(ou como superar as festas do consumismo) · consumismo") impídennos ver o seu alto custo...
TRANSCRIPT
A realización deste caderno foi posible grazas a colaboración de moitas persoas:
Coordenación e textos: ADEGA (María Xosé Castro e Ramsés Pérez)
Revisións: Ester Bueno Gonzalez (CENEAM), Ángel Javier España (Hogares
Verdes CEA Polvoranca) e María García (ADEGA)
Revisión lingüística: Ana García Lenza
Deseños: Federico Fernández
Maquetación: Magenta
Impresión: Grafinova S.A.
D.L:
Impreso en papel reciclado.
Usar papel reciclado evita a tala de árbores, reutiliza papel vello e contribúe ao
aforro de auga e enerxía.
O Nadal é unha data na que familias e
amigos reúnense para celebrar unhas
festas nas que os curtos días convidan a
longas ceas e xantares, nas que se
intercambian agasallos e onde a
solidariedade e a paz parecen estar
presentes. Porén, as cegadoras luces destas
celebracións (que, por certo, ben poderían
pasar a chamarse "as festas do
consumismo") impídennos ver o seu alto
custo ambiental, económico e social.
0. Finalidade desta guía páx. 07
1. Nadal, a festa do consumismo páx. 08
2. Alimentación páx. 10
3. A publicidade (mente) páx. 12
4. Pilas páx. 14
5. Agasallos e xoguetes páx. 16
6. Enerxía páx. 20
7. Residuos páx. 22
8. Transporte páx. 24
9. Acivros, rañacús e outros anacos de monte páx. 27
10. Roupa páx. 28
11. Alternativas: Onde mercar? páx. 30
12. Epílogo: Felices festas? páx. 32
13. Anexos páx. 34
- Iniciativas
- Lecturas
14. Bibliografía páx. 38
15. Ligazóns páx. 38
índice
Unha vez que xa a liches o caderno, podes
gardalo para reler outro ano; podes
escribirnos unha mensaxe electrónica para
enviarnos opinións e suxestións ou para
dicirnos que somos uns esaxerados e
tremendistas; podes recortar os simpáticos
debuxos de Federico, escanealos ou
fotocopialos, e colgalos pola casa, na árbore
de Nadal, ou facer unha orixinal postal para
enviarlle a quen ti queiras; podes darllo ou
prestarllo a unha compañeira de traballo ou
a un veciño. En fin, calquera opción válida
antes de que caia en saco roto.
0. Finalidade desta guía
A finalidade deste caderno é facernos reflexionar sobre o noso papel como
habitantes deste pequeno e limitado planeta, nomeadamente no Nadal.
Probablemente a moitas das persoas ás que lles chegue ás mans
pareceralle que estamos a dicir algo obvio; a outras, que pedimos
imposibles. A realidade é que a actual situación do planeta é tan complexa
e estamos tan inmersos na maquinaria do sistema, no noso papel de
consumidores (e cada vez menos no de cidadáns), que non somos quen de
percibir a magnitude dos problemas nin as nosas posibilidades de acción.
Non pretendemos ofrecer receitas máxicas: o que tentamos é suscitar
debates sobre a importancia das nosas accións como cidadáns individuais
ou pertencentes a unha unidade familiar. Cada persoa, como as que
escribimos estas liñas, sabe mellor ca ninguén cales son as súas posibilidades
e capacidades de actuación e ata onde pode chegar para manter a
coherencia das ideas na vida cotiá.
Fogares verdes é unha iniciativa que tenta botarlle algo da cor verde a
este planeta cada vez máis gris. As familias que participan no programa, as
persoas que acoden a xuntanzas para falar de enerxía, que se preocupan
polo dispendio do noso recurso máis prezado, a auga, que compostan os
seus residuos… son xente con iniciativa que demostran que outra maneira
de camiñar polo mundo é posible.
Acompañamos as ideas e reflexións con propostas para a acción, xa que
entendemos que as ideas, por liberadoras que sexan, precisan ser
plasmadas en comportamentos. Propostas que toman a forma de consellos
(que sabemos non son os únicos), evidentes para uns e quizais peregrinos
para outras, que non obstante están cargadas de boas intencións.
7
8
13 preguntas
1. Precísoo?
2. Cantos destes teño xa?
3. Cando o vou usar?
4. Canto me vai durar?
5. Podería pedirllo emprestado a un
amigo ou parente?
6. Podo amañarme sen el?
7. Vou poder mantelo/limpalo/arranxalo
eu mesma?
8. Teño gana de facelo?
9. Pescudei para conseguir mellor
calidade e menor prezo?
10. Como me vou desfacer del unha vez
que remate de usalo?
11. As materias primas que se usaron, son
renovables?
12. Está feito de materiais reciclables?
13. Hai algo que xa posúa que poida
substituílo?
Fonte: Carlos Ballesteros, "Tu compra es tu voto", en
Mª Antonia García (2006), La tierra, nuestro hogar.
Guía de consumo sostenible. FUHEM, p. 45.
9
1. Nadal, a festa do consumismo
A celebración do solsticio de inverno é na actualidade a época do ano na
que máis se consume. A sociedade na que vivimos, tamén denominada "do
consumo", convértese nestas datas na sociedade hiperconsumista.
Podemos afirmar que estas festas xa non son aquelas celebracións das que
nos falaba Antonio Fraguas no seu libro A festa popular en Galicia (1996):
"Na navidad as familias ceaban xuntas o bacallau, porque era vixilia, unhas
tostadas, viño quente e confituras caseiras. O lume non se apagaba, a mesa
quedaba posta…". Hoxe en día sucede todo o contrario: o recollemento
converteuse nunha algarabía de luces, presas, coches e ruidosas panxoliñas
ocupando as rúas; nas casas acontece outro tanto: luces, agasallos e unha
abundancia obscena reflectida en opíparos xantares e dispendio de recursos.
En definitiva, o Nadal converteuse na máxima expresión dun estilo de vida
insustentable ambiental, social e economicamente:
- Ambientalmente, porque no Nadal xérase un gasto enerxético superior ao
do resto do ano, prodúcese un maior consumo de produtos e increméntase
substancialmente a cantidade de residuos. Alimentos, xoguetes, perfumes,
etc. tradúcense, sen que a maioría da sociedade o perciba, nunha maior
depredación dos limitados recursos do planeta.
