os reis catÓlicos e a monarquÍa hispÁnica · teñan as ditas fortalezas e casas fortes, baixo...
Post on 24-Jan-2019
229 Views
Preview:
TRANSCRIPT
OS REIS CATÓLICOS E A MONARQUÍA HISPÁNICA
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. Sabela, herdeira da Coroa de Castela
2. Triunfo dos Reis Católicos
3. Constitución da Santa Irmandade
4. A Real Audiencia de Galicia
5. O derrubo das fortalezas
6. A eliminación dos malos usos feudais en Cataluña
7. Últimas disposicións da raíña Sabela I
8. A repentina morte de Filipe de Habsburgo
9. Xoana, polos campos de Castela
10. Anexión de Navarra
11. Obrigatoria conversión dos indíxenas americanos
12. Novos descubrimentos en América
13. Carlos I xura respectar os privilexios forais casteláns
14. Coroación do emperador Carlos como Rei de Romanos
15. As peticións da nobreza galega a Carlos I
16. O exemplar castigo dos líderes comuneiros
17. Concesión da Casa da Especiaría á Coruña
18. A vitoria en Pavía en 1525
19. Nacemento das Xuntas do Reino de Galicia
20. As liñas estratéxicas da política dos Austrias españois
21. As abdicacións do emperador Carlos
22. Cada reino coa relixión do seu rei
23. Prohibición de Filipe II de estudar en Universidades estranxeiras
24. Morte, en prisión, do príncipe Carlos
25. O corsario Drake en América
26. Filipe II, rei de Portugal
27. Lenda negra contra Filipe II
28. Os aragoneses defenden os seus privilexios forais
29. Xustificación do tiranicidio
30. A política pacifista de Filipe III
31. Medidas para remediar a crise de Castela
32. Expulsión dos xitanos
33. As excelencias dos españois
34. O frustrado ataque francés de 1639 á Coruña
35. A derrota da Armada de Oquendo en 1639
36. Os estranxeiros e os recursos de Castela
37. Complexidade da Monarquía hispánica
38. Críticas á política do valido Olivares
39. Independencia de Portugal
40. Os cataláns sublevados pactan co rei de Francia
41. Medidas contra a peste en 1676
42. Intrigas palatinas na corte de Carlos II
43. O vestido feminino no século XVII
44. A decadencia da Monarquía hispánica a finais do século XVII
45. O problema sucesorio de Carlos II
46. Proxectos de reparto dos dominios españois
1. Sabela, herdeira da Coroa de Castela
A debilidade do rei Henrique IV de Castela (1454-1474) fronte á nobreza fixo que aceptase,
polo pacto de Guisando como sucesora no trono de Castela, á súa media irmá Sabela, en
detrimento da súa filla Xoana, considerada por parte da nobreza castelá ilexítima e alcumada a
Beltranexa (por considerala filla de Beltrán de la Cueva, home de confianza do rei).
Queda acordado e asentado que, chegada a dita señora Infanta [Sabela] á corte do dito señor rei
[Henrique IV] (...) sexa titulada, recibida, xurada e chamada Princesa herdeira do dito señor rei e
sucesora destes reinos e señoríos, (...) e que dentro dos 40 días seguintes [á morte do rei] teña que
ser xurada e sexa recibida como señora e raíña destes reinos e señoríos. (...) O dito señor rei, pola
presente escritura, dá e outorga o seu consentimento e autoridade, e desexa e manda que se lle
fagan á dita señora (...) todas as xuras e homenaxes e solemnidades que se precisen para o caso, en
que o señor rei teña que dar todas as cartas e provisións que se lle pidan por parte da dita señora
Infanta.
Pacto de Guisando. 1468 [cast.]
2. Triunfo dos Reis Católicos
A vitoria na batalla de Toro en 1476 asegurou a Sabela no trono de Castela, fronte ás
aspiracións dinásticas da súa sobriña e filla do rei Xoana de Trastámara, a Beltranexa,
apoiada polo seu marido o rei Afonso V de Portugal.
Seguro que xa sabedes que o meu adversario de Portugal, despois que seu fillo chegase á cidade de
Toro con todas as xentes de a cabalo e a pé que puido traer de Portugal (...) acordei ir en persoa cos
meus cabaleiros e xentes tras o adversario con toda rapidez (...) e na súa persecución foron
capturados setenta cabaleiros. E vendo que non podía entrar pola ponte da cidade coas súas xentes
sen ser destrozados, acordaron esperarme; e alí se xuntaron con el o duque de Guimaraes, e os
condes de Vilarreal e Dopruela e o fillo de don Xoán de Ulloa e outras xentes de a cabalo e de a pé
que deixaran en guarnición na cidade de Toro. (...) E aínda que moitos cabaleiros dos que estaban
comigo eran partidarios de non dar batalla porque o adversario era moi superior (...), pero eu,
confiando na xustiza que eu e a raíña, a miña moi querida muller, temos a estes reinos, e na
misericordia do noso Señor e da súa bendita nai, e coa axuda do apóstolo Santiago patrón e
caudillo das Españas, decidín darlle batalla. E poñéndoo en práctica, pelexamos contra el e contra
as súas xentes, e quixo o noso Señor darnos a vitoria (...), tomando o pendón das armas reais e as
restantes bandeiras, e escapou fuxindo, e gran parte das miñas xentes foron na súa persecución ata
a ponte da cidade de Toro, onde foron apresadas e mortas moitas xentes importantes do reino de
Portugal, e outras moitas afogadas no río.
FERNANDO II de Aragón e V de Castela. Carta á cidade de Baeza. 1476 [cast.]
3. Constitución da Santa Irmandade
Para garantir a orde pública no reino de Castela e loitar especialmente contra o bandoleirismo
no ámbito rural, os Reis Católicos organizaron unha institución coñecida popularmente como
Santa Irmandade, que logrou os seus obxectivos con éxito.
Primeiramente mandamos e ordenamos que as (...) cidades, vilas e lugares do noso reino (...) fagan
irmandade unhas con outras no prazo de trinta días a partir de que a noticia da nosa carta sexa
coñecida e pregoada.
Outrosí ordenamos e mandamos que a dita irmandade sirva unicamente para os seguintes casos:
para asaltos de camiños; roubos de bens mobles; mortes, feridas e prisión de homes feitas por
propia autoridade e sen o noso mandamento ou de outro xuíz por carta patente; queima de casas,
viñas e colleitas, cometéndose todas estas cousas en campo ermo ou despoboado. (...)
Outrosí ordenamos e mandamos que para perseguir os delincuentes e malfeitores destes ditos casos,
ordenamos que vos xuntedes, á voz de irmandade, deste modo: en cada cidade, vila e lugar, se tivese
trinta veciños (...) un alcalde, e se ten máis de trinta veciños, dous alcaldes nomeados polo Concello
e oficiais do lugar. Ademais, sexan nomeados cuadrilleiros. (...) E que estes, logo que teñan
denuncia dun delito (...) persigan aos malfeitores ata cinco leguas, facendo repicar as campás dos
lugares a onde chegasen (...). E ao chegaren ás cinco leguas, que deixe o rastro aos outros, e así de
lugar en lugar e de terra en terra persigan aos malfeitores ata prendelos, encarceralos e botalos
fóra do Reino.
Outrosí ordenamos que cada cidade, vila (...) se xunten unha vez cada ano na cabeza do partido (...)
para executar as penas e para prover todo o necesario para o bo funcionamento da dita irmandade.
FERNANDO V e SABELA I. Resolución de creación da Irmandade de cidades. 1476 [cast.]
4. A Real Audiencia de Galicia
Para afianzar o seu poder en Galicia, os Reis Católicos crearon en 1480 o cargo de
Gobernador do reino e a Real Audiencia de Galicia. Esta era un tribunal superior de xustiza
con xurisdición sobre toda Galicia que ademais tiña funcións de goberno e de defensa do
reino.
Por canto sabemos que no noso reino de Galicia, nos tempos pasados, se fixeron e cometeron moitos
males, mortes, roubos, balbordos, escándalos, levantamentos de pobos e tomas das nosas rendas,
impostos e dereitos e outros danos e excesos, e aínda se fan e cometen algunhas destas cousas (...)
Nós, considerando isto e para gobernar e manter aos nosos pobos en calma e xustiza e defender aos
nosos súbditos e naturais de toda opresión e violencia (...), confiando en vós, Fernando de Acuña, o
noso capitán e do noso Consello, e de vós, o licenciado García López de Chinchilla, oidor da nosa
Audiencia e do noso Consello, (...) pola presente vos facemos e constituímos nos nosos xuíces en
todo o noso reino de Galicia (...) e que vós, o dito don Fernando, vos chamedes Xustiza Maior en
todo o reino. Mandamos a ambos que vaiades ao dito reino de Galicia e a todas as cidades, vilas e
lugares onde consideredes que é necesario e que, como xustizas nosas, usedes e exerzades en todo el
a xustiza e xurisdición civil e criminal.
FERNANDO V e SABELA I. Cédula de creación da Real Audiencia. 3-8-1480 [cast.]
5. O derrubo das fortalezas
Pasa someter definitivamente aos nobres galegos, os Reis Católicos ordenaron o derrubo de
moitas das súas fortalezas, que eran utilizadas como refuxio para realizar cabalgadas e
saqueos. Nesta política contaron co apoio da maioría da poboación, farta dos abusos feudais e
dos enfrontamentos entre nobres.
Don Fernando e dona Sabela (...) a vós, don Fernando de Acuña. Sabedes que se nos fixo relación
de que no reino de Galicia hai moitas fortalezas en penedos, e outras casas fortes, que se
aproveitaron para facer moitos danos, roubos, mortes e asaltos; e témese que se farán de aquí en
diante (...). Por iso vos mandamos que todas as fortalezas e casas fortes que entendades que son
danosas para a cousa pública de dito reino (...), que as tomedes e derribedes, aínda que estean feitas
e edificadas coa nosa licenza ou dos reis antecesores nosos. (...) E mandamos (...) ás persoas que
teñan as ditas fortalezas e casas fortes, baixo pena de morte e confiscación de todos os seus bens
(...), que sempre que llelo mandedes vos dean e entreguen as ditas fortalezas e casas fortes. Ademais,
dise que algunhas persoas con pouco temor (...) teñen ocupadas e encasteladas e convertidas en
fortalezas as igrexas dese reino para aproveitarse delas nos seus bandos e nas disputas e
inimizades que teñen; por isto, mandamos tamén que as fagades abrir e liberar e desocupar (...).
Outrosí, mandamos que, sempre e cando vós entendades que convén ao noso servizo e á paz e
sosego do dito reino, que calquera cabaleiro ou outra persoa de calquera estado e condición que
sexa, saia do dito reino (...) sen escusa nin tardanza.
FERNANDO V e SABELA I. Provisión sobre as fortalezas e castelos de Galicia. 3-8-1480 [cast.]
6. A eliminación dos malos usos feudais en Cataluña
En Cataluña, o rei Fernando o Católico aboliu moitos dos abusos que os nobres exercían
sobre os campesiños remensas e que provocaran a súa sublevación. A sentencia de Guadalupe
de 1486 pacificou o territorio, eliminando os chamados malos usos.
1. Os campesiños fixéronnos saber (...) que os seus señores (...) lles obrigan (...) a pagar os ditos
seis malos usos (...): remensa persoal, intestia, xorquia, arcia, cugucia e espolio (...). Pola nosa
presente sentencia abolimos aqueles (...) e declaramos que ditos campesiños e os seus descendentes
quedan libres perpetuamente deles (...). Pero (...) en compensación (...) declaramos que quedan
obrigados a pagar por cada un sesenta sólidos de moeda barcelonesa (...).
