acta da asemblea xeral do 11 de xuño de 2015

5
Acta da Asemblea Xeral do 11 de xuño de 2015 O 11 de maio de 2015, na Casa da Cultura de Cangas, ás 20:00 h, tivo lugar a Asemblea Xeral da Asemblea pola Unidade. Presenta a Asemblea Abraham, na que se tratará un único punto: a explicación das negociación da última semana e media para a formación dun goberno de esquerdas en Cangas. Comeza Ánxela Vizoso explicando o itinerario que se levou a cabo e que se puxo sobre a mesa xunto co resto dos grupos, ademais de por que non se puideron realizar asembleas durante o proceso: por unha banda, porque xa se delegara nun grupo de representantes escollidos na anterior asemblea para levar a cabo as negociacións e, por outra, para non adiar e entorpecer a toma de decisións ante a inminencia da formación da nova corporación municipal. Moncho Fernández apunta que tampouco había contido para facer unha asemblea ata hai 2-3 días. Ánxela precisa que o traballo real de negociación comezou a partir deste luns. A continuación fai unha exposición de como se foron desenvolvendo as reunións: o martes 2 de xuño ten lugar a primeira reunión, na que se presenta un debate entre o BNG e ACE pola Alcaldía, respecto do cal a Asemblea se mantén á parte, porque xa mostrara o seu apoio á ACE por ser a lista máis votada. Manifesta a sorpresa de que o BNG quixese a Alcaldía, xa que nas reunións previas tamén consideraban que o goberno tería que ser liderado pola lista máis votada. Entende que o BNG pretendía darlle un tirón de orellas a ACE polo seu comportamento (sobre todo nos medios). Tamén puntualiza que o BNG consideraba a metodoloxía de ACE excluínte, por tratar primeiro o tema da Alcaldía en vez de tentar unificar os programas. Informa que o mércores se reuniu o grupo que coordina a negociación, onde se procurou traballar por un proxecto común para o goberno. Engade que na seguinte reunión cos outros grupos se modera o diálogo prepotente de BNG e ACE. Comézanse propostas programáticas e áreas de actuación. Acórdase que na fin de semana cada grupo faga a súa proposta programática, intercambiándoas por correo electrónico. Informa da reunión do luns 8, onde comezan a tomar forma as negociacións que se levan a cabo e defínense 11 áreas de actuación. Acórdase

Upload: asemblea-pola-unidade

Post on 22-Jul-2016

215 views

Category:

Documents


0 download

DESCRIPTION

 

TRANSCRIPT

Page 1: Acta da Asemblea Xeral do 11 de xuño de 2015

Acta da Asemblea Xeral do 11 de xuño de 2015

O 11 de maio de 2015, na Casa da Cultura de Cangas, ás 20:00 h, tivo lugar a Asemblea Xeral da Asemblea pola Unidade.

Presenta a Asemblea Abraham, na que se tratará un único punto: a explicación das negociación da última semana e media para a formación dun goberno de esquerdas en Cangas.

Comeza Ánxela Vizoso explicando o itinerario que se levou a cabo e que se puxo sobre a mesa xunto co resto dos grupos, ademais de por que non se puideron realizar asembleas durante o proceso: por unha banda, porque xa se delegara nun grupo de representantes escollidos na anterior asemblea para levar a cabo as negociacións e, por outra, para non adiar e entorpecer a toma de decisións ante a inminencia da formación da nova corporación municipal.

Moncho Fernández apunta que tampouco había contido para facer unha asemblea ata hai 2-3 días.Ánxela precisa que o traballo real de negociación comezou a partir deste luns. A continuación fai unha exposición de como se foron desenvolvendo as reunións: o martes 2 de xuño ten lugar a primeira reunión, na que se presenta un debate entre o BNG e ACE pola Alcaldía, respecto do cal a Asemblea se mantén á parte, porque xa mostrara o seu apoio á ACE por ser a lista máis votada. Manifesta a sorpresa de que o BNG quixese a Alcaldía, xa que nas reunións previas tamén consideraban que o goberno tería que ser liderado pola lista máis votada. Entende que o BNG pretendía darlle un tirón de orellas a ACE polo seu comportamento (sobre todo nos medios). Tamén puntualiza que o BNG consideraba a metodoloxía de ACE excluínte, por tratar primeiro o tema da Alcaldía en vez de tentar unificar os programas.

Informa que o mércores se reuniu o grupo que coordina a negociación, onde se procurou traballar por un proxecto común para o goberno.