- Tamén desde o punto de vista social, porque detrás de moitos dos produtos
que mercamos e levamos ás nosas casas hai persoas que pagan un alto
prezo para que nós gocemos; persoas que, de seguro, non gozan do Nadal e
non se poden permitir moitas das cousas que elaboran e fabrican para nós.
Pero tamén nós somos vítimas do consumismo: consumimos o noso tempo
libre nas tendas e centros comerciais, consumimos a nosa saúde e paciencia
en longas colas, consumimos os nosos desexos poñéndolle prezo a todo.
- E economicamente, porque para moitos fogares dispárase o gasto; non así
para as grandes transnacionais, que fan o seu agosto en pleno decembro.
Atendendo a diversas fontes, as festas supoñen a cada cidadán do estado
español entre 900 e 1.500 euros, unha cifra que por certo aumenta cada ano.
É evidente, logo, que parar o dispendio tería importantes beneficios tanto
para as persoas como para o medio. E temos as ferramentas e os espazos
para facelo.
Antes de lanzarte ao estrés do Nadal que supón o
consumismo:
- Pregúntate se realmente o consumo que vas facer é
importante, se o precisas ou satisfará algunha
necesidade real, ou se pola contra só estás sendo unha
vítima das festas.
- Infórmate sobre as repercusións ambientais e sociais
dos produtos que vas mercar.
- Pescuda se tes alternativas ecolóxicas, de comercio
xusto ou artesanais na túa localidade.
- Pensa na calidade dos produtos: que sexan máis
baratos pode supoñerche un aforro a curto prazo, pero
tamén pode implicar explotación e enfermidades
laboral, contaminación, etc. no proceso de elaboración.
Inviste en benestar e en calidade antes que en
cantidade.
- Evita produtos e agasallos superfluos, trangalladas
envolvidas nun papel bonito, que simplemente
resolven o trámite de cumprir co agasallado.
Nas seguintes páxinas propoñemos algunhas cuestións
que se deben ter en conta para que o consumismo do
Nadal non nos estrague as festas. Ao contrario do que
poida parecer, este manual non pretende enfastiarche
o Nadal; só tenta que sexa máis proveitoso para ti,
para os que te rodean e tamén para o planeta, o
fogar de todas. Estes días de lecer e recollemento son
unha boa oportunidade para a reflexión e para pasar
á acción.
10
2. Alimentación
A alimentación en Nadal xa pouco ou nada ten que ver, como xa diciamos
ao comezo, cos xantares e ceas caseiras de non hai tanto tempo. Na
actualidade, as nosas mesas son unha clara metáfora do que está a suceder
no planeta: mentres uns enfermamos e mesmo morremos de obesidade e
abundancia, outros apenas teñen nada que levar á boca. Curiosamente, o
que sucede na nosa casa cando tiramos as sobras ou o que apodrece no
refrixerador por falta de planificación repítese en toda a cadea alimentaria:
desde o campo, pasando polas empresas transformadoras e o último elo da
distribución, prodúcense descartes por cuestións estéticas, fallos de
distribución, caducidade, etc. Resulta alarmante que nestas datas se
desbote ata o 40% dos alimentos producidos.
No planeta cultívanse alimentos abondo para toda a poboación mundial, o
que non quere dicir que estean dispoñibles para todos. O actual modelo
agro-industrial xoga coa comida: róuballa a quen a produce por soldos
miserentos, lévaa de viaxe por todo o planeta, emprega a desexada e
desfaise da que non precisa chamándolle excedentes.
As consecuencias deste modelo sufrímolas todas as persoas que habitamos o
planeta: as labregas e labregos que teñen que abandonar o seu modelo de
vida, expulsados pola agro-industria; as consumidoras cuns alimentos cada
vez de peor calidade, cargados de substancias químicas e cada vez menos
nutritivos. Os resultados son unha perda sen precedentes de cultivos
tradicionais e de biodiversidade, unha mala xestión da auga e a
homoxeneización cultural e alimentaria.
Desde a túa mesa, e tamén no Nadal, podes contribuír a reverter esta
tendencia facéndote con alimentos ecolóxicos e locais, que non xeren
impacto nin nas persoas ni no medio, e que de seguro van ser máis
saudables e gostosos para o padal.
Actúa:
- Planifica a compra e calcula ben a comida que vas
precisar. Se tes algunha sobra conxélaa e aprovéitaa
para outra ocasión.
- Tenta consumir produtos da localidade, frescos e de
tempada, e, a poder ser, gastronomía tradicional:
contribuirás a manter o medio e tamén a túa cultura.
- Foxe de cultivos tropicais insustentables como os
langostinos ou os ananás: os primeiros críanse en
granxas que están a devorar os manglesais
(ecosistemas de grande valor); as segundas proceden
de monocultivos que aos poucos anos deixan a terra
estéril.
- Para os alimentos que non teñen produción local,
opta polos de comercio xusto: cacao, especias, café, etc.
- Aproveita estas datas e fai as túas propias comidas:
recupera as receitas da avoa, experimenta con novos
sabores...
- Evita os produtos excesivamente envasados e que
veñan de lonxe: evitarás residuos e emisións de CO2.
11
Cesta de Nadal ecolóxica e xusta
En Nadal é habitual o sorteo ou o agasallo de
cestas en bares, asociacións, empresas, etc. A
maior parte fanse en países afastados
explotando nenos e nenas, e moitos dos produtos
cos que se enchen proceden de diferentes partes
do planeta, o que implica un elevado gasto de
enerxía no transporte.
Se che preocupa a problemática socio-
ambiental, podes elaborar unha cesta galega,
ecolóxica e xusta:
- Comeza pola propia cesta: a cestería é un bo
exemplo de como a biodiversidade galega está
presente na nosa cultura, vimbio, carballo,
salgueiro, sanguiño... dan forma a variados
modelos de cestas. Merca artesanía galega!
- Viño e licores: o noso país non ten nada que
envexar ao resto do mundo.
- Mariscos, peixes, verduras, carnes, froitas: son
tamén mostra da nosa biodiversidade.
- E para larpeiradas: bolos, bicas, amendoados,
etc. non os hai como os caseiros e artesanais!
- En tendas de comercio xusto poderás mercar
turróns, chocolates, cafés e outros produtos que
completarán e enriquecerán a cesta.