6. Anulamos o dereito e facultade que os señores pretenden ter de maltratar aos ditos campesiños
(...). Pero non é nosa intención quitar a ditos señores a xurisdición civil, se teñen algunha (...).
7. Declaramos que ditos campesiños deben prestar xuramento e homenaxe de propiedade aos seus
señores (...). E que (...) poden renunciar e deixar ditos mansos e casas (...) sempre que queiran e que
se poidan ir libremente (...).
9. Declaramos que os ditos señores non poden (...), a primeira noite que o campesiño toma muller,
durmir con ela ou en sinal de señoría a noite de vodas, nin cando a muller estea xa na cama, pasar
por riba dela. Nin poidan servirse do fillo ou da filla do campesiño se non é por propia vontade.
FERNANDO V de Castela e II de Aragón. Sentencia arbitral. 21-4-1486 [cast.]
7. Últimas disposicións da raíña Sabela I
O testamento da raíña Sabela I establece numerosas disposicións, entre as que destaca a
cuestión sucesoria pola que declaraba única herdeira da Coroa de Castela á súa filla maior,
Xoana, polo que o viúvo, Fernando, tería que limitarse a reinar nos seus dominios da Coroa
de Aragón.
Establezo e institúo por universal herdeira de todos os meus reinos e señoríos e de todos os bens
raíces, despois dos meus días, á ilustrísima princesa dona Xoana, arquiduquesa de Austria, duquesa
de Borgoña, a miña amada filla, primoxénita herdeira e sucesora lexítima (...).
Mando á dita princesa e ao seu marido, que non presenten a arcebispados, nin bispados, nin
abadías, nin dignidades, nin outros beneficios eclesiásticos (...) a persoas que non sexan naturais
destes reinos. (...)
Por se cando o Señor me leve desta vida, a miña filla a princesa non estea nos meus reinos, ou
cando teña que ausentarse deles, ou estando neles non queira ou non poida entender na súa
gobernación, (...) en todos estes casos debe reinar e gobernar o rei meu señor (...).
Prego á Princesa e ao Príncipe, os meus fillos, que como católicos príncipes teñan moito coidado
das cousas da honra de Deus e da súa santa fe, procurando a súa garda e defensa (...), e que
obedezan os mandamentos da Igrexa, e sexan os seus protectores e defensores, e que non cesen na
conquista de África loitando pola fe contra os infieis, e que favorezan os interesen da Santa
Inquisición (...)
Mando que cando faleza a princesa dona Xoana, a miña amada filla, suceda nestes reinos, terras e
señoríos o infante don Carlos, o meu neto, e logo do dito infante os seus descendentes lexítimos.
SABELA I de Castela. Testamento. 12-10-1504 [cast.]
8. A repentina morte de Filipe de Habsburgo
Ao cronista sorprende o tratamento a que foi sometido o defunto Filipe o Fermoso, casado
coa raíña Xoana, así como os costumes flamengos que contrastan cos casteláns.
O rei Filipe acaba de morrer! Aquel Filipe que nos seus pensamentos lle parecía que se tragaba
todo o mundo, emulando a seu avó materno. O 25 de setembro [1506] deixou de alentar a alma
daquel mozo, fermoso, elegante, de gran talento e inxenio, de natural robusto e prócer.
Desvaneceuse como flor de primavera! De nada lle valeu ter por pai e avó a Emperadores de
Romanos. Inesperadamente, unha lixeira febre levou de en medio ao xenro de tan grandes rei e
raíña. Sucumbiu nun abrir e pechar de ollos. Mentres estivo enfermo, a raíña non se separou do seu
lado. Présa de profunda dor, ou por non sentir xa a dor, non derramou xamais unha soa bágoa.
Segundo costume de Flandres, os seus servidores velaron o cadáver toda a noite -adornado de
preciosas vestiduras e rodeado de tapices, como se estivese vivo no seu trono real-, xacente nun
catafalco levantado nunha espazosa sala. Todos os servidores da Raíña estivemos presentes nestes
actos, xunto cunha innumerable caterva de relixiosos de distintos hábitos, que entoaron o Oficio de
Defuntos durante toda a velada. Ao amencer, retiraron o cadáver do catafalco para sacarlle as
entrañas e embalsamalo. Dous cirurxiáns que fixeron vir para o caso, abrírono de pés a cabeza; as
pernas e canto de carne había nel, foi cortado para que, escorrendo o sangue, tardarse máis en
podrecer. Din que lle sacaron o corazón para que, gardado nun vaso de ouro, fose levado á súa
patria e depositado xunto ás cinzas dos seus maiores. Trepanada a cabeza, abríronlle o cerebro.
Abríronlle o ventre e sacaron os intestinos; e despois de embalsamar o cadáver con cal e perfumes a
falta de bálsamos, cosérono e, con vendas de liño enceradas, suxeitaron todos os seus membros por
cada unha das conxunturas, colocándoo despois nun ataúde de chumbo recuberto dunha caixa de
madeira. O corpo está depositado agora no mosteiro de Miraflores -distante catro estadios da
cidade de Burgos-, da orde dos cartuxos. Pero el deixou ordenado no seu testamento ser enterrado
en Granada, xunto coa súa sogra Sabela.
Pedro Mártir de ANGLERÍA. Carta [aos seus amigos en Granada]. 28-9-1506 [cast.]
9. Xoana, polos campos de Castela
A inestabilidade emocional da raíña Xoana acentuouse ata o extremo coa morte do seu
marido, atormentada polos mesmos celos que a consumían cando estaba vivo. Durante meses
andou vagando polos campos de Castela co cadáver de Filipe de Habsburgo sen permitir que
recibise sepultura.
Levantamos áncoras da pestilente Torquemada (...) pero a nosa raíña levounos a unha vila, a dúas
leguas de aquí, que chaman Hornillos, tal vez non máis de vinte e oito cabanas, onde hai unha
pequena casa con bastante acomodo, e na que está contenta, aínda que non cabe máis que ela soa.
Os próceres fóronse a vivir aos hospedaxes que puideron. O arcebispo de Toledo e seu curmán o
Condestable son os que levan o goberno. Agardan con impaciencia a que chegue o rei Fernando.
Moitos, polo contrario, desexarían que non volvese. Aos únicos que a raíña permite estar sentados
na súa presenza somos o bispo de Málaga, o de Mondoñedo e eu. Nada máis atravesar a magnífica
ponte de pedra que une Torquemada con Hornillos, topamos cun convento de monxas. Pensando que
era de frades, ordenou deter o cortexo e deixar en terra o féretro, en pleno campo. Pero cando
soubo que a comunidade era feminina, inmediatamente deu ordes para que trasladasen de alí o
féretro e, a campo descuberto, a ceo raso, mandou que sacasen o cadáver durante a noite, á feble
luz dos fachos, que case non deixa arder a violencia do vento. Uns artesáns, mandados vir ao efecto,
abriron a caixa de madeira e a de chumbo. Logo de contemplar o cadáver do marido, chamando aos
nobres como testemuñas, mandou pechalo de novo e que se trasladase a ombros a Hornillos. Tras os
primeiros cantos dos galos chegamos á nosa nova residencia. Pasados uns cuantos días, ao
decatarse os nobres que ela pretendía quedarse alí, aconselláronlle que se trasladase a Palencia ou
a algunha outra cidade, onde poderse instalar a Corte. Pero ela respondeu que non era decoroso
para unha viúva pasar por cidades engalanadas ou por magníficas prazas. (...) Nin os rogos nin as
advertencias conseguiron que variase o seu propósito (...), de maneira que estamos instalados
definitivamente aquí, nas casas dos arrabaldes e en tendas levantadas por nosoutros ao modo
castrense.
Pedro Mártir de ANGLERÍA. Carta [aos seus amigos en Granada]. 1-5-1507 [cast.]
10. Anexión de Navarra
En 1512, o rei Fernando o Católico invadiu o reino de Navarra, logrando a súa conquista. Foi
anexionado á Coroa de Castela, pero mantendo as súas propias leis, privilexios e institucións.
Non logrando establecer concordia entre o rei don Fernando e o rei don Xoán de Navarra, (...) don
Fernando reuniu xente para conquistar Navarra (...) enviando desde Burgos ao duque de Alba
[Fadrique Álvarez de Toledo] con soldados -dicían que con doce mil homes-. E repartidos os
capitáns polo reino, algunhas vilas e fortalezas foron tomadas por combates e outras entregáronse.
(...) O duque de Alba tomou a cidade de Pamplona, que é a principal cabeza de Navarra, o 25 de
xullo [de 1512], o día de Santiago. (...) As fortalezas que máis resistiron foron as de Tudela, Estella,
Monxardín e Miranda (...). O rei de Navarra reuniu a gascóns e franceses e algúns soldados
alemáns, entrando desde Francia con vinte mil homes en Navarra e puxo cerco a Pamplona, estando
dentro o duque de Alba con catro mil homes durante vintesete días (...). Don Fernando enviou ao
duque de Náxera con xente escollida en socorro do duque de Alba (...); o rei de Navarra perdeu
gran parte do seu exército (...) resultando máis de dous mil mortos arredor de Pamplona e noutras
partes de Navarra.
Andrés BERNÁLDEZ. Historia dos Reis Católicos. Século XVI [cast.]
11. Obrigatoria conversión dos indíxenas americanos
A medida que a conquista de América avanzaba, os indios eran requiridos para que se
bautizasen e proclamasen a súa obediencia aos monarcas españois, condición imprescindible
para poder ser considerados súbditos e non caer na condición de escravos.
De parte do moi alto e moi poderoso e moi católico defensor da Igrexa, sempre vencedor e nunca
vencido, o gran don Fernando V das Españas, das dúas Sicilias, de Xerusalén, das illas e terra
firme, da mar océana, etc., domador das xentes bárbaras, e da moi alta e moi poderosa señora dona
Xoana, a súa amada filla, eu, Pedrarias Dávila, o seu criado, mensaxeiro e capitán, notifico e fago
saber:
Que Deus o Noso Señor, único e eterno, creou o ceo e a terra, e a un home a unha muller, de quen
descendemos todos os homes do mundo, e todos os que veñan detrás de nós; pero, entre os
descendentes destes que foron sucedendo desde cinco mil e máis anos que hai que o mundo foi
creado, foi necesario que uns homes fosen por unha parte e outros por outra, e se dividisen en
moitos reinos e provincias, porque nun só non se podían soster nin conservar. De todas estas xentes,
o Noso Señor deu cargo a un, que foi chamado san Pedro, para que fose o señor superior de todos
os homes do mundo, a quen todos obedecesen, e fose cabeza de toda a liñaxe humana (...). Un dos
pontífices (...) fixo doazón destas terras e illas aos ditos rei [Fernando] e raíña [Sabela] con todo o
que hai nelas. (...)
Por todo o anterior, prégovos e requiro que entendades ben isto (...) e recoñezades á Igrexa por
señora e superiora do universo, e ao Papa no seu nome, e ao rei e á raíña como señores destes
lugares (...) e permitades que os relixiosos prediquen o antedito. Se o facedes así, faredes ben e (...)
as SS AA, e eu no seu nome, recibiranvos con todo amor e caridades, e deixarán ás vosas mulleres,
fillos e facendas libres, sen servidume, para que delas fagades vós o que queirades, e non vos
obrigarán a facervos cristiáns, salvo se vosoutros, informados da verdade, queredes convertervos á
nosa santa fe católica, como xa o fixeron case que todos os veciños das outras illas; e ademais disto,
a S.A. daravos privilexios e exencións e mercés. Se non o fixerades, ou puxerades nisto maliciosa
dilación, asegúrovos que coa axuda de Deus hei de entrar poderosamente contra vós e fareivos a
guerra por todas partes e de todas as maneiras que eu saiba, e suxeitareivos ao xugo e obediencia
da Igrexa e das SS AA, e tomarei as vosas persoas, e mulleres e fillos e fareivos escravos, e
vendereivos (...) e fareivos cantos males poida.
