdades e da exclusión social, que nos levan de volta ao século XIX. Por iso Verdegaia quixo facer público o seu apoio á mesma.

alegacións á proposta de ampliación da Rede Natura 2000

O que motivou as nosas alegacións foi que consideramos insuficiente a proposta de ampliación xa que, a pesar de ser Galiza unha das tres comunidades autónomas con maior número de hábitats, isto non se reflicte na escasa porcentaxe de 15,2% do territorio incluído na Rede Natura 2000, mentres que no conxunto do estado español a porcentaxe protexida supera o 25%. Este feito parece vir motivado por unha decisión baseada no oportunismo político ou o respaldo tácito a proxectos industriais, extractivos ou enerxéticos. A proposta de ampliación da Rede Natura 2000 debería non só dar cumprimento hipoteticamente a un mandato europeo, senón establecer unha rede de espazos protexidos que realmente garanta a protección e supervivencia de especies e hábitats.

A Xunta de Galicia atrasou de xeito irresponsable a revisión da Rede Natura 2000 en Galicia, pois dende a primeira Decisión da Comisión Europea (ano 2004) onde a proposta foi cualificada de insuficiente, pasaron oito anos. Debemos sinalar que tanto as ampliacións como as novas propostas recollidas no documento presentado entón son insuficientes, constatando a incorporación parcial de hábitats ou a exclusión doutros. Resulta tamén incomprensible a disparidade entre a superficie proposta na ampliación do ano 2008 (a cal non chegou a tramitarse) con 289.816 Ha. totais, e a que motivou as nosas alegacións, reducida a 154.175 Ha. Aínda que no texto da proposta prímase como criterio "contar coa representatividade adecuada das especies e tipos de hábitats de interese comunitario, que ter designada unha ampla superficie do territorio", a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría debería terse orientado por consideracións que fagan viable a súa continuidade futura.

Podes consultar os contidos das nosas alegacións aquí:http://www.verdegaia.org/index.php/biodiversidade/1358-verdegaia-presentou-alegacions-a-proposta-de-ampliacion-da-rede-natura-2000

actuacións ante o incendio nas Fragas do Eume de finais de marzo e principios de abrilAnte o incendio nas Fragas do Eume as persoas activistas de Verdegaia no núcleo comarcal de Ferrol, Eume e Ortegal fixeron parte activa na contestación social, na análise das repercusións do incendio para as fragas e na proposta de alternativas a unha política forestal

nefasta que caracteriza a xestión do monte na maior parte do noso territorio, mesmo na contorna de zonas protexidas e de tanto valor como esta.

Na mesma liña asinouse un manifesto uns meses despois xunto a outros colectivos como o SLG (Sindicato Labrego Galego), AGA (Asociación Galega de Apicultura), e Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume. Este pode consultarse na nosa páxina web:

http://www.verdegaia.org/index.php/10-newsflashes/verdegaia/1412-verdega

ia-slg-aga-e-plataforma-para-a-defensa-das-fragas-do-eume-deciden-crear-unha-o rganizaci on-nacional-permanente-contra-a-praga-dos-incendios

abril

primeira andaina polo río BaaXunto a ADEGA, a Plataforma en Defensa dos Camiños, a Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo e a Sociedade Galega de Historia Natural, organizamos a 1ª Andaina Polo Río Baa, polos concellos de Fene e Cabanas, no 14 de abril.

Hai anos, antes da chegada do Polígono Industrial de Vilar do Colo, era doado facer rotas a pé polas beiras do río Baa seguindo os múltiples carreiros que os veciños utilizaban

para transitar entre as distintas parroquias da zona ou para achegarse ás súas terras. Naqueles tempos, cando aínda non había tres coches por cada casa, a xente usaba estas vías de comunicación para poderse achegar ao médico, para ir ás feiras ou para axudar á familia ou veciños nas labores agrarias que eran a base fundamental da economía familiar. Esta andaina pretendeu ser o inicio da recuperación deses camiños case esquecidos que só a veciñanza temos na nosa memoria.

O roteiro, cunha distancia de 3,5 quilómetros, levounos polos montes de Prismos, un lugar dunha grande riqueza medio ambiental e etnográfica onde se conxuga a beleza das paisaxes coa existencia de vestixios ancestrais nos que se conservan tradicións milenarias.

Nos meses de xuño e setembro, seguindo coa defensa da contorna do río Baa, celebráronse novas andainas en colaboración con Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Plataforma de afectados polo polígono industrial Vilar do Colo e Plataforma de defensa dos camiños, todas co obxectivo de defender a contorna do río Baa fronte ao verquido de áridos asfálticos contaminantes.

Cos mesmos colectivos organizamos unha nova andaina, o 18 de novembro, desta volta por un tramo do Camiño Inglés que discorre polos concellos de Cabanas e Fene e que podería verse afectado polo proxecto de ampliación do polígono industrial de Vilar do Colo.