12
3. A publicidade (mente)
Un dos primeiros sinais de que o Nadal está a chegar é a publicidade. A
principios de novembro, na televisión, entre os anuncios de deterxentes,
limpadores para o fogar e coches que nos seducen coa promesa de ser máis
felices, comezan a aparecer outros produtos específicos destas datas. O
mesmo sucede nas caixas do correo: entre os folletos habituais de ofertas de
tres por un, comezan a aparecer revistas (a toda cor e en papel satinado)
especiais de xoguetes, alimentación e perfumes… Sen dúbida, xa estamos no
Nadal!
A publicidade omnipresente na nosa sociedade ten múltiples consecuencias:
incide directamente no comportamento dos consumidores, ten un enorme
poder de persuasión e é quen de facer ás persoas mudar de costumes e
levalas a un consumo irresponsable. De feito, a publicidade é un enorme
negocio que move miles de millóns de euros anualmente. Como resultado
das súas campañas desfacémonos de obxectos aínda útiles e con moita vida
por diante para cambialos por outros que simplemente son a novidade ou
o último, eliximos marcas e non produtos, e apenas reparamos onde se
produciron, como ou en que condicións.
A publicidade en soporte papel contribúe en grande medida a aumentar a
fracción de lixo asimilable a papel-cartón. Esta propaganda que non
solicitamos supón unha molestia, así como un gasto innecesario. A meirande
parte adoita presentarse en papeis moi caros, plastificados, branqueados
con cloro, con tinturas tóxicas, etc., o que dificulta a súa reciclaxe. Pola
contra, podería evitarse, reducirse e elaborarse en papel reciclado e
reciclable.
Sé crítico coa publicidade: pensa ben se cada vez que che queren vender
algo non te están tentando enganar e manipular, creándoche novas
necesidades que non te van facer máis feliz. Realmente precisas un televisor
de pantalla plana?; e un teléfono móbil con vídeo?; e un mp4? De seguro,
ao pouco tempo sairá un novo modelo que deixará obsoleto o teu e outra
vez precisarás mudalo e tirar ao lixo o anterior.
13
Á nosa caixa de correo chega publicidade impresa, ben por
reparto indiscriminado ou por correo nominal. Propoñemos dúas
maneiras de evitala:
Stop publicidade
Se desexas evitar os molestos folletos que inundan a túa caixa de
correo e non contribuír ao dispendio de papel, podes facer algo
tan sinxelo como poñer un adhesivo con algunha das seguintes
lendas: Publicidade, non grazas; Stop publicidade ou Non metas
propaganda.
Listas Robinson
As listas Robinson permiten aos consumidores eliminar o seu nome
e o seu enderezo dos listados publicitarios, co obxectivo de reducir
a cantidade de publicidade personalizada que recibe no seu
domicilio, as coñecidas como listas de exclusión. No estado español
este sistema promóveo a Federación de Comercio Electrónico e
Marketing Directo (FECEMD). Este servizo, xa existente noutros
países, foi creado en 1992 pola FECEMD coa finalidade de que
calquera cidadán se poida borrar da listaxe de propaganda
empregado polas empresas desta federación (aproximadamente o
90% das que se dedican a publicidade directa).
Podes sumarte as listas (e saír así do mercado da publicidade lixo)
por Internet: na páxina web da Federación (www.fecemd.org) tes
un formulario de afiliación ás listas Robinson. Nun prazo máximo
de seis meses déixase de recibir a publicidade personalizada.
Igualmente, quen o desexe pode facer que lle chegue á súa casa
publicidade especializada: nas denominadas listas de preferencias
pódense inscribir aquelas persoas que voluntariamente desexen
recibir publicidade, especificando os ámbitos nos que están
interesadas (turismo, deportes, fogar, etc.).
14
4. Pilas
Nestas festas consúmese ao redor do 40% das pilas que se venden durante
todo o ano. As pilas están compostas por diferentes metais como o mercurio
(especialmente nas pilas botón e nas alcalinas), cadmio (nas recargables)
así como magnesio, níquel ou cinc. Xeran un grande impacto durante todo
o seu ciclo de vida, desde a extracción dos minerais que os conforman ata
que se converten en residuos e acaban nun vertedoiro ou incineradas. De se
xestionar mal, o seu contido pode liberarse e contaminar as augas e o chan
ou, no caso de se queimar, producir emisións contaminantes.
Porén, as pilas non son só prexudiciais para o medio natural: as persoas
somos unha parte máis do medio e todo o que lle afecte a este, antes ou
despois, acabará afectándonos a nós. As pilas poden orixinar diversos
problemas de saúde, provocando diferentes anomalías no sistema nervioso
e hormonal. Nunca deberiamos esquecer que as pilas son consideradas
residuos perigosos e altamente contaminantes.
Aínda que as pilas facilítannos o uso de multitude de aparellos, deberiamos
tentar evitalas na medida do posible: se non prescindir de todo delas,
pódese reducir drasticamente o seu uso.
Actúa:
- Evita en todo o posible as pilas, elixindo xoguetes ou
aparellos que non as empreguen: eliminarás residuos
tóxicos e perigosos e serás unha persoa máis
autónoma.
- Na actualidade existen moitas alternativas nos
xoguetes e aparellos electrónicos: radios con cargadores
solares ou dínamos, pequenas placas solares para
cargar computadores e teléfonos móbiles, etc.
- Se non atopas alternativas a estes obxectos con pilas,
tenta que estas sexan recargables: catro pilas destas co
seu respectivo cargador custan entre 10 e 20 euros e
pódelas recargar ata unhas mil veces.
- Outra opción son os aparellos que se poidan conectar
a rede eléctrica.
1515
As pilas en cifras e letras
600.000 litros de auga, aproximadamente a
auga que bebe unha familia de catro persoas
ao longo de toda a súa vida, é a cantidade
de auga que pode contaminar unha soa pila
botón.
¿As pilas recíclanse? Que non te confundan: as
pilas non se reciclan, é dicir, cunha pila vella
non se fai unha pila nova nin se aproveitan
todos os seus compoñentes. Das pilas que
depositamos no contedor correspondente só se
extrae unha parte dos seus elementos que,
por seren tóxicos, fan que este proceso sexa
altamente custoso e perigoso. Dos
compoñentes extraidos, algúns, como o
mercurio, recíclanse para a elaboración de
novos produtos e outros inertízanse; pero en
ningún caso se fai unha pila nova da usada,
non se re-cicla, non volve ao ciclo.