Requirimento para o sometemento dos indios. 1513 [cast.]
12. Novos descubrimentos en América
Durante os anos da exploración e conquista das terras americanas, os cronistas enviaban
constantemente noticias de novas terras descubertas, así como de numerosos feitos que lles
chamaban a atención por descoñecidos en Europa.
Pregúntasme que hai no Novo Mundo.
Cada día descóbrense maiores cousas. (...) Descubriuse un río [Marañón] de tan inmensa latitude
que é incrible que poida habelo na natureza; din que ten máis de 80 millas, e que é río e non
enseada do mar; que é de auga doce que corre ao Océano e que está cheo de illas. (...) Hai por alí
gran variedade de linguas e nacións; de animais, aves, peces e monstros; tamén os costumes son moi
variados. En todas partes abunda o ouro, así como as perlas (...). Unhas rexións están habitadas por
caribes ou caníbales, comedores de carne humana, e reciben con frechas envelenadas aos que se
lles achegan; outros son indíxenas pacíficos e hospitalarios. As árbores conservan a folla na súa
meirande parte, e os prados están verdes todo o ano. Os seus habitantes gozan só de primavera e
outono, libres do terrible inverno e o molesto verán. Os que viven nas beiras dos ríos viven felices.
Nalgunha zona das altas montañas hai neves perpetuas, pero nos vales profundos, grazas aos raios
do sol, vai calor porque están na liña do equinoccio ou próximos a ela. (...)
Temos correos do Novo Mundo. Vasco Núñez de Balboa (...) levou a cabo unha fazaña tan grande
que non só alcanzou o perdón da S.M., senón que foi condecorado con títulos honrosos. Entre os
habitantes daquelas terras [golfo de Darién] era fama que ao outro lado das altas montañas que
tiñan diante, había outro mar (...). Ese Balboa propúxose probar fortuna en tan gran empresa;
xuntou 190 homes, emprendeu o camiño o 1 de setembro do pasado 1513. Dominados os reis que se
atopou no camiño polas armas, regalos e dádivas, cruzou os montes e saudou ao mar.
Pedro Mártir de ANGLERÍA. Carta. 23-7-1514
13. Carlos I xura respectar os privilexios forais casteláns
Para que as Cortes de Castela recoñecesen a Carlos de Habsburgo, en unión da súa nai
Xoana, como rei lexítimo, este tivo que xurar que respectaría os privilexios forais do reino.
O licenciado don García de Padilla (...) leu publicamente con voz alta e intelixible unha escritura de
xuramento, que di o seguinte:
Que VA, como destes reinos de Castela e León e Granada, xuntamente coa moi alta e poderosa
raíña dona Xoana (...) xura a Deus e aos santos Evanxeos que toca coa súa man dereita
corporalmente, e promete pola súa fe e palabra real ás cidades, vilas e lugares que representan os
procuradores aquí presentes vindos a estas Cortes (...): que non alleará as cidades, vilas e lugares,
nin os termos, nin xurisdicións, nin rendas, nin pechos, nin dereitos nin cousa algunha que pertenza
á Coroa e patrimonio real (...). Que gardará as leis e foros destes reinos (...). Que confirma ás ditas
cidades, vilas e lugares as liberdades, privilexios, franquezas, cartas e exencións (...), así como as
ordenanzas e bos usos e costumes, e rendas, e termos e xurisdicións que teñen e posúen e que non os
quebrantará, nin quitará, nin diminuirá en ningunha forma, nin en ningún tempo, nin por ningunha
razón nin causa. Así Deus lle axude e aqueles santos Evanxeos. Amén.
Toma de xuramento a Carlos I nas Cortes de Castela. 7-2-1518 [cast.]
14. Coroación do emperador Carlos como Rei de Romanos
En xuño de 1519, os sete príncipes alemáns que tiñan a capacidade de decidir en quen debía
recaer a dignidade imperial do Sacro Imperio Romano Xermánico (rei de Bohemia, o
margrave de Brandeburgo, o duque palatino do Rin, o duque de Saxonia, e os arcebispos de
Tréveris, Maguncia e Colonia segundo o antigo privilexio consignado na Bula de Ouro de
1356), elixiron a Carlos de Habsburgo, que se converteu así en emperador. En 1520 foi
coroado como Rei de Romanos, unha das coroas imperiais.
Temos ao noso César coroado como Rei de Romanos. (...) Se tivese que describir aquí as lexións de
infantería e cabalería con que entrou o rei en Aquisgrán, os magníficos cortexos de toda clase de
cortesáns, os exércitos de alemáns armados, o bulicio da guerra, os aderezos de prata, ouro e
pedras preciosas e, por último, a entrada do rei mesmo, sería difícil tarefa para min e pode que
pesada para ti; por iso, nesta carta, unicamente vouche contar o que considero digno de saberse.
(...) Na mesma porta da cidade, o César armado, coa fin de adorar a cruz e bicar a cabeza de
Carlomagno, baixa do cabalo (...) e desde alí vai ao templo dedicado á Virxe (...). Ao día seguinte
celebrouse a coroación deste modo: o César é introducido no templo polos arcebispos electores. O
de Colonia (...) dirixiuse ao César desta maneira: “Queredes profesar a santa fe ensinada aos
católicos vivos e gardala con obras xustas?” Ao que respondeu o César: “Quero”. “Queredes ser
fiel titor e defensor da Santa Igrexa e dos seus ministros?” Respondeu: “Quero”. “Queredes rexer e
gobernar o reino que Deus vos concedeu segundo a xustiza dos vosos predecesores e defendelo
eficazmente?” Respondeu: “Quero”. (...) “Queredes ser un xuíz e defensor piadoso dos pobres e dos
ricos, das viúvas e os orfos?”. Respondeu: “Quero”. “¿Queredes prestar reverentemente a debida
submisión e fidelidade ao noso Santísimo Pai e Señor en Cristo o Romano Pontífice e a Santa Igrexa
Romana?” Respondeu: “Quero”. (...) O de Colonia, de cara ao pobo, dixo, primeiro en latín e logo
en alemán: “Queredes suxeitarvos a tal príncipe e rei e afianzar o seu reino, consolidar fielmente e
obedecer as súas ordes?” Clamaron todos: “Ben, que se faga; querémolo así”. Alí mesmo, o de
Colonia unxiu ao César dicindo: “Eu te unxo por rei co óleo santificado no nome do Pai, do Fillo e
do Espírito Santo. Amén”.
Unxido xa rei, o de Maguncia e o de Tréveris levárono á sancristía e, revestido cos ornamentos
cesáreos de Carlomagno, sacárono de alí e, estando sentado, os tres arcebispos ao tempo
entregáronlle a espada de Carlomagno dicindo: “Tomade esta espada de man dos bispos para que
con ela exerzades a xustiza, destruïades a iniquidade, protexades á Igrexa e combatades aos falsos
cristiáns”. Despois, o de Colonia deu ao César o anel de ouro e a vestimenta real e o cetro, dicindo:
“Tomade a vara da virtude e da equidade para que saibades amar aos piadosos e aterrar aos
réprobos”. Seguidamente, os tres arcebispos poñen na súa cabeza a coroa real de ouro (non de
ferro, como di o vulgo), dicindo: “Recibide a coroa real”. Finalmente, unxido e coroado rei, lévano
á cadeira de pedra de Carlomagno, conservada con gran respecto, na que, tras sentarse, os
arcebispos electores felicitan ao César pola real dignidade.
Alonso de VALDÉS. Carta [a Pedro Mártir de Anglería]. 20-11-1520 [cast.]
15. As peticións da nobreza galega a Carlos I
Os nobres galegos, reunidos en Melide, presentaron a Carlos I de Habsburgo unha serie de
peticións para Galicia. A cambio, comprometíanse a apoiar ao monarca, pero este respondeu
a case todas as peticións de forma negativa ou dilatoria.
O que se acordou e asentou polos señores e cabaleiros deste reino de Galicia (...) reunidos na vila
de Melide (...) para falar de cousas que parecen necesarias e conviñan ao servizo de Deus e da
raíña e do rei, os nosos señores, e conservación do seu real estado e patrimonio, e á paz e sosego do
dito reino (...) acordaron o seguinte:
Que todos os ditos señores e cabaleiros (...) prometen estar ao servizo da raíña e do rei, e conservar
o patrimonio real, as súas rendas e dereitos, e que para iso darán toda a axuda necesaria (...).
Item, que se algún señor ou cabaleiro do dito reino, ou fóra del, se metese nalgún pobo, vila ou
lugar ou algunha fortaleza do rei para apoderarse dela (...), vaian todos xuntos a botalo fóra (...).
Item, que se polas Comunidades de Castela ou os seus procuradores fose enviado novo gobernador
ou xustizas, ou outras provisións de calquera outra maneira a este reino, (...) non sexan obedecidos.
Item, (...) os ditos señores e cabaleiros acordan suplicar ás SS.AA. que se lles faga a mercé de que
de aquí en adiante este reino teña voto en Cortes.
Item, que por canto a cidade de Zamora pretende ter poder e voto para falar en Cortes por este
reino [Galicia], (...) acordaron que ningún servizo que outorgase a dita cidade de Zamora, non se
pagará neste reino, nin se cumprirá cousa algunha que outorgase no seu nome ou teña outorgado
desde as Cortes da Coruña.
Outrosí, que os ditos señores e cabaleiros, por si e en nome dos ausentes e pobos do dito reino,
acordaron suplicar ás SS AA e aos seus gobernadores que se lles faga a mercé da descarga da
contratación da especiaría e doutras cousas das Indias, recentemente descubertas, na cidade da
Coruña e que se faga alí a Casa da Contratación, similar á que está na cidade de Sevilla.
XUNTA DE MELIDE. Peticións [a Carlos I]. 4-12-1520 [cast.]
16. O exemplar castigo dos líderes comuneiros
O malestar provocado polos gastos extraordinarios para a coroación imperial e a actuación da
camarilla de flamengos traída por Carlos I, orixinou a revolta das Comunidades de Castela.
Tras uns éxitos iniciais, os comuneiros foron derrotados e os principais líderes axustizados en
Villalar.
Xoán de Padilla foi preguntado se foi capitán das comunidades, e se (...) pelexou contra o servizo
das SS MM. Dixo que é verdade que foi capitán da xente de Toledo e que estivo (...) coas xentes das
comunidades e que pelexou contra o Condestable e Almirante de Castela, gobernadores destes
reinos, e que foi a prender aos do Consello e Alcaldes das SS MM. O mesmo confesaron Xoán Bravo
e Francisco Maldonado ter sido capitáns da xente de Segovia e Salamanca.
Este día, os señores alcaldes Cornejo, Salmerón e Alcalá dixeron que declaraban e declararon a
Xoán de Padilla, a Xoán Bravo e a Francisco Maldonado como culpables de traidores á Coroa Real
destes reinos, e en pena do seu maleficio dixeron que os condenaban e condenaron a pena de morte
e a confiscación dos seus bens e oficios para a cámara das SS MM como a traidores, e así o
asinaron.
E logo, inmediatamente, executouse a sentencia e foron degolados.
Sentencia e execución dos principais dirixentes comuneiros. 24-4-1521 [cast.]
17. Concesión da Casa da Especiaría á Coruña
Carlos I concedeu á Coruña a exclusividade do comercio coas illas Molucas ou das Especias.
O porto da Coruña convertíase na base de partida e de chegada das expedicións a ditas illas
coa intención de aproveitar a súa boa situación respecto das cidades e portos do norte de
Europa, grandes consumidoras de especias. De Coruña partiron diversas expedicións, pero as
dificultades da ruta que tiñan que seguir (polas costa americanas cara ao Pacífico) e o escaso
beneficio obtido fixo que en 1529 as illas fosen cedidas a Portugal por 250.000 ducados.
