informe histórico tratado de tui 1137 - concellotui.org · escalona, r.; historia del real...
Post on 03-Oct-2018
221 Views
Preview:
TRANSCRIPT
Informe Histórico
Tratado de Tui 1137
Suso Vila
Intérprete de Patrimonio
Novembro 2017
Introducción
A cidade de Tui recuperaría o seu pulso urbano ao longo do século XI. Partindo do
burgo catedralicio, na coroa do outeiro tudense, a cidade extenderíase na súa contorna
aproveitando a rede histórica de camiños e os seus portos marítimo-fluviais. O poder episcopal
sobre Tui cristalizaría no privilexio dos condes de Galicia Raimundo e Urraca en 1095 ao se
establecer o couto do seu señorío desaparecendo así os últimos restos do dominio condal
sobre a cidade. O couto tudense facía énfase nun espazo común nunha ribeira e outra do
Miño, proxectando así os vencellos urbanos de Tui.
Afonso VI faría entrega do condado portucalense ao conde Enrique de Borgoña e a súa
filla Teresa en 1097, deste xeito comezará a configurarse o futuro reino de Portugal, primeiro
coa raíña Teresa, principalmente co privilexio á igrexa de Tui en 1125 na que se sinala por
primeira vez o “reino de Portugal” e logo co seu fillo Afonso Henriques quen fará uso do título
real de xeito oficial a partires da batalla de Ourique en 1139. Estes acontecementos e as
reivindicacións portuguesas sobre o territorio de Tui irían forxando a formación dunha nova
fronteira, a do Miño, partindo en dous o territorio histórico tudense tanto o de carácter
municipal como o diocesano.
O contexto do tratado de Tui
A pesares da toma de poder por Afonso Henriques contra a súa nai a raíña Teresa coa
batalla de San Mamede en 1128, amosaríase a continuidade do interese do infante nas
campañas no territorio galego, en especial as terras de Tui e Ourense.
As incertezas na cronoloxía das intervencións dos primos Afonso VII e Afonso
Henriques no Miño tudense impide establecer con exactitude o tempo de ocupación que o
infante Afonso mantería en Tui. Na Historia Compostelana e datable entre os anos 1131 e
1134 contaríamos coa chegada de Afonso Henriques1 a Tui aproveitando que o rei leonés se
atopaba reivindicando os seus dereitos ao reino navarro-aragonés. Os acordos co navarro
García Ramírez e o aragonés Ramiro II liberarían ao rey leonés para repeler a ofensiva
1 FALQUE REY, E., Historia Compostelana, Madrid, 1995, p. 454, cap. 51, libro III.
portuguesa no territorio de Tui no ano 1137. Desde Zamora emprendería o camiño a Tui en
tres días segundo nolo conta a Historia Compostelana.
Malia a que as posicións de Afonso Henriques eran fortes en Tui co apoio dunha boa
parte da nobreza territorial miñota o 4 de xullo sería asinado un Tratado de Paz entre o infante
portugués e o rey leonés. Non están claros os motivos para que Afonso Henriques aceptase un
acordo que era en principio pouco favorecedor sinalándose pola maioría dos historiadores
como a situación no sur, sobre todo a ameaza almorávide sobre Leiría e Coimbra como
condicionante para para a retirada dos seus efectivos de Tui. Esta ameaza tampouco sería allea
a Afonso VII toda vez que existía perigo sobre as posicións leonesas e casteláns no sur do
reino.
O tratado de Paz de Tui en 1137 establecería acordos de amizade entre os primos
Afonso Henriques e Afonso VII. Toda vez que existe unha única versión conservada (a do
mosteiro de Sahagún) se descoñece se existía outra versión en mans do infante Afonso que
matizase o seu contido. Os análises realizados por T. Sousa Soares, P. Merêa, P. David o C.
Erdman interpretan o tratado como un pacto bilateral de amizade, o que decantaría con
claridade que o pacto de Tui fose un paso máis para a adquisición de soberanía para o infante
portugués.