Como Verdegaia presentamos tamén unha denuncia do depósito de áridos asfálticos da empresa Manmer na bacía deste río. O caso das moreas de áridos asfálticos que continúan contaminando o monte e o río Baa pasou estar nos xulgados (caso Arena) á espera de sentenza.

roteiro polo BarbanzaNo marco do programa Vai de Roteiros, o domingo 22 de abril, organizamos un roteiro de 10 quilómetros de lonxitude pola Serra do Barbanza no que as persoas asistentes tiveron a oportunidade de apreciar a riqueza natural e paisaxística da comarca, observar exemplos do seu patrimonio megalítico e valorar os impactos das intervencións humanas alí efectuadas.

O roteiro, guiado por Ramón Sampedro, comezou no miradoiro da Curota. Dende alí camiñamos uns 2 quilómetros cara ao norte, descendemos polo Canón do Barbanza, preto do parque eólico Barbanza II, e seguimos o curso do río Pedras, pasando por Aldea Vella, ata chegar a Lesón.

ciclo de cinema Coñecer para cambiarO ciclo de cinema “Coñecer para Cambiar” pretendía abrir un espazo para o coñecemento e a reflexión acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais (consumismo, industria agroalimentar, deslocalización, alimentos transxénicos, desigualdade nas relacións comerciais entre países do norte e do sur, explotación laboral, etc), empregando a linguaxe audiovisual para achegar estas realidades ao público en xeral. Coñecer e comprender as causas dos problemáticas sociais que nos afectan, representa o primeiro paso cara a unha mudanza persoal e social, motivo polo cal pretendíase ofrecer á cidadanía un espazo para o intercambio de ideas e inquietudes, nun clima ameno e distendido.

As proxeccións tiveron lugar no local da Asociación Veciñal A Xuntanza, do barrio de San Pedro, en Compostela, entre os meses de abril e xuño de 2012. A organización compartímola coa propia asociación veciñal, Amarante e o Sindicato Labrego Galego. As cintas empregadas foron:

Abril: Trueque, película documental arxentina que aborda a construción do sistema de troco en tempos do Corralito e a súa evolución posterior.

Maio: Nós alimentamos o mundo, documental austríaco que reflexiona sobre o modelo produtivo agroindustrial e as súas consecuencias.

Xuño: Catastroika, película grega que analiza o papel da U.E. e dos procesos privatizadores na crise actual.

maio

III andaina pola protección da Serra do GaliñeiroA Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que forma parte Verdegaia, seguiu a realizar accións de diversa índole, encamiñadas á consecución da protección efectiva e á divulgación dos diversos valores deste prezado espazo natural. Así, o día 13 de maio tivo lugar a III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro, que saíu do aparcadoiro do Campo de Fútbol da Pasaxe en Vincios (Gondomar) e percorreu arredor de 10 quilómetros nun trazado circular atravesando a serra.

denuncia do balneario de Oia por vertidosA empresa Balneario del Atlántico S.L., autorizada por Augas de Galicia para o vertido de augas residuais do Complexo hoteleiro, estaba condicionada a unha serie de requisitos que foron e continúan a ser amplamente infrinxidos pola sociedade mercantil.

Entre os incumprimentos destacan a falta de tratamento de depuración das augas fecais, que superan os valores límites de contaminación da autorización; a non coincidencia entre o punto autorizado de vertido (mar a dentro) e o punto real de vertedura (no litoral visible) -cunha diferenza de máis de 400 m entre un punto e outro-; a non garantía da calidade da auga do vertido; e o claro dano ambiental provocado na zona pola continuidade dos vertidos contaminantes.

alegacións a eucaliptal en SobradoVerdegaia presentou no mes de maio alegacións a unha plantación de Sobrado (A Coruña) que pretende eliminar toda a cuberta vexetal existente na zona e substituíla por unha enorme plantación de Eucalyptus nitens.

O estudo de impacto ambiental recolle unha listaxe de “beneficios ecolóxicos”, entre os que se atoparían a “protección da diversidade da flora, a fauna e a paisaxe”, que se descualifican por si mesmos á vista do impacto que suporá a eliminación total da superficie vexetal, o emprego de maquinaria no monte e a realización de traballos de subsolado.

A variedade nitens é xunto a globulus das máis empregadas nas plantacións deste monocultivo forestal en Galiza.

roteiro por CorrubedoO 20 de maio realizamos este roteiro. O punto de encontro para a saída foi o Centro de

Interpretación do Parque dunar de Corrubedo. Ao noso paso pola zona de Carregal, puidemos ver

a lavandeira amarela, a chasca, ou a escribenta das canaveiras e observar a diferencia entre unha carola rillada por un rato ou por un esquío.

Despois de chegar ao río do mar, demos a volta pola praia, pendentes da presenza da píllara, da que non chegamos a ver ningún exemplar. Cerca xa do punto de partida, comemos ao abrigo duns penedos...e ata houbo algún valente que se atreveu a tomar un baño!