Don Carlos (...). O pasado ano de 1519 mandamos armar cinco naves (...) que mandamos ás illas de
Maluco e a outras partes onde houbese especiaría dentro dos nosos límites e demarcación, e os
capitáns de ditas naves (...) foron ben recibidos, tratados e honrados, e para nós, como os seus reis e
soberanos, deron e enviaron con eles a súa obediencia nas súas cartas asinadas cos seus nomes (...)
e permitiron aos nosos capitáns contratar libremente a especiaría e cargar as ditas naves de cravo,
e traer mostras das demais especiarías que había naquelas terras (...)
E porque convén que para a contratación e trato da dita especiaría sinalemos un porto e lugar
apropiado nos nosos reinos, de onde saian e tornen as nosas armadas que para o dito trato e
contratación mandemos facer, onde haxa tamén nunha casa de contratación na que residan os noso
oficiais (...) pareceu que o lugar máis conveniente (...) era a cidade da Coruña, tanto polo bo porto
que ten como porque nel poden entrar navíos grandes, tal e como require esta navegación, e por
outras moitas causas e proveitos que nisto hai, e pola gran devoción que temos ao señor Santiago,
patrón de España, guía e protector das nosas armadas e de todas as nosas empresas, pola presente
sinalamos e concedemos á dita cidade e porto da Coruña por lugar conveniente para as anteditas
nosas armadas.
CARLOS I. Cédula real. 24-12-1522 [cast.]
18. A vitoria en Pavía en 1525
Entre as vitorias dos exércitos imperiais contra Francia destacou a de Pavía, na que caeu
prisioneiro o rei Francisco I; conducido a Madrid, foi posteriormente liberado tras asinar o
Tratado de Madrid.
Concello (...) da cidade de Cuenca: xa sabedes como o rei de Francia, cun gran exército, pasou a
Italia en persoa coa fin de tomar e usurpar as terras do noso Imperio e do noso reino de Nápoles,
onde fora enviado o duque de Albania para conquistalo e tiña cercada a cidade de Pavía. Sabede
que o día de san Matías (...), aínda que o rei de Francia, porque tiña moi ben situado o seu campo,
non tiña a vontade de aceptar batalla, pero o noso exército, con moito traballo, chegou a onde el
estaba. E quixo o Noso Señor, que sabe que xusta é a nosa causa, darnos a vitoria. O rei de Francia
e o príncipe de Bearné foron feitos prisioneiros, e outros moitos cabaleiros, e mortos o almirante de
Francia e o señor de Tramonille e o señor de La Polisse, e outros moitos, de maneira que todos os
principais que alí estaban caeron mortos ou prisioneiros. Escriben que do seu campo morreron máis
de dezaseis mil homes e do noso ata catrocentos. Por todo din e dou moitas grazas ao Noso Señor e
así debemos dalas todos porque espero que isto será causa dunha paz universal na cristiandade, que
é o que eu sempre desexei.
Decidín facérvolo saber porque sei que vos alegraredes, como é de razón.
CARLOS I. Comunicado. 12-3-1525 [cast.]
19. Nacemento das Xuntas do Reino de Galicia
A comezos do século XVI, no reinado de Carlos I de Habsburgo, creáronse as Xuntas do
Reino de Galicia. Estaban formadas pola reunión das cidades cabezas das sete provincias do
reino: Coruña, Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Lugo, Tui e Ourense.
Polo que convén ao servizo da S.M. e ao ben da república, xuntaranse todos os anos o día 15 do mes
de marzo, con poder que para iso teñan das cidades cabezas de provincia. Que no vindeiro ano se
xunten todos eles no primeiro concello que determinen, e que permanezan nel seis días para falar e
entender [dos asuntos do Reino] e non máis, a non ser que resulte necesario e estean todos
conformes, que nese caso poden estar o que lles pareza.
Acordo dos representades das provincias galegas. 2-7-1528 [cast.]
20. As liñas estratéxicas da política dos Austrias españois
Froito dos matrimonios e do azar, o emperador Carlos de Hasbsburgo reinou sobre extensos
territorios espallados por toda Europa e América. As dificultades do seu goberno fixeron que
dividise eses reinos entre o seu irmán Fernando e o seu fillo Filipe II, que recibiu as Coroas
de Castela e Aragón, coas súas posesións en América e Italia, ademais de Flandres e Borgoña.
Para poder manter o domino sobre eses reinos, os Austrias españois basearon a súa estratexia
na defensa da fe católica, na alianza co Imperio alemán e con Portugal, na contención de
Francia e na amizade cos ingleses, sempre que fose posible.
O principal fundamento do voso goberno (...) debe someterse sempre á vontade de Deus (...) e para
poder contar coa súa axuda e amparo (...) debedes sempre gardar, soster e defender a nosa santa fe
en todos os reinos, Estados e señoríos que herdades (...), e perseguindo con todos os medios as
herexías e seitas contrarias (...). Pídovos que (...) procuredes (...) actuar como convén a un bo rei
obediente á Santa Madre Igrexa (...). A principal e máis segura amizade que debedes ter é co meu
irmán, o rei de Romanos [o emperador de Alemaña], (...) favorecendo a súa autoridade imperial e
os seus intereses. (...) En canto á Francia, eu fixen sempre o que puiden para vivir en paz (...) pero
non tiveron éxito os grandes oficios realizados. (...) Pero sexa como sexa, eu aconséllovos que
procuredes gardar a paz especialmente polo servizo de Deus, o ben público da cristiandade e polo
que importa aos reinos, Estados e señoríos que hei de deixarvos. (...) Ademais deberedes ter
protexidas as fronteiras de España, especialmente pola parte de Navarra e Perpiñán (...). En canto
ás terras de Flandres, están ben fortificadas (...) e se os franceses pensan levar a guerra alí, esas
terras resistirán (...). Para protexer o condado de Borgoña, que está moi afastado e lonxe doutros
Estados e señoríos e, polo tanto, sería difícil de socorrer, sempre tiven coidado nas guerras pasadas
que se mantivese en neutralidade cos franceses e se favorecese a liga hereditaria da casa de Austria
cos suízos (...); e agora vos encomendo a fortificación, defensa e conservación deste Estado (...). En
canto ás Indias, deberedes ter coidado en observar se os franceses envían armada alí e avisar aos
gobernantes para que estean sobre aviso (...). Deberedes ter boas relacións con Portugal (...).
Teredes coidado de ter amizade cos ingleses (...) para ter suspensos aos franceses que teñen moitas
disputas con eles (...). Non trataredes nin faredes cos ditos ingleses cousa algunha que directa ou
indirectamente poida ir contra a nosa santa fe e autoridade da Sede Apostólica..
CARLOS I. Instrucións a seu fillo Filipe. 18-1-1548 [cast.]
21. As abdicacións do emperador Carlos
Carlos foi cedendo, en vida, parte dos seus reinos ao seu fillo Filipe para que se fose
exercitando nas tarefas de goberno. Finalmente, desde Bruxelas en 1555, esgotado e enfermo,
cedeulle Flandres e separou o Imperio e os ducados austríacos, que foron cedidos ao seu
irmán Fernando.
As causas que me levan a renunciar a estes Estados [Flandres] e dalos ao meu fillo Filipe para que
os teña, posúa e goberne, quero dicilas por min mesmo (...). Lembraredes que hai corenta anos que
meu avó, Maximiliano, tendo eu 15 anos, neste mesmo lugar e hora, emancipoume da tutela na que
estaba e fíxome señor de min mesmo. Que ao ano seguinte, con 16 anos, morreu meu avó Fernando
o Católico (...) e con 17 anos comecei a reinar porque a miña amada nai, que morreu hai pouco,
desde a morte do meu pai quedou co xuízo estragado, de modo que nunca tivo saúde para gobernar.
(...) Sucedeu logo a morte do meu avó Maximiliano, cando eu tiña 19 anos (...) e déronme no seu
lugar a dignidade imperial. (...)
Nove veces fun a Alemaña, seis estiven en España, sete en Italia, dez vin aquí a Flandres, catro en
tempo de paz e de guerra estiven en Francia, dúas en Inglaterra, outras dúas en África, que fan un
total de corenta camiños feitos para visitar as miñas terras. E para isto naveguei oito veces o mar
Mediterráneo e tres o océano de Europa, e agora será a cuarta que volverei a pasalo para
sepultarme, de modo que padecín doce veces as molestias e traballos da mar. (...) A metade do
tempo tiven grandes e perigosas guerras (...).
Sei que para gobernar e administrar estes Estados e os demais que Deus me deu xa non teño forzas,
e as poucas que me quedan hanse de acabar presto. (...) Síntome tan cansado que non vos podo ser
de ningún proveito (...). A miña nai está morta e o meu fillo Filipe ten suficiente idade para gobernar
(...), polo que estou decidido a renunciar a estes Estados [Flandres], (...) ir a España e dalos ao meu
fillo, así como ao meu irmán [Fernando], rei de romanos, o Imperio.
CARLOS I. Discurso [ante os Estados Xerais dos Países Baixos]. 1555 [flamengo]
22. Cada reino coa relixión do seu rei
A Dieta reunida en Augsburgo e presidida polo irmán do Emperador, Fernando, estableceu
no Imperio o principio de cuius regio, eius religio, é dicir, a capacidade de cada mandatario a
impoñer a súa propia relixión nos territorios que estean baixo a súa obediencia, poñendo así
fin momentáneo ás guerras de relixión.
Mentres que non se chegue a acordos e conclusións definitivas na división da relixión, tanto en
materia de fe como en materias profanas e seculares (...), establecemos:
1. Nós [Fernando] ordenamos e queremos que de agora en adiante ninguén (...) dea lugar a
disputas, emprenda guerra, invada, ocupe ou asedie a outros (...), senón que se respecten
mutuamente con amizade sincera e afecto cristián, e que ningún Estado ou membro do Sacro
Imperio atente contra os dereitos do outro, molestando ou impedindo o seu acceso aos lexítimos
recursos de aprovisionamento, mercadorías, comercio, rendas, diñeiro e taxas (...).
2. S.M. imperial e nós mesmo (...) non invadiremos, danaremos nin asaltaremos ningún outro Estado
do Imperio por causa da confesión de Augsburgo [protestantes], da súa doutrina, relixión e fe, nin
habemos de obrigalo pola violencia (...) a abandonar contra a súa vontade e conciencia a confesión
de Augsburgo. (...)
3. Igualmente, os Estados que seguen a confesión de Augsburgo, permitirán á Súa Romana e
Imperial Maxestade, a nós mesmos, aos electores, aos príncipes e a todos os demais Estados do
Sacro Imperio que conservan e sosteñen a antiga relixión, a gozar sen molestias da nosa relixión, fe,
ritos, regras e cerimonias. (...)
4. Sen embargo, todo o que non pertenza ás dúas relixións arriba mencionadas non está incluído
nesta paz, quedando, polo tanto, completamente excluído. (...)
14. Porque en moitas cidades libres e imperiais as dúas relixións veñen sendo practicadas e
profesadas dende hai tempo, permanecerán e continuarán sendo profesadas (...) e ningunha das
partes intentará abolir a relixión, os usos relixiosos e as cerimonias da outra, ou forzala a que as
abandone, senón que cada unha das súas partes permitirá á outra gozar da propia relixión (...) en
paz e concordia, segundo este acordo que os Estados e entrambas relixións decretan e establecen.
Paz de Augsburgo. 3-10-1555 [alemán]
23. Prohibición de Filipe II de estudar en Universidades estranxeiras
Baixo razoamentos de carácter basicamente económico, Filipe II prohibe que os naturais do
reino vaian a estudar ao estranxeiro, medida coa que buscaba evitar a introdución en España
de ideas contrarias aos principios relixiosos católicos que el tan tenazmente defendía.