Desde hai anos, ADEGA vén
desenvolvendo campañas
relacionadas con diversos
aspectos do Nadal: "Neste
Nadal… os meus agasallos sen
pilas" ou a "Carta das raíñas
magas" foron algunhas destas
iniciativas que cada vez que
chegaban as festas invitaban a
reflexionar sobre a importancia
da contención no consumo.
O caderno que tes nas mans
recolle algúns aspectos destas
campañas e actualiza e
incorpora novas temáticas e
propostas.
17
5. Agasallos e xoguetes
Nadal é sinónimo de presentes, caixas, lazos e papeis de cores; xogos e
xoguetes para as nenas e nenos, reloxos e perfumes para homes e mulleres.
Sería posible ou imaxinable un Nadal sen agasallos?
Os xoguetes son unha das estrelas destas datas; de feito, en Nadal mércase
o 75% de todos os que se venden anualmente, segundo os datos da
Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes. As pequenas e pequenos
da casa son bombardeados desde os meses previos ás festas con publicidade
de bonecas, coches, xogos de mesa, etc.; unha saturación de imaxes e
modelos que acaba creándolles estrés ao ter que se decidir por un ou dous
modelos. Esa presión acábase transmitindo aos pais e nais cando teñen que
peregrinar de tenda en tenda para atopar o modelo elixido.
De novo, a realidade imponse e, pasadas as festas e con elas a presión
publicitaria e o capricho inducido, as máis das veces estes xoguetes rematan
esquecidos nun recuncho ou convertidos nun residuo. Lixo que, por certo,
non recibe o tratamento axeitado: entre o 5% e o 6% dos residuos urbanos
son xoguetes e pequenos aparellos electrónicos, e só o 2% acaban en
plantas de reciclaxe.
Porén, non só as cativas e cativos reciben agasallos: as persoas adultas,
malia supoñérsenos máis sentido, tamén caemos no feitizo da publicidade
e, precisamente na data do ano na que os produtos están máis caros,
corremos ás grandes superficies para mercar o reloxo que nos presentou o
actor de moda, ou o perfume que nos recomenda a modelo do ano.
18
Actúa:
Xoguetes
- O cariño non é directamente proporcional ao
número de xoguetes regalados. Pensa nas necesidades
reais do neno ou da nena a quen vas agasallar (idade,
gustos, posibilidades para empregar o xoguete, etc.) e
lembra que o máis importante para eles é o xogo, non
o xoguete.
- Foxe dos xoguetes bélicos e sexistas. Opta por
brinquedos que fagan pensar, que sexan instrutivos e
pedagóxicos. Os xoguetes moi sofisticados dan poucas
posibilidades de acción e rematarán destripados,
precisamente para ver como funcionan: fomenta a
creación, non a destrución.
- Recorre a xoguetes artesanais, sen pilas, que
estimulen a creatividade. No caso de xogos de
computador, opta polos educativos, hainos
apaixonantes (non todos son violentos e sexistas).
Fíxate nas recomendacións.
- Ollo coa procedencia dos xoguetes e cos materiais de
que están feitos: tenta que sexan de materiais
biodegradables, de produción local e naturais e que
cumpran coa normativa de seguridade.
Actúa:
Agasallos
- En canto aos cosméticos, perfumes, etc, tenta que
sexan ecolóxicos, elaborados a partir de produtos
naturais e que non procedan da experimentación con
animais.
- Se che gustan os aparellos electrónicos como agasallo,
tenta que sexan o máis eficientes posible e, a poder
ser, elaborados con materiais reciclables ou facilmente
reparables. Por exemplo, unha pantalla de plasma
pode consumir o mesmo que un frigorífico; se
realmente o precisas, opta por un televisor con
pantalla LCD.
- Un agasallo non ten que ser un obxecto, podes
regalar unha subscrición a un grupo ecoloxista ou de
desenvolvemento, unha viaxe… Pode que para moitos
dos teus amigos/as e parentes o mellor agasallo sexa
compartir uns días contigo, o teu tempo e os teus
coñecementos poden ser máis proveitosos para eles
que algúns dos obxectos plásticos e sen alma que
ateigan os andeis das grandes superficies comerciais.
- Tamén podes poñer en práctica as túas habilidades e
crear os teus propios agasallos.
- Finalmente, pensa que non tes por que recibir
agasallos ano tras ano nin por que acumular cousas
inútiles e facer perder tempo e cartos a amigos e
familiares buscando algo novo ou diferente. Podes
liberarte e liberalos facéndolles saber que non precisas
recibir obxectos para celebrar estas festas, que prefires
por exemplo un agradable xantar con sobremesa. No
anexo xuntamos un "Certificado de Exención de
Agasallo" que lles podes entregar.
1919
Os animais non son xoguetes
Cada ano, ao chegar o verán, moitos cans e outros animais son
abandonados por non saber que facer con eles durante as vacacións.
Curiosamente, a desgraza de moitos destes animais tivo a súa orixe no
Nadal, datas nas que aumenta o "consumo" de mascotas. Se decidimos
facernos con outro ser vivo ou regalalo, debemos meditalo ben e non
caer no mesmo consumismo que para os obxectos: basicamente, porque
un animal non é un obxecto, senón que precisa atencións e coidados
diarios (alimentalo, levalo ao veterinario…) durante moitos anos, e sobre
todo necesita o cariño das persoas que decidiron acollelo na súa casa.
No caso de papagaios, sapoconchos de florida e outros animais exóticos
sucede algo semellante, pero o problema pode ser máis grave: por
descoido ou por unha arroutada "liberadora" cando nos cansamos de
telos na casa, córrese o risco de que rematen no medio natural, co
conseguinte perigo de que acaben converténdose en especies invasoras.
Agasallar ou facerse cunha mascota supón unha responsabilidade: antes
de tomar esta decisión, valora ben o que implica. Pensa tamén que en
moitos refuxios de animais hai cans e gatos abandonados esperando a
que alguén os adopte: agradecerancho!
21
6. Enerxía
Precisamos de enerxía desde que nos levantamos ata que nos deitamos: soa
o despertador, enerxía; ducha con auga quente, enerxía; torradas para
almorzar, enerxía; imos en bus para o traballo, enerxía; acendemos a
árbore de Nadal, enerxía... A enerxía eléctrica, os combustibles como o
gasóleo, a biomasa ou os gases de orixe fósil permítenos desenvolver a vida
diaria con normalidade.