Privilexio do rei Afonso VII á igrexa de Tui en 1142 incluida a Torre que edificara xunto do campanario catedralicio.
Merêa sinala como o compromiso establecía unha serie de obrigacións que poderían
subscribir ou non os fillos e herdeiros de ambos monarcas polo que non existiría unha relación
de vasalaxe entre os primos con este tratado. O vencello de dependencia entre o vello
condado portucalense co reino de León ficaba na práctica quebrantado.
Na crónica do emperador Afonso, redactada poucos anos despois destes
acontecementos non se menciona ningún acto de sumisión polo tratado de 1137, cuestión que
non favorecía a Afonso VII polo que todo indica que o tratado fose de mutua amizade.
A Torre Vella dentro do convento da Concepción, o túnel das Monxas, parte da fortificación erixida pola raíña Teresa en
1124 como parte do burgo catedralicio.
O infante Afonso compensaría á Sé de Tui en 1137 “polo dano que causei á aquela
igrexa”2, polo que cabe pensar en graves consecuencias para a catedral e as súas propiedades
durante o cerco da cidade máis aló dunha simple ocupación do territorio. A doazón sería a da
vila de Vinea en todos os seus termos3.
2 Arquivo Histórico Catedralicio de Tui, Pergamiños 5/3, copia do documento en Pascual Galindo Romeo, Tuy en la
Baja Edad Media (siglos XII-XV), documento III. 3 Ávila y La Cueva, F., Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado, Consello da Cultura Galega,
Santiago de Compostela, 1995, tomo III, pax. 146; Flórez, H., España Sagrada, Madrid, 1767, tomo XXII, pax. 81.
Sala capitular románica da Catedral de Tui, ubicada no claustro. Deseño de Bango Torviso, 1979.
Consecuencias do Tratado de Tui
O tratado de Paz de Tui en 1137 tivo como principal consecuencia o reforzo de Afonso
Henriques no seu territorio e o primeiro paso como rei de Portugal non só como fillo de raíña,
senón desde o punto de vista de afastarse da vasalaxe leonesa. Pero tamén debemos facer
énfase que o tratado de Tui establece con claridade a formación da fronteira política no río
Miño entre Galicia e Portugal, sinalando así que o percorrido final do río Miño (aprox. 70 km.)
forme a fronteira máis antiga de Europa.
Neste senso remarcar que se formou unha fronteira política que dividiría en dous
metades simétricas o territorio episcopal de Tui que non sería segregado definitivamente até a
ratificación do papa Eugenio IV en 1444.
Por outra banda hai que sinalar como o tratado de Tui permite de xeito claro a
titulación de Afonso Henriques como rei ao marxe do acontecemento da batalla de Ourique en
1139, data tradicional para emerxer a titulación real na chancillería afonsina. Dous epígafes se
teñen recollido (un conservado) no que aparece Afonso como rei, o da igrexa de Santa María
do Castelo en Soure: “Era MCLXXVI, Regnante Comitis Henrici Filii Adefonso, X Anno Sui Regni”,
e o da capela de Santa Luzia de Campos en Vilanova de Cerveira: “Iste Fundatus fuit ERA
MC2XX VI REG <NANTE> REX ALDOnS(us)”4.
As reivindicacións territoriais de Afonso Henriques sobre Tui non remataría coa Paz de
1137. En 1140 ocupa de novo a cidade aproveitando que Afonso VII estaba en campaña na
conquista do castelo de Oreja (1139). O apoio ao rei portugués polos condes miñotos como
Gómez Núñez, favorecen as pretensións de Afonso Henriques. A batalla de Arcos de Valdevez
entre Afonso VII e Afonso Henriques evidenciaba o equilibrio de poder entre ambos monarcas
ao se resolver o confronto bélico cun choque entre cabaleiros de fin incerto. A reunión de
Zamora en 1143 non só establece unha nova paz entre os monarcas senón que sinala a
primeira mención da chancelería leonesa a Afonso como rei de Portugal.