Tras o xantar achegámonos ao outro extremo do parque, cara a Vixán, a lagoa de auga doce. De camiño, vimos un grupo de xente que se preparaba para practicar kitesurf, un deporte que, co arrastre do material pola praia, resulta mortífero para a píllara e as súas crías. Achegámonos de novo ao Centro de Interpretación, para alertar ao vixilante. Díxonos que non pasaba nada, que non está prohibido. Ao parecer, ata nun Parque Natural é máis importante o ocio humano que a supervivencia dun animal en perigo como a píllara...

Antes de dar por rematado o día, decidimos achegarnos ata o observatorio de aves que está ao outro lado da lagoa de Vixán, só accesible pola estrada. Galiñolas, pitas de auga e gaivotas déronnos a despedida.

limpeza na carballeira de Torre da PenaA finais de maio, organizamos dúas limpezas na carballeira que rodea á Torre da Pena, no concello ourensán de Xinzo da Limia. Retiráronse en total once bolsas de lixo de natureza diversa que estaba a afectar a este valioso ecosistema forestal limiao. A existencia dun aparcadoiro próximo e a afluencia de persoas que van xantar á torre e deixan envases e demais residuos no lugar son as principais causas de contaminación desta carballeira onde habitan especies tan escasas en Galiza como a pomba zura (Columba oenas).

colaboración na recuperación de tres especies ameazadas en GalizaNo pasado maio rematamos o noso traballo no proceso de participación pública ó que se someteron os Planos de recuperación de tres especies ameazadas en Galicia: o sapoconcho común (Emys orbicularis), a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) e a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica). A nosa asociación aportou suxestións nas mesas de participación pública de organizacións ambientais celebradas en Pontevedra referidas ás tres especies, na mesa de participación pública de organizacións ambientais sobre a escribenta das canaveiras e a píllara das dunas celebrada na Coruña e na mesa resumo que englobou a todos os sectores implicados celebrada en Compostela ademais de apresentar alegacións ós tres planos de recuperación.

As alegacións do noso colectivo poden consultarse na nosa páxina web:

http://www.verdegaia.org/index.php/biodiversidade/1392-verdegaia-participou-na-elaboracion-dos-planos-de-recuperacion-de-tres-especies-ameazadas-en-galicia

xuño

participación na marcha da APDR contra as celulosasA Asociación pola defensa da ría de Pontevedra convocou para o 2 de xuño a súa xa tradicional marcha contra as celulosas. Verdegaia apoiouna de novo, desta volta coa ameaza pendente da posibilidade de que complexo Ence e Elnosa force unha nova prórroga da concesión, que podería chegar a ser de 30 anos máis e viría da man dunha modificación da Lei de Costas, que daquela o goberno do Estado estaba a estudar, o que posibilitaría a súa continuidade máis alá do 2018 desbotando calquer

posibilidade de saneamento e recuperación da Ría cun desenvolvemento económico sustentábel para a comarca.

oposición á normativa municipal de ocupación e uso da vía pública en CompostelaNo pasado mes de maio, o concello de Compostela levou ao pleno municipal unha nova ordenanza de ocupación e uso da vía pública. Esta ordenanza, dirixida a regular actividades que teñen lugar na vía pública, incorporaba un elevado número de artigos que afectan directa ou indirectamente o uso do espazo público por parte da cidadanía. Entre os aspectos máis destacábeis estaba previsto cobrar polo uso do espazo público para eventos, festas ou actividades sen ánimo de lucro, prohibir o uso de megafonía e altofalantes, pedir fianza e/ou avais para o uso de espazos públicos, ou mesmo desautorizar un acto previamente autorizado sen necesidade de aportar explicacións.

De Verdegaia, participamos nas mobilizacións de diversos colectivos da cidade para amosar o noso total rexeitamento a esta normativa que, lonxe de buscar un ordenamento construtivo das actividades que se desenvolven no espazo público compostelán, supuña un novo paso cara ao control e o sometemento da cidadanía en xeral e dos movementos sociais en particular. Finalmente a ordenanza suavizou algún dos seus puntos máis conflitivos, como cobrar por actividades a asociacións sen ánimo de lucro, pero por desgracia non se conseguiu que o Concello eliminase certas ambigüidades que lle teñen permitido solicitar avais económicos pola instalación de palcos ou a realización de actividades, algo que aplica discrecionalmente e con especial saña a todo colectivo que non é ben visto pola corporación municipal, nun claro exercicio de represión da vida asociativa e cidadá nas rúas.

apoio ao Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol na súa esixencia de paralizar ReganosaO Tribunal Supremo desestimou a apelación de REGANOSA e confirmou a nulidade da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos por carecer da Declaración de Impacto Ambiental. Dende Verdegaia, sumámonos á esixencia do Comité Cidadán de Emerxencia para que se execute a sentenza, paralizando a actividade da planta de REGANOSA e apostando polo seu desmantelamento. Esta instalación é unha ameaza permanente para milleiros de persoas da bisbarra, un foco de contaminación para a ría de Ferrol e supón un enorme dano para os bancos marisqueiros.