O pernicioso é o abuso que facemos destas enerxías, sobre todo daquelas de
orixe non renovable, que resultan máis contaminantes; non só polos gases
de efecto invernadoiro que xeran na súa combustión, senón tamén polas
partículas daniñas para a saúde (monóxido de carbono, óxidos de
nitróxeno, dióxido de xofre, benceno, hidrocarburos volátiles, partículas
sólidas, etc.).
O dispendio de enerxía está a consumir o planeta a paso cada vez máis
acelerado. Todos temos comprobado como moitos establecementos
manteñen acesas durante toda a noite as luces, rótulos e neons para
reclamar a nosa atención, costume que, ademais de supor un gasto
innecesario, contribúe a aumentar a contaminación lumínica.
Esta última agrávase moito coa chegada do Nadal: cada vez máis cedo,
centos de adornos luminosos enchen as rúas de cidades e vilas. Unha cidade
grande pode chegar a ter un gasto extra de 3,6 millóns de kWh, o
equivalente ao que consumen 1.200 fogares nun ano. Se ben é certo que
cada ano algún novo concello aposta polo emprego de luces máis
eficientes, a maioría dos alumeados son esaxeradamente ostentosos e
custosos.
Actúa:
- Sé máis orixinal e prescinde das luces da árbore: hai
mil e unha formas de decorala. Se aínda así decides
poñerllas, escólleas eficientes ou de baixo consumo e
lembra apagalas pola noite ou cando ninguén estea
presente.
- Se vas facer unha estupenda vianda no forno,
aproveita para cociñar outro prato e apaga o forno
antes de tempo para aproveitar a calor residual.
- Non abuses da calefacción: entre 18 e 21°C abonda.
Tamén podes aproveitar a calor humana!
- Foxe das trangalladas eléctricas (Santa Klaus
bailaríns, renos faladores, nacementos luminosos, etc.),
que normalmente nin sequera son bonitos nin de bo
gusto.
- A música ambiental está ben, pero non te pases co
volume das panxoliñas na cadea musical!
23
7. Residuos
O lixo é todo aquilo do que temos intención de desfacernos. Deste xeito, un
tarro de vidro que gardou guindas pode ser lixo ou, se nos negamos a
tiralo, pode converterse nun recipiente para gardar figos secos; unha caixa
de agasallo baleira pode ser lixo ou podémola transformar nunha caixa
para gardar estampas; unha cesta de Nadal pode... A isto chámaselle o
arte de reutilizar.
A medida que se foi asentando a sociedade do benestar e do consumismo,
foi medrando a montaña de lixo que o noso modelo social de "comodidade"
xera. Unha proba disto témola nestas festas do consumismo maquilladas de
boas intencións e nas que a produción de lixo chega facilmente a
duplicarse. Non hai máis que fixarse nos contedores despois das datas
sinaladas: se normalmente están cheos, eses días estarán ateigados con
subprodutos, embalaxes, papeis de agasallos e envases, a maioría
prescindibles e que tiveron ademais un uso efémero. Entre o 24 de
decembro e o 6 de xaneiro aumentamos nun 50% o vidro rexeitado e nun
35% o papel e cartón: un lixo "de luxo" onde, como nunha metáfora da
nosa cultura, prima o continente sobre o contido, a aparencia sobre a
esencia.
Tentar diminuír a cantidade de residuos é o punto de partida para atallar
os problemas asociados ao tratamento do lixo. Isto coñécese como o valente
arte de reducir.
Como última opción, todo aquilo que non puidemos evitar tirar e todo o
que non podemos reutilizar terase que separar correctamente, para
reciclalo na medida do posible. Por desgraza, non todo o potencialmente
reciclable será procesado de xeito correcto: por unha banda, debido á
dificultade que supón a reciclaxe dalgúns envases; por outra, pola grande
cantidade de lixo que recibe o sistema de tratamento.
Procuremos no Nadal non "agasallar" ao medio ambiente cunha morea de
lixo!
Actúa:
- Neste Nadal leva da casa a bolsa de tea, cesta ou
carro para facer a compra e rexeita as bolsas de
plástico.
- Evita os produtos excesivamente empaquetados:
sempre mellor a granel, e os envases familiares antes
que os pequenos e individuais.
- Envolve os agasallos con papeis reutilizados doutros
anos e volve gardalos para a próxima ocasión.
- Sé máis orixinal e engalana as sorpresas con papel de
xornal vello ou con papel de embalar que poderás
volver empregar.
- Evita os produtos de usar e tirar (panos de mesa,
manteis, vasos ou pratos decorados con motivos de
Nadal), ou en todo caso dálles máis dun uso antes de
tiralos.
25
8. Transporte
Outra das imaxes clásicas asociadas ao Nadal é a de alguén volvendo á
casa para compartir as festas. Outrora este regreso adoitaba ser en tren ou
en bus; hoxe triunfan o coche e o avión.
O desexo de moverse máis á présa estivo presente no ser humano desde
sempre. Primeiro botouse man da tracción animal: burros, cabalos, cans,
vacas ou mesmo renos e camelos! Co progreso e unhas doses de enxeño,
apareceron máquinas máis sofisticadas que acurtaron distancias e
revolucionaron o transporte de mercadorías e persoas: o automóbil, o tren,
os barcos, o avión, a bicicleta, o autobús, o metro, a motocicleta... Esta
tecnoloxía posta ao servizo da sociedade transformouna de maneira radical,
ata o punto de que, como consecuencia, estase provocando o colapso
dalgunhas vías de comunicación e unha forte dependencia dos combustibles
fósiles que moven a maioría deses máquinas para o transporte.
Non obstante, esta problemática non afecta por igual a todos os medios de
transporte, nin todos teñen a mesma pegada ecolóxica. A partir do século
XX, o automóbil e o avión son os medios preferidos pola maioría da
poboación occidental.
O avión, alén de ser un dos medios máis seguros e rápidos, emite toneladas
de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Existen alternativas máis
ecolóxicas, como o tren ou o autobús. Se nestas datas vas de viaxe a China,
poñamos por caso, non se trata de que vaias en trolebús; mais se te vas
mover pola Península poderás aproveitar as rutas de autobús existentes ou
as vías do tren. Quizais descubras que nos vagóns adoitan xurdir as máis
longas, curiosas, produtivas e reviradas conversas!