Porque estamos informados de que (...) moitos dos nosos súbditos e naturais, frades, clérigos e
laicos, saen a estudar a outras Universidades fóra destes reinos, do que se deriva que nas
Universidades e Estudios non hai o concurso e frecuencia de estudios que antes había, e que as ditas
Universidades teñen cada día gran diminución e creba. Outrosí, que os ditos súbditos que saen fóra
destes reinos, ademais do traballo, custos e perigos, coa comunicación cos estranxeiros e outras
nacións, divírtense e distráense, do que resultan outros inconvenientes. E que, así mesmo, a
cantidade de diñeiro que por esta causa sae fóra destes reinos é grande e por iso se lle causa dano e
prexuízo ao ben público deste reino.
E tratado no noso Consello sobre estes inconvenientes e outros que resultan de todo o anterior, e
sobre o remedio e orde que conviña e debería darse, foi acordado: que debiamos mandar e
mandamos a todas as Xustizas dos nosos reinos e a calquera persoa de calquera calidade á que
afecte o que nesta lei está contido, que de aquí en adiante ningún dos nosos súbditos e naturais,
eclesiástico ou laico, non poidan saír destes reinos a estudar, nin ensinar, nin aprender, nin estar,
nin residir en Universidades, Estudios nin Colexios fóra destes reinos. E os que ata o presente
estivesen e residisen nas tales Universidades, Estudios e Colexios, saian deles e non estean neles
máis aló de catro meses despois da data da publicación desta lei.
FILIPE II. Pragmática.1559 [cast.]
24. Morte, en prisión, do príncipe Carlos
O príncipe herdeiro Carlos foi arrestado en xaneiro de 1568 por orde de seu pai, Filipe II,
acusado de ter contactos cos rebeldes flamengos; o seu falecemento na prisión contribuíu
poderosamente á imaxe de rixidez e dureza do poderoso monarca.
O príncipe de España estivo, como é natural, con moito desgusto todo o tempo que permaneceu
detido, pero ultimamente entrou en tal frenesí que se mostraba desesperado en todo (...) Primeiro
comezou a non querer comer nada, espirse e (...) poñerse diante da fiestra pola que entraba o vento,
camiñar cos pés descalzos polo cuarto, quería estar mollado, facía que o seu leito fose arrefriado
dúas e tres veces pola noite con neve, beber auga moi xeada sen comer nada (...). E todas estas
desordes non se lle podían negar polos berros que daba cando se lle prohibían, polo que ninguén
ousaba negarlle o que quería (...).
Pero a angustia e a falta de exercicio ocasionaron que se destemperase todo o seu corpo e querendo
comer non retiña nada, aumentándolle o vómito (...). Os que estaban con el temeron pola súa vida,
polo que chamaron ao confesor e ao médico, pero el, seguindo na súa desesperación, non escoitaba
a un nin ao outro, non querendo en forma algunha coidar o corpo e a alma, todo o que facía estar
ao rei con moita dor (...) vendo aumentar o mal e faltar a virtude. Pero quixo Deus iluminalo de
forma que, de súpeto, deu sinal de estar cambiado, (...) pois comezou a falar gravemente e como
home prudente e, por se falecía, pediu o confesor e confesou con moita devoción. (...)
De alí a pouco, preguntando que hora era dixéronlle que pasada a media noite e dixo:”agora é
tempo”. E fixo que lle desen unha candea bendita, e volvéndose cara ao confesor, dixo: “Padre,
axudádeme”. E baténdose o peito como podía (...) expirou con moita tranquilidade. Foi (...) na noite
de 23 a 24 de xullo.
CASTAGNA [nuncio en España]. Correspondencia diplomática. 27-7-1568 [cast.]
25. O corsario Drake en América
Os ataques corsarios, especialmente dos ingleses, aos portos e navíos españois, tanto na
Península como nos dominios americanos, foron constantes nos períodos de enfrontamento
bélico entre Filipe II e Sabela I de Inglaterra, pois resultaba un medio fácil de facerse con
importantes botíns. Entre eses corsarios destacou Drake que atacou os dominios españois no
Pacífico, sendo o segundo que deu a volta ao mundo. Polos seus servizos á coroa de
Inglaterra foi nomeado cabaleiro e vicealmirante da Armada inglesa.
Que o dito corsario [Drake] saíra de Inglaterra con 5 navíos e 400 homes había 17 meses, e fora
por Cabo Verde, Brasil, Río da Prata, Estreito de Magallaes e na súa entrada invernaron 6 meses
no Porto de San Xulián; e desde alí seguiu viaxe con 3 navíos, deixando os outros 2 na Mar do
Norte para roubar nela. E que, dispersados os 3 navíos por unha treboada, acordaran reunirse en
30º ou en dous e medio ao cabo de san Francisco, e o navío capitán, no que viña o dito Drake,
seguiu só a derrota a Chile; e logo de facer moitos roubos e danos no porto e cidade de Santiago,
veu ao Porto de Arica, e nel roubou dun navío 34 barras de prata, e queimou outro navío, e chegou
a Chile onde, por coñecerse pouco antes a súa chegada, púxose a cuberto o que había. E chegou ao
porto de Callao dos Reis o 13 de febreiro, e cortou os cables dos navíos que había alí para que
desen ao través, e roubou un navío que acababa de chegar de terra firme con mercadorías. E sabido
todo isto polo vicerrei [do Perú, Francisco de Toledo], enviou tras el dous navíos armados, e
regresando estes co navío que roubara o inglés, por non ir ben preparados para podelo seguir,
tornáronse para prepararse e ser enviados na súa persecución ata Panamá.
Antonio de PADILLA [Presidente do Consello de Indias]. Relación do que se sabe do suceso e
determinación do capitán Francisco Drake corsario inglés [enviada ao rei Filipe II]. 11-8-1579
[cast.]
26. Filipe II, rei de Portugal
Tras a morte do rei Henrique de Portugal sen herdeiros directos, Filipe II reclamou o trono
vacante, alegando dereitos sucesorios. A acción combinada do exército de terra e a Mariña
derrotaron ao pretendente don Antonio, fillo dun infante portugués, e Filipe foi xurado como
rei de Portugal.
Saíu a S.M. do seu cuarto ás catro da tarde, vestido con roupa de brocado á maneira de sotana que
lle chegaba ata os xeonllos (...) e enriba outra do mesmo brocado (...) e saia moi longa que lla
levaba o conde de Matosiños, camareiro maior. Diante da S.M. saíron todos os cabaleiros e fidalgos
portugueses, agás os procuradores de Cortes e prelados, que xa estaban esperando (...).
Sentou a S.M. e puxéronlle ben as saias, que parece que o embarazaban, como hábito ao que non
estaba acostumado. Chegou o camareiro maior e púxolle un cetro do ouro pequeno na man; e
calmada xa un pouco a xente, saíu entre os demais o bispo de Leria (...) e pronunciou un breve
discurso, dicindo a gran mercé que o Noso Señor facía a este reino en darlle por rei e señor natural
á S.M.(...) e que a el, como neto do rei don Manuel lle viña directamente a sucesión (...) e que os
mandara xuntar para que xurasen fidelidade e obediencia como leais vasalos que eran. (...) E
rematada a plática, achegáronse diante da S.M. os dous procuradores de Cortes de Lisboa, e un
deles, en voz alta, manifestou o contento con que todas as cidades e vilas viñan a darlle obediencia e
xuralo polo seu rei e señor natural, e que tiñan gran confianza no Noso Señor, que pola súa causa
este reino había de ser de aquí en adiante moi feliz e próspero, e algunhas cousas máis a este
propósito. (...)
Fincado de xeonllos (...) tomáronlle xuramento [os bispos] sobre o misal e a cruz de que gardaría os
privilexios e foros deste reino.(...) O duque de Braganza fincouse de xeonllos e bicou as mans da
S.M. (..); tras el o duque de Barcelos fixo o mesmo, e logo o marqués de Vilarreal e os restantes
títulos (...), e despois os prelados, e logo os do Consello de Estado e outros Consellos (...). Viñeron
despois os fidalgos principais, (...) e as cidades e vilas (...).
Unha vez que xuraron todos, o secretario Miguel de Mora dixo en voz alta que a S. M. aceptaba o
xuramento e preito de homenaxe, e o rei de armas máis antigo dixo en voz alta por tres veces: oíde,
oíde, oíde; e o alférez maior, que levaba o estandarte real na man, (...) dixo: Real, Real, Real, polo
moi alto e moi poderoso rei don Filipe o noso señor. Entón todos os reis de armas e os procuradores
de Cortes levantaron a voz dicindo: Real, Real, Real moitas veces.
A xornada de xuramento de Filipe II como rei de Portugal. 1581 [cast.]
27. Lenda negra contra Filipe II
A partir de escritos de varios autores, pero principalmente da Apoloxía de Guillerme de
Oranxe, un dos máis acérrimos inimigos do monarca español, foise elaborando a coñecida
Lenda negra contra Filipe II.
Eles ven todos os días un rei incestuoso que está a medio grao de se converter nun Xúpiter, marido
da súa propia irmá Xuño. Atrévese a reprocharme un matrimonio santo, honrado, lexítimo, feito
segundo a lei de Deus, celebrado de acordo coas ordenanzas da Santa Igrexa (...) aquel que casou
coa súa propia sobriña! [Mariana de Austria] Aquel que para alcanzar tal matrimonio asasinou
cruelmente á súa muller, filla e irmá dos reis de Francia, [Sabela de Valois] como xa saben en
Francia. A súa lexítima muller, nai de dúas fillas herdeiras de España! (...) Pero ese incesto
acompañado dun asasinato tan abominable (...) contou coa dispensa. De quen? Do Papa de Roma,
que é un Deus da terra. Isto é o que eu creo, porque o Deus do ceo xamais o consentiría. Agora ben,
cal foi o fundamento desta dispensa terrestre-divina? Que non podía deixarse un reino tan fermoso
sen herdeiro. Por iso, ás terribles faltas precedentes, engadiuse un cruel parricidio, o pai matando
inhumanamente ao fillo e herdeiro [Carlos] para que por este medio o Papa puidese ter a
posibilidade de dispensalo dun incesto tan execrable, abominable a Deus e aos homes. Se nós
dicimos que rexeitamos o goberno dun rei incestuoso, parricida e asasino da súa esposa, quen
poderá acusarnos en xustiza? Cantos reis foron expulsados dos seus reinos sen ter cometido crimes
tan horribles? Porque en canto a don Carlos, ¿non era o noso futuro señor e presunto dono? (...)
Pero tal vez lle atormentaba a conciencia deixar como herdeiro a quen sabía nado dun matrimonio
ilexítimo, tendo en conta que ao mesmo tempo que finxía casar coa infanta de Portugal [Manuela], a
nai de don Carlos, sabía que estaba casado con dona Sabela de Osorio, da que tivo dous ou tres
fillos.
Pedro LOYSELEUR. Apoloxía ou defensa do moi ilustre príncipe Guillerme. 1581 [francés]
28. Os aragoneses defenden os seus privilexios forais
Antonio Pérez, secretario de Filipe II, sobre o que pesaban varias acusacións graves, fuxiu a
Aragón para acollerse ao dereito foral como natural dese reino, situación que orixinou un
conflito de competencias entre a xustiza real e os dereitos forais defendidos polo Xustiza
Maior aragonés, Lanuza. Filipe II enviou as tropas, que dominaron a situación, sendo pouco
despois axustizado Lanuza.