Non é nada novo que a planta de REGANOSA é unha instalación ilegal. A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en 2008, que o Tribunal Supremo confirmou naqueles días, recolle a nulidade da modificación do PXOM de Mugardos para permitir a instalación de REGANOSA, posto que non conta coa Declaración de Impacto Ambiental. A política de feitos consumados do Concello de Mugardos e dos diferentes gobernos da Xunta de Galiza,

ampararon a construción dunha planta que contén máis de 150.000 T. de gas natural licuado. Segundo o Comité de Emerxencia, isto é equiparable a 12 millóns de bombonas de butano de uso doméstico colocadas cerca das nosas vivendas sen garantías ambientais nin de seguridade.Tamén recorda o Comité, nun comunicado feito público recentemente, que REGANOSA é unha instalación deficitaria que custou a toda a cidadanía no ano 2011 preto de 58 millóns de euros. A súa produción non acadou o 40% da capacidade.

participación na marcha contra as fumigaciónsA Plataforma contra as fumigacións, da que Verdegaia fai parte, defendeu deste modo un país sen pesticidas nas rúas de Compostela o 10 de xuño. As voces de abelleir@s, labreg@s, ecoloxistas e máis de 40 organizacións sociais de todo o país uníronse para esta causa contra dunhas fumigacións que van contra o sentido común, contra as leis e o que é máis importante, contra o futuro da agricultura, dos ecosistemas e da saúde de milleiros de galegas e galegos que viven nas decenas de puntos que estaban marcados como áreas de fumigación co pesticida Cascade.

A única finalidade destas fumigacións era protexer á industria do eucalipto da praga do gorgullo, mesmo contradicindo outras solucións xa intentadas como a biolóxica. O resultado podería ser a contaminación xeneralizada dos montes, cunha gran incidencia nas abellas, fundamentais no ciclo de polinización e polo tanto no mantemento da vida natural.Pasados varios meses dende esa manifestación semella que a Xunta de Galicia deu marcha atrás no seu propósito de permitir as fumigacións aéreas cun produto que a propia UE mantén baixo moratoria.

alegacións á ordenanza sobre convivencia en RibeiraNo mes de xuño presentamos alegacións á Ordenanza Local de Seguridade e Convivencia Cidadá do Concello de Ribeira, que fora publicada no BOP da Coruña o xoves 24 de maio de 2012.

Entendemos que esta ordenanza é absolutamente innecesaria, xa que pretende regular situacións que na súa maioría están xa debidamente reguladas pola nosa lexislación e que vulnera o principio de legalidade, así como dereitos básicos recollidos na Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galiza, tales como o dereito de reunión e manifestación, e o dereito á liberdade de expresión de persoas e colectivos. Ademais, criminaliza ou restrinxe condutas froito do libre exercicio destes dereitos.

Dende Verdegaia solicitamos que non se aproben definitivamente as ordenanzas mencionadas por ser manifestamente ilegais, inxustas, por non estar adaptadas ao propio Concello, pola súa vaguidade, imprecisión e arbitrariedade, por limitar dereitos fundamentais, e por non ser sometidas á participación cidadá no xeito que marca a lei.

denuncia dun aterramento ilegal no areal de Santa Comba (Ferrol)O 23 de xullo presentamos denuncia ante o Concello de Ferrol e o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia polo aterramento ilegal efectuado polo clube hípico “Los Gavilanes” nas inmediacións do areal de Santa Comba en Ferrol, sobre un hábitat hidromorfo, afectando ao LIC Costa Ártabra e á ZEPA Costa de Ferrolterra-Valdoviño.

Como resultado da denuncia sancionouse ao clube hípico e á empresa contratada para efectuar o aterramento cunha multa de 30.000 euros, ademais da obriga de repor o terreo afectado ao seu estado natural.

xullo

accións contra as talas de VigoNo mes de xullo Verdegaia organizou un acto de recolla de sinaturas e opinións entre a veciñanza do Calvario sobre as brutais talas que están asolando o barrio. Diante da praza do mercado puidemos compartir por uns intres o sentir da poboación sobre máis un exemplo da total ausencia de sensibilidade das autoridades á hora de planificar unha obra pública.En novembro tivemos que volver a manifestar o

rexeitamento a outra tala masiva de árbores, desta volta na avenida Castelao, en Coia, facendo un seguemento cívico durante os días nos que estiveron a traballar os operarios.O concello de Vigo acostuma

a cortar sistematicamente tódalas árbores nas rúas suxeitas ás comunmente chamadas humanizacións. As árbores non se poden considerar como mero mobiliario urbano, é inadmisible que se cataloguen no mesmo ítem contable que as farolas ou as marquesiñas. Entre outras moitas vantaxes (que os nosos antergos seguramente coñecían ben mellor ca nós) as árbores cumpren un papel fundamental para contrarrestar a inxente cantidade de gases de efecto estufa que diariamente xera o tráfico motorizado. Non obstante, a resposta das autoridades municipais pasa por marxinalizar os medios de transporte máis sustentables e cortar árbores. “As árbores humanizan”!

alegacións á DEUP do Porto de VigoDe Verdegaia presentamos ante a Autoridade Portuaria de Vigo alegacións á Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (DEUP) que ten como finalidade o ordenamento do Porto de Vigo. Este mesmo porto carece dun Plan de Utilización dos Espazos Portuarios, preceptivo dende 1993 e non conta coas mínimas avaliacións ambientais que deberían esixirse a infraestruturas como esta.