Engade que na seguinte reunión cos outros grupos se modera o diálogo prepotente de BNG e ACE. Comézanse propostas programáticas e áreas de actuación. Acórdase que na fin de semana cada grupo faga a súa proposta programática, intercambiándoas por correo electrónico.

Informa da reunión do luns 8, onde comezan a tomar forma as negociacións que se levan a cabo e defínense 11 áreas de actuación. Acórdase harmonizar as propostas e aumenta o diálogo. Ánxela critica que se perdese unha semana de traballo por non ser ata esta na que realmente se comezou coas negociacións en firme. Apóstase por unha toma de decisións colectiva, é dicir, que o alcalde delegue todo o posíbel na Xunta de Goberno. Explica como se vai conformar esa Xunta (3 de ACE, 3 do BNG, 3 da Asemblea e mais o alcalde), as áreas e as comisións que se van formar. Puntualiza que son uns primeiros acordos.

Tamén explica como se desenvolveu a reunión do martes 9 na que o BNG presenta un documento que procura harmonizar as 3 propostas programáticas dos 3 grupos. Dende o grupo da Asemblea considérase que ese documento ten boa intención pero que lle falta estrutura, sobre todo nas funcións das áreas. Deste xeito, o grupo da Asemblea volve traballar nese documento e vólveo presentar por áreas. O BNG, molesto nun principio, acéptao pero quere completalo. Ese documento é a base para un proxecto común. Explica que nesta reunión ACE e Asemblea tiñan a intención de saber e debater sobre as áreas que escollería cada grupo, pero finalmente seguiuse a opción do BNG, que primeiro quería establecer os criterios de idoneidade e consultalos coa súa asemblea. Critica a falta de confianza do BNG nos seus representantes e como ese

Page 2: Acta da Asemblea Xeral do 11 de xuño de 2015

funcionamento dilata a toma de negociacións. A Asemblea insiste para que se poñan de relevo as preferencias de cada grupo. No tema económico comeza a tocarse o tema das liberacións, dos soldos e do gabinete.

Moncho puntualiza que a Asemblea pediu que se cambiaran as áreas (os seus nomes) para que non continuasen coma sempre e se adecuasen mellor ás funcións que terían que ter para cumprir co noso programa.Ánxela sinala que os 3 programas teñen puntos semellantes e que a partir da reunión do mércores 10 se fai un reparto inicial das áreas, pendente de que o acepten as asembleas dos distintos partidos.

Explica como se repartirían estas áreas.

Moncho expón que Facenda (que ficaría en competencia do alcalde) é unha área cun contido moi determinado pola normativa estatal (control da débeda) e que en materia de seguridade (que tamén quedaría a cargo do alcalde) só se asinan bandos. A Alcaldía tamén se ocupará do Persoal, da Policía e de Protección Civil. As áreas que serán dirixidas pola Asemblea (Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo; Desenvolvemento Económico e Emprego; Servizos Sociais e Igualdade) foron escollidas pola súa idoneidade para a Asemblea. Son áreas moi importantes, onde ademais do emprego, un tema fundamental neste momento histórico, tamén se loitará pola formación dos consellos parroquiais como maneira de participación directa coa veciñanza. Neste sentido, manifesta que somos o grupo con maior interese de que se faga o traballo de maneira participativa cos veciños. Indica que no tema económico ficarían 2 opcións, que non haxa liberados (salvo a Alcaldía) ou que haxa un por grupo (a maiores xunto coa Alcaldía) e sempre coa condición de que o custo sexa inferior ó do anterior goberno do PP. Explica que o BNG pretendía aquí resolver liortas antigas (de cando se lle quitara o soldo á alcaldesa no goberno 2007-2011) introducindo que houbese unha liberación por grupo, excepto ACE, que xa tería a Alcaldía. En cambio, o grupo de negociacións da Asemblea considera que só hai as dúas opcións válidas que foron as que antes se dixeron, opinión que se acabou impoñendo. O tema do soldo do alcalde fica en que cobre o mesmo que no seu traballo. En canto ós nosos representantes, estes terían soldos que entrarían dentro do que se estipula no noso Código Ético, pero non quedou claro se o resto dos liberados asumirían ese código; en cambio, si se acordou que tódolos liberados terían que cobrar o mesmo. Explica que de tódolos xeitos isto ten que ir ó Pleno polo que se verá máis adiante e que os votos da Asemblea son claves.

Ánxela da por finalizada a explicación do proceso de negociacións. Critica que os outros grupos políticos nos pediran sentidiño para logo ter que ver os seus comportamentos que se deron nas reunións.