Nós, don Xoán de Lanuza e Perello, cabaleiro e do Consello da SM, Xustiza de Aragón, etc. Por
canto (...) don Alonso de Vargas, cun grande exército de xente de armas, de a pé e de a cabalo,
estranxeiros no presente reino, están entrando nel e veñen sobre a cidade de Zaragoza a exercer
xurisdición e a facer agravios e danos aos veciños e moradores dela e do presente reino, ao amparo
do foro “generalibus privilegiis, regni Aragonorum” que manda convocar á xente deste territorio
que nos pareza necesaria para repeler e botar fóra do reino a man armada ao dito don Alonso de
Vargas, ao exército e á xente estranxeira (...), en execución do dito anteriormente, mandamos
despachar o seguinte: a vós, prior xeral e rexedores da comunidade e terra de Albarracín,
intimamos, dicimos e mandamos que, para o quinto día do presente mes e ano enviedes a esta cidade
trescentos homes de a pé e de a cabalo convenientemente armados (...), e, do contrario, iremos
contra vós conforme aos foros do presente reino.
Xoán de LANUZA [Xustiza Maior de Aragón]. Orde. 1-11-1591 [cast.]
29. Xustificación do tiranicidio
Unha liña de pensamento na España do século XVI defendía a tese de que o poder dos
monarcas non podía ser ilimitado, que os reis non son señores dos reinos, senón unicamente
os seus administradores e que, polo tanto, se actúan de modo tiránico, está xustificada a súa
eliminación.
Ao meu modo de ver, o príncipe non pode opoñerse á vontade da multitude, nin cando se trata de
impor tributos, nin cando se trata de derrogar as leis, nin moito menos cando de trata de alterar a
sucesión do reino. Creo que o príncipe, en todas estas cousas e en outras que poidan terse reservado
os pobos, xa por una constitución particular, xa polo costume, non pode facer máis que acatar a
vontade dos seus súbditos, resignarse e calar. E aínda creo máis, e é o principal, creo que debe
residir constantemente na república a facultade de reprimir os vicios dos reis e destronalos sempre
que manchen con certos crimes e, ignorando o verdadeiro camiño da gloria, prefiran ser temidos
que amados e, sendo tiranos manifestos, pretendan impor o terror ás nacións. (...)
Sempre é saudable que os príncipes estean persuadidos de que se oprimen á república, se se fan
intolerables polos seus vicios e polos seus delitos, están suxeitos a seren asasinados, non só co
dereito, senón incluso co aplauso e gloria das xeracións vindeiras. Polo menos este temor servirá
para que non se entreguen tan facilmente á leviandade e ás mans dos corruptores cortesáns (...)
Cremos, sen embargo, que deben evitarse os movementos populares para que coa ledicia da morte
do tirano non se entregue a multitude a excesos e resulte estéril un feito de tanto perigo e
transcendencia. Cremos que antes de chegar a este extremo e gravísimo remedio deben poñerse en
xogo todas as medidas capaces de apartar ao príncipe do seu fatal cambio. Mais, cando xa non
queda esperanza, cando están en perigo a santidade da relixión e a saúdo do reino, ¿quen haberá
tan falto de razón que non confese que é lícito sacudir a tiranía coa forza do dereito, coas leis, coas
armas?
Xoán de MARIANA. Do rei e da institución real. 1599 [latín]
30. A política pacifista de Filipe III
Desde 1598, o cambio de monarca e o esgotamento financeiro e militar trouxo consigo tamén
importantes modificacións nas relacións internacionais buscando Filipe III un clima de paz e
de entendemento cos tradicionais inimigos, especialmente Inglaterra e os Países Baixos.
Tratado de paz, alianza e comercio entre o señor rei católico don Filipe III e os señores arquiduques
[de Flandres] Alberte e Sabela Clara Uxía dunha parte, e o serenísimo rei de Inglaterra Xacobe I
doutra. (...)
1. Primeiramente foi concluído, establecido e acordado, que de hoxe en adiante haxa unha boa,
sincera, verdadeira, firme e perfecta amizade, confederación e paz, que dure para sempre. (...)
2. Cese no futuro toda hostilidade e inimizade, esquecidas todas as ofensas, inxurias e danos
recibidos durante as pasadas guerras. (...)
3. Que o serenísimo rei de Inglaterra mandará ás súas guarnicións que baixo ningunha causa ou
pretexto sirvan aos holandeses, nin a outros inimigos dos reis de España e dos arquiduques.
Tratado de paz con Inglaterra. 1604 [cast.]
Tratado de tregua por 12 anos entre o señor rei católico don Filipe III e os señores arquiduques
Alberte e Sabela Clara Uxía dunha parte e os Estados e Provincias Unidas dos Países Baixos
doutra, axustado e concluído por mediación dos señores reis de Francia e de Inglaterra (...).
1. Os ditos arquiduques declaran, por si mesmos e no nome do rei, que teñen a ben tratar cos
Estados Xerais das Provincias Unidas, como países, provincias e Estados libres (...) e fan con eles
unha tregua.
2. A tregua será boa, firme, leal e inviolable e polo tempo de 12 anos. (...)
5. Porque se precisa dalgún tempo para avisar aos que están fóra dos límites con forzas e navíos
para que desistan de todo acto de hostilidade, acordouse que a tregua comezará de hoxe nun ano,
entendéndose que se o aviso pode chegar aló antes, desde entón cesará a hostilidade. (...)
29. Non se fará ningún forte novo durante a referida tregua dunha nin da outra parte.
30. Os señores da casa de Nassau non poderán ser perseguidos nin molestados durante a tregua nas
súas persoas ou bens polas débedas contraídas polo defunto señor príncipe de Oranxe.
Tratado de tregua por doce anos cos Países Baixos. Amberes, 9-4-1609 [cast.]
31. Medidas para remediar a crise de Castela
Os escritos e memoriais de arbitristas foron moi numerosos durante os reinados dos Austrias.
Neles, os seus autores analizaban as posibles causas e remedios -arbitrios- dos problemas que
padecía a Monarquía.
O primeiro que, debido ao despoboamento e falta de xente (...) por causa das demasiadas cargas e
tributos impostos aos vasalos da V.M. (...) parece remedio moi eficaz moderar, reformar e aliviar a
súa intolerable carga, (...) que así se repartirían e levantarían e volverían a ser o que foron antes.
O segundo (...) é a falta de facenda en que se atopa a V.M., porque aínda que é moita, está toda
consumida e empeñada, (...) que a V.M. se sirva revisar as mercés concedidas, e se algunha resulta
inmensa e inmoderada, que a V.M. as revoque ou reforme. (...)
O terceiro, que xa que se debe poboar o reino, que non se traia xente de fóra del, porque os
estranxeiros só serven para destruílo e convén evitar no posible todo trato e comercio con eles
O cuarto, que a V.M. ordene con gran rigor que se eviten os excesivos gastos (...) en traxes, arreos e
menaxes de casa traídos de reinos estraños, podendo pasar de forma honrada e decente coas
mercadorías feitas en España, tal coma o fixeron os nosos antepasados.
O quinto é que os labradores, que son o corpo máis importante da república porque eles sustentan,
conservan e cultivan a terra e deles depende a abundancia de froitos (...), soportan terribles cargas
de contribución (...) que son a causa de que vaian diminuíndo tan rapidamente, (...) convén animalos
dándolles privilexios (...) tales como: que non se lles mande presos por débedas, (...) e unicamente
por débedas á V.M.. e polas rendas das terras que teñan alugadas. (...) Que se moderen e reformen
os privilexiados das cargas persoais, que son moitos, especialmente os irmáns de frades e os que
chaman soldados da milicia, porque sacados os clérigos, as viúvas e os fidalgos, os familiares do
Santo Oficio e outros exentos, todo recae sobre os miserables e pobres.(...)
O sexto, que se teña a man en dar licencias para novas fundacións de relixiosos (...)
O sétimo, que se quiten os cen preceptores que se criaron e instruíron nesta Corte o pasado ano de
1613.
Consulta feita polo Consello Real á S.M. sobre o remedio universal dos danos do reino e o seu
reparo. 1-2-1619 [cast.]
32. Expulsión dos xitanos
Durante o reinado de Filipe III foron expulsadas as dúas minorías máis destacadas do
momento: os mouriscos e os xitanos.
Nas Cortes que se celebraron na vila de Madrid o pasado ano de 1619, entre outras cousas, nos
presentaron os procuradores os grandes danos que resultan a estes reinos polas mortes, roubos e
furtos que fan os xitanos que andan vagando polo reino, propoñéndonos os medios que se ofrecían
para remediar estes inconvenientes e danos. E porque en todo desexamos o maior alivio aos nosos
súbditos e vasalos, e que neles se poña o remedio debido, ordenamos e mandamos que todos os
xitanos que estean nos nosos reinos, saian deles dentro de seis meses, que se contarán a partir desde
o día da publicación desta lei, e que non volvan a eles baixo pena de morte. E que os que desexen
quedarse, terán que aveciñarse nas cidades, vilas e lugares dos nosos reinos de máis de mil veciños.
E non poden usar do traxe, nome e lingua de xitanos e xitanas, senón que, como non son de nación,
quede este nome e uso perpetuamente confundido e esquecido. Outrosí mandamos que, en ningún
caso, poidan tratar en compras nin vendas de gando maior ou menor, prohibición que deben gardar
e cumprir baixo a mesma pena.
FILIPE III. Decreto de expulsión dos xitanos. 1620 [cast.]
33. As excelencias dos españois
Os reinos contendentes nas interminables guerras do século XVII en Europa levaron a cabo
campañas de propaganda para levantar a moral dos seus respectivos habitantes e tropas,
destacando os valores que se consideraban propios, diferenciadores e superiores.
Primeira excelencia do español: o español, desde a creación do mundo, adorou a un Deus
verdadeiro y entre a xentilidade foi o primeiro que recibiu a fe de Xesucristo, e como firme católico
esténdea por todo o mundo ata morrer por ela, sendo o que maiores servizos fixo á sede Apostólica
Romana de toda a cristiandade.
Segunda excelencia: os españois foron os primeiros que profesaron letras entre todas as nacións e
son dos máis antigos teólogos e canonistas, á parte dos apóstolos, e dos primeiros lexisladores de
todo o mundo.
Terceira excelencia: os españois son os máis belicosos e esforzados de todas as nacións do mundo e
o seu invencible valor canta e celebra os moitos reinos que conquistaron, sendo hoxe a monarquía
española a maior que coñeceron os homes.
Cuarta excelencia: os españois teñen a maior antigüidade de nobreza que hai nas demais nacións,
conservando sempre o sangue do seu proxenitor Tubal, e coa fin de conseguir honra e señorío
protagonizan feitos valerosísimos.
Quinta excelencia: os españois posuíron e posúen máis ouro e prata que ningunha outra nación, e
son os máis lustrosos e magnánimos e liberais de todo o mundo.
Bieito de PEÑALOSA. Libro das cinco excelencias do español. 1629 [cast.]
34. O frustrado ataque francés de 1639 á Coruña
Por ser base das armadas reais, a cidade da Coruña sufriu numerosos ataques dos inimigos da
Monarquía hispánica. En 1639 unha flota francesa, reforzada por navíos holandeses,
achegouse á Coruña, pero as boas defensas da cidade impediron a súa entrada.
Recibido aviso o marqués de Valparaíso (...) Gobernador e Capitán Xeneral do reino de Galicia,
por un correo despachado desde a vila de Ribadeo, (...) de que o inimigo viña a este presidio [A
Coruña] cunha poderosa armada, (...) mandou facer as prevencións seguintes:
Mandou (...) facer unha cadea de árbores atados pés con cabeza con grosos cabos e unhas pilas en
cada ligadura que a sustentasen na auga, que un extremo se collía a unha rocha deste castelo [de
San Antón] e a outra ía dereita ao de San Diego, que está na outra parte (...) deixando uns cen pasos
para que puidese entrar e saír a nosa armada cando quixese, impedindo a do inimigo.