O rei Afonso Henriques continuaría ao longo do seu abastado reinado a ocupar o
territorio tudense, xa contra o rei leonés Fernando II. Entre 1159 e 1169 o dominio portugués
continuaría sobre Tui sendo a derrota de Afonso Henriques en Badajoz en 1169 a ocasión para
a retirada de Tui e control definitivo leonés sobre o territorio ao norte do Miño.
4 BARROCA, M. J., Epigrafía meideval portuguesa, tomo I, Lisboa, 2000, nº 73 e nº 74.
O contexto urbano do tratado
Na data de celebración do tratado de paz a cidade estaba en proceso de maduración
urbana. Tui concentrábase aínda na “Coroa catedralicia”, o burgo altomedieval na parte máis
elevado do outeiro tudense. O principal espazo edificado correspondía á Catedral, en
construcción en 1137 pero co transepto xa concluido e operativo liturxicamente e incluso a
torre das campás xa rematada. No lado oposto da “Coroa” estaba a Domus Episcopi e a igrexa
de Santa María da Oliveira. Sería esta igrexa quen daría nome a este importante barrio
medieval de Tui. O sector amurallado do barrio da Oliveira mantiña unha torre edificada pola
raíña Teresa de Portugal en 1124 como porta de comunicación cos barrios baixos da cidade e o
porto de San Xoán. Esta torre e fortificación serían denominados ao longo da Baixa Idade
Restos da Torre do Concello nas obras do edificio consistorial en 1954, erixida por Afonso VII en 1137.
Media como Torre Vella, hoxendía conservada dentro do convento das Clarisas e chamado
popularmente como Túnel das Monxas. O emperador Afonso VII ordenaría a construcción
dunha nova torre en Tui, a carón da torre das campás catedralicia que sería doada polo rei en
1142 ao bispo Paio Menendes. Esta torre de Afonso VII correspondería á chamada Torre do
Concello que durante o Antigo Réxime serviría como símbolo da vasalaxe da cidade aos bispos
tudenses ao se entregar as chaves da Torre en cada cerimonia de posesión dun novo bispo.
Arredor do burgo catedralicio estaban varios núcleos relixiosos como o de Santa Baia
(xunto do actual Parador de Turismo), San Xoán de Porto e San Bartolomeu, este último como
asento episcopal ao longo do século XI.
Tui conserva varios edificios da época do tratado como é a Catedral románica
(transepto, campanario e Sala Capitular do claustro), a Torre Vella e fortificacións do burgo
(túnel das monxas) e a protocatedral de San Bartolomeu. A nivel arqueolóxico ficarían
soterrados elementos da Domus Episcopi (nas hortas do convento das Clarisas) e da igrexa de
Santa María da Oliveira (pezas conservadas no museo catedralicio).
Suso Vila
Bibliografía:
AZEBEDO, R. de., ALMEIDA, L. F. de., Documentos medievais portugueses, Lisboa, 1941
CALLEJA PUERTA, M., “Nacimiento de la frontera: El destierro portugués del Conde asturiano
Gonzalo Peláez”, en Revista da Faculdade de Letras, Historia, 15, Universidade do Porto, 1998,
pp. 213-228.
FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, M., Toronium, aproximación a la historia de una tierra medieval.
Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”, anexo XXXI, Cuaderno de Estudios Gallegos,
Santiago de Compostela, 2004.
FERREIRA, M. R., “O reino de Portugal na Chronica Adephonsi Imperatoris”, en e-Spania, revue
interdisciplinaire d’études hispaniques médievales et modernes, coord. Georges Martin, La
Chronica Adefonsi Imperatoris y la Historia Roderici, Au miroir des anciens, 15 juin 2013.
MATTOSO, J., História de Portugal, tomo I, Lisboa, 1982, p. 604-654.
MERÊA, P., “O Tratado de Tui do ponto de vista jurídico”, en Revista Portuguesa de Historia, VI,
1955, pp. 95-115.
ROMERO PORTILLA, P., “Valor de la documentación real portuguesa para la historia de Galicia
en la Edad Media”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo LI, fasc. 117, Santiago de
Compostela, 2004, pp. 219-237.