Moncho engade que o papel de Ánxela e Anxo nas negociacións foi o de máis calidade, seriedade e compromiso.

Anxo pretende facer un resumo das distintas reunións sobre as negociacións, as cales cualifica de longas e duras, nas que tamén se foron observando discusións insulsas. Engade que o resultado das tres concellerías para a Asemblea son unha grande aposta e para que estas funcionen (xunto co modelo participativo que pretendemos) precísase a axuda de todos e dos grupos de traballo. Considera a dificultade para crear estes métodos de participación, así como os consellos parroquiais. Finalmente, resume en: 1. A Xunta de Goberno será quen teña o poder real de negociación. 2. A aposta polos órganos colexiados, moi importante para a xestión do concello. 3. A Alcaldía delegará tódalas competencias posíbeis na Xunta de Goberno. 4. Un programa de

Page 3: Acta da Asemblea Xeral do 11 de xuño de 2015

goberno único, que falta por completar aínda. 5. Estableceranse 11 áreas de traballo. 6. A formación de comisións, en concreto a de seguimento, que non estaría composta polos concelleiros, senón por dúas persoas de cada un dos tres grupos do goberno. Manifesta que quedou sobre todo pendente o tema económico e as medidas de impacto para os 100 primeiros días, que se precisan definir. Tamén pon de relevo que se terá que asinar un acordo antes da investidura e informa de que aínda haberá unha reunión mañá venres 12 para acabar de pechar as cuestións que aínda quedan.

Ánxela considera que os outros grupos da negociación xa tiñan considerado todo o modelo de xestión, porque para eles as cousas sempre se fixeran de determinada maneira, polo que houbo discrepancias e sobresaltos á hora de mostrar algún cuestionamento. Isto dificulta os intentos de cambiar o modelo e introducir aire fresco no concello.

Ábrese unha rolda de intervencións.Chon manifesta que a Asemblea mantivo o listón máis alto, demostrando o duro que é traballar en grupo, pero tamén que é eficiente e posíbel. Resalta que as áreas conseguidas pola Asemblea son unha oportunidade de traballar para os veciños de maneira participativa e transparente. Indica a importancia da transversalidade (algo que parece que os outros grupos non teñen en conta) para camiñar cara a ese novo modelo.

José prentende facer un prólogo cualificando ó anterior goberno do BNG de escandaloso, criticando o seu mal facer (despilfarro, quitarlle as competencias a Mariano Abalo, etc). Manifesta tamén o seu desacordo co soldo do alcalde.

Contéstaselle que o tema do soldo entraría no noso Código Ético onde se indica que non se prexudicaría o que se viña cobrando.

Nartallo pregunta onde se insire o apartado do mar, que non se reflicte directamente en ningunha concellería.

Contéstaselle que está nunha das nosas áreas, en concreto na de Desenvolvemento Económico e Emprego, pero que tamén é unha temática transversal.

Tomás agradece o traballo dos compañeiros e destaca a transversalidade das áreas, sobre todo pola importancia que ten nelas a participación.

Rique manifesta o éxito das negociacións pero tamén as súas dúbidas por se esta transversalidade entra en conflito coas outras concellerías.

Contéstaselle que hai que ter confianza, e que coa empatía dos nosos representantes e mais o traballo do funcionariado é posíbel. De tódolos xeitos, no caso de que os outros grupos imposibiliten este traballo teriamos argumentos para abandonar ese goberno (no caso de que se aprobe entrar).

Jorge intervén poñendo sobre a mesa a idoneidade das persoas que van ocupar as áreas no caso de que poidan ter conflitos de interese.

Contéstaselle que é un tema que se falou tamén cos grupos, e que se fará público ó principio e tamén ó longo dos 4 anos de Goberno.

Page 4: Acta da Asemblea Xeral do 11 de xuño de 2015

Jorge tamén puntualiza que se non se asina un documento de mínimos non se debería entrar no Goberno.

Contéstaselle que é algo que se fará.

Maruchi pide que a próxima reunión sexa no salón de plenos, xa que non será tan difícil e non nos vemos tan apurados no tempo como aquí na casa da cultura.

Pregúntase á Asemblea se dá o apoio para entrar no Goberno en caso de que se aproben os acordos realizados ata agora. Apróbase con 44 votos a favor, 1 en contra e 0 abstencións.

Comunícase que se convocará outra Asemblea para ver en que queda todo ó final do proceso.