No Nadal desprazámonos maioritariamente distancias curtas, ata a casa
de familiares e amigos, ata festas e lugares de ocio. E moitas veces
soportamos longas retencións de tráfico dentro das cidades e o que era un
intento de chegar antes ao noso destino convértese nunha trampa, nun
gasto de combustible e nun xeito irracional de perder a paciencia.
Pode parecer esaxerado, mais é certo que:
-O 30% dos desprazamentos en coche son inferiores a 3
km e o 50% de menos de 5 km.
-O 75% dos desprazamentos na cidade fanse en
automóbiles cun só ocupante.
-O 40% do espazo útil dunha cidade é ocupado por
vehículos.
-Os niveis de monóxido de carbono e benceno dentro
do coche son entre 2 e 5 veces máis altos que na rúa.
26
Actúa:
- Emprega o transporte público tanto nos
desprazamentos pola cidade como nas viaxes longas.
- Se optas polo coche:
- apaga o motor se ficas parado nunha caravana
máis dun minuto,
- evita aceleracións e freadas bruscas,
- tenta conducir en marchas longas e a revolucións
baixas,
- mantén a velocidade o máis uniforme posible,
- cambia a segunda aos 2 segundos ou aos 6 metros
percorridos,
- non abuses da calefacción, e
- evita a sobrecarga no vehículo.
- Comparte o automóbil con familiares e amigos
cando vaias a unha cea ou a un festexo: repartiredes
gastos, reduciredes emisións e gañaredes lerias!
-Existen varias páxinas web para compartir auto:
www.compartir.org, www.comparteviaje.es,
www.viajamosjuntos.com.
Receita para superar a adición ao volante
Ingredientes para unha persoa:
- Vontade.
- Bufanda e luvas por se vai frío.
- Cero gotas de combustible.
- Un nada de gases de efecto invernadoiro.
- Bicicleta optativa (se se ten boas pernas).
- Cronómetro.
Tempo: variable.
Custo: 0 euros.
Modo de facelo:
Primeiro deixe o coche no garaxe e evite a tentación de coller as chaves.
Póñase as luvas e a bufanda, en función do que diga o prognóstico do
tempo. Saia pola porta en dirección ao destino. Garde no peto as cero
gotas de combustible e o nada de gases de efecto invernadoiro. Poña o
cronómetro a cero para comprobar o tempo que emprega no
desprazamento. Comece a camiñar ou, no seu caso, a pedalear. Goce
do camiño e vaia pensando nos biosbardos ou en calquera cousa ao
gusto. Comprobe o tempo investido no percorrido e compare co
habitual cando vai en automóbil. Síntase orgulloso da fazaña.
27
9. Acivro, rañacús e outros anacos de monte
Un costume nestas datas , importada dos países anglosaxóns, é
a de saír ao monte na procura de vexetación axeitada para
engalanar as portas, as mesas ou os beléns dos fogares.
Trátase dunha alternativa aos adornos plásticos e industriais
que podería parecer máis ecolóxica e inocua, pero coa que
debemos ter tino: algunhas especies vexetais, como o acivro
(Ilex aquifolium), teñen especial protección e cumpren un
importante papel no ecosistema. Outras, como o rañacús
(Ruscus aculeatus), ao empregarse como substitutas do
anterior por presentar tamén boliñas vermellas, corre o risco
de levar o mesmo camiño.
Rexeita, pois, arrincar estes arbustos: mellor goza da súa
beleza no propio monte, onde fican máis fermosos. Se non
podes pasar sen eles, acode a viveiros ou establecementos
especializados onde se cultivan a propósito para o Nadal.
Cóidaos durante as festas e lévaos logo ao monte ou ao
xardín.
Semellante respecto merecen os liques, a carriza, as piñas, os
piñeiros, etc. Máis aínda cando existen especies protexidas de
carrizas e liques que resultan difíciles de recoñecer. Non quere
dicir que non se poidan aproveitar os recursos do monte para
as nosas necesidades e o noso goce; máis ben ao contrario,
trátase de pór en valor todos os tesouros naturais que ofrece e
simplemente ser máis racionais, non esquilmando estes bens.
Ás veces pode parecer que o impacto provocado ao arrincar
unha árbore ou ao recoller un pouco de musgo é
insignificante, mais deberiamos minimizalo tanto como se
poida. Pensemos tamén que nós non somos os únicos en
facelo, e que moitos pequenos impactos, sumados, poden
supoñer un dano considerable.
Alén disto, moitas veces atópanse á venda adornos "naturais"
pintados con sprays dourados ou prateados que resultan ser
moi tóxicos e prexudiciais para o ambiente. Rexéitaos de cheo!
29
10. Roupa
Que vas pór en fin de ano? Mercaches xa o traxe? Non irás levar o que tes
do ano pasado (e que só puxeches ese día)? Veña! Pero se xa está pasado
de moda!
A moda é unha ilusión e unha invención premeditada das transnacionais
do téxtil para asegurar as vendas ano tras ano. Así, a vestimenta pasou de
ser unha necesidade e unha forma de estilo ou manifestación persoal a
converterse na obriga de escoller un determinado xeito de vestir se se quere
estar "na onda" da sociedade e á altura dos demais. Como non, nunhas
datas tan especiais do ano parece imperativo estrear roupa, aínda
correndo o risco de adquirir unhas prendas tan extravagantes que só
poidan ter uso eses días.
O consumismo de roupa leva consigo algúns problemas que non sempre
están visibles: por exemplo, o cultivo de algodón emprega o 22,5% dos
insecticidas globais e o 10% dos pesticidas, os tecidos sintéticos derivan do
petróleo, etc. Por iso, ademais de preguntarte se che senta ben ou se
combina cos zapatos, pregúntate: quen fabricou a prenda?; de onde ven?;
empregouse man de obra infantil para elaborala?; reciben un salario digno
as persoas contratadas?; o proceso de fabricación da prenda foi respectuoso
co medio ambiente?
E lembra que no Nadal, no outono ou no verán a beleza vai por dentro!
Libérate das imposicións e ataduras da moda e duns patróns estéticos
incómodos e impostos que non se axustan á realidade.
Actúa:
- Recupera o costume de emprestar e intercambiar
roupa entre familiares e amigos.
- Pode ser un agasallo especial a túa camiseta favorita
para aquela persoa favorita.
- Fai a túa propia roupa ou transforma a roupa vella
para darlle outra vida máis. Aproveita o tempo de
lecer para facer esta actividade "artística" en
compañía!
