entrevista a… xosÉ ramÓn gayoso · 2020. 6. 14. · o meu cantante favorito... gilbert bécaud....

11
IES MARUXA MALLO ORDES PROXECTO COMENIUS ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO - presentador TVG -

Upload: others

Post on 25-Sep-2020

2 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

Page 1: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

IES MARUXA MALLO ORDES

PROXECTO COMENIUS

ENTREVISTA A…

XOSÉ RAMÓN GAYOSO - presentador TVG -

Page 2: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 2

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

En

trevis

tamo

s a

Xosé

Ramó

n Gay

oso Xosé Ramón Gayoso, nado o 25

de abril de 1956 na Coruña, é

presentador na Televisión de Gali-

cia e, tamén, un dos persoeiros

públicos máis coñecidos da nosa

comunidade autónoma.

Aínda que de mozo sentiu unha

especial atracción pola canción

onde obtivo diversos premios xu-

venís e chegou a montar un dúo

musical co que percorría os nosos escenarios, os seus estudos levá-

rono por un camiño totalmente

diferente, cursando Dereito na

Universidade de Santiago de

Compostela para exercer como

avogado do Tribunal da Rota Ro-

mana, tribunal eclesiástico de

apelación da Santa Sede.

Relata nesta entrevista como es-

taba a preparar as oposicións a

xudicaturas cando se fundou a te-

levisión autonómica en 1985 e co-

mo o azar o levou a traballar nela

dende a súa inauguración. Pre-

sentou moitos programas na TVG

como O veciño do xoves do que

está especialmente satisfeito, pe-

ro foi con Luar, dende 1992 até a

actualidade e xa van aló dezaoito

anos, cando se fixo inmensamen-

te popular.

GAYOSO: presentador TVG Data entrevista: 23 de abril Entrevista por:

Iria Juncal Suárez Luis Fernando Cruz Ramos

Preguntas: Karla Gómez Liñares

Supervisión preguntas: Xosé Manuel Fernández Castro Mª Isabel Mato Torres Ana Mª Calvo Mariño

Gravación e edición audiovisual: Xosé Manuel Fernández Castro Raquel Rendo Martínez

Fotos: Lucía Rouco Penabad

Transcrición ao galego: Iria Juncal Suárez Karla Gómez Liñares

Supervisores transcrición galego: Mª Isabel Mato Torres Antonio Sayáns Gómez

Traducción inglés: Lucía Rouco Penabad

Supervisión versión inglesa: Marisol Liste Noya Mª Isabel Mato Torres

Contacto co entrevistado:

Lucía Rouco Penabad

Deseño gráfico: Rosa Mª Maceiras Miñán

Page 3: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 3

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

Canto tempo leva traballando de presentador en xeral, e no Luar, en particular? De presentador levo traballando 25 anos, que se van cumprir agora, desde o 24 de xullo de 1985. E no Luar levo 18, que tamén se cumprirán agora no verán. Non se cansa un ao traballar no mesmo durante un período tan longo? Si. Si que cansa. Como se pode cansar un mestre, un carniceiro, un arquitecto..., é dicir, como se cansa todo o mundo. Todos os que traballan, todos os que corren, todos os que queren chegar a unha meta teñen que chegar cansos, senón é que nin correron nin traballaron. Pero outra cousa distinta é dicir “como estou canso, vouno deixar”. Non. O importante na vida é o esforzo, o sacrificio e o tirar para adiante. Todo o que paga a pena na vida custa moito esforzo. Se non fose presentador, a que outra profesión lle gustaría dedicarse? Gustaríame ser cantante. Son un cantante frustrado. O bonito de Luar é que, de cando en vez, permíteme estropearlles as cancións aos artistas, e canto con eles. Entón xa mato o meu gusanillo. Se puidese escoller, quedaría co traballo actual ou con algún dos anteriores? A min gustoume moito un programa que fixen na temporada 1987-1988 que se lle chamou O veciño do xoves. Foi o programa que, persoalmente, máis me gustou. Pero a Luar téñolle un cariño moi especial por moitas circunstancias, profesionais e persoais. Din que a carreira de Dereito é moi dura. Vostede que a estudou que opina? Sobre todo se non che gusta. É peor aínda. E a min non me gustaba nada. Fixen unha carreira de Dereito bastante mala porque non me gustaba. Se algo saquei en limpo, precisamente é a facer algo, que non me apetecía, pero que tiven que facer. E iso é unha lección para a vida. Despois de 54 anos eu fago moitas máis cousas que non me apetecen das que en realidade me apetecen. Iso de “Apetéceme…” está ben, pero,

