que cousas
TRANSCRIPT
En 1949, o enxeñeiro estadounidense Edward A. Murphy, ó servizo da forza aérea do seu país, fixo unha investigación
sobre os efectos no corpo humano da
desaceleración producida logo dun
choque. Indicou a un técnico que colocase 16 sensores no corpo dun
piloto: o técnico colocounos todos de xeito erróneo, o que
levou a Murphy a dicir: “Se algo pode saír mal,
ha saír mal”.
Esa frase está na orixe doutras creadas
popularmente, coñecidas como “leis de Murphy”,
como por exemplo:
- Se todo vai ben, é que esqueceches algo.
- Todo o que causa pracer é ilegal, inmoral ou engorda.
- Os amigos van e veñen; os inimigos acumúlanse.
Os gregos e os romanos desprezaban
a cor azul, en gran medida debido a que tintureiros e pintores
non eran quen de fixar esta cor. Nin sequera tiñan palabra precisa
para ella: o noso “azul” procede do árabe, e o francés “bleu” (igual que o
inglés “blue”) vén do antigo xermánico.
Pola contra, o vermello era unha cor
prestixiosa, e esa consideración pasou á
Idade Media.
No s. XIII, coa descuberta de novos pigmentos, os artistas fixaron o azul,
que pasou a ser a cor da roupa coa que se
representaba á Virxe María: o azul era xa
apreciado. No s. XVIII, os revolucionarios
franceses escolleron o azul como a súa cor. Máis
ó seu favor: o inventor dos jeans, prenda moi
popular no s. XX, fabricounos nesa cor.
Hoxe en día é a cor preferida da maioría da poboación en Europa.
Supoñamos que condensamos toda a Historia do Planeta Terra en seis días. Isto sería o acontecido, repartido en xornadas:
LUNS, MARTES e MÉRCORES pola mañá: ausencia de vida.MÉRCORES a mediodía: aparecen as primeiras bacterias.
XOVES, VENRES e SÁBADO pola mañá: as bacterias móvense e desenvólvense.SÁBADO, 16 h: aparece a vida animal.
SÁBADO, 23:57 h: aparece o ser humano.SÁBADO, 23:59:59,75 h: aparecen as primeiras cidades humanas.
SÁBADO, 23:59:59,80: explosiona a primeira bomba atómica.
Arredor do s. XXI a.C., os exipcios
domesticaron o gato salvaxe africano. Para
eles era un animal sagrado, que encarnaba a
fertilidade, a saúde e os placeres amorosos.
Cando morrían, os gatos eran
momificados e soterrados en
cemiterios especiais. Desde Exipto, o gato doméstico foi levado por comerciantes a
todo o mundo.
Na Idade Media, a Igrexa católica asociou os gatos á
bruxaría, polo que foron masacrados ata o límite da extinción. Durante a peste
negra de 1384, as comunidades xudeas
rexistraban menos casos que o resto da poboación, o
que provocou represalias contra elas. Existe a tese de
que a enfermidade era transmitida por ratas: os
xudeus criaban gatos, que cazaban os roedores, o que
explicaría a menor incidencia da enfermidade
entre os xudeus.
Vexamos:
142.857 x 1 = 142.857142.857 x 2 = 285.714142.857 x 3 = 428.571142.857 x 4 = 571.428142.857 x 5 = 714.285142.857 x 6 = 857.142
Ou sexa, os mesmos números en distinta orde.
Ademais:142.857 x 7 = 999.999
142 + 857 = 99914 + 28 + 57 = 99
O xinkgo, orixinario do leste de Asia, é a árbore máis antiga
que se ten documentado: crese
que ten unha antigüidade de 150
millóns de anos. Tamén é a máis
resistente: despois da explosión nuclear de Hiroshima, foi a primeira árbore en reaparecer, apenas un ano máis tarde.
Loita con éxito contra os parásitos e
a polución.
Se un macho e unha femia desta árbore están
afastados, mesmo varios centos de metros,
inclínanse o un cara ó outro, pois o polen do
macho debe voar cara ás flores da femia.
Ten propiedades terapéuticas para os humanos: ralentiza o
envellecemento das células e axuda ó sistema
inmunitario. Os monxes tibetanos consumen
decoccións das súas follas para manterse espertos durante a meditación.
Os golfiños son mamíferos mariños
que precisan respirar aire, razón pola que
non poden pasar moito tempo
mergullados. Pero como, asemade, teñen
a pel moi fina e delicada, tampouco
poden estar demasiado tempo
expostos ó aire, pois deshidrataríanse. A pregunta é: se non
poden estar quietos, como fan para durmir?
A resposta é: durmen espertos. Parece unha contradición, mais o que fan é dedicar ó sono o hemisferio
dereito do seu cerebro, e controlar os
movementos do corpo co esquerdo. Pasado un tempo, descansa o hemisferio esquerdo e esperta o dereito. Os
golfiños dispoñen dun apéndice nervioso do
cerebro que regula este funcionamento
alternante dos hemisferios cerebrais.
A Fasciola hepatica é un parásito dalgúns animais, moi común nas ovellas.
Aniña no seu fígado, onde se alimenta de sangue e células. Cando pón ovos,
estes non poden eclosionar no fígado, así que saen do animal coas
feces. Máis tarde, os ovos abren, e as larvas son
consumidas polos caracois. Logo de medrar no seu interior, saen polas
mucosidades que estes gasterópodos segregan
cando chove.
As mucosidades son devoradas por formigas, e
con elas as larvas, que pouco despois saen do
corpo dos insectos furándoo, mais respectando
a vida das formigas. Para voltar ás ovellas e completar
nelas o seu ciclo de crecemento, as larvas agárranse ó corpo das
formigas; pero unha delas instálase no cerebro para
influír no seu comportamento,
indicándolles ós insectos que viaxen cara ó estremo superior dunha herba e así ser comidos polas ovellas.
Un folio DIN A4 mide exactamente 21x29,7 cm. Por
que estas medidas precisamente? Pois porque manteñen certa proporción, descuberta por Leonardo da
Vinci: se dobramos un DIN A4 pola metade, a lonxitude
convírtese en anchura, co que obtemos a mesma proporción.
E, se seguimos facendo dobreces, esa relación segue a
conservarse. E é a única proporción que posúe esta
propiedade.
Este cadrado de letras, atopado en varios sitios arqueolóxicos (o máis antigo, o de
Pompeia), representa un palíndromo perfecto: as cinco palabras latinas lense
igualmente de esquerda a dereita, de dereita a esquerda, de arriba cara a
abaixo e de abaixo cara a arriba. A frase SATOR AREPO TENET OPERA ROTAS
tradúcese, segundo a versión máis aceptada, como “O sementador Arepo
goberna con destreza as rodas”. O problema é que nin esta nin outras
traducións propostas dan un sentido plenamente satisfactorio.
Elaborado por Alfonso Blanco, a partir da lectura de Nouvelle Encyclopédie du Savoir Rélatif et Absolu, de Bernard Werber (Ed. Albin Michel, 2009)