Hai que recordar o inmenso impacto ambiental na ría dos recheos de milleiros de metros cadrados que constitúen gran parte dun espazo portuario que abeira empresas e actividades que non teñen outra necesidade para ocupar a costa que cuestións loxísticas e económicas. Os proxectos de máis recheos continúan aínda hoxe.

Pódense consultar as alegacións nesta ligazón:http://www.verdegaia.org/index.php/verdegaia-vigo-nos-comarcais-146/1405-delimitacion-dos-espacios-e-usos-portuarios-do-porto-de-vigo

agostoversos contra o cianuroContra o veleno do cianuro, a enerxía dos versos; contra a desfeita das agresións ao medio, a inmensa forza da poesía que constrúe espazos novos.

Con esta idea, a Plataforma pola defensa de Corcoesto, da que Verdegaia fai parte, organizou o 11 de agosto un recital de poesía no Couto (Ponteceso).Por medio deste acto quixemos facer visible, na voz dun fato de poetas da nosa terra, a nosa oposición ao proxecto mineiro que Edgewater, empresa canadense, ten pensado levar a cabo en Corcoesto (Cabana de Bergantiños). A tecnoloxía que se pretende empregar para esa explotación é a lixiviación con cianuro, unha tecnoloxía altamente tóxica que ten graves repercusións sobre o medio, e que leva causados numerosos accidentes ao longo do planeta desde que empezou a utilizarse.No acto, celebrado na Casa dos Veciños do Couto, participaron lendo os seus poemas Lucía Aldao, Diego Cousillas, Óscar de Souto, Chisco Fernández Naval, María Lado, Xosé Antón Laxe Martiñán, Lucía Novas, Xosé Luis Santos Cabanas e Paco Souto.O pianista Serxio Moreira encargouse de poñer fondo musical aos poemas. A parte plástica correu a cargo de Nolo Suárez, cuxo mural serviu de pano de fondo ao espectáculo.

Ademais deste acto a asociación estivo participar durante todo o ano nas iniciativas levadas adiante co fin de defender o medio natural e humano da zona fronte a este proxecto mineiro, dinamizando o traballo e colaborando coas plataformas veciñais e outros colectivos ecoloxistas.

denuncia da xestión de Cíes, Ons, Sálvora e CortegadaA comezos de agosto fixemos pública unha petición para que eses espazos deixasen de ser Parque Nacional de continuaren as prácticas destrutivas dos últimos anos. Tratábase dunha acción simbólica coa que chamar a atención sobre a xestión deste espazo natural. No seu décimo aniversario, o Parque seguiu sen aprobar o seu P.R.U.X. E a realizar brutais desbroces xa denunciados con anterioridade.

O P.R.U.X. do P.N.M.T.I.A.G. é a ferramenta que ten que ter un espazo natural destas características para delimitar as actividades que se levan a cabo no seu seo. Este documento debeu de elaborarse no prazo dun ano a partires da aprobación da Lei 15/2002 de 1 de xullo pola que se declara o P.N.M.T.I.A.G. Deste xeito, o P.R.U.X. xa acumula unha demora de máis de nove anos.

Pódese consultar esta solicitude na nosa páxina web:http://www.verdegaia.org/index.php/biodiversidade/1410-verdegaia-solicita-que-as-illas-cies-ons-salvora-e-cortegada-deixen-de-ser-parque-nacional-se-continuan-as-practicas-destrutivas-de-manexo-que-se-venen-realizando-os-ultimos-anos

apoio ás mobilizacións contra as touradas en PontevedraPontevedra volveu incluír touradas no programa de festas da Peregrina. A pesar das

multitudinarias manifestacións populares que cada verán solicitan a súa fin, as administracións seguen a permitir que unha industria que se fundamenta na tortura e morte de animais por lecer siga exercendo a súa actividade en Galicia. Este ano a manifestación contra as touradas tivo lugar o 11 de agosto.

Dende Verdegaia entendemos que a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos. As touradas non poden manterse como unha excepción ao maltrato animal, é cultural e socialmente ofensivo que a ‘Lei de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Cautividade’, no seu art.5, as exceptúe da prohibición xeral de provocar danos ou sufrimentos a animais en espectáculos.

chamada de atención pola calidade das augas da antiga mina das PontesA inauguración do mal chamado “lago de As Pontes”, en realidade unha balsa mineira, amosa numerosas incertidumes e máis que posíbeis riscos para a saúde e o ambiente. Para ADEGA, Verdegaia e SGHN a autorización do baño nestas augas resultou sorprendente, por canto Augas de Galiza non proporcionou datos sobre a súa calidade. Esta información, imprescindíbel para avaliar o estado da balsa e, consecuentemente, os posíbeis riscos ambientais e cidadás, foille solicitada até catro veces.