SOUSA SOARES, T., “O significado político do tratado de Tui de 1137”, en Revista portuguesa
de história, 1943, vol. 2, p.321-334.
VILA, S., A cidade de Tui na Baixa Idade Media, Toxosoutos, Noia, 2009.
Documento do Tratado de Tui 1137
ESCALONA, R.; Historia del Real monasterio de Sahagún, sacada de la que dexó escrita el Padre
maestro Fr. Joseph Pérez, Catedrático de Lenguas y de Matemática de la Universidad de
Salamanca, Madrid, 1782, escritura CLXI, cax, 21, leg. 4.n.14.
“Tratado de paz entre el Emperador y el Infante de Portugal”
Hoc est placitum et convenientia quam facit Infans Portugalensis cum A. Ispanie
Imperatore perpetuo mansuram in primis videlicet, ut sit bonus amicus eius, et fidelis bona
fide et sine malo ingenio et facit ei securitatem de suo corpore, ne per se, vel suo consilio
aliquo tempore sit mortuus, aut ingenido, aut preso et si alius homo hoc fregerit, quod ipse á
bene rancure quomodo rancurare de suo corpore, et de suo filio, quem multum amaret. Facit
etiam illi securitatem de sua terra, quod non perdat illam, neque ingeniet, neque perse, neque
per suos homines et si aliquis fecent, quod bona fide, et sine malo ingenio adiuvet illum
rancurare, ut eam adquirere quomodo faciet, si sua propia esset si vero aliquis Rex
Xptianorum, aut Paganorum per vim in terram imperatoris intrare volvent, ut adivet cum
amparare bona fide, et sine malo ingenio, si ab illo adiutorium qusierit, et illi demandaverit.
Facit post hec illi securitatem, ut hoc placitum, et istam convenientiam teneat suis filiis
imperatoris, illi sicilicet, qui in placito, et convenientia sui patris volverint stare, et permanere.
Si quis vero de hominibus Infantis in hoc placitum, et convenientiam ruperit, ut Infans pro suo
posse emmendet, sicut laudaverit illi hominis Infantis, et Imperatoris, qui inter utrunque
pacem, et concordiam volverit mitere. Ad hoc etiam faciet illi securitatem, ut illum honorem
quem modo illi dat, et dabit iratus, aut pacatus quocunque tempore volverit, illi reddat, aut
suo filio per bonam fidem, et sine malo ingenio. Et Placitum firmet, et per iuramentum ipse
cum L. C. suis bonis hominibus. SI vero infans hoc Placitum fregerit, sit periurus, et traditor.
Factum fuit hoc placitum apud Tudam in riva Minii sub Era Mª Cª LXXCª IIIIº Nonas julii. Hoc
placitum fuit factum in presentia Domni Pelagij Braccarensis Archiepi, et Domni P. Secoviensis
Epi, et Johannis Portugalensis Epi, et P. Tudensis Epi, et M. Auriensis Episcopi.”
Documentos relacionados
Flámula na fronteira do Miño
Hai historias que por moi lonxanas no tempo que sexan fican para nos como algo próximo. Son
historias que herdamos, que moldeamos, que transmitimos. O paso dos séculos fai que moitos
relatos históricos conten cun velo que cubre o que sería a historia obxetiva coa historia
subxetiva.
As fronteiras marcan espazos de confronto económico, social, político ou cultural. O Miño
creouse como unha fronteira casual, xa que non se diferenciou o territorio ao norte e ao sur do
río, mantendo a súa unidade social, económica, cultural ou relixiosa. O proceso de formación
do reino portugués comezado pola raíña Teresa e continuado polo seu fillo Afonso Henriques
configurarían ao longo do século XII unha fronteira diferente e especial en Europa.
Un dos aspectos desta peculiar fronteira sería a ratificación por parte dos monarcas
portugueses ao longo do século XII dos privilexios da igrexa de Tui a un e outro lado do Miño.
Aínda máis, ratificaban que o couto da cidade de Tui mantivese a súa tradicional extensión
sobre ambas as dúas ribeiras do río, configurando un mesmo territorio urbano.