desgraciadamente, a vida non é así. Na vida hai que facer máis cousas que non apetecen que cousas que si gustan. Temos entendido que Gayoso actuou como avogado no Tribunal da Rota. Como foi aquela experiencia e canto tempo durou? Acabei a carreira de Dereito e marchei para Madrid onde estiven traballando durante tres

anos de avogado. Aquel era un Tribunal Eclesiástico, o Tribunal da Rota, onde se anulaban e separaban os matrimonios, eclesiásticos, ou relixiosos, católicos. Pero tamén nos dedicabamos a máis cousas, a todo o Dereito civil en xeral. Tres anos. Como vai a audiencia do programa Luar co transcurso dos anos? Como cre que se mantén fiel despois de tanto tempo? Moi ben. Porque traballamos moito e o público é moi bo. É moi condescendente e quérenos moito. Pero todo está en función do traballo, do esforzo e dun público que, para min, milagrosamente nos segue aceptando nas súas casas. Supoñemos que vostede aprendería moitas cousas grazas a este programa. Podería citar algunha das máis importantes? Pois a verdade é que son tantas cousas…! Porque son 18 anos de programa. O máis importante que aprendín é que a televisión é un traballo fundamentalmente de equipo. Non é un traballo individual. Así como, por exemplo, hai persoas artesás que diante dun anaco de madeira, diante dun ferro ou dun lenzo poden crear obras, para nós é imposible. Nós sós non podemos facer nada. Nin o presentador, nin o

Page 4: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 4

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

iluminador, nin os guionistas, nin os directores... É dicir, é un traballo de equipo, dunha coordinación absolutamente imprescindible. No momento no que un chanzo racha, racha todo o traballo, racha todo o programa. Isto levoume a tratar de

coñecer ben todo o traballo do resto dos compañeiros do equipo de televisión, o traballo noso está moi encadeado. Isto é moi importante. E logo o meu respecto ao público cada día medra máis. Non me quero esquecer de algo que tendemos a facer en todas as profesións, que é mirarnos demasiado a nós mesmos e falarmos entre nós os da televisión, facemos os programas para que logo os compañeiros da televisión nos digan que están ben ou están mal. Tamén aprendín que o público é o que cada día manda máis aquí. Nin políticos, nin xente da televisión. O público é o que decide, cun elemento máis democrático que as urnas de votacións: o mando a distancia. Danlle a un botón e… desapareces. Danlle ao botón e… apareces. Sen facer falta esperar catro anos para botarte. No programa haberá cousas que lle gustan máis e cousas que lle gustan menos. Cales? Por que? Eu non fago o programa para que me guste a min. Eu fago o programa para que lle guste ao público, á maior parte da xente que nos mira. Os gustos persoais meus quedan á parte. Non están en Luar. Hai cousas que me gustan e hai cousas que non me gustan. Sei onde se atopan as

luces e sei onde se atopan as sombras de Luar. Non é o mellor programa do mundo, pero si que é un programa que ten aceptación.

As Cantareiras de Ardebullo teñen moitos seguidores, está Gayoso entre eles?

