Vocabulario sobre Exipto e Mesopotamia
Territorio habitado por unha comunidade humana, delimitado por unhas fronteiras e gobernado por unha autoridade política.
Estado
Estado rexido por un monarca con título de emperador (rei de reis). Estado que domina territorios e estados veciños, aínda que non estea rexido por un emperador.
Imperio
Do grego “theos” (deus ou divino) e “cracia” (goberno). Forma de goberno onde o monarca exercía un poder absoluto por considerarse representante da divindade na terra.
Teocracia
Monarca do antigo Exipto, encarnación dun deus, e que exercía un poder total sobre os seus súbditos.
Faraón
Funcionarios do antigo Exipto que dominaban a escritura xeroglífica e que se encargaban de transmitir as ordes e anotar por escrito todos os asuntos importantes.
Escribas
Escritura exipcia a base de debuxos que foi evolucionando ata que cada debuxo representou un son. Utilizaba o papiro como soporte, pero tamén se esculpían e pintaban xeroglíficos en moitos monumentos.
Escritura xeroglífica
Conxunto de pezas (xoias, cerámicas, armas…) que se depositaban nas tumbas antigas xunto ao cadáver, xeralmente para acompañalo na vida de ultratumba.
Enxoval funerario (“ajuar”)
Elemento arquitectónico, xeralmente formado por motivos decorativos, situado na parte superior dunha columna ou piar e sobre o que descansa a arquitrabe ou a base dun arco. Na arquitectura exipcia, as formas máis frecuentes son as do capitel papiriforme (como a pranta do papiro) e o lotiforme (forma de flor de loto pechada).
Capitel
Elemento vertical de sostén, xeralmente, de sección cilíndrica, formada por base (parte inferior), fuste (parte central) e capitel (parte superior).
Columna
Torre graduada ou escalonada en varios niveis e rematada nun santuario que podía servir tamén de observatorio do firmamento. Monumento típico de moitas cidades mesopotámicas.
Cigurat ou Zigurat