Que se fixesen trincheiras defendidas por catorce compañías de infantería para gardar as enseadas,
porque había o risco de que desembarcase o inimigo (...) con sentinelas que corrían todas esta
costa, porque o inimigo non cesaba de percorrela con chalupas para tratar de atopar entrada. (...)
Este día da entrada [9-6-1639], por ter o vento ao seu favor, amenceu a súa armada moi dentro e
tan preto da nosa que a nosa e a deles se canoneaban (...). O día 10 non se disparou ningunha peza.
O 11 foi preciso, polo moito que se ían metendo, disparar a nosa artillería durante todo o día (...) e
desde o castelo de San Antón, San Diego e Santa Cruz, que os tres están en triángulo gardando a
entrada. (...) Este día pasaron máis de trescentos tiros e fíxoselle moito dano ao inimigo, e se lle
obrigou a retirase algo máis do que estaban. Traía o inimigo un total de sesenta navíos, trinta
famosos, ben artillados de guerra; dez non tan bos, e vinte de fogo.
O 12 estivo no mesmo sitio, e con determinación de entrar no porto, (...) pero como viron a cadea e
a contracadea que se fixo, e tantas baterías, e que non atopaban entrada por ningunha parte, (...)
comezaron a disparar, como desafiando á nosa armada, provocándoa para que saíse do porto. (...)
Vendo Miguel de Orna esta demasía, (...) determinou saír do porto con catro fragatas e douscentos
mosqueteiros, ben artillados e canonearon durante máis de tres horas (...) quedando desarborado un
dos navíos do inimigo. (...) As nosas fragatas recibiron un balazo (...), sen ningún morto nin ferido
na nosa parte, pero con moito dano na súa, pois ao outro día 13 (...) viuse como reparaban durante
todo o día os navíos dos balazos. (...)
Ao día seguinte, que foi o 14, fixéronse á mar , pero por ter vento contrario estivéronse aquí,
meténdose na mar pouco a pouco. E ao outro día 15, pola tarde, veu nordeste, que é travesía para a
saída de aquí, co que se foron de todo punto.
Xoán SANTANS E TAPIA. Relación [do ataque da armada francesa e holandesa]. 1639 [cast.]
35. A derrota da Armada de Oquendo en 1639
Ante o control das rutas terrestres polos inimigos do monarca español no contexto da Guerra
dos Trinta Anos (perda da Valtelina, paso obrigado entre os Países Baixos-Italia-Imperio;
toma de Brisach que cortaba a ruta do Rin), Olivares intentou asegurar o camiño do mar, pero
a Armada enviada desde o porto da Coruña foi derrotada pola holandesa dirixida por Tromp
fronte ás costas inglesas.
Despois dos encontros que tiveron cos holandeses á entrada da Canal, (...) quedaba cercada a nosa
Armada por 126 barcos holandeses; o xeneral don Antonio de Oquendo, recoñecendo forza tan
superior e o evidente perigo no que se vía, (...) solicitou a Londres municións e outros aparellos
necesarios (...), porque se consumiran na loita dos días anteriores. Mentres tanto, o inimigo levouse
unha tartana da Armada Real que estaba no porto de Dunas, así como outra fragata con dúas
compañías de socorro, valéndose do engano de levar bandeiras inglesas nos seus barcos. (...) O día
21 de outubro, toda a Armada holandesa veu contra a nosa (...), e a Armada inglesa ía gañando o
barlovento á Armada de Holanda, que ía detrás no seu seguimento, aínda que a espesa néboa non se
distinguía ben, pero polos canonazos e ruído era ela a que ían favorecendo o naufraxio da nosa
Armada. (...) Ao amencer había unha gran borrasca (...) e á noite seguinte, con tormenta, fomos dar
á costa de Francia, sobre Calais. (...) E cambiando o vento ao noroeste, tomamos o camiño da
Coruña. E a vinte leguas dela, o 3 de novembro, unha gran tormenta levounos ata a illa de Irlanda.
E hoxe, día 6, chegamos a este porto [A Coruña].
Antonio de ULLOA E LEMOS [Mestre de campo da urca San Pedro o Grande]. Comunicado [ao
rei Filipe IV]. 11-11-1639 [cast.]
36. Os estranxeiros e os recursos de Castela
O dominio de América puxo en mans da Coroa de Castela enormes riquezas que os galeóns
transportaban ata o porto de Sevilla. Pero a debilidade da produción interna castelá e o seus
altos custos favoreceron a importación de produtos elaborados procedentes doutros reinos
europeos, facendo que a meirande parte das riquezas pasase a mans estranxeiras.
Con inmenso traballo e perigo traemos a España, das partes máis remotas do mundo, os diamantes,
as perlas, os aromas e outras moitas riquezas. Pero fan outros negocio do noso traballo,
transportándoas ás provincias de Europa, África e Asia. Entregamos aos xenoveses a prata e o ouro
con que negocian e pagamos cambios e recambios. Saen de España a seda, a la, o aceiro, o ferro e
outras diversas materias e, volvendo a nós labrados en diferentes formas, compramos as mesmas
cousas moi caras polo transporte e elaboración, de sorte que nos resulta moi custoso o inxenio das
demais nacións (...). E porque en España non se fai o mesmo, padécense tantas necesidades (...),
porque falta o cultivo dos campos, o exercicio das artes mecánicas, o trato e o comercio aos que non
se aplica esta nación.
Diego SAAVEDRA E FAJARDO. Empresas. 1640 [cast.]
37. Complexidade da Monarquía hispánica
Fronte a outros reinos e monarquías da época, a Monarquía hispánica, gobernada polos
Habsburgo españois, estaba formada por distintos reinos e señoríos, cada un coas súas leis,
institucións e linguas, ademais de estar, nalgúns casos, separados por longas distancias. Estas
circunstancias facían difícil o seu goberno e a conservación da unidade.
Tamén hai gran diferenza de fundar un reino especial e homoxéneo dentro dunha provincia, a
compoñer un imperio universal de diversas provincias ou nacións. Alí, a uniformidade de leis,
semellanza de costumes, unha lingua, un clima, ao paso que os unen entre si, sepáranos dos
estraños. Os mesmos mares, os montes e os ríos son para Francia termino natural e muralla para a
súa conservación. Pero na Monarquía de España, onde as provincias son moitas, as nacións
diferentes, as linguas varias, as inclinacións opostas, os climas encontrados, así como é necesaria
gran capacidade para conservar, así tamén moita para unir.
Baltasar GRACIÁN. O político. 1640 [cast.]
38. Críticas á política do valido Olivares
Na literatura do Século de Ouro, tanto na culta como na popular, podemos atopar numerosas
críticas á política desenvolvida polo valido do rei Filipe IV, o Conde Duque de Olivares,
Gaspar de Guzmán y Pimentel.
Toda España está en un tris
y a pique de dar un tras;
ya monta a caballo más
que monta a maravedís.
Todo es flamenco país
y todo cuarteles es;
al derecho o al revés
su paz alterado han
el rebelde catalán
y el tirano portugués.
Todos al Conde [Olivares], a mi ver,
se quejan por varios modos;
y pues de él se quejan todos,
razón deben de tener;
la verdad debe de ser
que el insufrible dolor
del excesivo rigor
de tributos y de pechos
se aumente con más despechos
del ministro superior.
¿Qué culpa al Conde le dan,
sea verdad o patraña,
en la perdición de España?
La que al conde don Julián.
Muchos afirmado han,
en varios juicios severos,
que a España dos condes fieros
han causado eternos lloros:
uno metiendo los moros,
y el otro sacando dineros.
Décimas contra o estado da Monarquía
39. Independencia de Portugal
En 1640, os portugueses rebeláronse contra o rei Filipe IV. O descontento foi
provocado pola política de castelanización da Monarquía hispánica, así como
polas constantes esixencias económicas e de homes e barcos para combater nas
diversas frontes de guerra nos principais reinos de Europa occidental e central.
As graves dificultades polas que pasaba a Monarquía hispánica, facilitaron que
esta sublevación triunfase, conseguindo Portugal a súa independencia.
Concluíron que o sábado primeiro de decembro [de 1640], co menor ruído que fose
posible, estivesen todos xuntos no palacio, repartidos en varios postos. Que, en canto o
reloxo dese as nove, saísen das carrozas ao mesmo tempo; que uns gañasen o corpo de
garda, onde estaba unha compañía de infantería castelá; outros subisen á sala dos
tudescos a deter a garda dos arqueiros alemáns; outros berrasen, polas fiestras do
palacio, liberdade e aclamasen ao duque de Braganza rei de Portugal; outros entrasen
a matar ao secretario Miguel de Vasconcelos, dilixencia que xulgaban importantísima
para atallar as ordes que puidese dar (...) como para incitar ao pobo (...).
Para o día sinalado (...), ocuparon todos os postos destinados. Impacientes esperaban
as nove, e o reloxo pareceu máis lento que nunca; en canto deu a primeira, sen agardar
a derradeira (...), saíron todos das carrozas e avanzaron cara ao palacio (...).
Detiveron aos soldados casteláns (...). Miguel de Almeida (...) coa espada na man,
berraba: Liberdade, portugueses! Viva o rei don Xoán! E coas mesmas voces chegou
aos balcóns do palacio e repetíndoas moitas veces foise concentrado o pobo na praza
(...). Pasaron adiante buscando o lugar onde estaba Miguel de Vasconcelos (...).
Disparoulle Antonio Telo un pistoletazo (...), recibiu outras feridas mortais; porén,
aínda vivo, lanzárono á praza por unha das fiestras (...). Ao mesmo tempo (...) subiron
ao cuarto da duquesa de Mantua [gobernadora de Portugal] (...). Ante as súas
persuasións (...), respondéronlle que xa non coñecían máis rei que ao duque de
Braganza.
Luís de MENEZES. Historia de Portugal restaurado. 1679-89 [portugués]
40. Os cataláns sublevados pactan co rei de Francia
O malestar dos cataláns ante as medidas propostas polo Conde Duque de
Olivares provocaron a sublevación en 1640. En busca de apoio, os cataláns
aceptaron colocarse baixo o goberno do rei Luís XIII de Francia a cambio de
protección militar.
Tratado de alianza e irmandade perpetua entre Luís XIII, rei de Francia, e o
principado de Cataluña (...) polo que, eximíndose este da obediencia debida ao rei
Católico, o seu soberano lexítimo, póñense baixo a protección do Cristianísimo, e este
príncipe proponlles o seu amparo e asistencia coas súas armas contra España,
obrigándose ámbalas dúas partes a manterse perpetuamente en boa correspondencia e
fiel unión. (...)
1. Para facilitar aos do dito Principado os medios para preservarse da opresión que
lles ameaza, e restituírse e manterse no goce seguro das súas leis antigas, e privilexios,
a S.M. daralles oficiais de guerra para mandar as súas tropas, tanto de cabalería como
de infantería e artillería, conforme se pediu. (...) A S.M. dará igualmente seis mil
infantes e dous mil cabalos de tropas moi exercitadas na guerra. (...) igualmente, armas
e municións. (...)
2. O principado de Cataluña (...) e os lugares que estean ou estean no futuro en poder
dos cataláns, xuran e obríganse a non emprender xamais cousa algunha en contra de
Francia, así como a non dar socorro, favor nin asistencia algunha a quen intente
algunha cousa contra ela (...)
4. O rei obrígase así mesmo a protexer aos ditos cataláns, e a asistilos con armas,
sempre que o rei de España intente oprimilos e privalos dos seus dereitos e privilexios
que lles pertencen, así como a non emprender xamais cousa algunha contra Cataluña.
(...)
8. Para que o dito Principado poida contar con suficiente provisión de armas,
municións de guerra e demais cousas que se precisen, a S.M. dará licenza para sacalas
de Francia segundo se fosen necesitando.