Si, si, si teñen moitos seguidores e eu son un deles. Ríome moito. É unha forma marabillosa de acabar a xornada, unha xornada tan longa como é a de Luar, tantas horas aquí metido e rematala con…, xa non cun sorriso, senón cun exercicio ximnástico de abdominais, porque…a min As Cantareiras a verdade é que me parten. Pensa que este dúo cómico está a influír positivamente na audiencia de Luar?

Si, si, si, determinante, si. Nós temos unha audiencia importante, non? Pero estes rapaces ou rapazas agora mesmo están dándonos un plus importante de audiencia, si.

Cal é a diferenza principal entre Os Tonechos e As Cantareiras de Ardebullo?

A diferenza… ben, eu creo que os dous fan un idioma moi entendible, moi próximo ao pobo. Os dous. Eu creo que son máis as semellanzas que as diferenzas, non? Creo que, fundamentalmente, teñen semellanzas: teñen interpretado moi ben a paisanaxe galega. Teñen un efecto parecido ante o público que asiste en directo ao programa?

Si. Recordo a época dos Tonechos practicamente igual de desternillante que agora a das Cantareiras de Ardebullo.

Page 5: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 5

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

Se Gayoso tivese que escoller un deses dúos con cal quedaría?

Ai! É dificilísimo. Iso é como se tes dous fillos e che preguntan por cal deles… é imposible.

Sempre caben as dúas cousas e, ademais, eu son tan bo comedor que podo con todo. Ohhhh! Nada, quedo cos Tonechos e quedo con eles.

Viviría moitas anécdotas no Luar? Seguramente haberá algunha divertida que se anime contarnos.

Si, cantidade delas, meu Deus, 18 anos de

Luar e 25 facendo televisión! Home, tal vez unha divertida foi a de esquecerme dun artista cando o ía presentar. Destas cousas

que che queda a mente en branco e… empezas a mirar para a cámara… -o artista chamábase Gilbert O´Sullivan, un artista moi coñecido daquela época, xa hai tantos anos.

Ben, entón eu empezo “Queridos amigos, esta noite está connosco un fenomenal artista, un artista que nunca estivo aquí, no

Luar” -e eu desto que non me acordo do nome e sigo dándolle voltas malamente “Ben, xa está preparado no escenario, é un artista

que estou seguro que cando o escoiten vostedes van recoñecelo rapidamente” e mentres pensaba “Meu Deus, como se chama? como se chama?…” E non se me

ocorre outra cousa que botar man do rexedor. O rexedor é un compañeiro do equipo de televisión que nunca sae. É un

rapaz que está moi cerca dos presentadores, detrás da cámara cuns cascos en conexión cos realizadores e parte do equipo técnico.

Entón a min non se me ocorre outra cousa e digo: “Ben, este artista que lles imos presentar, a min gustaríame que o presentara un compañeiro do equipo, que

non fora eu… por favor, Manolo, como se chama o artista que vén a continuación?” Eh? Gilbert O´Sullivan. “Acábano de escoitar

vostedes, Gilbert O´Sullivan esta noite,

presentado por Manolo. Ha, ha, ha!”. E despois do programa recordo que Manolo, o compañeiro, dixo “Oe! A próxima vez que fagas unha parvada dese tipo, unha broma,

avísame porque, claro, non sabía que facer”, “que broma nin que nada, esquecinme completamente do nome do artista!”

Xa vedes, cousas simpáticas.

Tamén é de supoñer que pasase algúns malos momentos no programa. Cal foi a peor experiencia que recorda?

O peor de todo foi matar ao Fari e ter que resucitalo no mesmo programa. Anunciei a morte do Fari e, un pouco antes de acabar o programa… menos mal… paseino fatal. E

igual non o pasei tan mal naquel momento, pero despois… Son zocadas desas… que lle imos facer! Somos humanos. Aquí estamos

para equivocarnos, e agardo tropezar moitas máis veces, porque iso significará que sigo camiñando e, cando un camiña, tropeza. As

posibilidades de tropezar son moitas máis que se estás sentado, non? Polo xeral, os famosos que van ao Luar

Page 6: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 6

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

son tan boas persoas como aparentan? Algún ou algunha haberá que pareza moi boíño diante da cámara e por detrás teña un xenio que ninguén se esperaba.