As únicas previsións do que acontecerá na balsa son as achegadas por ENDESA no Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental do enchido do oco da mina con auga do Eume. A empresa afirmaba que os niveis de metais pesados tras o proceso de enchido manteríanse en valores practicamente idénticos aos do escenario inicial. Para as nosas entidades, isto non é suficiente. Tendo en conta que os metais pesados (neste caso arsénico, manganeso e aluminio) acumúlanse no organismo humano, a utilización destas augas para o baño podería carrexar graves consecuencias para a saúde. Por iso, fronte a unha administración desaparecida, os nosos grupos realizamos análises fisicoquímicas periódicas para facer públicos os resultados.

setembro

apoio ao Ateneo FerrolánDende o núcleo comarcal de Ferrol, Eume e Ortegal, fixemos un comunicado público no pasado mes de setembro no que manifestabamos o noso apoio ao Ateneo Ferrolán ante a operación do goberno municipal que pretendía ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta a unha pequena parte na que dificilmente poderían desenvolverse as actividades habituais da entidade, así como o cambio do nome da súa sede, polo de “Centro cultural y cívico Concepción Arenal”.

apoio ás mobilizacións en defensa do ensino no rural

Ante a política da Consellería de forzar agrupamentos e suprimir profesorado e unidades no rural, a Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural convocou unha marcha reivindicativa polo camiño de Santiago que rematou o día do inicio do curso escolar, o 12 de setembro. Verdegaia sumouse a esa protesta, protagonizada por persoas chegadas dos concellos do leste de Lugo e Ourense.

premios Semente-Cemento 2012 (23 de setembro)Os premios Semente-Cemento son galardóns outorgados pola base asociativa de Verdegaia para destacarmos as actuacións consideradas máis relevantes en relación ao medio ambiente, tanto no positivo como no negativo, que se teñan producido durante o ano na Galiza.

Este ano o Cemento derramouse sobre as empresas e institucións que se atopaban detrás dos proxectos de fumigación dos nosos montes, vinculados ao pesticida Cascade e aos intereses da industria da pasta de papel: Aspapel, ENCE, Xunta de Galicia, Mesa da Madeira, Subdirección Xeral de Recursos Forestais, Asociación Forestal de Galicia, PROMAFOZ, Ecología y Espacio s.l., Fitoaragón s.l., Estación Fitosanitaria do Areeiro e BASF.

A Semente foi complexa pois desta volta non quixemos sinalar a un único colectivo, senón a un concepto, o de soberanía alimentar e nomeadamente ás persoas que aínda fan de elo entre el, tal como foi proposto nos anos 90 pola Vía Campesiña, e a nosa propia raigame labrega.

Ante a imposibilidade de premiar todas as actuacións relacionadas coa soberanía alimentar, a nosa decisión foi escoller unha serie de persoas e colectivos que consideramos representativos dun modo de facer as cousas que debería ser un eixo básico para afrontarmos o verdadeiro reto da sostibilidade. O premio recaeu así en dúas mulleres labregas, Mª Carmen Pazos Rabuñal e Mª Dolores Lea Santiso, que simbolizan co seu traballo a conexión entre a nosa tradición e a práctica da soberanía alimentar e o papel central que a muller ten xogado dende sempre no coidado da terra e da nosa alimentación. Esta elección foi consensuada co Sindicato Labrego Galego.

Xunto a elas quixemos recoñecer o papel doutras iniciativas cun carácter máis colectivo e que pulan, dende diferentes perspectivas e problemáticas, da soberanía alimentar: a Fundación Galiza Verde, a Rede de Sementes, a Cooperativa Rainha Lupa de Quilmas, a Asociación Galega de Horticultura Urbana e por último ás persoas que teñen posto en marcha a horta comunitaria do Barrio do Cura, en Vigo.

Ademais e singularmente, nesta celebración recoñecimos cun premio Semente especial, moi emotivo para nós, o que foi e fixo pola defensa da natureza o noso compañeiro Xosé Reigosa, socio fundador de Salvemos Monteferro, falecido no pasado mes de febreiro de 2012.

comparativa de medios na ría de VigoO 27 de setembro realizamos a nosa tradicional comparativa de medios, no contexto da semana europea da mobilidade. Desta volta introducimos a novidade de empregar medios de transporte interurbanos, marcando un traxecto entre Vigo e Cangas. Os medios empregados foron: coche, bus, barco+a pé e barco+bici.

Como resultado comprobouse a maior eficiencia do transporte por barco nos traxectos entre Vigo e Morrazo aínda que o transporte por estrada é o que absorbe a meirande parte dos investimentos e subvencións públicas.