Os desexos de Teresa ou do seu fillo Afonso sobre o espazo episcopal tudense nacían dos
dereitos territoriais sobre o sur de Galicia baseados na antiga herdanza sueva de Braga. Non
pensemos que as reclamacións territoriais do reino de Teresa de Portugal se sostiñan só sobre
vellos papeis ou ambicións de poder, contaban co apoio da nobreza miñota, posuidora de
castelos e facendas, aqueles que tiñan o poder directo sobre terras e persoas.
O conde máis importante do territorio vai ser Gomes Nunes emparentado cos condes de Traba
polo seu casamento coa filla de Pedro Froilaz, Elvira Peres, perotamén coa vella nobreza do
Douro. O poder de Gomes Nunes non só se baseaba na pose de estratéxicos castelos como o
de Santa Helena no Miñor ou o de Sobroso, tamén como era habitual nas grandes familias
medievais, na posesión de mosteiros, como o de San Salvador de Budiño onde estaban
sepultados os seus pais Nuno de Celanova e Sancha Gomes ou o de Pombeiro ao sur de
Guimarâes.
A forza do conde Gomes Nunes no territorio tudense será fundamental nos movementos
primeiro da raíña Teresa e logo de Afonso Henriques sobre o sur de Galicia. Os apoios do
conde miñoto condicionarán as alternativas leonesas e portuguesas no territorio, como o
dominio sobre o Miño e a Limia en 1122 por Teresa ou o control de Tui en 1140 por Afonso
Henriques.
Gomes Nunes non se comporta como un traidor cara os reis leoneses, primeiro Urraca e logo
Afonso VII. A súas accións son máis complexas. Primeiro como froito das súas bases territoriais
ao norte e ao sur do Miño, nun espazo aínda non definido, fronteira ambigua do condado
portucalense. Segundo, o seu parentesco cos condes de Traba o levan a sumar intereses
comúns, a asumir unha especie de lealtade familiar. Terceiro, o condado portucalense
ofrecíase como un poder máis próximo, polo tanto máis eficaz para colmar as ambicións e
aspiracións dos grandes magnates e ricohomes rexionais e incluso supeditado a presenza das
súas posesións baixo o control dos condes portucalenses na rexión de Entre-Lima-e-Douro.
Ao longo da primeira metade do século XII o conde Gomes Nunes manifestouse a prol do
nacente reino portugués tanto coa raíña Teresa como co seu fillo o rei Afonso, desbotando así
o suposto antagonismo do rei portugués coa nobreza galega, aristocracia territorial na que se
apoiará en moitos momentos do seu longo reinado.
Afonso Henriques ficará claramente vencellado a Tui durante case cincuenta anos da súa vida.
Desde que é ordenado cabaleiro na cidade no ano 1122, nese tempo no que a súa nai
controlaba os territorios miñoto e limiense, até o ano 1169 que domina o sur de Galicia
tentando reclamar os seus dereitos sobre a rexión e que só a derrota de Badajoz perante o
monarca leonés Fernando II lle impedirá consolidar a anexión territorial.
Neste tempo e malia as necesidades do reino de conquistar a súa fronteira sur contra o poder
musulmán ou extender límites polo leste a costa do reino de León, Afonso Henriques manterá
un especial interese en Tui, sendo constantes as súas campañas de conquista. Será
precisamente nestas campañas bélicas cando observamos que o Miño se convirte en
referencia entre os dous poderes en litixio, o leonés e o portugués. Os dous exércitos
combaterán nas terras miñotas sen lograr grandes avances, sen acadar posicións estratéxicas
que lles permitan establecer novas liñas fronteirizas.