Si, en xeral, si. Hai excepcións. Non me preguntes cales porque non as vou dicir, claro… Ha, ha, ha! Son moi boas persoas, en xeral. Tamén aprendín no Luar que, detrás dun gran profesional, entendendo por gran profesional xente que leva 40 ou 50 anos facendo un traballo cun seguimento dun público, hai persoas que traballaron moito, pero que ademais son seres humanos… bastante excepcionais, fóra da norma, moi traballadores, moi próximos, moi amables e moi humildes.

Poderíanos dicir quen é o seu cantante predilecto e por que?

O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E diredes vós “Ese quen é?” Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante francés. Naqueles tempos estaba Frank Sinatra en América e Gilbert Bécaud en Europa. Os dous eran grandes. Tal vez foi o artista que máis me chegou a min.

A todos nos gustaría coñecer a algún personaxe famoso ao que admiramos. Gayoso seguro que fixo realidade ese soño, ou non?

Si, por exemplo este Gilbert Bécaud, que eu admirei desde que era un cativo e que cantei

cancións súas. Bailei con el aquí, no escenario de Luar! Fíxate o que foi ese día para min. A partir dese momento pensei: “ Xa podo morrer tranquilo, xa me podo ir, isto xa o teño… enchido. Logo artistas que a min me gustaron, cos que medrei, cantei, fun a festas e escoitei as súas cancións… todos os deste país, xa non me queda ninguén por coñecer. A min gústame moito. Nese sentido aínda son moi parvo porque a min gústame coñecer a xente popular, si.

A que outro famoso, co que nunca tivo oportunidade de falar, lle gustaría coñecer?

Ai! Que compromiso! A quen me gustaría coñecer? Pois gustaríame coñecer a deportistas. E que no mundo dos artistas penso que xa coñecín a todos aqueles que… home hai xente que morreu que me gustaría moito ter coñecido... a María Callas. Se empezamos a dicir xente… Pero si que me encantaría coñecer a deportistas, Fernando Alonso, por exemplo.

A un presentador preocúpalle moito o que os telespectadores poidan pensar del?

Si, si, claro que nos preocupa! A min preocúpame fundamentalmente o que poidan pensar da miña persoa. Porque eu distingo moi ben entre o que é o personaxe da televisión e o que é a persoa. Entendo que este cacharro, a pantalla, desvirtúa a realidade e o público confúndenos, ao personaxe que aparece no programa e á persoa que vai despois pola rúa. Aos que non nos coñece ninguén, claro. A min o que me preocupa é que haxa confusión. A xente entende que eu son o de Luar. O de Luar vive tres horas á semana. Ese moneco que sae na televisión, nada máis que vive na televisión. Nada máis. E son 3 horas á semana. E cando eu vou pola rúa dunha cidade galega, eu son Xosé Ramón Gayoso, un cidadán

Page 7: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 7

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

normal e corrente que manexa os fíos dun moneco que sae na televisión tres horas á semana e que se chama Gayoso. Pero non son este. É dicir, eu non estou toda a semana “Señoras, amigos, aquí estamos, encantados e felices de unir a noite de Luar. Imos cantar, bailar, rir…!”. Non. Non, eu non son ese. Manexo ese personaxe, pero non son ese.

Un presentador segue a poñerse nervioso logo de tantos anos de oficio? Si. O que pasa é que os nervios do principio, que son nervios de inseguridade e de non saber que facer, tradúcense despois en respecto polo que vas facer. Home, despois de 25 anos eu xa sei o que teño que facer. Outra cousa é que o faga ben, pero xa sei o que teño que facer. Pero os nervios daquel entón tradúcense en respecto. É unha responsabilidade diante do público, que volvo dicir o de antes, para min son os meus xefes, os que mandan, en definitiva.