A combinación barco+bici foi máis barata e máis rápida que calquera outro medio para un desprazamento entre o centro de Vigo e o centro de Cangas.

Cabe destacar tamén que o día 25 deste mesmo mes presentáramos xa un informe sobre mobilidade na cidade de Vigo.

asemblea extraordinaria de Fiare Galiza (Vigo, 23 de setembro)Verdegaia, como parte de Fiare Galiza, participa na construción dun modelo alternativo de banca, unha cooperativa de crédito non baseada no lucro e ao servizo da poboación e o tecido asociativo. No contexto do proceso de fusión deste proxecto coa Banca Popolare Etica italiana é no que hai que encadrar esta asemblea extraordinaria que tivo lugar en Vigo o pasado setembro.

outubro

mobilización de Galiza Non Se Vende en Compostela

O domingo 14 de outubro participamos na mobilización convocada pola rede Galiza Non Se Vende, na que se celebrou un xuízo popular aos responsables do abandono e destrución da nosa terra e do noso mar, do noso patrimonio cultural e dos nosos recursos, acusados dos seguintes cargos:

- Perda da soberanía alimentar (abandono do sector primario, mar, rural..)

- Desastrosa xestión de residuos e contaminación

- Minería salvaxe e sobreexplotación dos recursos (ríos, montes, vento...)

- Desprotección da biodiversidade

- Esfarelamento do territorio (infraestruturas, especulación...)

- Abandono do patrimonio cultural.

presentación da V edición do Vai de RoteirosGaliza dispón dunha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparable ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade: encoros, autoestradas, explotacións mineiras, etc. Co dobre obxectivo de coñecer o noso territorio e denunciar moitas das desfeitas que están a degradalo, Verdegaia puxo en marcha unha nova edición, a quinta, do seu programa “Vai de roteiros!”.

En termos máis xerais, no programa “Vai de roteiros!” cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsable da organización e realización dun roteiro no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de lecer máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Os roteiros son anunciados coa suficiente antelación na nosa páxina web (www.verdegaia.org), na que poderedes atopar tamén información máis detallada sobre cada un deles (desprazamentos, lonxitude, dificultade, etc.).

O primeiro realizouse xa o domingo 28 de outubro, pola costa sur de Vigo. Con saída no polideportivo de Samil (San Paio de Navia), perocorreu a Xunqueira do Lagares (Coruxo) e os areais dende a praia da Calzoa até a de Fuchiños (San Miguel de Oia).

Programa 2012-2013

Outubro: Costa sur de Vigo.

Novembro: Serra do Candán.

Decembro: O Barqueiro e Vares (suspendido por malas condicións meteorolóxicas).

Xaneiro: Ribeiras do Louro (suspendido tamén por mor da meteoroloxía).

Febreiro: río Mero.

Marzo: Ramallosa e Devesa da Costa.

Abril: Serra da Capelada.

Maio: Ría de Arousa en embarcacións tradicionais ou río Toxa.

Xuño: roteiro sorpresa.

denuncia das talas e desbroces na fraga ripícola de Doniños

O 22 de outubro presentamos unha denuncia ambiental ante o Servizo de Conservación da Natureza da Coruña pola tala de árbores e desbroces na fraga ripícola da Lagoa de Doniños (Ferrol) para o mantemento dun tendido eléctrico.

faladoiro sobre etiquetaxe e alimentaciónAbordamos esta cuestión dende diferentes perspectivas nun faladoiro que tivo lugar o día 24 de outubro no local de Verdegaia en Compostela.

Contamos coa presenza dos veterinarios Pablo Teijeiro e Antonio Cende e a labrega Carme Freire, para achegar información sobre diferentes aspectos relacionados coa etiquetaxe: orixe, calidade, características, modelos produtivos, etc.

sinaturas contra a incineraciónO sábado día 27 de outubro na Praza de Armas de Ferrol estivemos a recoller sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular que pide a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza.

O obxectivo que persegue esta campaña é dar forza xurídica á reciclaxe, desbotar a incineración, e sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade dunha xestión correcta e sustentábel dos seus residuos. Para o seu debate no Parlamento débense recoller un mínimo de 15.000 sinaturas.

Ademais de nesta ocasión, diversas persoas socias de Verdegaia colaboraron na recollida de sinaturas para esta ILP dende a súa posta en marcha, o 25 de xullo deste mesmo ano 2012.

novembro

crise climática e políticas sociais a debateAs asociacións Amigos da Terra, Greenpeace e Verdegaia xunto con Coalición Clima organizamos unhas xornadas entre o 8 e 9 de Novembro, no local da Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao” aproveitando a presenza na cidade do grupo científico do IPCC. Con elas quixemos analizar o papel das políticas locais nesta problemática global.