Iso é o que acontece no Tratado de Tui no ano 1137, trala derrota dos nobres galegos na
batalla de Cerneja, na Limia. A anexión de Tui por Afonso Henriques aproveitando os conflictos
do reino de León con Navarra ten a súa resposta no contragolpe do seu curmán Afonso VII. As
forzas están parellas e o rei leonés recupera Tui sen contar cos apoios militares suficientes
para continuar cara o sur para someter á vasalaxe ao conde portugués. Afonso Henriques
tampouco está na mellor situación, o ataque musulmán sobre Santarém require da súa
atención e recursos. Establécese así un pacto na cidade episcopal de cara a manter o status
quo no Miño que curiosamente pasará a ser definitivo a partires de 1170 trala reconquista de
Tui por Fernando II de León.
O tratado, pacto ou paz de Tui supón probablemente o recoñecemento de Afonso Henriques
como rei de facto, por ser neto de rei, Alfonso VI, e fillo de raíña, Teresa, tal e como fai énfase
na súa doazón á igrexa de Tui en 1137. A cidade de Tui estaba aínda afogada por unha muralla
na parte máis elevada do outeiro sobre o río. Un pequeno caserío ficaba dentro salientando a
grande superficie que ocupaba a catedral en construcción cuxa parte románica ficaba xa
avanzada co campanario e o transepto. No patio a sala capitular estaba xa rematada para
acoller as deliberacións do bispo Paio Menendes e os seus cónegos.
Do outro lado do burgo fortificado estaba o vello pazo condal transformado polo bispo na
Domus Episcopi, adosado ao oeste da muralla. Debía consistir a Domus, por semellanzas co
pazo de Xelmírez ou o pazo episcopal ourensán, dun gran edificio de planta rectangular
rematado por unha ou dúas torres. Cara o sur, soleado e cuberto por vexetación, o corral, un
patio para o lecer dos bispos.
Tanto na sala capitular como na domus episcopi se producirían os movementos do tratado de
Tui, tanto para acoller o acto protocolario de pactar e redactar os documentos da tregua entre
os monarcas como para permitir o descanso do rei leonés. Os mosteiros de San Bartolomeu e
de Ganfei tamén serían escenarios xa que os mesmos contaban coa capacidade de acoller aos
reis e á súa corte.
Non hai que esquecer que tanto a domus como a sala capitular son o resultado da constitución
da canónica tudense, baixo a regla de San Agostiño, ao que contribuirá enviando cónegos o
relixioso Teotonio, fundador no mosteiro de Santa Cruz de Coimbra en 1131 dunha orde de
cónegos regulares e conselleiro espiritual do rei portugués. Era sobriño do bispo
conimbricense Cresconio que tiña sido abade en San Bartolomeu de Rebordáns. A familia de
Teotonio formaba parte da ribeira sur da cidade de Tui, nos arredores do mosteiro de Ganfei,
de aí os fortes vencellos que terá Teotonio coa catedral tudense.
Unha das consecuencias da Paz de Tui sería a construcción da Torre do Concello, realizada polo
rei Afonso VII sobre un solar inmediato ao campanario da catedral. A Torre sería doada polo rei
á igrexa tudense en 1142 polo que pasaría a formar parte do poder señorial dos bispos
tudenses sobre a cidade e vencellándose a concello ao se establecer na doazón o poder de
nomeamento de xuices por parte dos bispos.
A tregua é breve, Afonso Henriques derrota en Ourique aos almorávides e corta o avance
musulmán no seu reino no que comezará a asinar oficialmente como monarca. Esta victoria
supón un estímulo ás súas aspiracións territoriais sobre Tui e Ourense. O apoio do conde
Gomes Nunes en Toroño e do conde Rodrigo Peres na Limia permite unha rápida ocupación
sobre o territorio no ano 1140 que fica paralizada polo contraataque do emperador. Afonso
Henriques derrota a unha parte do exército leonés e toma importantes prisioneiros como o
conde Ramiro Froilaz, Ponce Giraldo de Cabrera e os irmáns Bermudo e Fernando Pérez de
Traba pero as posicións establecidas por ambos exércitos nos montes de Valdevez e as
dificultades de presentar unha batalla campal obriga a resolver o conflicto nun torneo
cabaleiresco, o bufurdium, entre os mellores cabaleiros de ambos reis. A victoria portuguesa
no torneo permitirá unha tregua de tres anos.