Traballar na televisión cámbialle a un a vida para ben ou para mal?

Si, cambia, cambia. Cambia a vida, para ben e para mal (he, he, he!). A parte bonita é que coñeces moita xente, que sentes o cariño da xente… pero despois hai unha parte negativa que é a que dicía antes. Hai xente que confunde o personaxe e a realidade da persoa que manexa o personaxe. Hai xente que non che deixa vivir directamente. Pero que non che deixa vivir. Xente que debe ter algún tipo de trastorno de conduta nas súas cabezas, non? Ben… que lle imos facer! Dígoo con mágoa porque, en definitiva, é xente que ten enfermidades mentais e entón confunden, acosan, perseguen, non che deixan durmir, van á túa casa… E non se pode facer nada, eh? Retirarte da pantalla. Porque unha vez que desapareces, desaparecerías tamén das súas cabezas e desa imaxinación paranoica que teñen. Esta é a realidade, para ben e para mal. Pero pode o ben sobre o mal, senón, se fose tan cru, tan cru… acabarías retirándote, claro está. Pero sempre abundan as cousas boas sobre as malas.

Canto duran os ensaios previos a cada gravación?

Pois, xa vedes, empezamos ás doce da noite e acabamos ás oito da tarde, cun descanso dunha hora aproximadamente. Como xa son un pouco veterano e hoxe aténdovos a vós, eu estou encantado da vida, pero os compañeiros estanme agardando para unha reunión. Pero estamos encantados.

O equipo que fai posible Luar será moi numeroso. De cantas persoas e oficios estamos a falar?

Estamos falando dunhas 150 persoas traballando os venres en plató: técnicos de todo tipo, desde os que montan os decorados -porque boa parte disto desmóntase cando acaba o programa-, as luces, todos os técnicos de iluminación, os micrófonos e toda a xente de relacións públicas, todo o equipo creativo de guionistas, a xente de produción, os músicos que traballan con nós… É dicir, hai cantidade de xente que non se ve, nin se imaxina un o que pode haber nun programa de televisión. Cento cincuenta persoas, aproximadamente. De luns a xoves que é a parte creativa, a parte de chamadas telefónicas a artistas, contratos a artistas, contratos a invitados que veñen, chamadas telefónicas, creacións de guións cos guionistas, para isto somos un equipo de dez persoas de luns a xoves. O venres, á parte desas dez, sumamos cento cincuenta.

As relacións humanas dentro dun

Page 8: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 8

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

grupo tan grande deben de ser difíciles ás veces. É posible levarse ben con todo o mundo? Si, é posible. As relacións humanas son fundamentais nun equipo. A boa convivencia é fundamental. As relacións humanas son moi

importantes para que haxa un desenvolvemento bo dentro do teu traballo. Se de algo presumimos en Luar, é de ter un equipo de xente que convivimos. Coas tensións lóxicas dun equipo que leva traballando dezaoito anos. Iso é lóxico. Ás veces temos que dicir cousas, temos que expresarnos, ser duros. Porque o cariño non só é pasar a man polo lombo e dicir “Que bonito es, que ben te portas”. Non. Hai veces que, con cariño, iso si, pero dis “Mira, vouche dicir algo…”. Se de algo presumimos é diso. Non presumimos de audiencia, nin de programas. Presumimos de que creamos un colectivo de traballadores que traballamos contentos. Isto é importante.

Gayoso con quen preferiría non traballar e con quen se leva ben, pero que moi ben?

Eu traballo con todo o mundo. A expresión non me apetece non está no meu léxico, non á hora da profesión. Iso non existe. Para min o traballo

é o meu traballo e a miña responsabilidade. Se me gusta máis, estupendo. Se me gusta menos, pois menos estupendo. Pero hai que traballar e hai que facelo. Niso son moi serio e moi responsable. Volvo a repetir que “non me apetece” non vai a ningún lado.