Tamén participamos nun acto de rúa para esixir dos gobernos

unha implicación real contra a mudanza climática baixo o lema “Mudemos o sistema, non o clima”.

rexeitamento do regulamento artificial da lagoa da FrouxeiraEn novembro emitimos un comunicado de prensa manifestando o rexeitamento de Verdegaia ao regulamento artificial da lagoa da Frouxeira (LIC Costa Ártabra, ZEPA Costa de Ferrolterra-Valdoviño, Humidal Ramsar, etc.). O obxecto e do regulamento e evitar que as enchentes ordinarias afecten a unha serie de edificacións de dubidosa legalidade.

No mes de decembro mantivemos unha entrevista co Xefe do Servizo de Conservación da Xunta de Galicia para falar deste regulamento artificial da lagoa da Frouxeira, do Plano de Conservación da escribenta das canaveiras e das denuncias sobre os recheos e a tala do ameneiral da Lagoa de Doniños.

roteiro pola serra do CandánNo marco do programa Vai de Roteiros o domingo 25 de novembro realizamos un roteiro pola serra do Candán no que contamos co amplo coñecemento da zona do guía Miguel Agulló e a singular voz do contacontos Celso F. Sanmartín.

A saída foi ás 9:30 na estación de autobuses de Compostela, onde apañamos un autobús que nos levou a Vilatuxe. Unha vez alí, visitamos a fraga de Bustelos, onde se atopan algúns dos carballos máis valiosos xeneticamente de Galiza. A andaina comezou no lugar de Zobra, pasando por Cabana, Ameixedo e de volta a Zobra, onde coñecemos da man da veciñanza o ouveo do lobo, a explotación de mel e cera local e algunhas cantas cantigas pícaras.

encontro de áreas

O sábado 24 de novembro tivo lugar no local de Compostela o encontro de áreas deste ano, un espazo para avaliar e planificar o traballo común en base as diferentes áreas nas que se organiza a asociación: Biodiversidade e territorio; Educación Ambiental e Xustiza Social; Urbanismo, Infraestruturas e Territorio.

Esta é unha oportunidade para superar o traballo local e comarcal e xunguir dinámicas e esforzos a nivel de todo o colectivo.

xornadas ecofeministas: Repensando a VidaOs días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro de 2012 tivo lugar en Compostela un encontro para a reflexión sobre o ecofeminismo en Galiza. A iniciativa partiu do interese de diferentes colectivos feministas, ecoloxistas e labregos —Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Rede Feminista Galega, Feminismos Compostela e Fiadeiras— por organizar unhas xornadas que permitiran analizar as potencialidades que teñen estes movementos de traballar en conxunto.

Contamos coa presenza e colaboración de Maria Xosé Agra, Teresa Moure, Lucía Iglesias, Marcia Tait, Lola Ferreiro, Tareixa Ledo ou Miguel Salas. O programa incluíu mesas redondas, obradoiros e espazos para a convivencia e o traballo colectivo, así como un lugar de encontro entre activismo e poesía no bar As Dúas.

As xornadas non foron só unha actividade puntual, senón o xeito de encetar un traballo en rede dende as portas que abren os diversos ecofeminismos.

presentación de máis de 8.000 alegacións ao proxecto de parque eólico da serra do Galiñeiro

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que fai parte Verdegaia, presentou alegacións ó Proxecto de parque eólico da Serra do Galiñeiro. Dende a nosa asociación tamén colaboramos co resto de colectivos da Plataforma para recoller as máis de 8000 alegacións de cidadáns individuais que asinaron unha alegación contra este proxecto a pesares das dificultades que puxo a Administración.

decembro

faladoiro sobre dereitos civís, represión e movementos sociaisO 12 de decembro, no local de Verdegaia en Compostela, argallamos un faladoiro sobre a situación actual dos dereitos e liberdades civís en relación á capacidade de actuación crítica dos movementos sociais e as respostas represivas por parte de diferentes organismos e corpos do Estado. Contamos coa presenza de dúas persoas que teñen un papel moi activo na defensa dos dereitos civís e sociais na nosa terra, Borxa Colmenero, avogado e membro de Esculca, e Laura Bugalho, sindicalista da CIG e activista en multitude de colectivos, que achegaron os seus coñecementos e experiencias.

saca os langostinos tropicais do teu prato!En decembro apoiamos unha campaña de Ecoloxistas en Acción sobre os danos ambientais e socias que carrexa a pesca ou produción de lagostinos no mundo, ben coa destrución dos fondos mariños dos manglerais, ben coa instalación de piscifactorías en zonas de costa. Aproveitamos o tempo do nadal para botar luz sobre esta problemática, asociada ao modelo industrializado e produtivista de alimentación das nosas sociedades.

charla sobre a ILP polos 3RO martes 18 de decembro ás 20:00 no local da Cova dos Ratos-Caleidoskopio, en Vigo, organizamos unha charla con Anxo Saborido e Xosé Manuel López Fernández, membros da comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular pola Redución, Reutilización e Reciclaxe dos residuos en Galiza, fronte á irresponsábel tendencia actual de contaminar o ar cos fumes tóxicos.

… e iso foi todo!