- Viste roupa de segunda man: aproveita que nestas
datas se celebran moitos mercados de troco ou de
artigos usados.
- Cando esteas no sofá á caloriña da casa, saca a caixa
da costura e remenda os calcetíns ou os pantalóns
vellos: non os abandones no lixo antes de tempo. E
pensa que quizais alguén da familia ten interese en
aprender a coser...
- Existen grupos e colectivos que recollen roupa usada
para a xente que a precisa: infórmate na túa cidade
de onde podes depositala.
31
11. Alternativas: Onde mercar?
As grandes superficies comerciais son unha das principais facianas da
globalización: promoven a mercantilización do planeta mediante un
modelo de produción e distribución que concentra a riqueza en poucas
mans, mentres aumentan as bolsas de pobreza. As grandes transnacionais
son empresas que a cada paso teñen máis influencia económica, política e
social.
Mentres as grandes superficies e franquías nos seducen con grandes ofertas e
copan o mercado, pequenos negocios de barrio vense obrigados a pechar
por mor desa competencia desleal: a ferraxaría do Pepe, a carnizaría de
Mucha, a froitaría da señora Carme, o ultramarinos de Maruxa, etc.
Moitos dos produtos que nos ofrecen as grandes superficies comerciais
agochan unha forte pegada sobre o medio e foron obtidos nunhas
condicións desiguais e abusivas para os produtores. A distribución, que non
entende de fronteiras nin de distancias, leva mediante agresivas campañas
de mercadotecnia os seus produtos a calquera recuncho do planeta.
Na actualidade máis do 80% das compras realízanse en grandes superficies.
Sete empresas controlan tres de cada catro alimentos que mercamos nestes
establecementos e unha soa empresa, Carrefour, controla un de cada catro.
As grandes superficies fixan prezos, incitan o consumismo estudando o noso
comportamento e apoiándose nas nosas debilidades humanas, promoven a
produción de lixo, compiten co pequeno comercio e coa función social deste
e mesmo provocan individualismo e estrés.
Como reacción a este modelo, por saúde persoal e pola do planeta, pero
tamén como maneira de levar a iniciativa individual ao plano colectivo,
cómpre mudar estes hábitos e volver a un consumo local, social e
ambientalmente máis xusto.
Así, durante o Nadal:
- aproveita o tempo libre para descubrir as tendas de
barrio e os mercados tradicionais,
- merca produtos de agricultura ecolóxica,
- visita as tendas de comercio xusto da túa cidade ou
vila,
- asóciate a cooperativas de consumidores ou grupos
de consumo ecolóxico,
- merca en tendas de segunda man e participa en
mercados de troco.
33
12. Epílogo: Felices festas?
"O noso estilo de vida materialista non contribúe nin á saúde nin á
felicidade"
Bäckstrand, Göran e Ingelstam, Lars
A entrañable imaxe dunha familia ou dun grupo de amigos nunha casa ao
calor da cheminea e á beira dunha árbore de Nadal, mentres fóra neva,
pouco ten que ver co que sucede nestas festas. A realidade ben podería ser
a da mesma familia ou grupo de amigos, xuntos ou por separado, metidos
nun coche nun atasco ou facendo cola nunha grande superficie ateigada de
xente, mentres pola megafonía soa repetitivamente: "Jingle bells, jingle
bells". Outro ano máis, o que prometían ser unhas tranquilas e entrañables
vacacións acaban converténdose nun estresante pesadelo de viaxes e
compras que acabamos desexando que remate canto antes.
E, curiosamente, ano tras ano, case por tradición, picamos e acudimos
apresurados á tenda de xoguetes e de perfumes para traducir os nosos
sentimentos en agasallos, xa que esa foi a mensaxe que se nos transmitiu
durante todo o mes precedente, polo menos: "seremos máis felices canto
máis consumamos", ou "o teu fogar non vivirá o Nadal se non o enches de
todas as trangalladas desta época".
Pero realmente somos máis felices? Mercar fainos máis felices nestas festas?.
Numerosos estudos demostran que o crecemento económico e un cada vez
maior consumo material non melloran a nosa calidade de vida; en moitos
ámbitos temos excedido con moito os límites do realmente necesario e
seguir "medrando" non significa en absoluto un maior grado de satisfacción.
Reducir o noso consumo pode ser hoxe unha opción, pero pode converterse
nunha obriga nun futuro próximo. A actual situación de crise pode verse
seriamente agravada en breve prazo, máxime cando tentamos apagar o
lume da crise con máis gasolina. Poderiamos incluso dicir que as persoas ou
familias que aprendan a reducir as súas necesidades superfluas estarán
máis preparadas para os retos do futuro, porque o noso pequeno planeta é
limitado e non poderá aturar moitas agresións máis...
Desde os nosos fogares podemos botar unha man, tamén no Nadal.
34
13. Anexos
- Iniciativas
Cada vez son máis as voces, individuais e colectivas, que desde diferentes
ámbitos se alzan contra o consumismo depredador. Presentamos tres
iniciativas relacionadas coas datas que nos ocupan e que consideramos de
interese divulgar:
O Apalpador: recuperando a nosa historia e a nosa cultura
A uniformización do planeta é unha das máis tristes consecuencias da
globalización. Diariamente se extinguen animais, se deixan de falar linguas
e esmorecen tradicións que se mantiveron durante séculos.
No noso país, un exemplo vinculado ao Nadas destas tradicións en extinción
constitúeo a figura do Apalpador, que a asociación cultural compostelá A
Gentalha do Pichel trata de recuperar. A crenza neste personaxe mítico
galego sitúase nas altas montañas luguesas: trátase dun xigante con oficio
de carboeiro, que moraba nas devesas e que baixaba o día 31 de Nadal a
comprobar, mentres as nenas e nenos durmían, se estaban ben mantidos;
para iso palpáballes a barriguiña, desexáballes que tiveran fartura ao
longo do ano entrante e deixáballes unha presa de castañas quentes como
presente.
É preciso defender o propio e coidar o noso patrimonio cultural. Un xeito
pode ser rexeitar ter que asumir personaxes impostos e foráneos, que en
realidade non agochan máis que a cara amarga dun consumismo sen
sentido.