Como, ou por influencia de quen, empezou Gayoso na televisión?

Pois de ningunha, por pura casualidade. En 1985 formábase a empresa Televisión de Galicia e eu estaba traballando no mundo da avogacía. Estaba preparando as oposicións á xudicatura. Eu estaba no mundo das leis e do xurídico. Souben que se montaba esta Compañía de Radio e Televisión de Galicia e fun ás oficinas a solicitar traballo cun currículo no que expoñía o traballo, a carreira que facía… Dixéronme que non, que avogados xa tiñan, que o único que lles quedaba por contratar eran presentadores. Deilles as grazas e, cando me marchaba, destas cousas como nas películas que te levantas e dis “E a todo isto, o tema de presentadores como é?” E aí empezou todo. O home díxome que dentro dun mes había unha proba diante da cámara para ver “se te quere ou non te quere a cámara” e que estivese atento á prensa. Un día vin que se convocaba unha proba, presenteime… e xa está. Esta é a miña historia. A partir de aí todo é público xa. Pero eu cheguei así, desa forma tan casual. Fixádevos o que é un instante na vida, como cambian as cousas. Aínda que non tanto, eh! Non tanto. Dicíalle a un dos vosos mestres antes que a xente ten unha idea dos avogados unida a cárceres, delitos, xente moi seria. Pero eu tiven unha vida paralela a esa, e foi o escenario. Cando tiña seis anos, no colexio, meus pais metéronme nunha rondalla a tocar a bandurra. Desde que subín a aquel escenario xa non me baixei. Aos seis anos. Logo andei polo mundo tocando a guitarra, porque á parte de estudar, facer a carreira, traballar, tiña esa vida paralela de andar cantando por aí pola vida. Porque me gustaba, e me gusta. E tiña un dúo cun amigo e iamos polos pubs a cantar e polas festas, pasábao moi ben. E iso desde os seis anos. A min subíronme un día a un escenario e sentinme tan ben naquel escenario que agora, con 54 anos recordo que me encantara estar no

Page 9: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 9

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

escenario e xa non me baixei nunca máis. Entón dicíalle a meus pais “A culpa é vosa por subirme aquel día ao escenario”. Cando deixei o do dereito e vin para a televisión dalgunha maneira confluíron dúas vidas que levaba, o Dereito por un lado, e a música polo outro. Ou sexa que para min a vida si que cambiou, pero non tanto, se o explico, non tanto.

Podería definir Luar nunha soa palabra?

Festa, festa. Estamos para entreter. Aquí non temos máis pretensións. Cando empezabamos igual eramos un pouco máis pretensiosos. Un día tamén levounos a dicir “Vamos ver, se entretemos á xente, bastante obxectivo é, non?” Despois tratámola de entreter con contidos que nós chamamos limpos ou brancos. Este é un programa que poden ver os avós e os netos xuntos. Non pasa nada. Contamos chistes, bailamos e cantamos e, sobre todo, intentamos que sexa con músicos de aquí, da terra. Se miras unha lista de artistas de Luar decátaste de que artistas de fóra hai dous, todo o resto son xente nosa. Pero se hai unha palabra para Luar, esa é festa. Festa galega. Un señor do Bierzo dixo que o Luar era a catedral mundial do folclore dos pobos. Gustounos ese acuñamento e moitas veces dicimos “Aquí estamos, desde a catedral mundial do folclore dos pobos”. O folclore é alegría, é manifestación popular, manifestación do pobo. E iso é Luar.

Gustaríalle seguir traballando durante moitos anos máis en Luar? Si, non me importaría. Pero tamén son consciente de que o público é o que manda. Xa o dixen varias veces na entrevista, cando o público decida que xa está ben de Luar, pois entón pecharemos Luar e faremos outra cousa. E intentaremos entreter. Seguiremos tratando de entreter.