Non era allea esta solución de cabaleiros a conquista musulmana de Leiria. As necesidades de
defensa do reino perante os ataques doutros inimigos como os musulmáns explicarían o
combate singular para resolver as diferencias entre os dous monarcas. O resultado do mesmo
era o de menos xa que logo se facía obvio o equilibrio de forzas e a incapacidade de ambos
contendentes de acadar un avance territorial significativo.
O apoio de Gomes Nunes no Miño lle suporía o exilio en 1141, o retiro a un mosteiro
cluniacense francés segundo a lenda. Pero prantéxasenos unha pregunta, por qué o conde
miñoto apoiou desta vez a Afonso Henriques se non o tiña feito en 1137? Qué motivos podía
ter o conde para arriscar a súa fortuna en contra dun rei poderoso como Afonso VII ao que se
mantivera próximo tal e como se amosaría polos numerosos documentos por el asinados?
Estamos no momento no que o rei portugués coñece a Flámula Gomes. Non sabemos se antes
o despois do Tratado de Tui en 1137. Dous fillos van nacer desta relación, Teresa Afonso e
Fernando Afonso. O casamento de Afonso Henriques con Mafalda de Savoia non sería até
1146, polo que teríamos unha longa relación. Flâmula Gomes podería ser un dos motivos para
interesarse por incorporar Tui ao seu reino en 1137.
Quén era esta Flâmula da que se namora Afonso? Unha viúva, retirada no mosteiro de Vairão
que logo terá un fillo cun nobre falecido antes de nacer o froito desa relación. Flâmula,
coñecida pola versión romanceada do seu nome, Chamoa, era filla do nobre miñoto Gomes
Nunes. Estamos cunha muller influinte, con formación e personalidade. O casamento con Paio
Soares era o resultado das estratexias familiares malia a súa curta idade. O convento era a
saída normal para unha viúva, para contar con libertade aínda que fose dentro das paredes do
cenobio. O amor con Men Rodrigues de Tougues expresaba que os conventos eran lugares
para encerrar corpos non espíritus e o de Flâmula era libre. Coñecer a un rei e namorarse
podía ser froito da casualidade pero unha poderosa personalidade tiña a fermosa Chamoa para
atraer a un guerreiro monarca como Afonso Henriques durante bastantes anos.
O primeiro fillo do rei nacerá arredor do ano 1140, Fernando Afonso. Como fillo ilexítimo de rei
a súa carreira estará marcada polo fervor que sentía o seu pai polas ordes militares. Fernando
ingresará na orde de San Xoán do Hospital chegando a grande mestre da orde no ano 1202,
unha figura relevante da política occidental.
Os amores de Afonso Henriques con Chamoa reflicten a cambiante situación na fronteira, un
territorio indefinido, non lineal que abranxía Toroño e a Limia, terras condais, solar de nobres
cuxas posesións ficaban nunha banda e noutra dos reinos cristiáns. Non só temos que pensar
na ambigüedade eclesiástica arredor do Miño. Tamén acontecía coa aristocracia miñota, as
súas posesións atopábanse a un lado e otro do Miño, nas terras altas e baixas da Limia. A forza
e a persuasión de un ou doutro monarca xogaba a favor do seu apoio, da defensa dos seus
mellores intereses.
Descoñecemos a fin de Chamoa, é probable que a súa vida rematase pouco antes do
casamento de Afonso Henriques con Mafalda de Savoia, arredor do ano 1145. A fermosa
Flâmula Gomes exemplifica os acontecementos na formación da fronteira do Miño, os amores
dunha nobreza que non é galega nin portuguesa, ten personalidade miñota, atrapada entre
dous reinos emerxentes.
A construcción política da fronteira do Miño supón un feito extraordinario da historia galego-
portuguesa aínda non ben entendida. Un espazo que configurou unha paisaxe cultural única en
Europa que aínda hoxe precisa ser reivindicada, que precisa ser atendida para acadar a súa
verdadeira dimensión.
Febreiro de 2016
Suso Vila
top related