35
O clube das monecas: xoguetes con sentido
As monecas seguen sendo unha das estrelas dos agasallos de
Nadal. Coches para nenos e monecas para nenas son só a
punta do iceberg dos modelos sexistas que
agochan/promoven os xoguetes. Xogar con monecas é
positivo tanto para nenos como para nenas, pero o
problema é que a meirande parte das monecas transmiten
desde o berce uns estilos de vida que para nada son
sustentables nin saudables, como é o feito de promover unha
lactacia artificial, en detrimento da materna.
O colectivo Amamanta está a desenvolver desde o ano 2005
unha iniciativa denominada "O clube das monecas", que
consiste na confección de monecas que paren e amamantan.
A idea xurde por diferentes motivos: os nenos e as nenas
aprenden xogando e o xogo (real e simbólico) senta as bases
da conducta, das súas actitudes e son fonte de coñecemento.
Na actualidade a meirande parte do entretemento chega
aos cativos pola via das grandes empresas, marcadas por
intereses económicos que prevalecen sobre os socio-
ambientais e que fomentan conductas que moitas veces os
pais e nais non buscan. E o feito é que moitos nenos e nenas
vense obrigadas a aleitar aos seus "bebés" con biberóns, xa
que non existen no mercado xoguetes que lles ensinen como
se alimenta a especie humana de xeito natural.
As monecas desta iniciativa realízanas as nais da asociación
con materiais naturais e de maneira artesanal; albergan no
interior un bebé que "nace" por vía vaxinal, que permanece
unido á nai por un cordón umbilical e que se pode colgar ao
peito da moneca grazas a un velcro colocado na boquiña da
criatura e na mamila da moneca.
Pódense solicitar na súa páxina web (www.amamanta.es).
Nalgunhas tendas de comercio xusto tamén se poden atopar
modelos semellantes que aleitan aos seus bebés.
Certificado de Exención de Agasallo
Desde o colectivo Jóvenes Verdes preséntasenos unha
interesante proposta que pretende incidir no excesivo
consumo que ten lugar en datas sinaladas (Nadal, día
da nai, do pai, dos namorados, etc.). Como xa
adiantamos na sección de xoguetes e agasallos, trátase
do "Certificado de Exención de Regalos". Podes
consultar máis cuestións relacionadas co Nadal na súa
páxina web (www.jovenesverdes.org), algunhas delas
mesmo están en galego.
Ofrecémosche a nosa versión desta interesante
iniciativa.
37
Os papalagui, de Edicións Positivas
Papalagui significa "home branco estranxeiro". E Os
Papalagui son pequenos discursos de Tiavii de Tiavea
(xefe de Samoa) dirixidos aos habitantes das illas do
Mar do Sur, e nos que se fala de Europa, da cultura
occidental, de nós. A mirada distante e lúcida deste
samoano redescóbrenos os nosos costumes, o traballo,
a vivenda, o tempo... Diversión e asombro ao vernos
reflectidos nunha ollada inocente.
"Poderedes recoñecer tamén o Papalagui polo seu
desexo de nos facer crer que somos pobres e miserables
e que necesitamos de moita axuda e piedade, por non
posuírmos "cousas".(...)
O Papalagui cre que se pode facer calquera cousa, e
crese tan forte coma o Gran Espírito. Por iso, da saída
á posta do sol, milleiros de mans non fan outra cousa
que fabricar cousas, cousas humanas das que
ignoramos o seu sentido e cunha beleza que
descoñecemos. O Papalagui está sempre a inventar
cousas novas. As súas mans arden, o seu rostro é gris, as
súas costas cúrvanse; pero os seus ollos brillan de
felicidade sempre que consegue unha cousa nova.
Logo todos a queren ter, todos a adoran e a celebran
con cantos na súa lingua.(...)
Nunha cabana europea hai sempre tantas cousas que,
aínda que todos os homes dunha aldea de Samoa
cargasen con elas, nin así conseguirían levalo todo. En
cada cabana hai tantas cousas que a maior parte dos
xefes de tribo brancos necesitan de moitísimas persoas
que non fan outra cousas que poñer esas tales cousas
no seu lugar e sacarlles o po que as cobre".
- Lecturas
Os fríos e curtos días de inverno invitan ao refuxio no cálido fogar, á
conversa, ao xogo ou á lectura. Presentámosche dous libros que, ademais
de agradables, amenos e divertidos, ofrécenos outras perspectivas sobre o
Nadal. Amosámosvos dous pequenos extractos para que vaiades facendo
boca… e botando un sorriso:
Ritos galegos de Nadal, do Museo do Pobo Galego
Xesús Taboada Chivite ofrécenos unha instantánea de como viviamos as
galegas e os galegos o Nadal ata hai moi pouco tempo.
"Os postres admiten moita maior variación. En Verín é típica a sopa de
améndoa, feita de améndoa moída que se ferve en leite con auga ó que se
lle agregan anacos de pan fritido en manteiga de vaca. Non tan corrente é
a costrada. Ademais sérvense doces, papas de arroz, augardente de
guindas, noces, abelás , castañas asadas ou cocidas, figos secos, uvas de
colga, etc.
Os postres de cociña prodíganse tamén, como as sopas borrachas, as torrixas
en leite, os amendoados de Allariz, a bica amanteigada de Castro Caldelas,
o boleardo de Tui, as encomendas de Baiona, a bica de millo, centeo e trigo
con pasas, noces e figos que se amasan con manteiga e se coce sobre a
lareira, en Pontevedra e Lugo, as filloas , as compotas de froita".
14. Bibliografía
ADEGA (1999): Ecoloxía no cotián. Consello da Xuventude de
Galiza. Santiago de Compostela.
Bäckstrand, Göran e Ingelstam Lars (2008): ¡Suficiente! Retosglobales y estilos de vida responsables. CIP-Ecosocial. [Podes
descargalo en www.cip.fuhem.es]
Pérez, Ramsés (2008): Guía de ecoloxía cotián. Ideas e acciónspara un consumo sustentábel. Baía.
Taboada Chivite, X. (1992): Ritos galegos de Nadal. Museo do
Pobo Galego.
15. Ligazóns
www.adega.info
ADEGA
www.consumehastamorir.com
Consume hasta morir
www.educacionambientaladega.info
Educación Ambiental de ADEGA
www.hogares-verdes.blogspot.com
Hogares Verdes
www.jovenesverdes.org
Jóvenes Verdes
38
Este programa forma parte da rede estatal de "hogares
verdes" promovida polo CENEAM (Centro Nacional de
Educación Ambiental)