Estamos traballando nun proxecto educativo europeo, Comenius, facendo intercambios e realizando tarefas man a man cos nosos socios de Lituania e Polonia. Existían proxectos similares na súa época de estudante? Que va! Que va! Sabiamos que existía Europa

nada máis. Pero nin tan sequera mirabamos cara a ela. Nin tan sequera había unha televisión que che mostrara… Obviamente de Internet nada. Nin tan sequera había esa inquedanza necesaria de viaxar da mocidade, de ver mundo. Porque viaxar abre moito a cabeza. É moi importante. Hoxe estamos neste mundo no que vós xa manexades esas ferramentas de contacto directo con todo o mundo. Antes non había. E sei que vides detrás, empuxando dunha forma voraz. E encántame, porque en definitiva vós sodes o futuro-presente desta comunidade que é Galicia e, en definitiva,

do mundo, non? E estades moito máis preparados ca nós. Iso sen lugar a dúbidas. Tedes un futuro moi prometedor.

Nos seus tempos mozos, tiñan a posibilidade de viaxar a países estranxeiros? Moito menos. Moito menos. Primeiro porque non había cartos. Isto custa diñeiro e daquela non había todas esas relacións entre países que agora permiten facelo, sen gastar moito diñeiro. Na época dos nosos pais había unha necesidade de sobrevivir, “el pan nuestro de cada día”, erguerse e buscar de comer, de sobrevivir. Hoxe a cousa vai cambiando.

Que lle din Polonia e Lituania a Gayoso?

Page 10: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 10

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

Pois países que tamén pasaron moi malas situacións. Países nos que, desgraciadamente como pasou en España, a falta de penetración doutras ideas, doutras culturas, da educación, en definitiva, fixo que se frearan. Por iso son importantísimas as actividades como esta, os intercambios culturais. O ser humano canto máis sabe, canto máis estuda e canto máis amplía o seu mundo de coñecemento é máis libre. O problema de países como eses é que non os deixaron ser libres, precisamente porque non lles deixaron fomentar a súa cultura. Como nos pasou aquí tamén. En definitiva este foi o pasado deles. Ten un gran mérito a xente de Polonia, Lituania e mesmo de España, que saíu dunha situación de atranco cultural brutal e soubo repoñerse e tirar cara adiante.

Tivo algunha vez ocasión de visitar eses países ou gustaríalle facelo?

Non, desgraciadamente. Pero teño moitas ganas, eh! É un tema pendente, o de viaxar. Pero, claro, cando eramos mozos non podiamos porque non había diñeiro. Agora que teño diñeiro, non teño tempo. Entón a ver se agora chega o momento no que poida ter un pouco de diñeiro e un pouco de tempo e poder viaxar. Pero si que me gusta moito viaxar. Enténdoo como unha necesidade vital, como algo importante para a evolución do ser humano.

Como é a proxección de Luar en Europa?

En Europa no mundo da emigración galega, non? Supoño. Aínda que un día un amigo comentoume

que en París encontrouse cun matrimonio, francés, que vía Luar. Preguntoulle se eran emigrantes pero respondéronlle que eran franceses e que vían Luar porque lles gustaba. Non tiñan ascendencia española nin galega. Pero imaxino que será unha excepción, porque por Europa adiante Luar é visto pola emigración galega. Como toda a Televisión de Galicia e a Radio Galega.

Temos fama de botar toda a vida estudando inglés e non o dar aprendido. Onde cre vostede que está o problema?