9. Con respecto ás nove persoas enviadas como reféns a Francia polo Principado, a
S.M. permitirá que se volven a Cataluña despois de que veñan outras de igual
consideración a ocupar o seu lugar. E cando os oficiais e tropas da S.M. se retiren a
Francia, quedarán en Cataluña certo número dos ditos oficiais para seguridade dos
reféns cataláns que estean en Francia; e estes oficiais entregaranse na fronteira ao
mesmo tempo que os ditos reféns volvan a entrar en Cataluña.
Tratado de alianza e irmandade perpetua entre Luís XIII rei de Francia e o
Principado de Cataluña. 16-12-1640 [catalán]
41. Medidas contra a peste en 1676
A peste seguía a ser, a mediados do século XVII, unha ameaza permanente, polo
que as autoridades debían establecer estritas medidas de control de viaxeiros e
mercadorías, tanto nos camiños interiores como nos portos de mar, ante un
posible foco de contaxio.
Ata que se dea outra orde, nos portos de mar haberá sempre unha lancha preparada
(...) a media legua na mar, e cando vexa que se achega unha embarcación, (...) debe
achegarse ao navío a prudente distancia, sen pegarse a el (...), e feitas as preguntas de
costume, de onde vén, que trae, pediralle os pasaportes e despachos de sanidade que
traia, que debe tomar desta forma: levando unha cana de doce ou catorce varas de
longo, aberta a punta, de modo que faga presa para coller os papeis, (...) que se porán
nunha almofía de vinagre (...) coa cana por espazo dun cuarto de hora polo menos, e
despois de sacalos do vinagre serán pasados por chamaradas de pallas, e despois por
fume de romeiro ben aceso, e antes de abrilos, quen tivese que collelos, mollarase as
mans, narices e sentidos con vinagre. [Determinando] que non vén de parte contaxiosa,
notificarase ao mestre e capitán do navío que non entre no porto (...) ata que sexan
recoñecidas as persoas (...) despois de vintecatro horas polo doutor, e se non hai, polo
cirurxián do lugar, levando así mesmo resgardados de vinagre e tapados os sentidos
(...), e atopando a algún enfermo de febre ou mal semellante (...), notificará que saia do
porto, e se non o fai se lle botará violentamente, incluso botándoo ao fondo (...), e as
persoas que se achegaron non entrarán no lugar, quedándose nun posto preparado
onde non comercien cos demais do pobo ata facer corentena e queimar os vestidos que
levasen. (...) E a quen contraveña será castigado coas máis graves penas que dispoñen
as leis, incluída a pena de morte, (...) porque máis piedade será quitar a vida a un que
non aventurarse a que sucumba todo un pobo.
CONDE DE ARANDA [Gobernador e Capitán Xeneral do reino de Galicia]. Orde [ás
Xustizas do reino para evitar a entrada da peste]. 27-8-1676 [cast.]
42. Intrigas palatinas na corte de Carlos II
Carlos II herdou a coroa da Monarquía hispánica aos catro anos de idade,
gobernando como rexente a súa nai Mariana de Austria. Esta confiou o goberno
a diferentes validos que contaron coa inimizade do irmán bastardo do rei e dos
grandes nobres. Cando en 1675 foi proclamada a maioría de idade do rei, as
intrigas incrementáronse entre os distintos grupos por conseguir o favor real. Os
grandes nobres coaligáronse contra a raíña rexente, logrando en 1677 que o rei
se apoiase para gobernar no seu irmán, Xoán Xosé de Austria.
As persoas que asinan este documento (...), como bos e leais vasalos, padecemos hoxe
moito por causa das malas influencias e asistencia ao lado da S.M. a raíña nai
[Mariana de Austria] e das que se produciron e producen tantos males, perdas, ruínas
e desordes, e a maior de todas elas é a vergoñenta elevación de don Fernando
Valenzuela. De todo isto dedúcese de forma evidente que o maior servizo que pode
facer a S.M. é apartarse totalmente e para sempre da proximidade da S.M. á súa nai,
encarcerar a don Fernando Valenzuela e establecer e conservar a persoa do señor don
Xoán [Xoán Xosé de Austria, irmán bastardo de Carlos II] ao lado da S.M.
Polo tanto, dicimos que nos obrigamos polo noso honor, fe e palabra de cabaleiros (...)
a empregar as nosas persoas, casas, estados e rendas a lograr este fin (...), porque
mentres a V.M. non estea libre da enganosa violencia que padece (...), declaramos que
consideraremos todo como falso e que non procede da real e verdadeira vontade da
S.M., senón da dos seus maiores e máis domésticos inimigos e que, en consecuencia,
todo será desobedecido por nós. Así mesmo declaramos que calquera que intente
contradicir os nosos propósitos, encamiñados ao maior servizo de Deus, da S.M. e do
ben da causa pública, terémolos e tratarémolos como inimigos do rei e da patria,
poñéndonos todos contra eles. (...) Cumpriremos todo de modo inviolable, de modo que
non haberá motivo ou interese humano capaz de apartarnos deste entender e obrar; e
esta alianza e unión entre nós será firme e observada indisolublemente, sen
interpretación nin comentario que introduza enfrontamento (...) en negocios de tanta
gravidade.
[Asinan o documento a maioría dos Grandes de España, entre eles 12 duques, 4
marqueses e 6 condes]
Escrito da alta nobreza a Carlos II. 15-12-1676 [cast.]
43. O vestido feminino no século XVII
A pintura e o gravado da época deixou moitos exemplos da vestimenta feminina
da época, pero tamén podemos atopar curiosas descricións nos viaxeiros que
visitaron España.
Ata hai algúns anos as señoras levaban “gardainfantes” dun tamaño prodixioso que as
incomodaba a elas a aos demais. Non había portas suficientemente grandes polas que
puidesen pasar; agora xa non os levan máis que cando van ver á raíña ou ao rei. Pero
ordinariamente, na cidade, levan uns “sancristáns” (...) que están feitos con aros de
arame groso que rodean a cintura, unidos uns cos outros por medio de cintas, e van
ensanchándose cara a abaixo; deste modo, levan cinco ou seis aros que chegan ata o
chan e que sosteñen as saias; levan unha enorme cantidade destas e custa traballo crer
que unhas criaturas tan pequenas como as españolas poidan ir tan cargadas. A saia
superior sempre é de groso tafetán negro ou de pelo de cabra gris. (...) Estas saias son
tan longas que arrastran, (...) pero prefiren tropezar ao andar para que non se lles
poidan ver os pés, que é a parte do corpo que ocultan con máis coidado. Teño
escoitado que despois de que unha dama teña cun cabaleiro todas as compracencias
posibles, ensinándolle o pé é como lle demostra a súa tenrura, sendo o que se chama o
último favor. Hai que recoñecer que non hai máis bonito na súa especie, pois teñen os
pés tan pequenos que os zapatos son como os das nosas monecas. (...) Cando andan
parece que voan; en cen anos non aprenderiamos a andar deste xeito. Apertan os
cóbados contra o peito e marchan sen levantar os pés, como cando un se desliza.
María Catalina LE JUMEILLE DE BARNEVILLE, Baronesa de AULNOY. Relación
da viaxe por España. 1679 [francés]
44. A decadencia da Monarquía hispánica a finais do século XVII
Analistas españois e estranxeiros evidencian as graves dificultades polas que
atravesaba a Monarquía Hispánica na segunda metade do século XVII, situación
da que se beneficiaron os seus tradicionais inimigos, especialmente Francia.
Xeme España entre os perigos dunha Monarquía desamparada, logo da grave perda de
Perpiñán, do Rosellón, do importante paso do Perthus e do desmantelamento de
Puigcerdá (...). Borgoña, antigo patrimonio agora separada da Monarquía, contribúe
ao seu dano con tesouros e homes, antes tan fieis. Flandres, castigada en tantas partes,
parece unha planta privada das súas pólas despois do recente corte da paz de Nimega
(...).
As Indias occidentais (...) parecen hoxe un almacén universal das nacións sospeitosas e
abertamente inimigas da Monarquía. As súas minas de ouro e prata, as súas perlas,
todos os seus bens, son capital para ser distribuído entre os franceses e outras xentes
que saben valerse da súa situación. (...)
O Mediterráneo leva moitos anos sen ver o estandarte rexio (...) deixando libre o paso
dos barcos franceses (...).
Italia, acostumada a dobrar o xeonllo ante a fortuna española, perdido por completo o
medo ao monarca, só mira atenta ás forzas de Francia (...). Milán non pode confiar nos
socorros de Sicilia, desfeita na súa economía despois da ruinosa guerra de Mesina, nin
en Nápoles, obrigado á súa propia defensa mentres as armas francesas dominen o mar.
Xoán CORNARO [embaixador de Venecia na corte de Carlos II]. Relación de España.
1682 [italiano]
45. O problema sucesorio de Carlos II
A evidencia da imposibilidade do rei de ter fillos fixo que aparecesen na Corte
diversos bandos defensores dos posibles candidatos á sucesión; Xosé Fernando
de Baviera, Filipe de Borbón e Carlos de Austria. Carlos II acabou por elixir ao
candidato francés.
Para a sucesión están divididos os partidos, polo Emperador, por Francia e por
Baviera. Outros bos españois non queren declaración de herdeiro porque prefiren,
chegado o caso, escoller (...) de acordo coa conveniencia da monarquía (...); este será
seguramente o partido máis forte porque é o dos Consellos e do pobo e conta coa
adhesión de moitos grandes como o Cardeal , o Condestable, o duque de Montalto e o
marqués de Villafranca. Se non prevalece este é moi probable que o faga o de Francia,
porque hai anos que se dedica a formar un partido e teño sabido que (...) cando o
marqués de Villar era embaixador en Madrid pagaba ao mes cincuenta e tres mil
escudos de pensións. Hai que imaxinar o que pagarán agora! O partido do Emperador
vaise debilitando a medida que morren as criaturas da raíña nai, e xa son poucas,
ademais de que a nación alemá é xeralmente mal vista, tanto pola nobreza como polo
pobo. (...) Porén, se os alemáns aplicasen os medios que empregan os franceses, co
apoio das súas raíñas, terían posibilidades de gañar (...). O partido de Baviera non é
gran cousa, pero os partidarios do Arquiduque de Austria, se lles fallase o seu intento,
preferirán ao de Baviera a calquera outro; a meirande parte dos Grandes, porén, están
en contra, dicindo que sería humillarse ante un igual.
CONDE DE VERNON. Informe. 1696 [cast.]
46. Proxectos de reparto dos dominios españois
A finais do século XVII, a falta de descendencia de Carlos II de Habsburgo fixo
que as grandes potencias europeas buscasen repartirse os extensos territorios que
estaban baixo o seu goberno, tentando chegar a acordos. Un dos máis
interesados foi o rei Luís XIV de Francia.
Non teño inconveniente en concretar (...) coa S.M. Británica para que escolla entre (...)
ceder ao príncipe elector de Baviera: España, Indias, Flandres, Mallorca, Menorca,
Sardeña, Filipinas e os restantes dominios desa monarquía, agás Nápoles, Sicilia e
Luxemburgo que pasarían ao meu fillo (...) e o Milanesado que pasaría o arquiduque
[de Austria]. A segunda opción é que un dos meus netos herdará toda a monarquía
coas seguintes excepcións: os Países Baixos españois tal e como están agora pasarían
ao príncipe elector de Baviera; os reinos de Nápoles e Sicilia e os presidios de
Toscana serán cedidos ao arquiduque e o Milanesado será entregado ao duque de
Saboia. (...) Importa que fagades comprender ao rei de Inglaterra a sorpresa que
producirá velo participar no herdanza española sen que teña ningún título para iso. Se
persistise en reclamar garantías territoriais, pode que me resignase a cederlle algunha
top related