Falta de traballo e de esforzo. Creo que non nos preocupamos realmente ata o de agora. Eu non sei falar inglés porque nunca me puxen a falalo. A falta de necesidade. Agora din que hai que saber galego, español e inglés. A min xa me molesta isto, que lle poñan límites ao coñecemento. Hai que saber eses tres idiomas e hai que saber catro, cinco ou seis. E cantos máis saibas moito mellor. Moléstame que a xente diga que hai que falar galego nada máis, ou que hai que falar castelán nada máis. Xa sei que son outros motivos os que levan a esas discusións estúpidas, pero cando a un lle din “Hai que saber castelán, galego e inglés”… e alemán, e chinés, e francés… Por que hai que poñerlle coto ao coñecemento? Canto máis saibas, moito mellor.

Coñece vostede algún idioma estranxeiro?

Non sei falar ningún. Coñecer, pois claro, sei que existen francés, alemán, xaponés... (ha, ha, ha!). Pero os que temos unha educación castelá

Page 11: ENTREVISTA A… XOSÉ RAMÓN GAYOSO · 2020. 6. 14. · O meu cantante favorito... Gilbert Bécaud. E ... Xa morreu! Era un artista francés que me gustaba moito, un gran cantante

PÁXINA 11

ENTREVISTA A XOSÉ RAMÓN GAYOSO

falante temos unha desvantaxe, porque o castelán é un idioma que se fala en moitos sitios do mundo, fálano moitos millóns de persoa, e iso produce unha preguiza porque dis “Malo será que falando castelán non poida ir polo mundo”. E vas polo mundo, claro que si. Non tes problema porque, hoxe en día, todo o mundo sabe algo de castelán e sabe algo de inglés. Se houbera

necesidade…! Senón que lles pregunten aos emigrantes, a todos aqueles galegos que foron a Suíza, Inglaterra, Alemaña.... Como aprenderon os idiomas? É a necesidade, o traballo e o esforzo. Nada máis.

Permítanos a derradeira cuestión como principiantes no mundo da entrevista, hai algo ao que lle gustaría responder pero que nunca lle preguntaron? Moitas veces non cho preguntan, pero xa me empeño eu mesmo en ir sacando temas. A min o que máis me preocupa, porque o sufro en primeira persoa, é o tema de ser personaxe de televisión e ser persoa normal da rúa. Porque sentes unha soidade absoluta. Ninguén entende isto porque non hai referentes, ao teu lado non hai xente que viva este problema. E para min é un problema co que teño que vivir polo simple feito de que haxa persoas pola rúa que confundan o presentador co ser humano. É moi difícil, moi difícil, moi difícil. Este é un tema que a min me

preocupa e polo que si me gustaría que me preguntaran máis. Quero deixar claro que unha cousa é a marioneta que se ve na pantalla e outra cousa é os que manexamos os fíos desa marioneta.

Quedounos por preguntar o do micrófono! Claro, o tema do micrófono! Fíxose tan popular que a miña cara sen o micrófono non parece Gayoso. É unha cuestión técnica. Acabades de ver un ensaio de Luar. En Luar hai moita xente que fala e que canta, aquí manéxanse ata 15 micrófonos á vez e todos pasan pola mesa de son, e cada micrófono ten o seu control. Os técnicos de son teñen que estar manexando e variando os 15 micros á vez! Unha loucura! Un día os compañeiros de son dixéronme: ‘Mira, se ti colles o micrófono e o pos nun sitiño e non o moves, a min desaparéceme un problema. Xa só me quedan 14 problemas’. E entón fíxeno. Puxen o micro aí. Esa é toda a explicación. Xa sei que desfago un pouco o mito, que non ten ningunha graza, pero esa é a realidade de por que levo o micrófono aí pegado. É unha referencia para o técnico de son. Son moitos micros, é un lío moi grande para eles. Ben, un saúdo moi grande para todo o IES “Maruxa Mallo” de Ordes, para todo Ordes e felicidades aos dous entrevistadores que viñeron hoxe aquí.

E podes saudarnos esta noite desde a televisión, ou non? Vale, pois haberá un saúdo para os de “Maruxa Mallo” esta noite. Vale, vale, pois xa convocamos a todos para que vexan o programa esta noite, ha, ha, ha. Perfecto.